Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Sergio Villar, con domicilio na praza do Comercio, número 6, na Coruña.
Feitos:
1. O 23 de setembro de 2024, María Teresa Vila Bermúdez, en representación da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Sergio Villar constituírona Víctor Villar Caamaño e María Dolores Díaz Señor, mediante escritura pública outorgada o 12 de agosto de 2024, ante a notaria da Coruña Mónica María Jurjo García, co número de protocolo 563.
Tras o requirimento do 6 de novembro de 2024, a Fundación achegou a escritura pública outorgada o 19 de decembro de 2024, ante o notario da Coruña Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número 1.002 do seu protocolo, que emenda a anterior, consonte o indicado no citado requirimento.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a asistencia ou intervención fronte a situacións de vulnerabilidade social e/ou económica con especial atención á protección da infancia, de acordo, en particular, cos principios recollidos na Convención dos Dereitos do Neno da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) e demais normas aplicables, procurando condicións de acceso a recursos socialmente valorados nese ámbito e, en xeral, a unha vida digna para as persoas máis desfavorecidas por causa de inxustizas estruturais ou persoais».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Luis Villar Díaz, como presidente; Adela María Villar Uzquiano, como vicepresidenta; María Dolores Díaz Señor, como secretaria; e Román Villar Uzquiano, Cecilia Uzquiano Fernández, Rafael Villar Caamaño, Manuel Díaz Señor e Víctor Villar Caamaño, como vogais.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Sergio Villar, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Igualdade.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de marzo de 2025,
DISPOÑO:
Clasificar de interese asistencial a Fundación Sergio Villar, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social e Igualdade.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
