DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 2025 Páx. 17721

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se aproba a rectificación dun erro material na sétima actualización do Plan básico autonómico de Galicia.

I. Antecedentes.

Primeiro. O Plan básico autonómico de Galicia (PBA) foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 162, do 27 de agosto, así como nos catro boletíns oficiais provinciais (BOP da Coruña número 186, do 28 de setembro; BOP de Lugo número 224, do 28 de setembro; BOP de Ourense número 224, do 28 de setembro, e BOP de Pontevedra número 188, do 28 de setembro).

Mediante a Resolución do 16.12.2024, da Dirección Xeral de Urbanismo, aprobouse a sétima actualización do Plan básico autonómico de Galicia, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 6, do 10 de xaneiro; e inscrita no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia o 10.1.2025.

Segundo. Unha vez publicada e en vigor a dita actualización, detectouse un erro material na súa información xeográfica vectorial, relativa á zona de policía de canles estimada no seu contacto coa zona costeira.

Para a elaboración da capa shapefile_03ACS_202412_Augas_PoliciaCanles.shp tomouse erroneamente como referencia para o procesamento dos datos a liña da zona de servidume de protección de costas no canto da liña de dominio público marítimo-terrestre.

En consecuencia, procede levar a cabo unha rectificación dos datos xeográficos da capa _03ACS_202412_Augas_PoliciaCanles.shp para tomar como liña de referencia de corte na zona costeira a liña do dominio público marítimo-terrestre.

II. Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 109 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu punto segundo, establece que as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración de que para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito se require que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos; é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos e que se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte, como acontece neste suposto.

Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro material resulta indiscutible, evidente, manifesto e constatado, en vista do sinalado no antecedente segundo, o que fai que sexa procedente a súa emenda, polo que procede a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III. Competencia.

De conformidade co disposto no artigo 90.4 do RLSG, no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e no artigo 13 do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, en relación co Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo e, en consecuencia, tamén se lle atribúe a competencia para a rectificación dos erros materiais detectados nese acto administrativo.

En atención ao exposto e vista a proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a rectificación do erro material detectado na sétima actualización cartográfica do Plan básico autonómico de Galicia no relativo á capa _03ACS_202412_Augas_PoliciaCanles.shp que forma parte da información xeográfica do PBA, nos termos expostos no antecedente segundo.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo.

Terceiro. De conformidade co artigo 88 da LSG e cos artigos 212.1 e 213 do RLSG, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a rectificación do erro material da sétima actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Unha vez inscrita, a documentación da rectificación de erros poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo

Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 ao 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo