DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 2025 Páx. 18826

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 22/2025, do 17 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Poio, da vía de servizo da PO-535 de titularidade da Xunta de Galicia, en fronte do cemiterio municipal de San Xoán de Poio, xunto co seu dominio público viario (DPV).

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Poio solicítalle á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión da titularidade dunha vía de servizo da estrada PO-535, fronte ao cemiterio municipal de San Xoán de Poio, entre o p.q. 0+060 e o p.q. 0+120. Fundamenta a petición na aprobación inicial do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) para a ampliación do cemiterio municipal de San Xoán de Poio, a raíz do informe sectorial emitido pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), no cal se pon de manifesto que parte da ampliación do cemiterio está situada dentro do DPV da PO-535, que ten a consideración de vía de servizo.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia da vía de servizo que se define no artigo 1, xa que carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG), cumprindo co estipulado no número 5 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), o cal recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente, e reúne as condicións necesarias para que a súa titularidade lle sexa transferida ao Concello de Poio.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Poio da vía de servizo da PO-535 de titularidade da Xunta de Galicia, en fronte do cemiterio municipal de San Xoán de Poio, xunto co seu DPV, definido a continuación:

Transferencia

Inicio

Coordenadas UTM

(ETRS89 fuso 29)

Final

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx. (m)

Superficie orientativa de DPV (m2)

1

Vía de servizo MD da PO-535 fronte ao cemiterio municipal de San Xoán

p.q. 0+010 MD PO-535

x = 525.863

y = 4.699.620

p.q. 0+150 MD PO-535

x = 525.796

y = 4.699.495

143

1.970,15

O documento do catálogo e as súas modificacións posteriores poderanse consultar na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Poio, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía de servizo, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de marzo de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas