DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 26 de marzo de 2025 Páx. 19000

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 27 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT221C).

BDNS (Identif.): 822227.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o cal deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2025 na epígrafe 476.1, edición de libros, do imposto de actividades económicas.

Non se poden beneficiar das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, quedan excluídos os proxectos que presenten contratos de tradución con persoas xurídicas.

En ningún caso se concederán máis de cinco axudas por editor a obras en que conste o mesmo tradutor.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido nesta orde (código de procedemento CT221C).

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2025.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT221C).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe máximo de 150.000,00 €, dos cales 67.500,00 € corresponden á anualidade 2025 e 82.500,00 € á anualidade 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude