DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 20 de marzo de 2025 Páx. 18249

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se convoca o procedemento para determinar a asociación profesional de Policía local máis representativa para participar na Comisión de Coordinación das Policías Locais (código de procedemento PR452A).

A Lei 9/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, engadiu un novo membro á Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia, que é o representante designado pola asociación profesional de Policía local que acredite a maior representación do persoal funcionario dos corpos de policías locais (artigo 18.c.6º).

O Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, publicado no Diario Oficial de Galicia número 30, do 13 de febreiro, establece na súa disposición adicional única o procedemento para determinar a representatividade das asociacións profesionais de policías locais na Comisión de Coordinación das Policías Locais.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confiren o artigo 39 do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e a disposición adicional única do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é convocar o procedemento para determinar a asociación profesional de Policía local que exerza a maior representatividade para participar na Comisión de Coordinación das Policías Locais (código de procedemento PR452A).

A maior representatividade corresponderalle a aquela asociación que acredite maior número de asociados, de conformidade co establecido no punto 4º da disposición adicional única do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.

Segundo. Requisitos

De conformidade co establecido no punto 2º da disposición adicional única do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, para participar neste procedemento as asociacións profesionais de policías locais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Teren personalidade xurídica propia.

b) Estaren inscritas nun rexistro oficial de asociacións como asociación profesional de Policía local.

c) Acreditaren que contan con persoal policial asociado nas catro provincias galegas.

Terceiro. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que figurará no anexo I desta resolución.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das asociacións interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

Cuarto. Documentación complementaria

1. As asociacións profesionais interesadas en participar neste procedemento deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria ou informe anual descritivos da actividade externa desenvolvida pola asociación.

b) Certificación da secretaría da asociación ou do órgano responsable, comprensiva do número de persoas asociadas existentes na data de solicitude, coa necesaria desagregación por provincias, que incluirá como anexo unha relación do persoal policial por concellos, incluíndo o seu número de documento de acreditación profesional debidamente anonimizado.

c) Documentación acreditativa da representación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das asociacións profesionais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da asociación profesional solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa física representante.

c) Acta de constitución da asociación.

d) Estatutos da asociación.

e) Certificación ou documentación que xustifique o seu rexistro como asociación profesional de Policía local.

f) Composición dos seus órganos de goberno.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no anexo I e achegar os documentos correspondentes.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sexto. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétimo. Procedemento

1. O procedemento iniciase de oficio mediante a publicación da resolución de convocatoria no DOG.

2. A instrución do procedemento e a formulación da proposta de resolución serán realizadas pola Subdirección Xeral de Interior e Seguridade.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nesta resolución, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. A maior representatividade corresponderalle a aquela asociación que, cumprindo os requisitos sinalados no resolvo segundo, acredite o maior número de persoas asociadas, de conformidade co establecido no punto 4º da disposición adicional única do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.

5. A resolución deste procedemento ditaraa a persoa titular da Dirección Xeral do Emerxencias e Interior. Nesta resolución solicitarase da asociación profesional con maior representatividade que comunique os datos da persoa designada para posuír a condición de vogal na Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia.

6. Contra a resolución referida no parágrafo anterior pode interporse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

7. O prazo de resolución deste procedemento é de dous meses, contados a partir da publicación desta resolución de convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e se notifique a resolución, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Oitavo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Noveno. Recursos contra a presente resolución

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Décimo. Efectos

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior

missing image file
missing image file
missing image file