DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 26 de marzo de 2025 Páx. 19002

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 28 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT221D).

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao abeiro do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Tamén é competencia da consellería o apoio á produción editorial e a edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece subvencións de apoio ao libro galego, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, de xeito que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A participación das entidades estranxeiras nesta convocatoria é de especial interese xa que facilitan a internacionalización da creación literaria galega e a incorporación e o enriquecemento do mercado editorial de Galicia e en galego coa produción literaria española e estranxeira. Debido a que as persoas destinatarias destas axudas poden estar situadas en países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable a cada un e con características técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, habilítase temporalmente o acceso mediante calquera medio que deixe constancia da presentación no prazo, co fin de que non se obstaculice o seu acceso a esta convocatoria.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido na presente orde. Código de procedemento CT221D.

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras, publicadas orixinariamente en galego.

Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2025.

Artigo 2. Condicións

1. Considéranse custos subvencionables os honorarios profesionais da persoa que realice a tradución.

2. A tradución da obra para a que se solicita a subvención deberase publicar despois da data de publicación desta convocatoria.

3. Só se subvencionará a tradución dun mesmo título para a mesma lingua. No suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra, subvencionarase a solicitude que obtivera máis puntos de acordo co artigo 13, e en caso de empate a presentada en primeiro lugar.

4. Cada empresa editorial poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 15 obras.

5. Só serán obxecto de subvención as obras das que se trate dunha primeira tradución ou teñan pasado máis de 20 anos desde a última tradución.

6. Non poderán ser obxecto de axuda as obras que recibiran esta mesma subvención en convocatorias anteriores.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución, aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2025 na epígrafe 476.1 Edición de libros, do imposto de actividades económicas.

Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, quedan excluídos os proxectos que presenten contratos de tradución con persoas xurídicas.

En ningún caso se concederán máis de cinco axudas por editor a obras nas cales conste o mesmo tradutor.

Artigo 4. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe máximo de 50.000 €, dos cales 22.500 € corresponden á anualidade de 2025 e 27.500 €, á anualidade de 2026.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe máximo de subvención por obra será de seis mil euros (6.000 €). Para a súa concesión aplicarase o procedemento establecido no artigo 14 da presente orde.

Artigo 5. Natureza e concorrencia das axudas

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego quedan suxeitas ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, L).

3. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 2023/2831. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000 € durante o período dos tres anos previos á data da concesión. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

4. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

4. Excepcionalmente no caso de editoriais estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Debido a que as persoas destinatarias destas axudas poden estar situadas en países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable a cada un e con características técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, habilítase temporalmente o acceso mediante calquera medio que deixe constancia da presentación en prazo, co fin de que non se obstaculice o seu acceso a esta convocatoria. A presentación de solicitudes por parte de editoriais estranxeiras deberá ser notificada ao correo axudas-libro.cultura@xunta.gal

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral. Esta documentación só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial:

– Escritura pública da constitución da entidade ou equivalente, de ser o caso.

– Poder do representante legal, de ser o caso.

– Copia do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Certificado de exención de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Declaración responsable de exención de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Certificación onde conste o motivo polo que a editorial, sexa persoa física ou xurídica, non figura inscrita nas bases de datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria e/ou da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e/ou da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, de ser o caso.

– Plan de distribución da obra, acreditado con contratos ou certificado.

B. Documentación específica referida ás obras que se pretende traducir:

– Contrato coa persoa tradutora da obra con data a partir do 1 de xaneiro de 2024, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución, os datos identificativos da persoa que realizará a tradución, e que a obra obxecto da subvención se traduce desde o galego como lingua orixinal.

– Breve referencia do interese cultural do autor que se propón traducir de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 13, nos que se valorarán entre outros os seguintes aspectos; premios obtidos, número de títulos publicados, número de títulos traducidos, tiraxe e edicións da súa obra, valoracións en medios especializados, difusión do patrimonio cultural galego, nas súas diversas manifestacións, referidos á persoa do autor ou autora da obra, a súa vixencia e a súa influencia sociocultural (máximo 3 páxinas).

– Breve referencia do interese da obra que se propón traducir e da súa importancia para o enriquecemento da cultura galega de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 13, nos que se valorarán entre outros os seguintes aspectos; número de edicións da obra que se vai traducir en calquera lingua editadas nos últimos vinte e cinco anos, linguas para as que xa foi traducido, difusión do patrimonio cultural galego nas súas diversas manifestacións, a súa vixencia e a súa influencia sociocultural, contribución da obra á difusión da imaxe de Galicia como sociedade avanzada (máximo 3 páxinas).

– Currículo da persoa tradutora onde conste a obra traducida segundo o establecido no punto 2 do artigo 13 da orde de convocatoria, diferenciando obras literarias doutras traducións en ámbitos distintos do literario, así como dos premios de ámbito autonómico ou rexional, nacional ou internacional recibidos e outro experiencia profesional como tradutor en ámbito diferente ao literario (máximo 2 páxinas).

– No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, certificación que acredite que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor, así como do seu currículo e a cuantificación do importe da tradución. De acordo co artigo 3, só se poderán incluír un máximo de 5 obras do mesmo tradutor.

– Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra.

– Xustificante de ter presentado un exemplar completo da obra para a que se solicite a axuda. O exemplar da obra deberá presentarse en soporte papel cando sexa inviable a súa presentación electrónica, tal e como se recolle no artigo 9 apartado 5.

A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola editorial solicitante, que será responsable da veracidade da tradución.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Excepcionalmente, a documentación referida á achega dun exemplar completo da obra para a que se solicita a axuda, prevista no artigo 8, alínea B, presentarase en soporte papel cando sexa inviable a súa presentación electrónica. A dita documentación poderá presentarse por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dirixirase a Dirección Xeral de Cultura, Servizo do Libro e Publicacións, na Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

6. As editoriais estranxeiras terán en conta o disposto no artigo 6.4 da presente orde.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

k) Consulta de concesión pola regra de minimis.

l) Certificado de domicilio fiscal.

2. As editoriais de fóra de España que non dispoñan da documentación prevista no parágrafo anterior, deberán achegar a súa equivalente, de acordo coa lexislación do seu país de orixe, dado que automaticamente non se pode comprobar.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se dará por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que deba formularse a proposta de resolución. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

3. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, segundo os criterios establecidos na presente orde. O dito órgano colexiado, Comisión de Avaliación, estará constituído polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, nomeado/a pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

– Vogais:

• A persoa titular da xefatura do Servizo do Libro e Publicacións.

• Unha persoa experta por proposta das asociacións de tradutores.

• Unha persoa experta por proposta das asociacións de editores.

• Unha persoa experta no ámbito do libro galego designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da Comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

4. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 13 desta orde e a repartición económica realizarase de acordo co establecido no artigo 14. En todo caso respectaranse os límites determinados no artigo 4.

5. Ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda o seu custo total.

Artigo 13. Criterios de adxudicación

As solicitudes que se presenten serán valoradas pola Comisión de Avaliación, a que fai referencia o artigo 12, número 3, de acordo cos seguintes criterios por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

1. Interese cultural do autor e da obra que se propón traducir. Máximo 43 puntos.

Valorarase:

A obra completa do autor, incluirase na valoración entre outras: premios obtidos, número de títulos publicados, número de títulos traducidos, tiraxe e edicións da súa obra, valoracións en medios especializados, difusión do patrimonio cultural galego, nas súas diversas manifestacións, referidos á persoa do autor ou autora da obra, a súa vixencia e a súa influencia sociocultural: máximo 25 puntos.

Importancia singular do libro a traducir, incluirase na valoración entre outras número de edicións da obra que se vai traducir en calquera lingua editadas nos últimos vinte e cinco anos, linguas para as que xa foi traducido, difusión do patrimonio cultural galego nas súas diversas manifestacións, a súa vixencia e a súa influencia sociocultural, contribución da obra á difusión da imaxe de Galicia como sociedade avanzada: máximo 18 puntos.

2. Traxectoria profesional da persoa tradutora: máximo 22 puntos.

Obra literaria traducida: un punto cada dúas obras traducidas (máximo 10 puntos).

Deberán acreditarse as obras traducidas a través da referencia ao ISBN.

Titulado/grao en tradución: 5 puntos.

Premios específicos de tradución obtidos (máximo 6 puntos):

– Ámbito autonómico/rexional, 1 punto por premio máximo 2 puntos.

– Ámbito nacional, 2 puntos por premio máximo 4 puntos.

– Ámbito internacional, 3 puntos por premio máximo 6 puntos.

Outra experiencia profesional como tradutor en ámbito diferente ao literario: 1 punto.

3. Obra con dereitos vixentes: 10 puntos.

4. Obra orixinalmente editada nos últimos anos (máximo 15 puntos):

Nos últimos 10 anos, 10 puntos.

Nos últimos 2 anos, 15 puntos.

5. Libros de literatura infantil e xuvenil, poesía, divulgación científica e teatro: 10 puntos.

Artigo 14. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliados os proxectos segundo os criterios establecidos no artigo 13 desta orde, a Comisión de Avaliación elaborará un informe no que se incluirá unha listaxe que indique a puntuación outorgada a cada proxecto. O órgano instrutor formulará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada á vista do expediente e do informe da comisión da avaliación.

Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude https://www.cultura.gal. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. As editoriais disporán de dez (10) días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, nos lugares e na forma indicados no artigo 6 desta orde.

En todo caso, as editoriais que presenten alegacións enviaranlle un correo electrónico á Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, no seguinte enderezo: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

2. Unha vez examinadas as alegacións aducidas polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención, e a súa contía, especificando a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala, de acordo cos criterios e puntuacións establecidos no artigo 13 destas bases e distribuirase o orzamento do seguinte xeito:

a) Adxudicarase unha axuda de, como máximo, ata o 90 % do custo da tradución a aquelas entidades que alcancen a máxima puntuación (100 puntos) seguindo a orde da baremación do artigo 13 e diminuirá proporcionalmente ata a última (50 puntos), que recibirá unha axuda de, como máximo, ata o 60 % do custo da tradución.

b) Establécese como prezo máximo por páxina traducida 25 €. Polo que as propostas que superen a dita cantidade serán corrixidas á baixa.

c) A cantidade final adxudicada será a resultante da repartición mediante o rateo do orzamento existente, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo as porcentaxes establecidas de acordo co punto anterior, minorando a cantidade final de cada beneficiario, de ser o caso, en función do importe global máximo dispoñible.

d) O importe máximo de subvención por obra será de seis mil euros (6.000 €).

e) A puntuación mínima para obter a axuda é de 50 puntos.

f) A contía correspondente á primeira anualidade é do 45 % do total adxudicado como axuda e o 55 % restante corresponde á segunda anualidade.

Se como consecuencia da repartición a cantidade resultante é un número cuxo primeiro decimal é 5 ou superior, redondearase ao enteiro superior máis próximo. Se o primeiro decimal é inferior a 5, manterase o mesmo número enteiro.

O expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor no cal conste que da información que consta no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

3. Unha vez realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Cultura quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 15. Resolución

A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de beneficiarios, as cantidades concedidas, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web https://www.cultura.gal. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

O prazo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Así mesmo, deberá comunicárselles ás persoas beneficiarias o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, L).

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos ou por imposibilidade no caso de entidades estranxeiras de conformidade co disposto no artigo 6.4 da presente orde, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en concordancia co previsto no artigo 6 da presente orde.

Artigo 17. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación da resolución de concesión das axudas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web: https://www.cultura.gal

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia salvo nos casos de imposibilidade de conformidade co disposto no artigo 6.4 da presente orde.

Artigo 19. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

Artigo 20. Xustificación

1. As editoriais beneficiarias das axudas para percibir a subvención quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento, no prazo establecido na presente orde. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A xustificación das axudas deberá realizarse do seguinte xeito:

2.1. A contía correspondente á primeira anualidade (45 % da subvención), xustificarase antes do 1 de novembro de 2025 e realizarase un único pagamento do importe total concedido, logo da aceptación da axuda por parte da persoa beneficiaria e da entrega da seguinte documentación:

– Unha copia do contrato, que terá data a partir do 1.1.2024.

A dita anualidade será considerada como anticipo de acordo co artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria.

A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte da entidade beneficiaria, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En aplicación do artigo 65.4 do mencionado Decreto 11/2009, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización e cobranza dos anticipos. Os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 euros. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta, o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

Asemade e de acordo co artigo 65.5 do citado decreto, non estarán obrigados a constituír garantía as persoas ou entidades cuxo domicilio estea situado fóra do territorio nacional e carezan de establecemento permanente no devandito territorio.

2.2. A contía correspondente á segunda anualidade (55 %) xustificarase antes do 1 de outubro de 2026, e realizarase un único pagamento do importe total concedido, logo da entrega por parte da persoa beneficiaria da seguinte documentación:

– A factura xunto co xustificante do pagamento realizado á persoa tradutora, ou certificación conforme esa tradución se fixo con medios propios onde conste o importe da tradución (por palabra ou caracteres e por páxina). O importe pagado debe coincidir co que se fai constar na copia do contrato ou na certificación conforme a tradución se fixo con medios propios.

– Un exemplar da tradución editada, en que deberá constar na páxina de créditos o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia. Deberá cumprir coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

Cando o libro se edite exclusivamente en formato dixital, o editor indicará o enderezo electrónico ou URL e o acceso á publicación. No caso de libros que se editen simultaneamente en formato papel e dixital, unicamente se deberá enviar un exemplar en papel.

– Comunicación que acredite a plataforma ou plataformas de venda onde o libro está aloxado. Será obrigatorio no caso de que o libro se edite en formato dixital e será opcional no caso de que o libro se edite tamén en formato físico.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. De acordo co artigo 29.8 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o IVE só será subvencionable cando non sexa recuperable. Deberán especificar e xustificar esta circunstancia.

Artigo 21. Pagamento

1. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerase gasto realizado e pagado o que se acredite entre o 1 de xaneiro de 2025 e 30 de setembro de 2026.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

4. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

5. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias da subvención farán constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia. Deberase cumprir coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

3. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente inseridas no mercado editorial galego ou dos ámbitos para os que estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

4. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

5. Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

6. As persoas beneficiarias deberán incluír o nome das persoas tradutoras nun lugar ben visible da obra editada.

7. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 23. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 24. Controis

A consellería competente realizará actuacións de seguimento e control das axudas concedidas que considere oportunas, ben con medios propios ou externos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda e o destino definitivo. O beneficiario estará obrigado a colaborar no labor de control proporcionando os datos requiridos.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 27. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, a persoa interesada poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións e Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na BDNS, no prazo de vinte (20) días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Cultura para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file