Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L., en relación coa autorización administrativa previa do parque eólico Penas Pardas, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 4.5.2020 Norvento, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Penas Pardas, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. O 20.7.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 8.9.2020 a promotora achegou o xustificante de pagamento das taxas de autorización administrativa de parques eólicos.
Terceiro. O 20.9.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.
Cuarto. O 13.10.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que «Comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (o Concello de Abadín, sen planeamento xeral, conta cunha delimitación de solo urbano e 7 delimitacións de núcleo rural, mentres que o Concello da Pastoriza conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 9.8.2013), e as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.
Quinto. O 2.12.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Penas Pardas á Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.
Sexto. Mediante o Acordo do 7 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Penas Pardas.
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17.3.2023 e permaneceu exposto ao público nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, así como no portal web da dita vicepresidencia. Así mesmo, o dito acordo remitiuse aos concellos afectados, Abadín e A Pastoriza, para a súa exposición pública.
Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.
Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex Telecom (Retevisión), Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello da Pastoriza, Concello de Abadín, Comunidade de Montes de Abeledo, Monte Veciñal en Man Común da Mudia en Bozo, Endesa, Más Móvil, Orange, Retegal, Telefónica, Viesgo e Vodafone.
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Orange, o 10.3.2023, Retegal, o 1.4.2023, Telefónica, o 6.3.2023 e Vodafone, o 20.3.2023. O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos ditos condicionados.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
Oitavo. O 3.10.2024 o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Noveno. O 16.11.2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental do parque eólico Penas Pardas, que se fixo pública polo Anuncio do 18 de novembro de 2024 da dita dirección xeral (DOG núm. 231, do 29 de novembro).
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse os seguintes informes: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Pastoriza, Deputación Provincial de Lugo e Sociedade Galega de Historia Natural.
Décimo. O 20.12.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente.
Décimo primeiro. O 13.1.2025 Norvento, S.L. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achegou o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución parque eólico Penas Pardas. Enero 2025, asinado dixitalmente o 13.1.2025 polo enxeñeiro do ICAI Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio de Enxeñeiros do ICAI coa mesma data e número de visado 0305/20, así como as correspondentes declaracións responsables.
Décimo segundo. O 12.2.2025 o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto de execución refundido do parque eólico Penas Pardas, recollido no antecedente de feito anterior.
Décimo terceiro. O 18.2.2025 a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
Décimo cuarto. O proxecto do parque eólico Penas Pardas conta coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitida o 28.7.2021, en que se establece, ademais, o correspondente condicionado.
Décimo quinto. O parque eólico Penas Pardas conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 26 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede do 9.2.2021, así como o informe de aceptabilidade emitido polo xestor da rede de transporte o 18.4.2022.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro), polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de decembro), e polo artigo 30 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 31 de decembro).
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. No que respecta ás alegacións recibidas durante a tramitación do expediente e vistas as respostas efectuadas pola promotora, compre manifestar o seguinte:
1. En relación coas distancias a núcleos de poboación, hai que indicar que ao proxecto do parque eólico Penas Pardas resúltalle de aplicación a disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro:
«1. Os requisitos de distancia establecidos na disposición adicional quinta aplicaranse ás novas solicitudes de autorización de parques eólicos, de calquera potencia, que se admitan a trámite, logo da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
2. Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán de aplicación unicamente en caso de modificacións substanciais de proxectos solicitadas a partir da entrada en vigor da indicada lei que, por supoñeren efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requirisen o inicio dunha nova tramitación ambiental.
(...)».
A solicitude do parque eólico Penas Pardas foi admitida a trámite con anterioridade á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, tal e como se recolle no antecedente de feito segundo desta resolución, polo que a distancia mínima a solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será de 500 metros.
Así mesmo, cómpre indicar que o proxecto autorizado conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 13.10.2022, tal e como se recolle no antecedente de feito cuarto.
2. En relación coas afectacións do proxecto a zonas de máxima sensibilidade ambiental, cómpre ter en conta que a clasificación de sensibilidade ambiental desenvolvida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é un recurso para axudar na toma de decisións estratéxicas sobre a localización das infraestruturas de produción de enerxía a partir de fontes renovables, que implican un importante uso de territorio e poden xerar impactos ambientais significativos. Como tal recurso ou ferramenta, segundo recolle o resumo executivo elaborado polo ministerio, na súa epígrafe de obxectivos, o modelo de zonificación «non exime do pertinente procedemento de avaliación ambiental a que se deberá someter cada instalación, se é o caso, e é unha aproximación metodolóxica orientativa que pretende servir de instrumento para que, desde un enfoque estratéxico e a unha escala xeral e integradora, se coñezan desde fases temperás os condicionantes ambientais asociados ás localizacións dos proxectos. Así mesmo, esta ferramenta sempre se deberá complementar coas regulacións establecidas naqueles instrumentos de planificación e ordenación aprobados polas comunidades autónomas no ámbito das súas competencias».
A memoria da Zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica, no número 3.2, Definición de indicadores, describe o proceso mediante o cal se establece a zonificación: «Por outro lado, analizouse a planificación enerxética das comunidades autónomas, xa que en moitas delas se levaron a cabo estudos de zonificación para orientar o desenvolvemento das enerxías renovables nos seus respectivos territorios. A dita planificación non foi integrada neste modelo debido a que a heteroxeneidade de criterios empregada nas diferentes comunidades autónomas dificulta a súa presentación e operación de xeito conxunto a nivel estatal.
Porén, esta planificación enerxética supón un complemento determinante a este modelo de zonificación estatal, que permite considerar as restricións establecidas a nivel autonómico e serviu de referencia á hora de seleccionar e valorar os indicadores deste modelo.
Por outra banda, débese ter en conta que nas avaliacións de impacto ambiental que se efectúen para cada proxecto en concreto se realizarán procedementos de consulta e participación das administracións autonómicas e estatais con competencias en ambiente, avaliación ambiental, medio natural, enerxía, patrimonio cultural, etc., que asegurarán a integración destes criterios a maior nivel de detalle».
Se temos en consideración que a zonificación de sensibilidade ambiental proposta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é unha ferramenta, un recurso para axudar na toma das decisións relativas á avaliación ambiental dos proxectos de implantación de parques eólicos, recurso que como se describiu antes é orientativo; que a definición dos indicadores que establecen a zonificación teñen en conta, sen integralas plenamente, as regulacións de zonificación establecidas nas comunidades autónomas; que a súa definición é posterior ou coetánea coa elaboración da documentación ambiental dos proxectos e que estes contaron cunha tramitación de avaliación ambiental que considerou todos os factores que esta ferramenta emprega para a súa elaboración, enténdese que a avaliación realizada polo órgano ambiental, de acordo co establecido na Lei 21/2013, do 28 de decembro, de avaliación ambiental, é máis precisa na aplicación de criterios de sensibilidade ambiental que unha ferramenta xeral creada a nivel de todo o territorio nacional.
Polo tanto, en canto á idoneidade da localización do parque eólico, debemos remitirnos ao ditame do órgano ambiental na formulación da declaración de impacto ambiental, recollida no antecedente de feito noveno.
3. No que se refire á ausencia da xustificación da necesidade do proxecto eólico, cómpre sinalar que a Comunidade Autónoma de Galicia se atopa vinculada polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2023-2030 (PNIEC), co cal se busca acadar unha maior subministración a partir de fontes de enerxía renovables, diminuíndo a dependencia enerxética de combustibles fósiles que supoñen un detrimento para o desenvolvemento da economía para as familias e as empresas. Polo que, dentro da execución do (PNIEC) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, se busca transformar o sistema enerxético cara a unha maior autosuficiencia enerxética sobre a base de aproveitar dunha maneira eficiente o potencial renovable existente no noso país, particularmente o solar e o eólico.
4. No que se refire á fragmentación de proxectos, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.
Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».
Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.
Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.
Como xa se indicou no punto anterior, o estudo de impacto ambiental do parque eólico Penas Pardas contén un estudo dos efectos acumulativos (aditivos ou sinérxicos), en que se inclúen os parques eólicos e liñas de evacuación, incluída a propia do parque eólico, situados na súa contorna, nos ámbitos de estudo definidos polos raios de 5, 10 e 15 km.
Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».
Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».
Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques.
No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.
5. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 16.11.2024, en que se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, e tal e como se recolle no antecedente de feito noveno, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Pastoriza, Deputación Provincial de Lugo e Sociedade Galega de Historia Natural.
6. En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.
Cuarto. A disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, no seu número 1, establece o seguinte:
«1. Non obstante o previsto no artigo 34 desta lei en relación co outorgamento conxunto da autorización administrativa previa e de construción, atendendo aos prazos para o cumprimento dos fitos establecidos polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, a Administración autonómica, por solicitude do promotor, poderá outorgar de forma separada a autorización administrativa previa cando se cumpran os requisitos necesarios para esta, coa finalidade de posibilitar o cumprimento dos fitos expresados.
Nestes casos, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei».
Tal e como se recolle no antecedente de feito décimo terceiro, e de acordo coa mencionada disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 decembro, o 18.2.2025 a promotora solicitou o outorgamento de forma separada da autorización administrativa previa.
Quinto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Penas Pardas, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 16.11.2024:
a) Tal e como se recolle no número 7 da DIA, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, resolve: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Penas Pardas, nos concellos da Pastoriza e Abadín (Lugo), promovido por Norvento, S.L., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia e seguimento ambiental que figuran ao longo deste documento, que prevalecerán sobre todo o anterior».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Penas Pardas.
No número 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
5. Condicións ambientais.
5.1. Condicións particulares.
5.2. Condicións xerais.
5.2.1. Protección da atmosfera.
5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.
5.2.4. Xestión de residuos.
5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
5.2.6. Integración paisaxística e restauración.
5.3. Outras condicións.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Penas Pardas, sito nos concellos de Abadín e A Pastoriza (Lugo), promovido por Norvento, S.L., para unha potencia de 26 MW.
As características principais do parque eólico son as seguintes:
Solicitante: Norvento, S.L.
Enderezo social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 23, 27003 Lugo.
Denominación: parque eólico Penas Pardas.
Potencia autorizada/evacuable: 26 MW.
Concellos afectados: Abadín e A Pastoriza (Lugo).
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, una vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 da citada lei.
2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.
4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, do 16.11.2024, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
De acordo co establecido no número 5.1.2 da declaración de impacto ambiental, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves e quirópteros, así como ás actuacións a desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas, que deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Así mesmo, de acordo co establecido no número 5.1.3 da DIA, a promotora deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública respecto do condicionado expresado no seu informe, logo do inicio das obras.
O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
