Antecedentes:
1. O 23 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea o Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril, relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produtos agrícolas, especialidades tradicionais garantidas e mencións de calidade facultativas para produtos agrícolas, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1308/2013, (UE) 2019/787 e (UE) 2019/1753 e se derroga o Regulamento (UE) 1151/2012. Esta disposición normativa regula un sistema de recoñecemento de agrupacións de produtores.
2. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia presentou ante a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar a correspondente solicitude para o seu recoñecemento como agrupación de produtores recoñecida.
Consideracións legais e técnicas:
1. O artigo 33.1 do Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril, establece que os Estados membros poderán aplicar un sistema de recoñecemento de agrupacións de produtores coa condición de que cumpran os criterios exixidos no número 2 do mesmo precepto, que son os seguintes:
a) Ter unha forma xurídica determinada.
b) Cumprir algunha das seguintes condicións:
i. Contar cun mínimo do 50 % dos produtores do produto entre os seus membros, ou
ii. Contar cunha porcentaxe mínima de produtores do produto entre os seus membros e cun mínimo do 50 % do volume ou valor da produción comercializable.
2. De conformidade co artigo 33.3 do dito regulamento, a agrupación de produtores recoñecida (APR) será a única que terá os dereitos adicionais específicos previstos nese artigo.
3. O artigo 33.7 do citado regulamento establece que os Estados membros poderán decidir que as agrupacións de produtores recoñecidas en virtude do dereito nacional antes do 13 de maio de 2024 sexan recoñecidas de conformidade co número 1.
Na nosa Comunidade Autónoma procede aplicar a dita fórmula de recoñecemento xa que os consellos reguladores existentes están recoñecidos en virtude do dereito autonómico antes do 13.5.2014, ao abeiro da normativa que se indica a continuación. Así, no número 1 do artigo 47 da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia, establécese que os consellos reguladores do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia terán personalidade xurídica de seu baixo a forma de corporacións de dereito público e gozarán de autonomía financeira e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. O devandito número establece tamén que os consellos reguladores axustarán o seu funcionamento ao dereito privado, excepto cando exerzan potestades públicas, situación na cal se rexerán polo dereito administrativo. Por outra parte, no número 4 dese mesmo artigo indícase que nos consellos reguladores estarán representadas as persoas operadoras alimentarias inscritas nos seus rexistros. Ademais, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, establece, no seu artigo 8.1, que nestes rexistros deben figurar todas as persoas físicas ou xurídicas interesadas en pertencer á denominación. Polo anterior, estas corporacións de dereito público representan a totalidade dos produtores da correspondente figura de protección da calidade, como se recolle tamén nos seus respectivos regulamentos de funcionamento.
Polo tanto, os consellos reguladores constituídos actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia son agrupacións de produtores conforme o establecido no artigo 32 do Regulamento (UE) 2024/1143 e cumpren os requisitos establecidos no artigo 33 dese regulamento para seren considerados como agrupacións de produtores recoñecidas.
A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica é competente para resolver sobre esta materia, conforme o establecido no artigo 11 do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.
De acordo co anterior,
RESOLVO:
Primeiro. Recoñecer a agrupación de produtores da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia desta comunidade autónoma como agrupación de produtores recoñecida (APR), con base no establecido no artigo 33 do Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril, relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produtos agrícolas, especialidades tradicionais garantidas e mencións de calidade facultativas para produtos agrícolas, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1308/2013, (UE) 2019/787 e (UE) 2019/1753, e se derroga o Regulamento (UE) 1151/2012.
Segundo. Notificarlle esta resolución á agrupación de produtores recoñecida que se indica no punto anterior e publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, consonte o previsto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Terceiro. Darlle traslado desta resolución ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en unión do actual enderezo do consello regulador a que se refire, para que poida realizarse a comunicación á Comisión Europea, conforme o disposto no artigo 33.8 do citado Regulamento (UE) 2024/1143.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á súa notificación, de acordo co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025
Patricia García Sánchez
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
