En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Cospeito, para a delimitación dos núcleos rurais do Toxeiro, Mide, Moutillón, As Carballas, Desecabo, A Millarada, Toiral, O Calvario, O Carballal, A Escanavada e Bogalloso, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Urbanismo do 10 de marzo de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1546&_aaeKeyword_WAR_aae_id=1546
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
Resolución de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Cospeito, para a delimitación dos núcleos rurais do Toxeiro, Mide, Moutillón, As Carballas, Desecabo, A Millarada, Toiral, O Calvario, O Carballal, A Escanavada e Bogalloso (expediente PTU-LU-14/122)
O 4 e 5 de decembro de 2024, o Concello de Cospeito remite a documentación correspondente á modificación puntual (MP) de referencia, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva.
Unha vez analizada a documentación redactada pola consultora EPTISA e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
I.1. Cospeito conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas polo Concello Pleno o 14 de abril de 1997. Do acordo de aprobación definitiva quedaron excluídas, entre outras determinacións, todas as delimitacións de núcleos rurais.
I.2. A presente tramitación incluíu:
• Decisión da Secretaría Xeral de Calidade Ambiental do 13.8.2013 pola que se eximiu a MP de avaliación ambiental estratéxica.
• Informes sectoriais da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) (26.8.2013), da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) (3.3.2014, 12.5.2014 e 15.7.2014), da Deputación de Lugo (21.4.2014, 13.6.2014 e 1.8.2014), Dirección Xeral de Urbanismo (10.2.2015), Dirección Xeral de Telecomunicacións (1.9.2015 e 2.10.2015) e Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) (19.10.2015, 8.2.2016 e 2.3.2016).
• Aprobación inicial (Acordo do Concello Pleno do 3.3.2016).
• Exposición pública (31.3.2016-5.6.2016), con anuncios en La Voz de Galicia e El Progreso, do 30.3.2016; e no Diario Oficial de Galicia do 6.4.2016.
• Audiencia aos concellos limítrofes: Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei, Begonte e Outeiro de Rei (12.5.2016), durante o prazo de 15 días. Consta contestación do último deles (20.5.2016).
• Aprobación provisional da MP polo Concello Pleno (29.12.2016).
• Remisión do expediente á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para os efectos da aprobación definitiva (10.1.2017). Advertidas deficiencias, requiriuse a emenda destas (10.2.2017).
• Aprobación provisional (2ª) adoptada polo Pleno do Concello (10.12.2019).
• Resolución da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (16.12.2020) pola que se sinalan deficiencias da MP e se require a emenda destas.
• Informes da AXI (25.10.2021, 30.11.2021 e 24.1.2022) e da Deputación Provincial (12.11.2021).
• Acordo de aprobación provisional (3ª) o 28.11.2024.
• Entrada do expediente en que se solicite a aprobación definitiva (4 e 5 de decembro de 2024).
I.3. A modificación aprobouse inicialmente durante a vixencia da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG); e de forma provisional tras a entrada en vigor da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG). Optouse por seguir a súa tramitación de acordo coa Lei 9/2002, adaptando as súas determinacións á LSG, en cumprimento do mandato establecido na disposición transitoria 2ª.2 desta última lei. Non resulta de aplicación o Regulamento da Lei do solo de Galicia (data de aprobación inicial 3.3.2016, anterior á entrada en vigor do RLSG).
II. Aspectos xerais.
II.1. A MP ten por obxecto a delimitación de once asentamentos de poboación existentes no termo municipal e que non contan con recoñecemento territorial nas normas subsidiarias de planeamento.
II.2. Oito dos asentamentos delimitados tipifícanse como núcleos rurais tradicionais e comúns: O Toxeiro, As Carballas, Desecabo, A Millarada, Toiral, O Calvario, O Carballal e A Escanavada.
Pola súa parte, o asentamento de Moutillón tipifícase como tradicional.
Por último, os asentamentos de Mide e Bogalloso tipifícanse como comúns.
II.3. A modificación delimita os referidos ámbitos, diferenciando os tipos básicos e incorporando a súa ordenación detallada, fixando as aliñacións e as zonas edificables coas respectivas ordenanzas. Así mesmo, identifica varios bens con valores culturais, descritos no catálogo.
II.4. O conxunto das once delimitacións propostas afecta unha superficie global dunhas 95,27 ha. Delas, unhas 27,40 ha son tipificadas como NRT, mentres que 67,87 se tipifican como NRC.
III. Análise e consideracións.
III.1. Analizada a documentación aprobada provisionalmente o 28.11.2024, obsérvase que, en xeral, se deu cumprimento ás observacións formuladas pola DXU o 16.12.2020.
Concretamente, púidose comprobar que se efectuou a modificación e regularización das autorizacións de concesións e verteduras exixidas no informe favorable condicionado emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 30.9.2019.
Así mesmo, suprimíronse as determinacións previstas para o solo rústico do contorno dos núcleos delimitados, xa que logo fóra do ámbito da presente modificación puntual.
III.2. Porén, detéctanse cuestións de carácter documental e de adaptación ás normas técnicas de planeamento que cómpre emendar de cara á regulamentaria a inscrición da MP no Rexistro de Planeamento e Ordenación do Territorio de Galicia:
1. O expediente administrativo co seu índice achegaranse autentificados por unha persoa funcionaria encargada da tramitación (artigo 70 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas).
2. O documento técnico debe contar coa dilixencia municipal de aprobación provisional (artigo 22.1 e 22.2 das NNTTPP). As partes 1 e 3 contan con ela. Non así as partes 2 e 4.
3. Non se achegan copias dilixenciadas do documento que se aprobou inicialmente o 3.3.2016 nin do que se aprobou provisionalmente o 29.12.2016.
4. Hai datos de carácter persoal (informes, alegacións, trámites) que deben de ser tratados nos anexos á documentación escrita (artigo 23 das NNTTPP). Nas páxinas 13 e 14 consta a lista das persoas alegantes.
5. Non se achegan datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado (disposición transitoria segunda das NNTTPP).
6. Formato e lexibilidade: os planos están incorrectamente datados (cartela de xuño de 2020), e na lenda da serie 12 non aparece identificada a simboloxía da aliñación de edificación.
IV. Resolución.
Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,
RESOLVO:
• Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cospeito para a delimitación dos núcleos rurais do Toxeiro, Mide, Moutillón, As Carballas, Desecabo, A Millarada, Toiral, O Calvario, O Carballal, A Escanavada e Bogalloso, con suxeición á emenda das cuestións sinaladas no punto III.2 anterior.
• De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
• Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
• De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da MP aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.
• Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
