En sesión que tivo lugar o día 17 de marzo de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 7 de novembro de 2024 (DOG núm. 220, do 14 de novembro), modificada pola Resolución do 22 de novembro de 2024 (DOG núm. 229, do 27 de novembro), para cualificar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro),
ACORDA:
Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 17 de febreiro de 2025, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar a reclamación presentada contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 2 de febreiro de 2025, desestimar na súa totalidade a reclamación presentada.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, así como nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 16 de xaneiro de 2025, publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do primeiro exercicio, dado que o número de aspirantes é inferior a 960 (resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas), superan o exercicio as persoas que obtivesen, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Para isto, é necesario acadar 36 respostas correctas na primeira parte e 12 respostas correctas na segunda parte do exercicio, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria. O exercicio cualificouse de 0 a 60 puntos e, para supéralo, foi necesario obter un mínimo de 30 puntos. Asignouse a valoración de 30 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas tiveron unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.
Acadaron a puntuación mínima de 30 puntos un total de catrocentos oito (408) aspirantes, tendo en conta as persoas aspirantes exentas da súa realización e que non concorreron ao exame, segundo o establecido na base II.1.1.3 da convocatoria.
Terceiro. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes con relación ao primeiro exercicio deste proceso.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación coas puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).
Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.2 da resolución da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).
Tal e como establece esta base da convocatoria, xunto coa resolución coas puntuacións do primeiro exercicio, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes en que figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención a que fai referencia o parágrafo anterior.
Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025
Laura Suárez Fernández
Presidenta do tribunal
