DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 2025 Páx. 18534

III. Outras disposicións

Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible

REAL DECRETO 148/2025, do 25 de febreiro, sobre o cambio de titularidade dun treito da estrada do Estado N-551 e o antigo ramal de conexión entre a A-55 e a N-551, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, e o cambio de titularidade a favor do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible da glorieta elevada que conforma a nova ligazón sobre a autovía A-55, os ramais de conexión da glorieta coa autovía e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551, na provincia de Pontevedra, e a consecuente modificación da Rede de Estradas do Estado.

A Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, no seu artigo 4.8, dispón que a Rede de Estradas do Estado poderá modificarse mediante real decreto por proposta do ministro de Fomento:

a) Polo cambio de titularidade de estradas existentes en virtude de acordo mutuo con outras administracións públicas.

b) Pola cesión a outras administracións públicas, respecto daquelas estradas que, pertencendo á Rede de Estradas do Estado, non forman parte da rede básica, cando polas súas características e funcionalidade non fose necesaria a súa permanencia na devandita rede.

c) Pola incorporación de estradas cuxa titularidade corresponda a outras administracións públicas sempre que cumpran as funcións propias da Rede de Estradas do Estado.

O procedemento para tramitar o devandito cambio de titularidade regúlase polo artigo 12 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, que exixe a incoación e a tramitación do correspondente expediente que, xunto co acordo das administracións interesadas, elevará o ministro de Fomento ao Goberno para a súa aprobación por real decreto e a consecuente modificación da Rede de Estradas do Estado.

O 17 de xaneiro de 2025, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Comunidade Autónoma de Galicia asinaron un acordo sobre o cambio de titularidade no cal se reflicte que a Comunidade Autónoma de Galicia asume o treito da N-551 entre o seu inicio no p.q. 0+000 e a glorieta executada no proxecto aproximadamente no p.q. 0+550, así como os ramais Vigo-Tui e Tui-Portugal que daban continuidade ao antigo enlace tipo diamante entre a A-55 e a N-551; e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible incorpora a glorieta elevada da ligazón (sobre o p.q. 30+200 da A-55), os ramais de conexión da glorieta coa autovía A-55 e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551 (na glorieta do p.q. 0+550 desta).

O cambio de titularidade non comporta transferencia de ningún capital entre as partes.

O acordo dispón que o cambio de titularidade do devandito treito se elevará ao Goberno para a súa aprobación por real decreto e a consecuente modificación da Rede de Estradas do Estado e, igualmente, ao Consello de Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa aprobación mediante decreto da Xunta de Galicia que levará a cabo as xestións requiridas para a aprobación das modificacións necesarias no Catálogo da Rede Autonómica de Estradas de Galicia.

O acordo de cambio de titularidade dá cumprimento ao establecido na autorización de obras emitida pola Dirección Xeral de Estradas en que se autorizaba a Comunidade Autónoma de Galicia para a realización das obras da conexión da vía de alta capacidade de Tui-A Guarda coa estrada estatal A-55.

Dentro das condicións da autorización incluíase a delimitación de titularidades logo da finalización das obras, de maneira que a Administración xeral do Estado mantivese a titularidade da glorieta elevada da nova ligazón construída, os seus ramais e a conexión coa N-551; e a Comunidade Autónoma de Galicia pasase a ser titular do treito da N-551 entre os seus pp.qq. 0+000 e 0+520, así como os ramais Vigo-Tui e Tui-Portugal, treitos que, unha vez executadas as obras, deixan de ser necesarios para a continuidade da conexión entre a autovía A-55 e a N-551.

Os cambios de titularidade propostos non menoscaban a continuidade do itinerario de interese xeral que serve de acceso ao paso fronteirizo pola ponte internacional entre a N-551 e a N-13 portuguesa.

Na súa virtude, por proposta do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil vinte e cinco

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Rede de Estradas do Estado

Conforme o artigo 4.8 da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, e en virtude do Acordo do 17 de xaneiro de 2025, entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Comunidade Autónoma de Galicia, queda excluído da Rede de Estradas do Estado o treito da N-551 entre o seu inicio no p.q. 0+000 e a glorieta executada no proxecto aproximadamente no p.q. 0+550, así como os ramais Vigo-Tui e Tui-Portugal que daban continuidade ao antigo enlace tipo diamante entre a A-55 e a N-551.

Conforme o artigo 4.8 da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, e en virtude do Acordo do 17 de xaneiro de 2025, entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Comunidade Autónoma de Galicia, queda incluída na Rede de Estradas do Estado a glorieta elevada da ligazón (sobre o p.q. 30+200 da A-55), os ramais de conexión da glorieta coa autovía A-55 e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551 (na glorieta do p.q. 0+550 desta).

O cambio de titularidade non comporta transferencia de ningún capital entre as partes.

Artigo 2. Formalización do cambio de titularidade

O cambio de titularidade formalizarase mediante unha acta de entrega e recepción, subscrita polos representantes das administracións interesadas, o cal determinará a cesión.

Na acta especificaranse con precisión os límites dos treitos afectados e dos bens anexos a eles segundo o artigo anterior, de conformidade co establecido no artigo 12.3 do Regulamento xeral de estradas. O cambio de titularidade será efectivo a partir da formalización da acta de entrega correspondente, que se subscribirá no prazo dun mes desde a entrada en vigor do presente real decreto. Nese momento realizarase a entrega da documentación e do expediente do treito de estrada obxecto do cambio de titularidade.

Facúltase o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para asinar a mencionada acta en representación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio de competencias

Mentres non se formalice o cambio de titularidade, a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia seguirán sendo competentes respecto dos treitos obxecto do cambio de titularidade.

Disposición derradeira única. Publicación e entrada en vigor

O presente real decreto publicarase simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Madrid, vinte e cinco de febreiro de dous mil vinte e cinco

Felipe R.

Óscar Puente Santiago
Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible