DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 27 de marzo de 2025 Páx. 19216

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional en centros educativos de Galicia que se inicien no ano 2025 (código de procedemento ED333B).

BDNS (Identif.): 822421.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4, requisitos.

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa sexan beneficiarias da bolsa convocada pola Orde do 28 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna talento, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (DOG número 52, do 13 de marzo de 2024), ou outras bolsas de edicións anteriores.

Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento cincuenta (150) bolsas Retorna talento FP para cursar determinadas ensinanzas de formación profesional que se inicien no ano 2025 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).

Establécense as seguintes modalidades de bolsas:

1. Modalidade A: certificados profesionais.

Setenta e cinco (75) bolsas para cursar, polo réxime dual intensivo, os certificados profesionais (grao C) que se detallan no anexo IV.

O alumnado seleccionado cursará as devanditas ensinanzas na modalidade presencial durante o curso 2024/25.

2. Modalidade B: ciclos de formación profesional dual.

Setenta e cinco (75) bolsas para cursar, polo réxime dual intensivo, os ciclos de formación profesional (grao D) que se indican no anexo V.

Nesta modalidade a formación terá unha duración de dous cursos académicos. Durante o curso 2025/26, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia que poderá desenvolver desde o seu país de residencia, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa. Durante o curso 2026/27, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia, que se impartirá desde o centro educativo, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá na empresa.

As persoas solicitantes poderán concorrer unicamente a unha das dúas modalidades ofertadas, elixindo unha primeira opción como preferente e sinalando na solicitude as restantes opcións segundo a súa orde de preferencia, cun máximo de 3 opcións pertences á modalidade escollida.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no ano 2025 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

Cuarto. Importe

Esta convocatoria terá carácter plurianual e destinaranse un total de 1.200.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.422M.480.1 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dos orzamentos de 2025, 2026 e 2027.

As dúas modalidades (A e B) terán os importes e a distribución seguintes:

Modalidade

Dotación económica

Modalidade A

300.000 €

Modalidade B

900.000 €

2. A distribución de crédito por anualidades será a seguinte:

Modalidade

2025

2026

2027

Modalidade A

300.000 €

-

-

Modalidade B

-

510.000 €

390.000 €

A contía de cada bolsa será de 4.000 € na modalidade A e de 12.000 € na modalidade B.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade A será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día en que finalice o dito cómputo. Para a modalidade B, o prazo de presentación de solicitudes será de 60 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día en que finalice o dito cómputo.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional