DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 2025 Páx. 17724

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o conxunto de adegas cova de Seadur, no concello de Larouco (Ourense).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

O artigo 1.2 da LPCG determina que: «(...) o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».

Ademais, o artigo 8.2 da LPCG establece que: «(...) terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante, este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 10.1.f) da LPCG define a categoría de lugar de valor etnolóxico como «o ámbito en que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico». Así mesmo, o artigo 91.1 da LPCG establece que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

II

O conxunto de adegas cova de Seadur localízase ás aforas do lugar homónimo, ao nordeste do concello de Larouco. Trátase dun grupo compacto de edificacións, distribuídas nunha estrutura viaria de rúas e camiños que responde ao modelo tradicional de asentamento nese ámbito. No conxunto pódense distinguir ata 81 adegas e covas que se agrupan en diferentes tipoloxías, mais que presentan unha forma moi semellante. A simple vista, as adegas son edificacións rústicas de fábricas e cubertas tradicionais que manteñen a escala e a tipoloxía uniforme. Porén, no interior dalgunhas das edificacións existen cavidades escavadas no terreo, en que se abren corredores soterrados, sustentados con bóvedas e arcos de distintos materiais, que conforman o volume principal da cova. En áreas apartadas xorden solucións máis simples, covas ás cales, a través dunha única porta, se accede ao espazo soterrado de dimensións variables.

Este gran núcleo mantén intacta a autenticidade, xa que son mínimas as alteracións das edificacións tradicionais. Son escasas as afectacións producidas polo uso de materiais modernos sen revestir o ou pola modificación de alturas e volumes.

As covas son un tipo de construción que fundamentalmente en Galicia se atopan nas terras de Valdeorras e o conxunto de adegas cova de Seadur é un elemento representativo sobranceiro delas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que é merecente de ser declarado ben de interese cultural.

III

Como consecuencia do anterior, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I e, en especial, no artigo 16 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural inmoble, na categoría de lugar de valor etnolóxico, co nivel de protección integral, o conxunto de adegas cova de Seadur, situado no termo municipal de Larouco, conforme a descrición e delimitación recollidas nos anexos desta resolución, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a LPCG para os bens de interese cultural. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Larouco, que deberá suspender a tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas (as solicitudes deben ser notificadas á consellería competente en materia de patrimonio cultural), así como dos efectos das xa outorgadas. Ben que, e de acordo co artigo 17.5 da LPCG, esta suspensión de licenzas non afectará as de mantemento e conservación, entendéndose dentro destas últimas as intervencións de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración definidas no artigo 40 da LPCG.

En todo caso, o outorgamento dunha nova licenza precisará da autorización, previa e preceptiva, da intervención que se pretenda realizar sobre o ben, da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

As intervencións establecidas no artigo 45 da LPCG que se promovan no contorno de protección delimitado, de xeito provisional, requirirán da autorización por parte da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Sexto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente. A consulta realizarase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición de cita.

Sétimo. Ordenar que se solicite o ditame dos órganos asesores e consultivos relativos á concorrencia dun valor cultural sobranceiro no ben obxecto desta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: o conxunto de adegas cova de Seadur.

2. Localización:

• Concello: Larouco.

• Parroquia: Santa Mariña de Seadur.

• Lugar: Seadur.

• Coordenadas xeográficas: ETRS89 fuso 29. Punto central do ben X: 651.235,48 Y: 4.692.98,76.

3. Descrición:

3.1. Descrición histórica.

Ben que no coñecido como o Catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, xa se rexistra a existencia dun cativo grupo de adegas e lagares, dous feitos posteriores van configurar e conformar o actual conxunto de adegas cova de Seadur: a posta en servizo do ferrocarril na comarca de Valdeorras e a chegada da denominada praga da filoxera.

O 1 de setembro de 1883 inaugurouse a liña Palencia-A Coruña que pasa pola comarca de Valdeorras e que incentivou, en xeral, o comercio e a economía local, pois a existencia dun ferrocarril permitiu o traslado das mercadorías producidas ás cidades, e incentivou tamén, en particular, o incremento das vendas dos viños da zona, que xa eran coñecidos con anterioridade pola súa calidade. Sen lugar a dúbidas, as necesidades de conservación do viño fixeron preciso a existencia das covas nese momento de pulo, pois nestas latitudes as altas temperaturas do verán podían estragar o viño.

No que atinxe á praga de filoxera, que a partir de 1882 asolou as viñas de Valdeorras, destruíndo en poucos anos máis de 1.000 hectáreas de viñedo, a influencia que tivo na escavación das novas covas crese fundamental. A explicación a este fenómeno de crecemento do número de covas nesa época é que contribuíron á repoboación das vides, ao seren utilizadas para a conservación da puga das variedades vitivinícolas de interese.

Como solución ao ataque desta praga comezáronse a enxertar as vides europeas (pugas) nos portaenxertos americanos (padróns), máis resistentes á praga que asolaba Europa. As características térmicas e de humidade destas construcións bioclimáticas, as covas, resultaban idóneas para a conservación da puga ata o momento do enxerto nas variedades americanas resistentes á enfermidade (padrón). A venda destas plantas permitiu a recuperación dos viñedos.

Por tanto, o uso das covas como conservadoras do viño e da puga fixo precisa a súa construción e proliferación e posibilitou o comercio destas dúas especies, facilitado pola construción do ferrocarril na comarca de Valdeorras.

3.2. Descrición do ben.

3.2.1. O conxunto das adegas cova e o seu condicionamento xeográfico.

O conxunto das adegas cova de Seadur sitúase dentro dos límites do lugar homónimo, na parte superior deste. O dito conxunto, orientado cara ao norte, está conformado por oitenta e unha adegas cova e está separado das terras de cultivo e das viñas por un regueiro.

O eixe principal é o camiño do Regueiro que ascende desde a praza do lugar de Seadur. Nel atópanse corenta e seis covas, das que tres se dispoñen nun camiño lateral a carón do regueiro. Na parte máis alta do conxunto na montaña áchanse outras trece covas, comunicadas por outros dous camiños. Outras vinte covas sitúanse no camiño de Arriba que vai cara ao oeste. Desde a praza nace a rúa da Touza, en que se localizan dúas covas máis.

O terreo en que se sitúa o conxunto das covas de Seadur preséntase en pendente. Isto é debido a que a orografía desta parte do lugar está formada polas ladeiras derivadas da depresión definida polo regueiro que discorre ao pé das covas de noroeste a sueste. A dita orografía favorece a localización da edificación no mesmo plano da entrada, facilitando o acceso directo desde o camiño. Están dispostas acaroadas e aliñadas ao pé dos diferentes camiños que as comunican, empedrados ou de terra.

Por este motivo, unha das singularidades desta disposición é que, á primeira vista, a magnífica arquitectura tradicional das adegas, que se aprecia desde o camiño, oculta o volume da cova que se agocha soterrada e que non se intúe desde o exterior. Deste xeito, a visita ao interior da adega proporciona unha sorpresa espacial ao visitante.

3.2.2. As técnicas e os materiais de construción: unha mostra da arquitectura popular galega.

As solucións construtivas son sinxelas, realizadas con materiais propios do lugar e cos medios técnicos dispoñibles no rural na época de construción, procurando sempre un compromiso entre a simplicidade xeométrica e as técnicas construtivas que garantan a estabilidade estrutural. A cimentación adoita ser unha gabia duns cincuenta (50) centímetros de fondo e un metro de ancho que se enche con cachotes ben asentados, que se rematan con lousas que recobren o muro. A adega está resolta con muros de carga perimetrais que alcanzan uns espesores de entre sesenta e oitenta centímetros. Os dous muros medianeiros son os máis longos e perpendicularmente a eles levántase un muro de fachada e un frontal de contención, no cal se abre o acceso á cova. Este último sobresae en toda a súa lonxitude do tellado da adega, formando un peitoril duns corenta ou cincuenta centímetros.

Na fachada principal ábrense ocos rectangulares de pequenas dimensións (40×40 cm aproximadamente), nos cales se sitúan fiestras con batente dun corpo cegas, con contra interior, colocadas na cara exterior para evitar filtracións. As portas son amplas, de dobre folla, de grandes dimensións para que entren e saian as cubas e os carros no tempo da vendima. Nalgún caso contan cunha celosía para favorecer a ventilación, que pode ocupar toda a superficie ou cubrir só a parte superior da porta, neste caso leva contras. Para favorecer o seu encaixe e aliñación, as xambas e lumieiras son de materiais resistentes xeralmente feitas con fortes bastidores e táboas de castiñeiro ou carballo, e as soleiras, de lousas de xisto, pero nas portas máis robustas contan con lumieiras, agullas e tranqueiros de granito. Recórrese en varias ocasións ao uso de arcos de descarga para abrir os ocos de acceso tanto á adega como á cova. Sempre se abre unha o varias bufardas na parte superior da fachada, elemento moi recorrido, xa que garante unha ventilación continua. Na cara interior dos muros en ocasións créanse nichos de dimensións variadas que se usan como despensas.

As cubertas están formadas, polo xeral, con grades trabes de sección cadrada ou irregular, que se dispoñen paralelas á fachada, apoiadas nos muros medianeiros de carga. Sobre elas colócanse pontóns perpendiculares á fachada, cada 40 ou 50 centímetros, que son os encargados de soportar as latas sobre as cales se coloca a lousa. Tanto as trabes como os pontóns adoitan ser de castiñeiro. As pendentes son homoxéneas en todos os tellados. É moi característico que a cuberta sobresaia da liña de fachada a modo de beiril uns corenta centímetros, en toda a súa lonxitude.

A escavación na cova acométese perpendicular á entrada e vaise dimensionando segundo as necesidades da produción e a cantidade de viño que se tiña que almacenar. Comezábase escavando o corredor ou cano de frecha variable, e logo, a cada lado, os nichos. Na maior parte dos casos o terreo é resistente e quedan os seus paramentos co terreo natural vistos. Porén, nalgunhas zonas, cando o terreo non alcanza a resistencia adecuada, refórzanse as áreas comprometidas estruturalmente con bóvedas, arcos ou linteis de granito, lousa ou madeira para garantir a estabilidade estrutural. Na propia parede da cova, tanto escavada como aparellada, poden aparecer a media altura pequenas repisas para dar servizo.

Os canteiros poden estar escavados na roca ao mesmo tempo que a cova, ou ben constituír un elemento independente, fabricado con lousas e outras cachotarías. Ás veces son simplemente vigas de cantaría, madeira ou formigón colocadas sobre o chan nos extremos lonxitudinais dos nichos.

No que atinxe aos materiais, no mapa xeolóxico da comarca atópase unha variación significativa no estrato, o que comporta que en moi poucos metros podemos encontrar distintos tipos de solos. En consecuencia, as cachotarías de granito e xisto que conviven nas fachadas constitúen un paramento enteiro por tramos descontinuos. Os muros son de dous tipos, por un lado de cachotaría de granito con cachotes de labra ruda aparellados de forma irregular asentados entre pedregullos e lousas, xeralmente en seco. E, por outra banda, temos cachotaría de xisto feito con laxas e tacos de distintos tamaños, reforzada nalgunhas esquinas ou encontros con cachotes de granito. De igual xeito, podemos distinguir nos paramentos pelouros ou croios, procedentes dos leitos dos ríos. Maioritariamente, os muros quedan vistos coa cachotaría á vista de labra basta, mais ás veces as xuntas aparecen recebadas con bandas de morteiro de barro caleado. Algunha fachada tamén conserva o recebo de morteiro de barro caleado en toda a súa superficie. No seu paramento interior sempre quedan vistos.

As cachotarías dos muros principais son as máis coidadas, usáronse pedras ben escollidas e coidadosamente asentadas seleccionando lousas de pouco peso e o máis regulares posible. Os muros de pinche son de factura máis basta e a selección de fábricas é menos coidadosa.

A madeira de castiñeiro e carballo é amplamente usada para a armazón da cuberta, en que moitas veces a fisionomía da árbore xoga una función estrutural. Xunto coas trabes e latas, as portas e fiestras con contras crean unha envolvente de madeira acolledora e sólida debido ás seccións macizas e na súa cor natural.

O chan tanto da adega como da cova pode estar sen revestir, co terreo natural compactado á vista, ou aparecer solado con lousas de xisto, cuberto con gravas para drenar as humidades que afloran da roca, ou incluso estar escavado xunto co resto da superficie granítica.

3.2.3. As tipoloxías como resposta á funcionalidade das construcións.

A arquitectura das covas de Seadur responde á necesidade de resgardar o viño das altas temperaturas da zona e tamén manter a puga nas condicións apropiadas ata o momento da enxertía. Por tanto, as covas teñen unha funcionalidade de garda e conservación. A elaboración do viño realízase na adega, a partir dos acios que se vendiman nas vides dos terreos periféricos. Cando está preparado e se incrementan as temperaturas lévase o viño a conservar á cova. A dita adega pode estar unida á cova ou pode estar noutro lugar. Ademais, no caso das adegas que están unidas á cova (antecova), pode haber varios graos de complexidade na edificación.

O conxunto de adega e cova está composto por dous volumes desenvoltos linealmente. En primeiro lugar temos a adega e, a continuación, escavada na terra, aparece a cova que se adapta ao terreo creando distintas cavidades.

A adega é unha estancia previa á cova de planta baixa, en que se aloxan os aparellos necesarios para a elaboración do viño como lagares, estrulladoras, canteiros para soportar os cubetos, alambiques. Ten planta cuadrangular, de dimensións medias de 5,00 metros de ancho, 8,00 de longo e 3,50 metros de altura. Disponse un único espazo multifuncional, en que se combinan labores vitivinícolas e de lecer.

O corpo principal da cova é o corredor, un elemento de comunicación lonxitudinal que dá acceso a todos os espazos. Escávase describindo unha bóveda de canón xerada segundo distintos tipos de arcos: de medio punto, apuntado, rebaixado ou peraltado, segundo a natureza do terreo. Pode chegar a acadar unha anchura de 2,5 a 3,00 metros, unha altura de 3,00 a 4,00 metros, e as covas máis longas poden superar os 14 metros.

A ambos os lados do corredor central créanse uns espazos con forma abovedada denominados nichos, destinados a aloxar as cubas e os cubetos. Dispóñense perpendicularmente a ambas as marxes do eixe principal, as máis das veces simetricamente, dotan de uniformidade e amplitude o espazo interior, e deixan libre así o corredor principal. As súas dimensións medias son 1,80 metros de anchura e 1,50 metros de profundidade, e teñen xeralmente a mesma altura ca o corredor.

Dispostos en ambos os laterais dos nichos e apoiados no chan aparecen os canteiros. Son uns elementos construtivos resistentes de forma paralelepípeda que nalgunhas ocasións crean unha bancada continua en forma de U, que cobre todo o perímetro do nicho. A súa altura varía entre os 20 e 50 centímetros. Pode alcanzar os 60 centímetros de ancho. A súa función é soportar e elevar as cubas sobre o chan, para garantir a ventilación. Debido á particular forma das cubas, son dúas arestas simétricas destas as que se apoian nos canteiros, polo que moitas veces é necesario calzalas.

Xerado na bóveda ao fondo do corredor xorde o respiradoiro, que é un pequeno conduto vertical oco, duns 30 ou 40 centímetros de diámetro. Ascende verticalmente 7 ou 8 metros ata acadar o exterior, onde se asemella a unha cheminea, forzando unha circulación de aire que entra polas fiestras e bufardas dispostas na fachada. Por unha banda, libera as dependencias dos gases nocivos xerados durante a fermentación do viño e, por outra, é un sistema natural de aproveitamento da xeotermia, dotando o conxunto dunha alta eficiencia enerxética. Este é un elemento que está presente só nalgunhas covas.

As adegas cova de Seadur presentan as seguintes tipoloxías:

• Por unha banda, están os conxuntos compostos por dous volumes, adega e cova. Accédese pola adega que presenta forma rectangular e, ao fondo, escavada na terra, aparece a cova que se adecúa ao terreo, creando o corredor e os nichos. As dúas estancias están ao mesmo nivel comunicadas por un chan continuo en todo o conxunto. Suman un total de 28 exemplares.

• Por outra banda, hainas que están compostas por un único volume escavado na roca. Accédese por una porta directamente ao corredor da cova. Pode albergar ata 4 nichos laterais. Están todas ao mesmo nivel. Estes exemplos son dos máis sinxelos e son os que están máis en desuso. Son un total de 26 covas.

• Por último, como volume exento, temos as adegas. Están compostas por un volume coa súa característica parede frontal de rocha, coroada cun muro de cachotaría, para acadar a altura sobre a que apoiar a cuberta. Xeralmente sobresae uns cincuenta centímetros por enriba da liña do tellado, formando un peitoril rematado con lousas de remate, visible desde o exterior. Suman 27 construcións.

4. Usos.

Na actualidade desenvólvense dúas actividades principais nas adegas cova. Nunha boa parte delas realízanse labores vitivinícolas coa uva colleitada nas viñas da contorna e a case todas se lles dá un uso lúdico, para realizar merendas e xuntanzas cos amigos. En Semana Santa a Asociación de Coveiros organiza a Ruta das covas de Seadur. Eses días pódense visitar todas as covas e adegas, degustar o viño do ano e escoitar música tradicional.

5. Valoración cultural.

O sector vitivinícola está moi arraigado na comarca de Valdeorras e, singularmente, no lugar de Seadur, do concello de Larouco, en que o sector forma parte da propia identidade cultural local. As covas son, ademais, un tipo de edificación que existe en Galicia, fundamentalmente, nas terras de Valdeorras, que conta con exemplares de variada manufactura. As covas son elementos construtivos integrados de forma harmónica no territorio, mediante a utilización dos materiais naturais das zonas en que se asentan, e poden estudarse hoxe en día como referentes de construcións bioclimáticas, polo seu apropiado e intelixente uso da terra e o aire que as envolve, creando condicións higrotérmicas axeitadas para a súa funcionalidade.

O conxunto das adegas cova de Seadur integra o patrimonio etnolóxico de Galicia ao ser un lugar relevante da identidade, a cultura e as formas do pobo galego ao longo da historia. En efecto, as covas, xunto aos usos e aos costumes vinculados á viticultura, son e representan unha maneira de entender as terras circundantes, o esforzo diario de atención ás vides, os coñecementos climáticos relacionados coa obtención dos mellores caldos, a convivencia da veciñanza nos diferentes labores que implica a cultura do viño, as técnicas transmitidas desde a tradición máis primaria que leva os homes a comprender que a forma de protexer o seu tesouro líquido da temperatura é escavar na terra para procurar esa frescura salvífica. Todo isto conforma un conxunto de elementos etnolóxicos fundamentais que hai que preservar como memoria da identidade, a cultura, as tradicións e as formas de vida de Seadur, de Valdeorras e, por extensión, de todo o pobo galego.

No núcleo de adegas cova de Seadur conflúen diversos tipos de terreos en moi pouco espazo, o que fai que haxa varios tipos de covas en moi pouca distancia: covas practicadas en terreo principalmente constituído por rocas metamórficas, practicadas en granito, en conglomerados de varios tipos, xistos e incluso arxilas. É sorprendente, diferencial con respecto a outros núcleos e ata verdadeiramente didáctico, pois o tipo de terreo en que está practicada a cova obriga a solucións construtivas particulares.

En definitiva, o conxunto de adegas cova de Seadur é un ben sobranceiro do patrimonio cultural da Comunidade Autónoma de Galicia, que merece ser declarado ben de interese cultural, coa categoría de lugar de valor etnolóxico, ao representar un claro exemplo dos xeitos de vida tradicionais e das relacións entre as xentes e os seus medios de produción, neste caso relacionados coa cultura do viño. Este núcleo de adegas convive nun espazo único en que a excepcionalidade das covas e a homoxeneidade dos detalles técnicos nas adegas, vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional, son testemuñas das relacións de uso e mantemento, e reúnen valores propios que deben ser destacados por encima dos que individualmente posúen as súas construcións e materializacións. A súa conservación considérase relevante por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

6. Estado de conservación.

O conxunto das adegas cova de Seadur ten nestes momentos un aceptable estado de conservación, debido a que moitas das construcións aínda están en uso. Porén, un trinta por cento das construcións precisarían dos obrigados labores de mantemento e conservación.

Por outra banda, fixéronse no lugar intervencións que tiveron por obxecto a rehabilitación arquitectónica co emprego de materiais e técnicas tradicionais, consolidando tanto as súas bóvedas e arcos como a propia adega. Así mesmo, a valoración do conxunto comportou tamén a mellora dos accesos e espazos comúns, co acondicionamento das rúas que conforman o lugar.

7. Réxime de protección.

7.1. Natureza e condición.

– Natureza: material.

– Condición: inmoble.

– Categoría: lugar de valor etnolóxico.

– Interese cultural: etnolóxico.

– Nivel de protección: integral.

7.2. O Plan especial de protección do conxunto das adegas cova de Seadur.

O capítulo III do título III da LPCG establece a necesidade de aprobación de plans especiais de protección no caso de que se declare ben de interese cultural un lugar de valor etnolóxico. A Administración competente para redactar o plan especial de protección do ben, que se deberá estender ao seu contorno de protección para garantir a conservación axeitada dos seus valores culturais, é a local, neste caso o Concello de Larouco.

Non obstante, segundo o artigo 55.2 da LPCG, o Concello de Larouco poderá substituír a obriga normativa de redacción do plan especial do lugar de valor etnolóxico pola previsión e desenvolvemento no seu planeamento xeral de determinacións de protección suficientes para os efectos da LPCG.

O Plan especial de protección do lugar de valor etnolóxico do conxunto das adegas cova de Seadur deberá ter o contido establecido no artigo 56 da LPCG, ademais do previsto na súa propia normativa, en especial o referido a un catálogo exhaustivo de todos os bens que conforman o lugar de valor etnolóxico e o seu contorno, que, cando menos, incluirá as 81 adegas cova presentes no lugar.

En canto non se aprobe definitivamente a normativa urbanística de protección, a concesión de licenzas ou a execución das xa outorgadas antes da declaración precisará a autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

7.3. Réxime xeral.

O réxime de protección e conservación dun ben inmoble declarado de interese cultural coa categoría de lugar de interese etnolóxico é o que se define nos títulos II, III e no capítulo III do título VII da LPCG, en concreto, pode resumirse en:

• As intervencións que se pretendan realizar no ben e no seu contorno de protección, segundo as delimitacións descritas no anexo II desta resolución, deberán ser previamente autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co alcance e excepcións que se establecen na LPCG, en especial no referido á suspensión de licenzas ata a resolución do trámite ou a súa caducidade, coas excepcións indicadas no artigo 17.5 da LPCG.

• Uso: a utilización dos bens no lugar de valor etnolóxico quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens protexidos están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitir o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufran e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

ANEXO II

Delimitación do ben e contorno de protección

A proposta de delimitación do lugar de valor etnolóxico das adegas cova de Seadur trázase cunha liña poligonal que abrangue a totalidade das covas identificadas. Esta traza segue os límites naturais, os camiños e os límites parcelarios. Así, polo norte trata de axustarse ao rego que discorre paralelo ao camiño en que se concentran a maioría das construcións, polo suroeste segue unha pista forestal e polo leste axústase aos camiños que conforman os quinteiros do lugar e ao parcelario.

Conforme o establecido no artigo 12 da LPCG, considérase que as características deste ben de carácter territorial aconsellan o establecemento dun contorno de protección, que abranga os espazos e construcións próximas cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais do ben no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo. A proposta de delimitación do contorno de protección das adegas cova de Seadur emprega un criterio similar ao anterior, adaptándose maioritariamente aos camiños que envolven os quinteiros máis próximos ao ben e, en menor medida, aos límites parcelarios.

missing image file