DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 27 de marzo de 2025 Páx. 19188

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 24 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional en centros educativos de Galicia que se inicien no ano 2025 (código de procedemento ED333B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, e configura como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e a traballaren na súa propia terra.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, os obxectivos, os contidos, os títulos e as validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español e as súas consecuentes modificacións recollidas na Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 30 de decembro).

A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, establece, no seu título VII –Orientación profesional–, que as administracións públicas deberán garantir, no ámbito das súas respectivas competencias, o apoio integral á carreira formativa e profesional mediante unha orientación profesional axustada e eficaz, que lles proporcione ás persoas usuarias as informacións e guías para a consideración de todo tipo de opcións formativas e profesionais na elección ou redefinición dos itinerarios de formación, cualificación e exercicio profesional, eliminando os estereotipos profesionais e sesgos de xénero nas opcións formativas profesionais.

O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, establece no seu artigo 189 que a orientación profesional do Sistema de formación profesional ten como finalidade principal fomentar o desenvolvemento persoal e profesional das persoas, sen distinción de idade, sexo, procedencia, situación persoal ou laboral, nivel socioeconómico ou cultural, capacidades diferentes, discapacidade ou necesidades educativas especiais. Esta orientación busca facilitar a configuración de itinerarios formativos flexibles, adaptados ás necesidades individuais e baseados nas ofertas incluídas no Catálogo nacional de ofertas de formación profesional, e promover así a súa conexión con outras ofertas de educación superior.

A Estratexia de formación profesional Galicia 2030 ten como un dos seus eixes a orientación profesional e a difusión das oportunidades, articulada en dúas liñas de traballo: por unha banda, a orientación á cidadanía para o deseño de itinerarios personalizados de formación para o emprego e, por outra, a promoción das oportunidades de formación, adquisición de competencias e recoñecemento destas.

O Plan FPGal360 de orientación profesional integral, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 17 de xuño de 2024, pretende establecer un sistema integral de orientación profesional que guíe e acompañe a cidadanía na súa toma de decisións vocacionais, educativas e profesionais desde idades temperás e ao longo de toda a vida.

A Estratexia Galicia retorna 2023-2026, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de decembro de 2022, inclúe medidas destinadas a atraer persoas galegas residentes no exterior, tanto emigrantes como descendentes destas; ofrecer e procurarlles unha cobertura integral das súas necesidades básicas; facilitar a súa integración educativa e laboral; e analizar e executar todas as medidas ao alcance do Goberno galego para combater e superar o complexo reto demográfico de Galicia desde o fomento do retorno.

Un dos obxectivos desta estratexia é incentivar o retorno das familias do exterior, favorecendo a incorporación tanto nos centros de ensino como no sistema universitario de Galicia. Dentro deste, enmárcase o programa Retorna talento FP, que busca fomentar o retorno das persoas galegas do exterior para cursar ensinanzas de formación profesional nos centros educativos da nosa comunidade autónoma e a súa posterior incorporación ao mercado laboral.

A través deste programa preténdese tamén que a sociedade galega gañe valor cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas galegas que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación con esta comunidade autónoma.

Na súa virtude e en uso das atribucións que lle foron concedidas á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento cincuenta (150) bolsas Retorna talento FP para cursar determinadas ensinanzas de formación profesional que se inicien no ano 2025 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).

Artigo 2. Modalidades das bolsas

Establécense as seguintes modalidades de bolsas:

1. Modalidade A: certificados profesionais.

Setenta e cinco (75) bolsas para cursar, polo réxime dual intensivo, os certificados profesionais (grao C) que se detallan no anexo IV.

O alumnado seleccionado cursará as devanditas ensinanzas na modalidade presencial durante o curso 2024/25, no período comprendido entre a resolución desta convocatoria e o remate do curso académico o 31 de agosto de 2025.

2. Modalidade B: ciclos de formación profesional.

Sesenta e cinco (75) bolsas para cursar, polo réxime dual intensivo, os ciclos de formación profesional (grao D) que se indican no anexo V.

Nesta modalidade, a formación terá unha duración de dous cursos académicos. Durante o curso 2025/26, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia, que poderá desenvolver desde o seu país de residencia, seguido dun período na modalidade presencial, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa. Durante o curso 2026/27, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia, seguido dun período na modalidade presencial, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa.

As persoas solicitantes poderán concorrer unicamente a unha das dúas modalidades ofertadas. Dentro da modalidade elixida, poderán indicar ata un máximo de tres ensinanzas, ordenadas segundo a súa orde de preferencia.

Artigo 3. Persoas destinatarias

1. Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega que resida no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4.

2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa sexan beneficiarias da bolsa convocada pola Orde do 28 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (DOG núm. 52, do 13 de marzo de 2024), ou outras bolsas de edicións anteriores.

3. Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que foran beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no prazo de presentación de solicitudes:

a. Ter os 18 anos feitos na data da solicitude, para o caso dos participantes da modalidade A, ou ben facer os 18 anos de idade durante o ano natural de inicio dos estudos, para o caso dos participantes da modalidade B. En todo caso, o límite superior para ambas, modalidades será de 45 anos na data da solicitude.

b. Estar en posesión de pasaporte ou DNI español.

c. Residir no estranxeiro.

d. Acreditar un mínimo de dous (2) anos de residencia fóra de España inmediatamente anterior á data da presentación da solicitude.

e. Cumprir polo menos unha das seguintes condicións:

– Ser emigrante nacido/a en Galicia.

– Ser emigrante non nacido/a en Galicia, pero residir en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

– Ser descendente por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia.

f. No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.

g. No caso das persoas solicitantes da modalidade B:

– Estar en posesión dalgunha das titulacións que dan acceso ao ciclo formativo correspondente, de acordo co establecido nos artigos 6 e 7 da Orde do 15 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario e para as persoas adultas. Estas titulacións pódense consultar na seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160627/AnuncioG0164-210616-0003_es.html

– A titulación deberá estar homologada e acreditarase mediante a correspondente credencial de homologación. Non obstante, permitirase a inscrición condicionada neste procedemento mediante a presentación da solicitude de homologación xunto coa declaración responsable no modelo do anexo III da Orde do 9 de xullo de 2018, reguladora do procedemento de homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias. En calquera caso, a credencial de homologación deberá estar resolta positivamente e deberá estar enviada antes do 31 de xaneiro do 2026 ao correo electrónico retorna.talento.fp@edu.xunta.gal

– Dispor de conexión a internet e ordenador ou dispositivo móbil compatible coa plataforma de teleformación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal/fpadistancia/).

Artigo 5. Orzamento

1. Esta convocatoria terá carácter plurianual e destinaranse un total de 1.200.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.422M.480.1 da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dos orzamentos de 2025, 2026 e 2027.

As dúas modalidades (A e B) terán os importes e a distribución seguintes:

Modalidade

Dotación económica

Modalidade A

300.000 euros

Modalidade B

900.000 euros

2. A distribución de crédito por anualidades será a seguinte:

Modalidade

2025

2026

2027

Modalidade A

300.000 euros

-

-

Modalidade B

-

510.000 euros

390.000 euros

A concesión destas subvencións quedará condicionada aos ditos límites orzamentarios.

3. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 6. Contía das axudas

1. Modalidade A: a contía de cada bolsa será de 4.000 euros.

A distribución das axudas será a que se mostra na táboa seguinte e o seu pagamento estará condicionado ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17.1 desta orde.

Distribución dos pagamentos

Curso 2024/25

(4.000 euros)

1º pagamento, de 2.300 euros, segundo trimestre de 2025

2º pagamento, de 1.700 euros, antes de terminar o curso 2024/25

2. Modalidade B: a contía de cada bolsa será de 12.000 euros.

A distribución das axudas será a que se amosa na táboa seguinte e o seu pagamento estará condicionado ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17.2 desta orde.

Distribución dos pagamentos

Curso 2025/26

(6.800 euros)

1º pagamento, de 3.800 euros, no 1º trimestre do ano 2026 (anualidade 2026)

2º pagamento, de 3.000 euros, antes de rematar o Curso 2025/26 (anualidade 2026)

Curso 2026/27

(5.200 euros)

3º pagamento, de 2.600 euros, no 1º trimestre do ano 2027 (anualidade 2027)

4º pagamento, de 2.600 euros, antes de rematar o Curso 2026/27 (anualidade 2027)

Coa contía asignada, as persoas beneficiarias deberán afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar a formación, tales como son a viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

Artigo 7. Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario de solicitude que figuran na aplicación informática Ciclosadmisión (https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/), á cal se pode acceder tamén desde a ligazón presente na sede electrónica da Xunta de Galicia dentro do propio procedemento desta convocatoria, e incorporar os documentos requiridos no artigo 8 desta orde á dita aplicación. Rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude e, unha vez enviada, non poderá ser modificada. Así pois, unha vez finalizada a súa formalización, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede a través do formulario electrónico normalizado antedito, que figura como anexo I desta orde a título informativo, e estará tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Entendendo que as persoas a que vai dirixida esta convocatoria teñen acceso e capacidade para realizar este trámite, e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para tramitar este procedemento, de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. As persoas solicitantes residentes en Cuba que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no anexo I.

3. A presentación da solicitude implicará a aceptación do disposto nesta orde e a persoa responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para obter a subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Para calquera información adicional, as persoas interesadas poderanse dirixir ao correo electrónico retorna.talento.fp@edu.xunta.gal

5. O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade A será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade B será de 60 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os devanditos prazos finalizarán ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día en que finalice o cómputo correspondente.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a. Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade ou nacionalidade española, para as persoas solicitantes que non teñan DNI español.

b. Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

c. Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous (2) anos inmediatamente anteriores á data de finalización de presentación da solicitude.

d. Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia:

– Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

– Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/s concello/s galego/s onde residiron.

– Descendentes por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

e. Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

f. Para as persoas solicitantes da modalidade A:

– Documentación acreditativa da experiencia laboral relacionada coa praza que solicitan.

– Documentación acreditativa da formación relacionada coa praza que solicitan.

g. Para as persoas solicitantes da modalidade B:

– Documentación acreditativa da formación necesaria para acceder ao ciclo ofertado segundo o establecido no artigo 4.g).

Curriculum vitae actualizado na data da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución xurada deles en calquera destes idiomas.

6. A persoa beneficiaria presentará, na súa solicitude, unha declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, con indicación das distintas administracións públicas competentes ou as súas entidades vinculadas ou dependentes. A citada declaración encóntrase na epígrafe correspondente ás declaracións da persoa solicitante ou representante do anexo I.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante, de dispor del.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Expediente académico.

– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten o documento correspondente.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes realizarase de maneira electrónica a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 11. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo será o órgano competente para instruir o procedemento de concesión das prazas e bolsas asociadas, e correspóndelle ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ditar a correspondente resolución para cada modalidade.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e examinadas estas e a documentación complementaria, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional exporá, para cada modalidade, as listaxes provisionais de solicitudes admitidas, solicitudes para emendar e solicitudes excluídas, nas cales se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).

3. As persoas con solicitudes para emendar disporán dun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao desta publicación na páxina web (que rematará ás 23.59.59 horas - hora peninsular española), para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións que se establecen no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional exporá, para cada modalidade, as listaxes definitivas de solicitudes admitidas e solicitudes excluídas, nas cales se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado responsable das seguintes funcións:

a. Avaliar as solicitudes admitidas na modalidade A de acordo cos criterios obxectivos establecidos no artigo 13.1.

b. Revisar e validar os procedementos selectivos desenvolvidos polos centros educativos e polas empresas colaboradoras na modalidade B, garantindo o cumprimento dos criterios obxectivos previstos no artigo 13.2.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou persoa en quen delegue.

– Vogais: catro persoas en representación da Dirección Xeral de Formación Profesional, con categoría de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo.

– Secretaría: actuará como secretario/a unha persoa asesora da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, con voz pero sen voto.

4. A Comisión de Valoración constituirase na sede da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou de modo telemático. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. No caso das bolsas da modalidade A, a Comisión de Valoración avaliará os méritos achegados polas persoas solicitantes, e establecerá unha prelación entre as solicitudes admitidas, de acordo coas prazas solicitadas e cos criterios que se determinan a seguir.

a. Vinculación con Galicia: ata 15 puntos, coa seguinte distribución:

1. Nacido/a en Galicia e/ou que residiu en Galicia de xeito continuado durante dez anos antes de emigrar: 15 puntos.

2. Nacido/a no estranxeiro e fillo/a dunha persoa nacida en Galicia: 10 puntos.

3. Outras persoas descendentes dunha persoa nacida en Galicia: 5 puntos.

b. Experiencia laboral relacionada coa praza que solicita: 1 punto por ano completo traballado (0,0833 puntos/mes), ata un máximo de 5 puntos.

c. Formación relacionada coa praza que solicita: 0,10 puntos por cada 10 horas de formación acreditada, ata un máximo de 5 puntos.

2. No referido ás bolsas da modalidade B, en cumprimento do establecido na Orde do 14 de xuño de 2018, pola que se autorizan proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos en centros educativos, en colaboración con diversas entidades, os centros educativos seleccionarán os perfís que mellor se adapten ao programa, tanto a nivel formativo como para as actividades profesionais propostas polas empresas. O procedemento de selección contará coa colaboración e participación activa das empresas involucradas nos proxectos, e estará presente en todas as etapas en que se realice un/unha docente do centro educativo onde se imparte o ciclo formativo correspondente.

Os criterios de selección serán os seguintes:

a. Experiencia previa en roles similares ou en campos relacionados co perfil profesional da praza que se solicita: ata 5 puntos.

b. Capacidade para adaptarse a novas contornas, tecnoloxías ou responsabilidades: ata 5 puntos.

c. Coñecemento previo da empresa e do sector produtivo: ata 5 puntos.

d. Experiencia profesional previa noutros campos: ata 2 puntos.

e. Dominio de habilidades brandas, como a comunicación, a empatía, as habilidades interpersoais ou a capacidade de traballo en equipo: ata 3 puntos.

f. Disposición da persoa candidata durante a entrevista, tendo en conta a actitude, enfoque construtivo e capacidade para manexar situacións difíciles: ata 5 puntos.

Unha vez concluído o procedemento de selección, a Dirección de cada centro educativo emitirá unha certificación coa listaxe de persoas seleccionadas e non seleccionadas, xunto coas puntuacións obtidas por cada unha delas. Esta documentación será remitida á Comisión de Valoración para a súa revisión e validación.

Para poder resultar adxudicatario dunha bolsa será necesario obter unha puntuación mínima de 10 puntos.

En ningún caso o número de persoas seleccionadas polos centros educativos poderá superar o das bolsas dispoñibles para cada ensinanza ofertada.

3. Cando non se alcance o número mínimo de alumnos/as para cursar algunha das ensinanzas ofertadas, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proposta de redistribución das bolsas co fin de garantir a optimización dos recursos da Administración educativa.

Artigo 14. Resolución

1. Modalidade A.

Unha vez avaliados os méritos acreditados documentalmente, a Comisión de Valoración elaborará a listaxe provisional de persoas seleccionadas e non seleccionadas para cada ensinanza ofertada, xunto coa puntuación obtida por cada unha.

Para o caso de empate na puntuación obtida, daráselle prioridade a quen teña a maior vinculación con Galicia, en segundo lugar quen acredite maior experiencia laboral relacionada, en terceiro lugar quen acredite maior formación relacionada, e en cuarto lugar a data de nacemento máis recente.

Esta listaxe provisional publicarase no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal). As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles a contar a partir do seguinte ao da dita publicación (que rematará ás 23.59.59 horas - hora peninsular española), para interpor reclamacións ou renuncias ante a Presidencia da Comisión de Valoración.

Transcorrido este prazo, e unha vez estudadas e, de ser o caso, atendidas as reclamacións e renuncias, a comisión de selección emitirá unha proposta de adxudicación das axudas, que se publicará no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal).

A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional elevará a proposta de adxudicación á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Modalidade B.

A Comisión de Valoración examinará as certificacións achegadas por cada centro educativo e elaborará a listaxe provisional de persoas seleccionadas e non seleccionadas para cada ensinanza ofertada.

Esta listaxe provisional publicarase no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal).

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación (que rematará ás 23.59.59 horas - hora peninsular española), para interpor reclamacións ou renuncias ante a Presidencia da Comisión de Valoración.

Transcorrido este prazo, e unha vez estudadas e, de ser o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a Comisión de Valoración emitirá unha proposta de adxudicación das axudas, que se publicará no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal).

A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional elevará a proposta de adxudicación á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Aceptación ou renuncia

1. A persoa beneficiaria terá a obriga de aceptar ou renunciar á bolsa nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia.

2. A aceptación farase segundo o modelo que se indica no anexo II.

3. A renuncia poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para o cal se poderá utilizar o anexo III.

4. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. No caso de que as persoas adxudicatarias renuncien á concesión ou causen baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na listaxe de non seleccionadas, de ser o caso.

6. As persoas adxudicatarias da modalidade B que nos 7 primeiros días hábiles tras o inicio de cada curso académico non accedan á plataforma de formación a distancia, segundo rexistro da aplicación informática, poderán ser dadas de baixa, e perderán o dereito á bolsa e ao resto de beneficios que implica a súa participación no programa.

Artigo 16. Formalización de matrícula

Unha vez publicadas as adxudicacións definitivas das bolsas en cada unha das modalidades, formalizarase a matrícula das persoas admitidas nas ensinanzas ofertadas nos centros educativos correspondentes. Os prazos de matriculación serán independentes para cada unha das modalidades ofertadas no programa.

Artigo 17. Pagamento das axudas

1. As axudas da modalidade A faranse efectivas en dous pagamentos:

a. O primeiro pagamento, de 2.300 euros, farase no segundo trimestre do ano 2025, despois de publicada a resolución da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia, da formalización da matrícula e do comezo efectivo das clases.

b. O segundo pagamento, de 1.700 euros, farase antes de rematar o curso 2024/25, unha vez comprobado no expediente académico do/da alumno/a que ten aprobado o 70 % dos módulos dos cales se atopa matriculado/a, corroborado ben a través da acta de avaliación, ben mediante informe emitido polo equipo docente e certificado pola persoa directora do centro.

O alumnado será excluído da formación, e perderá o dereito á bolsa, tal e como se establece no artigo 22.3 desta orde, por acumulación dun 10 % de faltas non xustificadas sobre o total de horas do curso, aplicando a devandita porcentaxe ben sobre o total de horas lectivas dependentes do centro educativo, ben sobre o total de horas de formación na empresa, segundo proceda en cada período.

As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través dunha conta bancaria radicada nunha entidade financeira en España. Para esta finalidade, as persoas beneficiarias deberán anexar por vía electrónica o certificado de titularidade bancaria correspondente.

2. As axudas da modalidade B, faranse efectivas en catro pagamentos:

a. O primeiro pagamento, de 3.800 euros, farase no primeiro trimestre do ano 2026, unha vez iniciada a formación presencial e comprobado no seu expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos dos cales se atopa matriculado nese curso académico, corroborado ben a través da acta de avaliación, ben mediante informe emitido polo equipo docente e certificado pola persoa directora do centro.

b. O segundo pagamento, de 3.000 euros, farase antes de finalizar o curso 2025/26, unha vez comprobado no expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos dos cales se atopa matriculado para ese curso académico, corroborado ben a través da acta de avaliación, ben mediante informe emitido polo equipo docente e certificado pola persoa directora do centro.

c. O terceiro pagamento, de 2.600 euros, farase no primeiro trimestre do ano 2027, unha vez iniciada a formación presencial e comprobado no seu expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos dos cales se atopa matriculado nese curso académico, corroborado ben a través da acta de avaliación, ben mediante informe emitido polo equipo docente e certificado pola persoa directora do centro.

d. O cuarto pagamento, de 2.600 euros, farase antes de terminar o curso 2026/27, unha vez comprobado no expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento, corroborado ben a través da acta de avaliación, ben mediante informe emitido polo equipo docente e certificado pola persoa directora do centro.

O alumnado será excluído do proxecto de formación, e perderá o dereito á bolsa e ao resto de beneficios que implica a súa participación no programa, tal e como se establece na o artigo 22.3 desta orde, nos seguintes casos:

1. Durante o período de formación presencial no centro educativo, por acumulación dun 10 % de faltas de asistencia presenciais non xustificadas, aplicando a devandita porcentaxe sobre o total de horas lectivas dependentes do centro educativo.

2. Durante o período de formación na empresa:

– Por acumulación dun 10 % de faltas de asistencia non xustificadas sobre o total de horas establecidas para a formación na empresa e/ou por faltas repetidas de puntualidade non xustificadas.

– Por actitude incorrecta, atendendo ao código disciplinario previsto no convenio colectivo que lle sexa de aplicación ou por falta de aproveitamento que implique un rendemento académico-formativo por baixo do normal pactado. Neste caso a decisión deberá estar suficientemente motivada mediante informe por escrito en que se describan os feitos, a cronoloxía e a súa tipificación.

– Para o alumnado con contrato para a formación en alternancia, pola extinción do contrato por calquera das causas que se establecen no artigo 49 do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto 2/2015, do 23 de outubro.

– Outras circunstancias que figuren no convenio subscrito entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a entidade colaboradora correspondente, que deberán motivarse correctamente estas a través de informe por escrito no que se describan os feitos, a súa cronoloxía e a tipificación asociada.

As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través dunha conta bancaria radicada nunha entidade financeira en España. Para esta finalidade, as persoas beneficiarias deberán anexar por vía electrónica o certificado de titularidade bancaria correspondente.

Artigo 18. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo de resolución será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas convocadas nesta orde quedan obrigadas a:

a. Cumprir os requisitos de formalización de matrícula, asistencia, rendemento académico e aproveitamento das ensinanzas establecidos no artigo 17.

b. Comunicarlle o enderezo para os efectos de notificación, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

c. Comunicarlle por vía electrónica á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, utilizando os modelos normalizados, a aceptación (anexo II) ou a renuncia (anexo III) á praza e á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

d. Dispor dunha conta bancaria radicada en España na cal figure como titular.

e. Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

f. Asistir ás reunións ou actividades que organice a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o desenvolvemento do programa.

g. Someterse aos requisitos legais e regulamentos que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que, respecto da xestión de fondos, pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

h. Comunicarlle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. As persoas beneficiarias están obrigadas ao reintegro, total ou parcial, das subvencións ou das axudas públicas percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno. Base de datos nacional de subvencións

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Compatibilidade das axudas da presente convocatoria

1. As axudas asociadas á presente convocatoria son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

2. Estas axudas son incompatibles coas bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 22. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou a falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procederen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O incumprimento das condicións establecidas na concesión das prazas desta orde dará lugar ao reintegro, total ou parcial, por parte da persoa beneficiaria da subvención ou da axuda pública percibida.

Artigo 23. Devolución voluntaria da bolsa

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da persoa beneficiaria.

Artigo 24. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda. Actualización da oferta de ensinanzas de Formación Profesional

As ensinanzas que se recollen no anexo V desta orde serán incluídas na actualización da oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2025/26.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar as medidas e os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Ensinanzas ofertadas na modalidade A

Concello

Código do centro

Centro educativo

Certificado profesional

Arteixo

15023314

IES de Sabón

HOTR0208-Operacións básicas de restaurante e bar (nivel 1, 290 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://todofp.es/buscadorcertificados/fichaCP?codCertificado=HOTR0208

Muxía

15027927

IES Ramón Caamaño

HOTR0208-Operacións básicas de restaurante e bar (nivel 1, 290 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://todofp.es/buscadorcertificados/fichaCP?codCertificado=HOTR0208

Ourense

32015050

CIFP A Farixa

EOCB0208-Operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas (nivel 1, 320 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://todofp.es/buscadorcertificados/fichaCP?codCertificado=EOCB0208

Poio

36025219

CIFP de Cantería de Galicia

EOCB0208-Operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas (nivel 1, 320 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://todofp.es/buscadorcertificados/fichaCP?codCertificado=EOCB0208

Pontevedra

36020064

CIFP Carlos Oroza

HOTR0108-Operacións básicas de cociña (nivel 1, 350 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://todofp.es/buscadorcertificados/fichaCP?codCertificado=HOTR0208

ANEXO V

Ensinanzas ofertadas na modalidade B

Concello

Código de centro

Centro educativo

Ciclo de formación profesional

Ferrol

15005754

CIFP Ferrolterra

Ciclo superior de Mecatrónica Industrial (2.000 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/retorna-SIMA03

Foz

27020562

IES de Foz

Ciclo medio de Servizos en Restauración (2.000 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/retorna-D2HOT000200

Poio

36025219

CIFP de Cantería de Galicia

Ciclo medio de Construción (2.000 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/retorna-MEOC01

O Porriño

36019529

IES Ribeira de Louro

Ciclo medio de Pedra Natural (2.000 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/retorna-MIEX01

Vilamarín

32016285

CIFP de Vilamarín

Ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos (2.000 horas, 15 prazas)

Máis información:

https://www.edu.xunta.gal/fp/retorna-SHOT01