DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 2025 Páx. 18807

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2025, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, que tivo lugar o 10 de marzo de 2025, polo que se declara de interese autonómico o proxecto que desenvolverá o futuro Centro de Alto Rendemento de Galicia.

En cumprimento co disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de marzo de 2025, polo que se declara de interese autonómico o proxecto que desenvolverá o futuro Centro de Alto Rendemento de Galicia, cuxo texto íntegro se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o devandito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta do 10 de marzo de 2025 polo que se declara o interese autonómico do proxecto que desenvolverá o futuro Centro de Alto Rendemento de Galicia

I. Antecedentes.

1. O 23 de setembro de 2024, a Secretaría Xeral para o Deporte informou sobre a conveniencia de iniciar o procedemento de declaración de interese autonómico do proxecto denominado Construción dun centro de alto rendemento, ao abeiro da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (en diante, LOT).

O dito informe acompáñase dunha proposta de actuación, en forma de anteproxecto, que desenvolve o establecido no artigo 41.2 da LOT e, da que se extrae, entre outras, as seguintes consideracións:

– Descrición da actuación proposta e localización.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva, situado na cidade de Pontevedra, constitúe un eixo central do deporte en Galicia. Foi cualificado como centro de alto nivel deportivo pola disposición adicional segunda do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia. Esta instalación, xunto co centro deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela, vertebran a infraestrutura da excelencia deportiva na nosa comunidade autónoma. Para a súa expansión, tendo en conta o crecente número de deportistas de alto nivel en Galicia en diversas modalidades, faise necesario facer deste novo espazo un centro de alto rendemento, xunto coas instalacións xa existentes na provincia de Pontevedra, como o impulso definitivo da preparación dos nosos deportistas máis excelentes.

Este feito permitirá aumentar e complementar os programas de rendemento e tecnificación deportiva que no día de hoxe se levan a cabo en Galicia. Así, o desenvolvemento dun posterior proxecto de interese autonómico, en diante, PIA, permitirá dotar de instalacións novas modalidades como o bádminton, a ximnasia, os deportes urbanos, o baile deportivo ou os deportes de combate, entre outros, o que permitirá ampliar a oferta deportiva e os servizos aos deportistas. Ademais, no ámbito do PIA desenvolveranse un conxunto de infraestruturas destinadas a impulsaren distintos compoñentes do sistema deportivo autonómico, ampliaren a oferta deportiva e os servizos ás entidades deportivas, empresas, escolas e universidades, así como a promoveren o desenvolvemento da industria do deporte en Galicia.

O Proxecto do Centro de Alto Rendemento de Galicia executarase en diferentes etapas, que amplían e melloran as instalacións existentes e crean novas instalacións deportivas, que permiten o impulso do deporte de alto nivel en Galicia en novas modalidades e especialidades deportivas.

Por iso, a execución do proxecto poderá ter lugar en diferentes momentos temporais paralelos ou sucesivos dependendo das dispoñibilidades orzamentarias dispoñibles para a súa correcta execución en cada exercicio.

Os obxectivos pretendidos co desenvolvemento deste proxecto son, entre outros:

• Complementar e aumentar os programas de tecnificación e alto rendemento deportivos de Galicia.

• Dotar de instalacións propias determinadas modalidades do CGTD como o bádminton, a ximnasia, o baile deportivo, a escalada, os deportes urbanos, ata converterse nun centro especializado en modalidades que conectan especialmente coa mocidade e proporcionando aos deportistas de alto nivel as mellores condicións de adestramento. Así mesmo, dotar de servizos complementarios os nosos deportistas de alto nivel (salas polivalentes e de usos múltiples, aloxamento durante concentracións, etc.).

• Dar unha solución largamente demandada á situación do polígono de tiro de Cernadiñas Novas e dotar así a Galicia dun centro especializado en tiro olímpico e paralímpico.

O futuro centro de alto rendemento será un complexo de instalacións de preto de 120.000 m2 de superficie, situado no municipio de Pontevedra, na parroquia de Santo André de Xeve, a tan só 7 quilómetros de distancia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, do que a Xunta de Galicia é titular. O centro contará coas seguintes infraestruturas e dotacións:

– Instalacións deportivas, que se construirán en fases sucesivas e que se determinarán con máis detalle e concreción no PIA e acollerán a práctica de diversas modalidades e especialidades deportivas, entre outras, bádminton, ximnasia, deportes de combate, baile deportivo, escalada, esgrima, así como un módulo de atletismo cuberto, entre outros.

– Zonas comúns, que incluirán aulas para formación, zona administrativa e servizo médico, entre outros.

– Residencia para concentracións deportivas e/ou estadías de deportistas de alto nivel, incluída nun andar das zonas comúns.

– Área exterior deportiva: circuítos para BMX, BTT e skate, entre outros.

Segundo a descrición das instalacións previstas, a actuación proposta caracterízase como un grande equipamento deportivo público, no que se integran ademais outros tipo de usos dotacionais (docente e asistencial) vencellados ao mundo do deporte.

Trátase dun proxecto de titularidade pública, que necesariamente implica a transformación urbanística do solo. A elección do ámbito é consecuencia do crecemento do deporte de alto nivel en Galicia nos últimos anos sen precedentes, que trae consigo a necesidade de responder cunhas instalacións que poidan acoller os seus adestramentos. A Xunta de Galicia actúa con planificación, por iso amplía as súas instalacións para que o futuro do deporte de alto rendemento teña nesta comunidade autónoma unhas instalacións deportivas axeitadas, converténdoa nun referente no Estado español.

Para acoller as novas actividades deportivas precísase dunha superficie de 119.156 m2 situada a carón das instalacións existentes, que abrangue desde o camiño de acceso ao norte ata o río Lérez e o encoro de Bora polo sur. O ámbito sitúase lindante coa estrada PO-224 (PO-531 Barro-N-541 Pontevedra) que serve de acceso aos novos terreos deportivos.

Esta área de ampliación supón un incremento da superficie destinada a equipamento de 50.634 m2 respecto do existente.

Para acoller as instalacións deportivas, tanto as existentes como as previstas, o PIA delimita unha área de movemento da edificación de 98.677 m2 de maneira que se establece unha área de amortecemento entre o solo rústico e as edificacións e entre estas e a estrada provincial PO-224.

En resumo, a ordenación proposta abrangue:

Sistema de infraestruturas de comunicacións: 10.920 m2.

Sistema de equipamento: 108.236 m2.

Total: 119.156 m2.

– Respecto da fundamentación do interese autonómico, entre outras consideracións, consta na proposta:

A LOT exixe que para ser catalogado como proxecto de interese autonómico é necesario que transcenda do ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características. A actuación debe por tanto entenderse como un proxecto con características que o clasifican como de interese supramunicipal cualificado.

Tal e como recolle a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte galego, o deporte constitúe unha actividade de interese público, polas especiais funcións coas que contribúe á sociedade. O deporte é un elemento clave na saúde e imprime na personalidade da mocidade valores de superación, loita, respecto aos demais, así como o cumprimento das normas. Tamén é un factor esencial no crecemento persoal baseado no esforzo e na mellora do propio rendemento. Todos eles son valores sociais especialmente interesantes no proceso de sociabilidade.

Non hai dúbida de que o Centro de Tecnificación Deportiva de Galicia é unha instalación de referencia na Comunidade, e no resto do Estado, pola súa excelencia competitiva e na formación académica de deportistas. Este centro naceu na cidade de Pontevedra no curso 1987-1989 e co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os e as mellores deportistas de Galicia e na actualidade dá cabida aos principais deportistas e ás promesas do deporte galego.

En prol da definición da política deportiva autonómica, fixando as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego dos seus diferentes niveis, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia pretende dotar o deporte de alta competición galego dos medios necesarios para a mellora e crecemento actual e futuro.

Con este obxectivo nace o futuro centro de alto rendemento, como unha ampliación e modernización do CGTD de Pontevedra. Este feito permitirá aumentar e complementar os programas de tecnificación deportiva que no día de hoxe se desenvolven.

O desenvolvemento do proxecto permitirá, ademais de posibilitar a práctica de novas modalidades, complementar todo o exposto con servizos educativos destinados a impulsaren outros compoñentes do sistema deportivo mediante a impartición de conferencias e cursos de actualización de competencias, será centro de laboratorio de experimentación de experiencias de diversos ámbitos do deporte.

Este proxecto contribúe ao cumprimento dos obxectivos fixados pola política deportiva en Galicia ao promover o afianzamento do deporte de alto nivel galego, incrementar a súa competitividade e aumentar as súas modalidades pola vez que contribúe á xeración de emprego. A proposta desenvólvese coa garantía de minimizar os efectos sobre o medio no que se insire, ao formularse en continuidade coas instalacións existentes, garantindo a integración na paisaxe e a optimización dos recursos existentes en relación ás conexións e servizos.

– Inadecuación do planeamento urbanístico.

O Concello de Pontevedra conta cun Plan xeral de ordenación urbana (PXOU), que foi aprobado definitivamente o 18 de decembro de 1989.

O ámbito do Plan especial de infraestruturas e dotacións, en diante, PEID, está clasificado polo Plan xeral de ordenación urbana como solo non urbanizable común, solo non urbanizable de protección forestal, solo non urbanizable de protección paisaxística e solo urbano dotacional. Aparecen no catastro unha serie de edificacións de superficie total de 1.699 m2 (ano de construción 1970) e o plan xeral vixente no municipio de Pontevedra recolle a totalidade da superficie da parcela na que se atopan as ditas construcións como solo urbano dotacional.

Á vista da clasificación e cualificación urbanística da parcela, as instalacións poderían ser regularizadas mediante un proxecto de legalización adaptándose na súa totalidade ao Código técnico da edificación e demais normativa sectorial que lle poida ser de aplicación.

Dado que o Plan xeral de ordenación municipal de Pontevedra non foi redactado baixo a vixente Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e non está adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA), resulta de aplicación o disposto na disposición transitoria segunda da LSG, polo que a parcela clasificada como solo urbano dotacional mantén esa clase de solo e debe seguir as determinacións que establece o planenamento vixente para a urbanización en solo urbano.

Na zona proposta para o PIA clasificada como solo rústico, son de aplicación as condicións reflectidas nos artigos 35 e 50 da Lei do solo (LSG) e do seu regulamento (RLSG), respectivamente.

En resumo, tal e como se detalla na proposta, as instalacións de tiro existentes teñen carácter de equipamento ao servizo dun ámbito funcional superior ao municipal e pretenden complementarse cunha maior oferta de actividades nun espazo superior ao delimitado polo Plan xeral de ordenación municipal de Pontevedra, polo que, dada a clasificación do solo existente no ámbito, o PIA proposto amplía o espazo destinado a sistema xeral e unifica os criterios para a urbanización e utilización do ámbito no seu conxunto mediante o establecemento das correspondentes ordenanzas e garantindo pola súa vez a integración do complexo na contorna na que se insire.

2. Dando cumprimento ao artigo 42.1 da LOT, e por razón da materia, a Secretaría Xeral para o Deporte emite o 23 de setembro de 2024 un informe sobre a procedencia da declaración de interese autonómico, que se expón a continuación, con cifras actualizadas o febreiro de 2025:

– A Lei do deporte de Galicia, Lei 3/2012, do 2 de abril, recoñece a consideración do deporte como actividade de interese público para a Comunidade Autónoma galega. O deporte establece a norma, desempeña destacadas funcionalidades, en especial nos ámbitos da educación, a formación e a cultura, na mellora da saúde pública, no fomento da cohesión social e no desenvolvemento e respecto ao ambiente.

Sobre a base destas funcionalidades, o desenvolvemento dun sistema deportivo galego, desde a perspectiva do deporte de competición, continúa a ser un elemento esencial deste, que nos últimos anos veu incrementado o seu nivel en canto a número de deportistas, seccións deportivas, de resultados a nivel estatal e en competicións internacionais.

Estes resultados tan positivos reflicten o traballo dos propios deportistas, das federacións e tamén do firme compromiso que a Xunta de Galicia mantén co deporte de alto nivel.

– Galicia conta cun importante tecido de marcado carácter polideportivo, unha ampla rede de clubs nas distintas modalidades e especialidades oficialmente recoñecidas, onde os axentes deportivos, incluídos os deportistas, os técnicos e os adestradores, desenvolven procesos formativos e competitivos desde a base ata o alto nivel. Ao mesmo tempo, o sistema deportivo galego acolle tamén, de forma crecente, as demais funcionalidades do sistema: o deporte autonómico é un sector económico con achega propia no desenvolvemento de seu e que contribúe ás oportunidades de emprego con enfoques como a prestación de servizos e a produción de bens ligados á práctica deportiva e de actividade física, o patrocinio ou a organización de eventos deportivos, entre outros ámbitos.

Desde a aprobación en xaneiro de 2004 do decreto polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes, a Comunidade Autónoma conta con máis de mil cincocentos deportistas galegos recoñecidos (alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base), dos cales 1.116 son de alto nivel. Galicia conta con máis de 319.000 licenzas deportivas (en 2021 esa cifra roldaba as 230.000) e unha de cada catro licenzas son de mulleres.

O orzamento da Xunta de Galicia destinado ao deporte acadou unha cifra en 2025 de 39 millóns de euros, dos cales se destinará parte á reparación e á construción de instalacións deportivas, propias e alleas, que posibilite a xeneralización da práctica da actividade deportiva.

O pasado ano olímpico volveuse demostrar o excelente estado de saúde do deporte de alto nivel en Galicia, que nos xogos de París 2024 contou con 32 deportistas olímpicos e 14 paralímpicos galegos supoñendo un 18 % máis que nos últimos xogos de Toquio. Ademais, 20 deportistas galegos conseguiron medalla ou diploma e case o 90 % dos deportistas paralímpicos galegos estiveron entre os oito mellores en París.

– O deporte galego ten no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) a instalación de referencia da súa excelencia competitiva, unha excelencia que recolle tamén a formación académica dos deportistas para a súa formación integral. Este centro naceu no curso 1987-88 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra. Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas de Galicia e, na actualidade, acolle os principais deportistas e promesas do deporte galego.

En 2007 e en 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e á área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e de vela.

Desde a súa posta en marcha, o centro contou con diversas seccións deportivas: bádminton, natación sincronizada, voleibol, atletismo, ciclismo, judo, loita, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tenis ou tríatlon. Na actualidade, conviven 11 seccións (atletismo, bádminton, judo, loita, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tríatlon, vela e ximnasia) e son 13 as especialidades deste: atletismo lanzamentos, bádminton, judo, loita, natación pura e augas abertas, natación artística, piragüismo slálom, piragüismo, augas tranquilas, taekwondo, tríatlon, vela e ximnasia.

Actualmente, o centro móstrase insuficiente para os bolseiros, así como para os clubs e escolas deportivas municipais usuarias. Un total de 2.100 usuarios semanais máis as competicións que se celebran nas súas instalacións. Para este curso académico 24-25, solicitaron praza no centro 267 deportistas de tecnificación máis de rendemento, dos que tan só 160 obtiveron praza.

É necesario acometer a ampliación do centro para poder acoller, como consecuencia do incremento do nivel deportivo, máis deportistas de nivel nos adestramentos das seccións deportivas e mellorar as instalacións para seguir mellorando deportivamente e evitar unha posible fuga de deportistas de tecnificación a outros centros. Este paso significaría o pulo definitivo para progresar na excelencia do centro e na súa transformación como Centro de Alto Redemento.

– Actualmente no complexo Cernadiñas Novas, existen unhas instalacións deportivas dedicadas á práctica de varias modalidades de tiro e mesmo á formación de corpos e forzas de seguridade de diferentes administracións. A actividade desenvólvese desde finais dos anos 50 e desde aquela etapa, os terreos foron tamén mudando de titularidade. O Concello de Pontevedra cedeuno gratuitamente ao Estado quen, coa chegada da repartición constitucional de competencias, o cedeu á Xunta de Galicia. Porén, unha sentenza de 2018 declarou a titularidade dos terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santo André de Xeve. As ditas instalacións, ademais, non contan con licenza de actividade, pese a que as construcións existentes datan de 1970 e o PXOU do concello clasifica ese solo como urbano dotacional. A Consellería de Facenda e Administración Pública asinou o 15 de xullo de 2024, con cargo aos orzamentos desta secretaría xeral, un contrato oneroso de cesión de uso deste terreo para normalizar a súa utilización e para que os tiradores poidan seguir a ter unhas instalacións con todas as garantías xurídicas. A comunidade de montes, ademais, expresou a súa conformidade cunha futura expropiación dos terreos, xa que estarían incluídos no perímetro deste proxecto, que abrangue o triplo de superficie que esta parcela. Estaría asegurado, por tanto, a tramitación pacífica do correspondente proxecto autonómico.

Precisamente, polas especiais características desta localización, a tramitación dun proxecto destas dimensións como de interese autonómico, impulsado pola propia Xunta de Galicia, como instrumento de intervención directa na ordenación do territorio como dotación urbanística de equipamento deportivo, require da súa previa declaración de interese autonómico, pois non conta cun plan sectorial que o acolla. Ademais, posto que a localización ocuparía unha superficie de 119.156 m2, a tramitación do proxecto de interese autonómico servirá para que os terreos proxectados sexan declarados como de utilidade pública para os efectos, de ser o caso, de tramitar os correspondentes expedientes de expropiación, nos termos do artigo 59.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

As características dos terreos, a proximidade ao CGTD, na cidade de Pontevedra, e a existencia desde hai máis de 50 anos de instalacións e servizos deportivos na localización, que precisan normalizar a súa situación xurídica, fan do Complexo Cernadiñas Novas o punto de partida idóneo para acometer a ampliación de instalacións e modalidades do CGTD.

3. En cumprimento do mesmo artigo 42.1, a Secretaría Xeral para o Deporte solicitou un informe da consellería competente en materia de ordenación do territorio, sobre a coherencia da proposta de actuación coas determinacións das directrices de ordenación do territorio e dos restantes instrumentos de ordenación do territorio vixentes que afecten o ámbito do proxecto. Este informe emíteo o 27 de novembro de 2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU), e conclúe a coherencia do proxecto.

No dito informe a DXOTU considera que a proposta de actuación concorda co contido recollido no artigo 41.2 da LOT e que a xustificación do interese autonómico se basea, por unha parte, na súa incidencia económica e social, así como, desde o punto de vista do deporte galego, que ten no CGTD a instalación de referencia da súa excelencia competitiva, e é este o centro que se pretende ampliar.

Por outra banda, a DXOTU, en relación á coherencia do proxecto presentado coas determinacións das directrices de ordenación do territorio e outros instrumentos de ordenación territorial, sinala a posibilidade de formular proxectos de interese autonómico sen a previa existencia dun plan sectorial, sempre que os proxectos se axusten aos criterios e obxectivos xerais que establecen as DOT, debendo tamén ser congruentes e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes cos que puidese concorrer polo ámbito territorial ou polo contido do proxecto, e informa da viabilidade da tramitación desta actuación como un PIA non previsto. Dá por cumprido o establecido no punto 5 das DOT, referíndose ás condicións dos equipamentos supramunicipais colectivos, neste caso, deportivos, en canto á súa escala e á súa planificación de acordo co sistema de asentamentos do noso modelo territorial, xa que se sitúa na rexión urbana Vigo-Pontevedra e se trata dunha ampliación do CGTD, estratéxico na política deportiva autonómica.

Considera que o proxecto presentado transcende do ámbito municipal do Concello de Pontevedra onde se sitúa e pode dicirse, respecto da súa incidencia territorial, que se trata dunha referencia para a globalidade da Comunidade Autónoma como centro de tecnificación deportiva. Conclúe o informe que se trata dun equipamento supramunicipal de rango autonómico.

Faise constar que no documento final que se elabore, se é o caso, se concretarán aquelas determinacións que se desenvolvan de xeito particular no seu ámbito de actuación, así como unha análise de compatibilidade estratéxica (ACE) que xa consta no anteproxecto achegado coa proposta de informe da DXOTU.

Por último, a DXOTU indica que no ámbito territorial no que se desenvolve o proxecto de interese autonómico non incide ningún outro instrumento de ordenación do territorio distinto das directrices de ordenación do territorio.

O informe considera que o obxecto que a actuación responde ás finalidades para as que os proxectos de interese autonómico se sinalan na Lei 1/2021, de ordenación do territorio de Galicia, e resulta coherente coas determinacións das directrices de ordenación do territorio de Galicia e o resto de instrumentos de ordenación do territorio vixentes.

4. En cumprimento do trámite de audiencia por prazo de dous meses exixido no artigo 42.2 da LOT, a Secretaría Xeral para o Deporte remitiu o 28 de novembro de 2024 un oficio, xunto co acordo de trámite de audiencia, ao Concello de Pontevedra, á Deputación de Pontevedra, así como á CMVMC de Santo André de Xeve.

A secretaría publicou o 27 de novembro de 2024 no Diario Oficial de Galicia para coñecemento xeral, o acordo do trámite de audiencia ao que se somete o procedemento (DOG núm. 241).

Non se rexistrou ningunha alegación por parte de ningunha Administración nin persoa ningunha, polo que este órgano acordou non solicitar ningún informe sectorial adicional á vista de que non se presentaron alegacións que precisen de valoración técnica.

II. Consideracións legais e técnicas.

1. Cuestións de competencia e procedemento.

O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento de declaración de interese autonómico, regulado na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

A Secretaría Xeral para o Deporte é competente para a formulación deste informe-proposta en atención e no marco exclusivo das atribucións establecidas no Decreto 136/2024, do 20 de maio, pola que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes é competente para a formulación da proposta ao Consello da Xunta de Galicia segundo o establecido 42.3 da antedita lei.

2. Cuestións relativas ao procedemento de declaración de interese autonómico e distinción do procedemento de aprobación do ulterior proxecto.

Como se deduce do artigo 40.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, os proxectos de interese autonómico son «os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade Autónoma, que teñen por obxecto planificar e proxectar as seguintes actuacións, sempre que transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado». Entre as actuacións que a lei indica están as seguintes: a) Implantación de dotacións urbanísticas (equipamentos e infraestruturas) e c) Creación de solo destinado á realización de actividades económicas.

Como se deduce do precepto, poden existir proxectos de interese autonómico non previstos que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións non previstas en ningún plan sectorial. Neste caso, o proxecto deberá axustarse aos criterios e aos obxectivos xerais que establezan as directrices de ordenación do territorio e deberá ser congruente e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes cos que poida concorrer polo ámbito territorial ou polo contido do proxecto, como xa formulou a DXOTU no seu informe.

De acordo co artigo 41 da lei:

1. No caso de proxectos de interese autonómico non previstos, será necesaria, como requisito previo ao inicio do procedemento de aprobación, a declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto.

2. Para os efectos do sinalado no número anterior, as persoas ou as entidades promotoras da actuación solicitaranlle á consellaría competente por razón da materia a declaración de interese autonómico, para o que deberán achegar unha proposta de actuación na que se indiquen, cando menos, as seguintes cuestións:

a) Descrición do tipo de actuación que se pretende levar a cabo, de acordo co establecido nos números 1 e 2 do artigo 40.

b) Localización xustificada e ordenación da actuación proposta.

c) Características nas que se fundamenta o interese autonómico, xustificando e motivando os seguintes aspectos:

1º. Que as actuacións previstas transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características, que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, sen que sexa suficiente xustificación a súa situación en terreos de varios termos municipais.

2º. Que as actuacións previstas posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica, ou que sirvan para desenvolver, implantar ou executar políticas sectoriais previstas na lexislación sectorial, ou que a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes ou a súa adaptación ao contorno no que se localicen.

d) Se é o caso, a inadecuación da actuación ao planeamento urbanístico vixente e a imposibilidade de desenvolver a actuación ao abeiro del por falta de previsión ou incompatibilidade coas súas determinacións.

e) Xustificación da súa adecuación ás directrices de ordenación do territorio e a outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito no que se desenvolva o proxecto.

f) Medios económicos que garantan a viabilidade do proxecto.

g) Aspectos ambientais que hai que ter en conta.

Polo tanto, no caso de proxectos de interese autonómico non previstos, é necesaria a declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto, que é o procedemento que se está a tramitar aquí.

A lei distingue claramente este procedemento de declaración de interese autonómico do procedemento de aprobación posterior do proxecto de interese autonómico. Así, a lei indica claramente que o trámite da declaración é un requisito previo, de carácter xurídico, cos seus propios trámites.

Deste modo, a lei regula de forma independente, en preceptos separados, o procedemento de declaración de interese autonómico, no artigo 42, e o procedemento de aprobación dos proxectos de interese autonómico, no artigo 47.

Para este procedemento non resulta preceptiva a presentación e a tramitación dun proxecto, dado que o artigo 41 da lei só exixe unha solicitude á que se debe achegar unha proposta de actuación, amparada neste caso no anteproxecto elaborado pola empresa Alfonso Botana, S.L., cun grao de desenvolvemento inicial, que se detallará na redacción do PIA, que será obxecto de licitación.

Para este procedemento cumpríronse os trámites do artigo 42 da lei e o único informe preceptivo é o da consellaría competente por razón da materia sobre a procedencia da declaración solicitada e sobre a coherencia da proposta de actuación coas determinacións das directrices de ordenación do territorio e dos restantes instrumentos de ordenación do territorio vixentes que afecten o ámbito do proxecto. O dito trámite foi cuberto.

Polo contrario, unha vez declarado o interese autonómico, se é o caso, e unha vez presentado o proxecto, o procedemento de aprobación deste suxeitase aos trámites previstos no capítulo III do título I da lei.

3. Axuste da proposta de actuación prevista aos requisitos da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

A proposta da actuación presentada abrangue os aspectos mínimos exixidos no artigo 41 da lei, e é axeitado e suficiente para os efectos da declaración que debe adoptarse neste procedemento.

Neste sentido, a proposta, como expresamos, refírese aos seguintes aspectos, previstos no artigo 41 da lei:

– Descrición da actuación proposta e á súa localización.

– Fundamentación do interese autonómico.

– Inadecuación do planeamento urbanístico.

– Adecuación ás directrices de ordenación do territorio e a outros instrumentos de ordenación vixente.

– Medios económicos que garanten a viabilidade do proxecto.

– Aspectos ambientais.

O contido da proposta, polo tanto, axústase ao previsto na lei, e resulta suficiente para a valoración do interese autonómico, sen que sexa procedente nin necesario exixir neste procedemento e para os efectos da declaración de interese autonómico, un detalle ou xustificación maior, como xa se viu no punto anterior.

Neste sentido debe destacarse que posteriormente xa será función do proxecto que se presente no procedemento para a súa aprobación, de acordo co previsto na propia lei, desenvolver, ampliar ou completar os aspectos referidos na proposta, que se atopa nun estadio inicial de concreción.

III. Informe-proposta.

De acordo con todo o que antecede, proponse que o Consello da Xunta de Galicia adopte o seguinte

ACORDO:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto que desenvolverá o futuro Centro de Alto Rendemento de Galicia, por considerar que transcende o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, pola súa magnitude e singulares características que o fan portador dun interese supramunicipal cualificado.

As actuacións previstas contribúen ao impulso do deporte de alto nivel en Galicia e a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada ordenación territorial das actuacións que constituirán o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes, sen menoscabo da funcionalidade dos existentes, e a súa adaptación ao contorno no que se localizan.

2. O órgano competente por razón da materia para a tramitación do proxecto de interese autonómico é a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, e esta consellería debe cumprir co procedemento legal establecido na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.