Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Monte comunal A Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo, pertencente á CMVMC de A Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo, no concello de Pontedeva, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 30.4.2024 (número entrada no Rexel 2024/1456395) a CMVMC de A Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo presentou unha proposta de revisión de esbozo da planimetría do seu MVMC Monte Comunal A Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo, do concello de Pontedeva.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea extraordinaria.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 7 de outubro de 2024 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que, segundo a resolución de clasificación, o plano do monte dos veciños dos lugares A Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo, do concello de Pontedeva, está formado por cinco coutos redondos independentes entre si. A superficie clasificada suma aproximadamente 65 ha no seu conxunto, distribuída en seis parcelas.
O 21 de xuño de 2018, a comunidade de montes comprou unha casa no lugar da Veiga, que pasa a ser clasificada como veciñal en man común.
Despois da revisión dos perímetros das parcelas clasificadas, o resultado da superficie total do monte é de 93,77 ha:
1. Penedo do Monte (2.380 áreas).
2. Coto do Marco, coto da Casiña e coto da Senra (4.457 áreas).
3. Coto da Moura e Piñeiros Redondos (1.203 áreas).
4. Faro (83 áreas).
5. Meixadoiro (112 áreas).
6. Coto da Veiga e Guerreiro (1.140 áreas).
7. Casa do Pobo (1,64 áreas).
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Monte comunal A Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo.
Consideracións legais e técnicas:
Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 7 de outubro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 17 de febreiro de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Monte comunal A Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo, pertencente á CMVMC da Veiga, O Regueiro, A Ponte, A Escusalla, A Senra, A Fontaíña e Requeixo, no concello de Pontedeva.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 10 de marzo de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
