O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos desta universidade, e co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, e en execución do previsto no anexo VII, oferta de promoción interna separada do persoal de administración e servizos, da Resolución do 25 de maio de 2022 (DOG do 31 de maio) pola que se publica a oferta de emprego público desta universidade e dos seus entes adscritos para o ano 2022, e no anexo II, Promoción interna independente da Resolución do 28 de novembro de 2024 (DOG do 11 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2024, resolve convocar probas selectivas para o acceso á escala técnica superior de administración, subgrupo A1, pola quenda de promoción interna, con suxeición ás seguintes
Bases da convocatoria
Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir nove (9) prazas na escala técnica superior de administración da USC, subgrupo A1, pola quenda de promoción interna.
Das prazas convocadas resérvase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade de grao igual ou superior ao 33 %. No suposto de que a praza da cota de reserva para persoas con discapacidade non se cubra, acumularase á da cota xeral de acceso libre.
1.2. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das dúas formas de acceso, acceso libre xeral ou acceso pola cota de reserva para persoas con discapacidade.
1.3. Esta convocatoria non xerará prazas vacantes na escala da cal procedan as persoas que superen o proceso selectivo.
1.4. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.
1.5. O sistema de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I.
1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II.
1.7. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia, Regulamento de selección de persoal funcionario de administración e servizos, aprobado en Consello de Goberno da USC o 30 de outubro de 2020, e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a data de toma de posesión como persoal funcionario do subgrupo A1 os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro nos termos previstos no artigo 52 da Lei do emprego público de Galicia.
b) Ter 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.
d) Pertencer como persoal funcionario de carreira á escala de xestión, subgrupo A2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional (por motivos de saúde, supresión do posto, cesamento en LD ou destino provisional) na USC.
e) Ter prestado servizos efectivos durante, polo menos, dous anos como funcionario/a da escala de xestión, subgrupo A2.
f) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala a que se pretende incorporar.
g) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.
h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.7.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude acompañada da documentación que proceda, de ser o caso, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalFuncionario.htm, empregando como medio de identificación as credenciais corporativas da Universidade.
3.3. A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación ou non a teñan incorporada ao seu expediente persoal deberán realizar o primeiro exercicio previsto no anexo I. Tamén quedarán exentos da realización da proba de coñecemento de lingua galega aqueles aspirantes que superasen un proceso selectivo no cal se exixise esta acreditación.
– As persoas aspirantes que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e opten pola cota de reserva para persoas con discapacidade deberán marcar o recadro correspondente da solicitude e acreditalo, agás que figure no expediente, mediante certificado expedido para o efecto polos órganos competentes. De non o faceren, entenderase que non optan por esta cota de reserva.
As/os aspirantes estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obteren a súa anterior contratación ou nomeamento e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.
3.4. A Xerencia expedirá e engadirá, de oficio, á solicitude presentada pola persoa aspirante unha certificación que acreditará a antigüidade recoñecida, o grao consolidado e, de ser o caso, as situacións recollidas na fase de concurso do anexo I, relativas ao exercicio do dereito de conciliación.
Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.
3.5. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.
3.6. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, e nel reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.
3.7. Os dereitos de exame serán de 44,17 €. Para realizar o seu ingreso empregarase un dos medios que se indican a continuación:
• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.
• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.
Estes medios de pagamento estarán accesibles unha vez que a persoa aspirante formalice a súa solicitude de inscrición a través do formulario establecido no número 3.2.
3.7.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe da taxa:
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
3.7.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude, de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:
• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.
• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.
3.7.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.
3.7.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.
3.8. No formulario de solicitude, as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan que están en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e que se comprometen a achegar, de ser o caso, a documentación que nela se indica.
3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, para o acceso á cal se empregará o mesmo medio de identificación que se indica na base 3.2.
4. Admisión de persoas aspirantes.
4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal se encontra exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para emendalas.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.
Para emendar a exclusión ou omisión, cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalFuncionario.htm para o cal o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no número 3.2 desta convocatoria.
4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.
4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do exercicio que dea inicio á fase de oposición (probas de galego ou exame tipo test, segundo corresponda). Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición, ante o reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. Tribunal cualificador.
5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020, e será nomeado mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Regulamento de selección de persoal funcionario da USC. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Reitorado da USC.
5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
A persoa que exerza a Presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de que non están incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.
Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes citadas.
5.4. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no anterior artigo ou calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
5.5. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa presenza de todos os seus membros, tal e como prescribe o Regulamento de selección da USC no seu artigo 6. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión, o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
5.6. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e secretario/a, e da metade, polo menos, dos seus membros.
5.7. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.
5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que considere pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlle de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.
Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutras/os funcionarias/os para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.
5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.
5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios desenvolvidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas probas datos que permitan coñecer a súa identidade.
5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
6. desenvolvemento dos exercicios.
6.1. Os exercicios do proceso selectivo non se iniciarán antes de que transcorran tres meses da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «F», de conformidade co establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 da Consellería de Facenda e Administración Pública.
6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.
As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderana pór en coñecemento do tribunal e achegarán á comunicación o correspondente informe médico oficial.
A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.3. De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante o proceso selectivo darase un tratamento diferenciado á quenda xeral da quenda de reserva para persoas con discapacidade, no que se refire ás relacións de admitidas/os e excluídas/os, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobadas/os. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única na cal se incluirán todas as persoas que superaron o proceso selectivo, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.
6.4. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao seu comezo, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.
6.5. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil. Entenderanse festivos para os efectos desta convocatoria os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo.
6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá proporlle a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.
Contra a exclusión da persoa aspirante poderase interpor recurso, perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.
6.7. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueloutros lugares que considere oportunos a relación de persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.
6.8. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.
6.9. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.
6.10. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.
6.11. A publicación anterior irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constarán a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e a proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I.
6.12. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante debe empregar o medio de identificación e sinatura que se indicou no número 3.2.
6.13. Se algunha persoa con discapacidade se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade e supera o proceso selectivo, pero non obtén praza e a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.
6.14. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta definitiva das persoas aspirantes seleccionadas tendo en conta o previsto nos números 5.11 e 6.3 desta convocatoria. Esta proposta elevarase ao reitor para efectuar o nomeamento de persoal funcionario de carreira e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
7. Finalización do proceso.
7.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel en que se faga pública a proposta de nomeamento, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria, que non se encontre suficientemente acreditada no expediente persoal, para realizar o nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia de persoal funcionario en prácticas da escala técnica superior de administración da USC.
7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.
7.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo causa de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeada/o funcionaria/o e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
7.4. Durante o período en que o persoal funcionario realice as prácticas, seralle de aplicación a situación xurídica prevista no artigo 16 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo.
7.5. Ás persoas aspirantes que superen este proceso selectivo adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñesen desempeñando con carácter definitivo se o posto que ocupan está definido na relación de postos de traballo tamén para o subgrupo A1; na súa falta, designarase destino provisional a un posto do subgrupo A1.
7.6. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude xuntaráselle un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.
7.7. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superen serán nomeadas funcionarias de carreira mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
7.8. A toma de posesión das persoas seleccionadas efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
7.9. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a súa opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.
8. Disposición derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Denominación das prazas: escala técnica superior de administración.
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:
I. Fase de oposición.
Consistirá na realización dos exercicios que a seguir se indican, agás as exencións previstas na descrición do primeiro.
As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, ao xuízo do tribunal, permita acreditar de forma indubidable a súa identidade.
Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten documentalmente xunto coa solicitude que están en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente, así como aqueles aspirantes que superasen un proceso selectivo en que se exixa esta acreditación.
Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.
As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.
A duración máxima desta proba será de noventa minutos.
Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.
As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.
A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.
Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.
Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario con 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, de carácter práctico sobre un ou varios textos propostos polo tribunal que versarán sobre o contido do temario, para cuxa resposta non se poderá consultar ningún tipo de material. As preguntas terán catro respostas alternativas propostas polo tribunal e poderá haber unha ou varias respostas correctas.
Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima. Cada pregunta respondida incorrectamente descontará un cuarto (¼) dunha pregunta respondida correctamente.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 125 minutos.
As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.
Terceiro exercicio: consistirá na análise dun suposto ou elaboración dun informe sobre unha determinada actuación administrativa, para o cal as persoas aspirantes poderán empregar o material lexislativo sen comentar que consideren necesario. Cada aspirante farase cargo do seu material e poderao portar en formato electrónico mediante USB.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 180 minutos.
Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.
O tribunal cualificará este exercicio valorando, entre outros, os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.
Ambos os exercicios serán realizados nun ordenador sen conexión á internet. No caso de que, por cuestións técnicas, non for posible realizalos sen conexión á internet, só se poderá consultar a documentación permitida pola convocatoria e da cal dispoñan as persoas aspirantes.
Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobado e publicado os criterios de avaliación e corrección.
II. Fase de concurso: consistirá na valoración, ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición, dos seguintes méritos referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes:
a) Antigüidade: máximo 9 puntos.
– Por cada ano completo de servizos prestados: 0,50 puntos.
– Por cada mes completo de servizos prestados que reste: 0,042 puntos.
b) Grao consolidado: máximo 20 puntos.
Valorarase o grao consolidado na data de remate do prazo de presentación de solicitudes de acordo coa seguinte puntuación:
|
Nivel |
Puntos |
|
30 |
20 |
|
28 |
19 |
|
27 |
18 |
|
26 |
17 |
|
25 |
16 |
|
24 |
15 |
|
23 |
14 |
|
22 |
13 |
|
21 |
12 |
No caso de non ter grao consolidado, atenderase ao mínimo correspondente á escala a que pertenza a persoa funcionaria.
c) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes: máximo 1 punto.
– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.
– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.
– Redución de xornada do artigo 106 da Lei do emprego público de Galicia: 0,2 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.
– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.
A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.
Os empates nas puntuacións resolveranse a favor da persoa aspirante que obteña unha maior puntuación no terceiro exercicio e, se isto non for suficiente, pola maior puntuación obtida no segundo exercicio, na fase de oposición, maior antigüidade e maior idade, por esta orde ata que se resolva o empate.
Para a valoración da experiencia acreditada noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas a Comisión Permanente de Valoración de Méritos. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderá solicitarlle información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas nos corpos ou escalas en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.
III. Período de prácticas.
As persoas aspirantes propostas polo tribunal serán nomeadas persoal funcionario en prácticas e deberán realizar un período de prácticas obrigatorio e eliminatorio, organizado pola Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, que terá como finalidade primordial a adquisición de coñecementos, tanto teóricos como prácticos, e a preparación específica das/dos aspirantes para o exercicio das súas funcións, que se realizará en distintas unidades da USC.
A Xerencia determinará o calendario, a guía didáctica e o sistema de avaliación que regule esta fase, e daralles publicidade con anterioridade á súa realización.
O carácter selectivo implica as seguintes actividades de carácter obrigatorio:
– A asistencia e a participación nas sesións presenciais. A falta de asistencia superior a 11 horas suporá a non superación desta fase.
– A realización dos traballos ou prácticas que se determinen para cada un dos módulos, así como a participación e a realización das actividades que indiquen as persoas coordinadoras e/ou titoras de cada materia. O contido darase a coñecer ao inicio de cada módulo e indicarase o prazo de entrega das probas que se determinen.
– A avaliación será realizada polo tribunal logo do informe vinculante do profesorado do curso, que actuará como asesor especialista. Estes asesores de cada módulo elevarán a proposta de cualificación obtida polas persoas aspirantes ao tribunal, que as declarará aptas ou non aptas.
Será necesario obter unha cualificación de apto/a en cada módulo para superar esta fase.
As persoas aspirantes que non a superen perderán o dereito ao seu nomeamento como funcionarios/as de carreira, mediante resolución reitoral motivada, por proposta do órgano responsable da avaliación do período de prácticas.
No caso de non poder realizar o período de prácticas por causa de forza maior debidamente xustificada e apreciada pola Xerencia, poderá efectualo con posterioridade, intercalándose no lugar correspondente á puntuación obtida.
Terá unha duración de 112 horas e tratará sobre as seguintes materias:
Módulo 1. Principios e valores na Administración. Código ético e de conduta.
Módulo 2. Organización universitaria: goberno, xestión e competencias. Procedemento administrativo.
Módulo 3. Xestión de recursos humanos.
Módulo 4. Contratación pública. Xestión financeira nas universidades.
Módulo 5. Xestión académica.
Módulo 6. Xestión da investigación e da innovación nas universidades.
ANEXO II
Denominación das prazas: escala técnica superior de administración
Programa
Bloque I. Dereito administrativo.
1. A Lei de réxime xurídico do sector público. Disposicións xerais. Os órganos das administracións públicas.
2. Os principios da potestade sancionadora na Administración pública. A responsabilidade patrimonial das administracións públicas. Responsabilidade das autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.
3. Organización e funcionamento do sector público institucional. Principios xerais das relacións interadministrativas entre administracións públicas. A colaboración e cooperación entre administracións públicas. Relacións electrónicas entre administracións. Os convenios.
4. O procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados no procedemento: a capacidade de obrar e o concepto de interesado. Identificación e sinatura dos interesados. Da actividade das administracións públicas: normas xerais de actuación. Termos e prazos.
5. Os actos administrativos: requisitos. Eficacia dos actos. Nulidade e anulabilidade.
6. As disposicións sobre o procedemento administrativo común: garantías do procedemento. Iniciación, ordenación e instrución do procedemento. Finalización do procedemento. A tramitación simplificada do procedemento administrativo común. Execución.
7. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. Os recursos administrativos.
8. A administración electrónica no sector público. Funcionamento electrónico do sector público. Relacións electrónicas entre administracións. Transformación dixital e administración electrónica na Universidade de Santiago de Compostela.
9. A Lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: disposicións xerais. Principios de protección de datos. Dereitos das persoas. Responsable e encargado do tratamento de datos. Autoridades de protección de datos. Garantía dos dereitos dixitais.
10. A transparencia e o bo goberno en Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación. O dereito ao acceso á información pública, exercicio e limitacións. Réxime sancionador.
11. A xurisdición contencioso-administrativa. Ámbito. Os órganos da orde contencioso-administrativa e as súas respectivas competencias. Obxecto do recurso contencioso-administrativo. Actividade impugnable.
12. A Lei de contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Contratos do sector público. Disposicións xerais sobre a contratación do sector público.
13. Elementos do contrato: partes, obxecto, orzamento base de licitación, valor estimado, prezo do contrato e a súa revisión. Garantías exixibles na contratación do sector público. Actuacións previas á contratación. Adxudicación dos contratos. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos. Racionalización técnica da contratación.
14. Tipos de contratos das administracións públicas e doutros entes do sector público. Contratos de obras, de concesión de obras, de concesión de servizos e de subministracións. Organización administrativa para a xestión da contratación.
15. A regulación da contratación administrativa na Universidade de Santiago de Compostela.
Bloque II. Xestión financeira.
1. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Principios xerais. Contido da Facenda da Comunidade. Do control interno e da contabilidade. O Consello de Contas.
2. Orzamento da Comunidade Autónoma: contido e aprobación, execución e liquidación. Créditos orzamentarios e as súas modificacións. A Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.
3. Orzamento: clasificación económica de ingresos e gastos. Fases de execución do orzamento de gastos. Fases de execución do orzamento de ingresos. Gastos plurianuais: definición e xestión orzamentaria.
4. Réxime económico e financeiro das universidades públicas. Ingresos públicos das universidades. As taxas e prezos públicos e as súas exencións e bonificacións. Estrutura do Plan galego de financiamento universitario 2022-2026.
5. Estatutos da USC: do réxime económico e da programación plurianual. Orzamentos da USC.
6. Normativa básica sobre subvencións. A regulación e xestión das subvencións na Comunidade Autónoma de Galicia.
7. Plan xeral de contabilidade pública. Marco conceptual da contabilidade pública: requisitos de información das contas anuais, principios contables, elementos das contas anuais. Contabilidade analítica, modelo CANOA para universidades: descrición básica do funcionamento do modelo.
8. Plan de medidas antifraude e prevención de riscos de xestión da USC.
Bloque III. Recursos humanos.
1. Texto refundido do Estatuto básico do empregado público como norma básica: obxecto e ámbito de aplicación. A Lei do emprego público de Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación.
2. Clases de persoal ao servizo das administracións públicas.
3. Dereitos e deberes. Código de conduta. Dereitos retributivos. Dereitos da xornada de traballo, permisos e vacacións.
4. Adquisición e perda da relación de servizo.
5. Ordenación da actividade profesional. A planificación e estruturación dos recursos humanos nas administracións públicas: plans de ordenación de recursos humanos; ofertas de emprego público. Rexistros de persoal.
6. Provisión e mobilidade do persoal funcionario das diversas administracións públicas. Situacións administrativas do persoal funcionario. Réxime disciplinario.
7. As fontes do dereito laboral: xerarquía. O texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: obxecto e ámbito de aplicación. Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.
8. Contrato de traballo na Administración pública. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Modalidades do contrato de traballo: persoal laboral fixo, indefinido e temporal. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo. O despedimento.
9. Persoal docente e investigador (PDI) funcionario e laboral: clases. A regulación na Lei orgánica do sistema universitario. A regulación da contratación do persoal docente universitario na Comunidade Autónoma de Galicia e na Universidade de Santiago de Compostela. O Convenio colectivo para o persoal docente e investigador das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
10. Réxime xurídico do profesorado universitario. A liberdade de cátedra. Funcións do persoal docente e investigador. Sistemas de licenzas e excedencias xerais e específicas. Participación do persoal docente na realización de contratos de investigación do artigo 60 da LOSU e na creación de empresas de base tecnolóxica. O réxime de incompatibilidades do profesorado universitario.
11. Réxime do persoal investigador. A regulación na Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación e na Universidade de Santiago de Compostela.
12. Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación.
13. Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela e a súas modificacións posteriores.
14. Relacións laborais na Administración pública: órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administración públicas. O proceso de negociación colectiva. A folga.
15. A regulación da prevención de riscos laborais nas administracións públicas: a Lei de prevención de riscos laborais. Dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios en materia de prevención.
16. A Lei xeral da Seguridade Social: réxime xeral, afiliación. Altas e baixas, procedemento e efectos. Cotización: concepto e natureza xurídica da cota. Continxencias e situacións protexidas.
17. A acción protectora da seguridade social. Prestacións: incapacidade temporal, invalidez, xubilación, morte e supervivencia. A protección do desemprego.
18. A regulación da igualdade efectiva de mulleres e homes na lexislación estatal, autonómica e na Universidade de Santiago de Compostela.
Bloque IV. Organización e xestión universitaria.
1. Os sistemas universitarios español e galego: configuración institucional. A Lei orgánica do sistema universitario (LOSU). Natureza xurídica das universidades públicas. A Lei do sistema universitario de Galicia.
2. As universidades e a Administración educativa: competencias do Estado e das comunidades autónomas. A coordinación universitaria: a Conferencia Xeral de Política Universitaria. O Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.
3. Os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
4. A ordenación das ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutoramento. Regulamento sobre dobres titulacións e simultaneidade de ensinanzas oficiais na USC. O sistema europeo de créditos (ECTS).
5. A regulación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
6. Acceso e admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao nas universidades públicas. Características, deseño e contido da avaliación do bacharelato para o acceso á universidade.
7. Estatuto do estudantado universitario. Réxime da avaliación do rendemento académico do estudantado e da revisión de cualificacións na USC. A Normativa de permanencia na USC. Transferencia e recoñecemento de créditos.
8. A expedición de títulos. O suplemento europeo ao título (SET). A homologación e validación de títulos estranxeiros de educación superior.
9. A avaliación e a acreditación dos centros e das universidades. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). O ciclo de verificación, seguimento, modificación e acreditación dos títulos universitarios oficiais.
10. Os programas de intercambio universitario (convenio bilateral, SICUE, Erasmus+, KA131, Erasmus+KA171) para estudantado, PDI e PTXAS. Outros programas europeos (A Iniciativa Universidades Europeas). O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE). O Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da USC. O Plan de internacionalización da USC 2024-2026.
Bloque V. Xestión da investigación.
1. A Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación: obxecto e obxectivos xerais. O fomento e a coordinación da investigación científica e técnica na Administración xeral do Estado.
2. Regulamento da Universidade de Santiago de Compostela para a realización de actividades de investigación.
3. O regulamento de funcionamento do Catálogo de investigadores e grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
4. Regulamento de protección, explotación e participación de resultados de investigación xerados na Universidade de Santiago de Compostela.
5. Espazo Europeo de Investigación. Programa de investigación e innovación da Unión Europea. Programa Horizonte Europa (UE) (2021-2027). Estrutura xeral. Mecanismos de participación. Modalidades de financiamento.
6. O Plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación.
7. Lei de fomento da investigación e da innovación en Galicia. Sistema galego de investigación e innovación. O Plan galego de investigación e innovación: finalidade, programas e instrumentos. Proxectos IDI.
8. A estratexia HRS4R. A Carta Europea do Investigador e o código de conduta para a contratación de investigadores.
9. A normativa de creación de empresas de base tecnolóxica (EBT), de investigación ou de innovación da USC.
Nota: as referencias normativas deste temario poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, entenderanse referidas á lexislación en vigor.
