Mediante a Resolución do 15 de decembro de 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 16, convocouse un proceso selectivo de promoción interna, polo sistema de concurso oposición, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas do persoal de administración e servizos, entre elas a escala técnica especialista de servizos xerais, subescala de conserxaría.
O 8 de xullo de 2024 aprobouse a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, mediante resolución desa data publicada no DOG do 16 de xullo.
Detectada a incorrecta admisión dun aspirante por non posuír os requisitos de participación exixidos nas bases da convocatoria, esta universidade acordou incoar un expediente de revisión de oficio, así como solicitar o preceptivo informe do Consello Consultivo de Galicia, que concluíu que concorre un vicio de nulidade de pleno dereito no acto de admisión deste aspirante.
Finalmente, o 14 de febreiro de 2025 ditouse unha resolución en que se declara a nulidade de pleno dereito do acto administrativo pola que tal persoa foi admitida no proceso de selección.
Tendo en conta, ademais, o principio de conservación de actos e o necesario respecto aos dereitos das persoas interesadas neste procedemento, e de acordo co artigo 106 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e polos estatutos da Universidade de Vigo,
Este reitorado
RESOLVEU:
Primeiro. Declarar a exclusión de José David Díaz Vázquez, para todos os efectos, no proceso de selección de promoción interna, polo sistema de concurso oposición, para o ingreso na escala técnica especialista de servizos xerais, subescala de conserxaría, convocado mediante a Resolución do 15 de decembro de 2022 (DOG do 16 de decembro).
Segundo. Acordar a continuación deste proceso selectivo, unha vez que se resolveu a incidencia que motivou a súa suspensión.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Vigo, 7 de marzo de 2024
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
