DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Luns, 24 de marzo de 2025 Páx. 18659

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación das correccións de erros números 1 e 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Ordes, aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (CMTV) do 13 de decembro de 2013.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación das correccións de erros número 1 e 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Ordes, aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (CMTV) do 13 de decembro de 2013, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 7 de marzo de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación das correccións de erros número 1 e 2 do PXOM de Ordes, aprobado definitivamente pola Orde da CMTV do 13 de decembro de 2013

I. Antecedentes.

O 29.11.2024 o Concello de Ordes remite para a súa aprobación o documento de corrección de erros número 1 e número 2 do PXOM aprobado polo Pleno municipal do 6.11.2024.

O Concello de Ordes conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde do 13.12.2023, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG do 26.12.2023).

Unha vez analizada a documentación redactada por Estudio Técnico Gallego, S.A., de outubro de 2024, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, observouse:

II. Obxecto e análise do documento.

II.1. Corrección de erros número 1.

O obxecto do documento é a corrección dos erros numéricos detectados nas fichas normativas dos solos urbanos non consolidados e da súa correlación cos demais documentos do PXOM. Estes erros correspóndense con transcricións erróneas do coeficiente de edificabilidade para o P-OR-14 e P-OR-29 e da altura máxima para a vivenda colectiva no P-OR-01 e P-OR-02; erros varios no P-OR-15 e P-OR-22 na asignación de prazas de aparcamento públicas e da edificabilidade total; e erros da memoria xustificativa na incorporación dos datos recollidos nas fichas dos solos urbanos non consolidados.

II.1.1. Erros nas fichas normativas do P-OR-14 e P-OR-29.

Respecto aos erros nas fichas normativas do P-OR-14 e P-OR-29, a documentación achegada argumenta que existe incoherencia entre a documentación gráfica da ordenación de detalle e a altura asignada na súa memoria xustificativa, que derivan nunha maior edificabilidade (1,57 m²/m²) que a sinalada das fichas (1,07 m²/m²).

Na aprobación inicial do PXOM, os P-OR-14 e P-OR-29 foron aprobados inicialmente sen ordenación detallada e cunha edificabilidade de 1,07 m²/m². Posteriormente, nas aprobacións provisional e definitiva incluíuse a súa ordenación detallada, e mantívose a súa edificabilidade repartida entre vivenda unifamiliar e vivenda colectiva, segundo a ficha da normativa urbanística, mentres que a sección referida á ordenación detallada cualificou a superficie lucrativa integramente coa ordenanza de vivenda colectiva en quinteiro, o que permitiría o aproveitamento baixo cuberta e un fondo edificable en planta baixa da totalidade da parcela.

Non se pode considerar un erro material das fichas da normativa a asignación de 1,07 m²/m² de edificabilidade aos ámbitos, aínda que o volume resultante da aplicación da ordenanza en quinteiro sexa superior, polo que cómpre consideralo unha decisión do planeamento cara á limitación da edificabilidade, cuxa supresión exixiría unha modificación puntual do PXOM.

Doutra banda, e polo que respecta a un erro na transcrición da superficie do espazo libre XAR-09b na ficha normativa do P-OR-29, considérase que si se trata efectivamente dun erro material susceptible de ser corrixido mediante esta corrección de erros.

II.1.2. Erros nas ficha normativas do P-OR-01 e P-OR-02.

Respecto aos erros detectados nas fichas normativas do P-OR-01 e P-OR-02, a documentación achegada constata un erro na altura máxima establecida (B+1) debido á reprodución da altura máxima das fichas precedentes (P-MS-01, P-MS-02 e P-MS-03). Arguméntase que a altura máxima debería ser de B+2 «ao igual que nos restantes solos urbanos non consolidados das mesmas características que contan con vivenda colectiva».

Porén, obsérvase que as tipoloxías establecidas polas fichas do P-OR-01 e P-OR-02 son, aproximadamente, a partes iguais, de vivenda unifamiliar e vivenda colectiva.

Polo anterior, a consideración de erro material na asignación de altura hai que cinguila ás edificacións de tipoloxía colectiva, ás cales si que corresponderá B+2, mentres que nas vivendas unifamiliares cómpre manter a altura de B+1.

II.1.3. Erros nas fichas da normativa do P-OR-15 e P-OR-22.

Arguméntase que existe erro no número de prazas de aparcamento públicas previstas (17) para o P-OR-15 e na edificabilidade total máxima asignada (16.629 m²) ao P-OR22, parámetros recollidos unicamente nas fichas normativas.

Na restante documentación do PXOM, onde se recollen eses parámetros (páx.18 do Documento de memoria xustificativa do PXOM), realízase de maneira correcta (11 prazas de aparcamento e 14.135 m² de edificabilidade máxima total, respectivamente), o que reforza que eses erros se deben a un problema na transcrición das fichas normativas do P-OR-15 e P-OR-22.

Daquela, evidénciase a existencia dun erro material das fichas da normativa, susceptible de ser corrixido mediante a presente corrección de erros.

II.1.4. Erros nas táboas de cuantificación das previsións do PXOM en solo urbano non consolidado, distritos de Ordes e Mesón do Vento, na memoria xustificativa.

Arguméntase que, por mor dos informes sectoriais, no documento de aprobación provisional foi necesario asignar un aproveitamento mínimo de 1,00 % para uso comercial-terciario nos solos urbanizables e solo urbano non consolidado residencial. Este cambio realizouse nas respectivas fichas normativas, así como na táboa de cuantificación da edificabilidade estimada para o solo urbanizable do documento da memoria xustificativa do PXOM, pero non se extrapolou ás táboas de cuantificación das previsións do Plan xeral en solo urbano non consolidado. Distrito 1: Ordes e distrito 2: Mesón do Vento, do documento anterior.

Daquela, mantéñense erradamente os estándares mínimos da táboa, algúns dos cales (zonas verdes, equipamentos e VPP) toman de referencia o aproveitamento total, cando deberían tomar o aproveitamento residencial. Porén, na restante documentación empregouse correctamente o aproveitamento residencial para a xustificación das reservas do Sistema xeral de espazos libres e zonas verdes de dominio e uso públicos, así como para a reserva do Sistema xeral de equipamentos comunitarios de dominio e uso públicos e a xustificación da reserva de vivenda protexida mínima.

En consecuencia, pode ser considerado un erro material de redacción da memoria xustificativa do PXOM, susceptible de ser corrixido mediante a presente corrección de erros.

II.2. Corrección de erros número 2.

O obxecto do documento é a corrección dun erro material constatado no plano PORD-04SUC-05, PORD-04SUC-07 e no plano da ficha normativa da API CU-2 e do sector urbanizable S-12.

No trámite de exposición pública recibiuse, entre outras, unha alegación en que se solicitaba incluír unha serie de predios no solo urbanizable S-12 (incluído no PXOM como planeamento incorporado, PP do parque empresarial aprobado definitivamente o 18.11.1993 e modificado puntualmente o 26.4.2012).

Tras a realización de diversas propostas de ampliación para o S-12 de cara a estudar a súa viabilidade, emitiuse informe desfavorable sobre a alegación por mor da proximidade da ampliación proposta ás vivendas existentes e á dificultade de conexión co resto de trama urbana, que exixiría, entre outras, a apertura dunha nova vía ao suroeste do parque empresarial.

Porén, no documento aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Ordes o 14.3.2023 mantívose erradamente no documento a vía de conexión proposta para a dita ampliación.

Posteriormente, o 11.8.2023 e o 10.11.2023 o Pleno do Concello de Ordes aprobou provisionalmente de novo o documento do PXOM que recollía as correccións indicadas nas ordes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27.6.2023 e do 24.10.2023, respectivamente, pero mantivo o erro gráfico da nova vía prevista.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou definitivamente o 13.12.2023 o PXOM que incorpora o erro gráfico mencionado e que é obxecto da presente corrección de erros.

A súa consideración como erro material xustifícase en que este se corresponde unicamente cun erro gráfico recollido nos planos PORD-04SUC-05, PORD-04SUC-07, Plano da ficha normativa do S-12 e Plano da ficha normativa do CU-2. Na restante documentación escrita, na cal debería plasmarse a «nova vía», de non tratarse dun erro, non aparece recollido, o que reforza unha vez máis a consideración de erro material. Así pois, a «nova vía» non se recolle nin como actuación illada nin como dotación necesaria prevista para executar durante a vixencia do PXOM, tal e como se recolle no Documento de estratexia de actuación. Tampouco se inclúe no Documento de estudo económico.

Por todo o anterior, considérase que o grafismo recollido nos planos indicados é un erro material susceptible de ser corrixido mediante esta corrección de erros.

III. Consideracións.

Segundo o artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estas poderán rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia de parte, os errores materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

A competencia para resolver correspóndelle á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

Á vista de todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación do documento aprobado polo Pleno municipal do 6.11.2024 de corrección de erros número 1 e número 2 do PXOM de Ordes, con suxeición estrita aos seguintes termos:

a) Corrección de erros número 1, cinguido exclusivamente ao referido ás seguintes cuestións:

– Superficie do espazo libre XAR-09b do P-OR-29 (punto II.1.1 anterior).

– Altura máxima da edificación de tipoloxía colectiva nos P-OR-01 e P-OR-0 (punto II.1.2).

– Prazas públicas de aparcamento no P-OR-15 (punto II.1.3).

– Edificabilidade máxima no P-OR-22 (punto II.1.3).

– Aproveitamento mínimo terciario no solo urbano non consolidado dos distritos de Ordes e Mesón do Vento (punto II.1.4).

b) Corrección de erros número 2.

2. De conformidade cos artigos 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros número 1 do PXOM de Ribadeo no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De acordo co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.