Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terras de Pol, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
1. O 1 de agosto de 2024, Lino Rodríguez Ónega, presidente do Padroado da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Terras de Pol constituíuna o Concello de Pol, representado polo seu alcalde presidente Lino Rodríguez Ónega, mediante escritura pública outorgada o 24 de xullo de 2024 ante o notario de Lugo José Manuel López Cedrón, co número de protocolo 2.118.
Tras requirimentos do 13 de setembro e do 20 de decembro de 2024, a Fundación achega a escritura outorgada o 21 de xaneiro de 2025 na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 146 do seu protocolo, que inclúe a taxación por un experto independente do ben que forma parte da súa dotación.
3. A Fundación, consonte os artigos 6 e 7 dos seus estatutos, ten por obxecto o desenvolvemento rural e do territorio en distintos ámbitos de actuación, apoiando as funcións do Concello de Pol neste sentido. Estes ámbitos de actuación son os seguintes:
– Acondicionamento e aproveitamento de bens e terras en desuso para destinalas á produción agrícola e gandeira en xeral e tamén á ecolóxica en diferentes modalidades.
– Deseño, promoción e execución de programas de integración social, prestacións sociais, asistencia social á mocidade e a terceira idade, así como a colectivos desfavorecidos.
– A promoción, desenvolvemento e fomento do deporte en xeral en Galicia, fundamentalmente nas especialidades de fútbol e baloncesto nas súas distintas modalidades, entre todos os sectores da poboación, masculino, feminino, en todas as franxas de idade, con especial atención e apoio a persoas con discapacidade, sen discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Promoverase así o deporte en xeral co fin de acadar hábitos de práctica deportiva na poboación en xeral; incorporaranse deportes minoritarios e novas modalidades deportivas e fomentarase, tamén, a formación e a cualificación profesional en materia deportiva.
– Desenvolvemento e impulso de todo tipo de manifestacións culturais no municipio de Pol e difusión e promoción da cultura no territorio do concello e na súa contorna, facendo especial fincapé no desenvolvemento de actividades culturais de tradición e exaltación dos valores culturais autóctonos e de especial arraigamento no territorio; colaborarase, neste sentido, coas principais asociacións veciñais do municipio.
– Protección e mellora do ambiente, dedicando recursos a enerxías renovables e de nova creación.
– Contribuír á análise, deseño e execución de novas estratexias de funcionamento, desenvolvemento e prestación de servicios municipais, por petición do Concello de Pol.
– Constitución, promoción, mantemento e xestión de instalacións e servizos, incluíndo, de ser o caso, a adquisición, cesión temporal de uso ou arrendamento de bens mobles e inmobles axeitados para permitir e facilitar o cumprimento dos fins fundacionais.
4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os seus estatutos e a composición do padroado inicial.
5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para determinar as persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do Padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O Padroado inicial da Fundación está formado polo alcalde presidente do Concello de Pol, Lino Rodríguez Ónega, como presidente; e dous patróns nomeados polo presidente de entre os concelleiros da Corporación Municipal do Concello: César Valiña Irimia, como vicepresidente; e Ana Belén Seco Morado, como secretaria.
7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como mixta da Fundación Terras de Pol, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o Protectorado da Fundación sería exercido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
8. De conformidade con esta proposta, mediante a Orde do 25 de febreiro de 2025 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse como mixta a Fundación Terras de Pol e adscribiuse a esta mesma consellería para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terras de Pol, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que lle correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terras de Pol. Polo tanto,
RESOLVO:
1. Declarar de interese galego a Fundación Terras de Pol.
2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades; a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o Protectorado, que será exercido por esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpor un recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025
Francisco Javier Abad Pardo+
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
