A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 18 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Penas Pardas.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Penas Pardas, sito nos concellos de Abadín e A Pastoriza (Lugo), promovido por Norvento, S.L., para unha potencia de 26 MW.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, una vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e as adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 da citada lei.
2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.
4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, do 16.11.2024, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
De acordo co establecido no número 5.1.2 da declaración de impacto ambiental, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves e quirópteros, así como ás actuacións que se van desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas, que deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Así mesmo, de acordo co establecido no número 5.1.3 da DIA, a promotora deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública respecto do condicionado expresado no seu informe, logo do inicio das obras.
O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 4.5.2020 Norvento, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Penas Pardas, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
2. O 20.7.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 8.9.2020 a promotora achegou o xustificante de pagamento das taxas de autorización administrativa de parques eólicos.
3. O 20.9.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.
4. O 13.10.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que “Comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (o Concello de Abadín, sen planeamento xeral, conta cunha delimitación de solo urbano e 7 delimitacións de núcleo rural, mentres que o Concello da Pastoriza conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 9.8.2013), e as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.
5. O 2.12.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Penas Pardas á Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.
6. Mediante o Acordo do 7 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Penas Pardas.
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17.3.2023 e permaneceu exposto ao público nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, así como no portal web da dita vicepresidencia. Así mesmo, o dito acordo remitiuse aos concellos afectados, Abadín e A Pastoriza, para a súa exposición pública.
Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.
7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex Telecom (Retevisión), Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello da Pastoriza, Concello de Abadín, Comunidade de Montes de Abeledo, Monte Veciñal en Man Común da Mudia en Bozo, Endesa, Más Móvil, Orange, Retegal, Telefónica, Viesgo e Vodafone.
A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Orange, o 10.3.2023, Retegal, o 1.4.2023, Telefónica, o 6.3.2023 e Vodafone, o 20.3.2023. O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos ditos condicionados.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
8. O 3.10.2024 o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
9. O 16.11.2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental do parque eólico Penas Pardas, que se fixo pública polo Anuncio do 18 de novembro de 2024 da dita dirección xeral (DOG núm. 231, do 29 de novembro).
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse os seguintes informes: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Pastoriza, Deputación Provincial de Lugo e Sociedade Galega de Historia Natural.
10. O 20.12.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente.
11. O 13.1.2025 Norvento, S.L. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achegou o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución parque eólico Penas Pardas. Enero 2025, asinado dixitalmente o 13.1.2025 polo enxeñeiro do ICAI Pablo Fernández Castro e visado polo Colexio de Enxeñeiros do ICAI coa mesma data e número de visado 0305/20, así como as correspondentes declaracións responsables.
12. O 12.2.2025 o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto de execución refundido do parque eólico Penas Pardas, recollido no antecedente de feito anterior.
13. O 18.2.2025 a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
O proxecto do parque eólico Penas Pardas conta coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitida o 28.7.2021, en que se establece, ademais, o correspondente condicionado.
14. O parque eólico Penas Pardas conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 26 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede do 9.2.2021, así como o informe de aceptabilidade emitido polo xestor da rede de transporte o 18.4.2022.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
