DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 28 de marzo de 2025 Páx. 19416

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 24 de marzo de 2025 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR605C).

O día 4 de febreiro de 2025, no DOG núm. 23, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR605C).

Esta orde inclúe as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):

a) Intervención 6883, investimentos forestais produtivos.

• Subintervención 6883_02, investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).

b) Intervención 6881.4, investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.

• Subintervención 68814_05, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).

• Subintervención 68814_06, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).

Para que as actuacións previstas na liña II contribúan a acadar os obxectivos da subintervención 68814_05, promovendo a xestión sustentable dos montes mediante intervencións ambientais en frondosas, considérase necesario ampliar o rango de idade das masas en que son subvencionables as accións silvícolas e modificar os modelos silvícolas de adhesión quitando aqueles en que recomendan unha silvicultura próxima á natureza e non intervencionista.

A subintervención 68814_06 ten uns obxectivos ambientais e fins non produtivos, orientados á conservación e mellora dos ecosistemas forestais. A silvicultura con obxectivos ambientais e fins non produtivos implica a aplicación de prácticas que favorezan a biodiversidade, a estabilidade ecolóxica e a resiliencia fronte ao cambio climático, minimizando a explotación comercial e priorizando a restauración dos servizos ecosistémicos e a preservación da paisaxe natural. Segundo o exposto, considérase necesario non subvencionar actuacións en masas de soutos que estean adheridos ao modelo silvícola CS2 (produción de froiteiras de nova plantación) por ter un marcado carácter produtivo.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, no marco das liñas de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), vén incorporando nas bases reguladoras destas axudas disposicións relativas á cesión do dereito de cobramento. En virtude do exposto, este órgano xestor considera necesario incluír na orde de axudas referencias explícitas á cesión do dereito de cobramento, así como especificar a documentación de execución correspondente.

Por último, considérase necesario modificar o prazo de presentación de solicitudes coa finalidade de garantir que as persoas que xa presentaron a súa solicitude, no prazo vixente antes da proposta de modificación, poidan optar por mantela ou modificar a súa solicitude inicial. Así mesmo, permítese que aquelas persoas que non realizaron a súa solicitude no prazo anterior poidan formalizala, adaptándose ás novas condicións establecidas.

De conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR605C)

A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR605C), queda redactada como segue:

Un. Modifícase o ordinal 1º do artigo 6 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1º. Será obxecto de subvención a execución das actuacións do Módulo de silvicultura non produtiva de frondosas, necesarias para a xestión forestal activa das masas de frondosas de especies relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, salvo masas da especie Castanea sativa mill. e Castanea x híbrida (que é obxecto da liña III), e que cumpran os criterios do artigo 3 do Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas».

Dous. Modifícase o ordinal 2º do artigo 6 da referida orde, que queda redactado como segue:

«2º. A superficie de actuación deberá contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou estar adherido a algún dos modelos silvícolas QR1, QR2, QP2, QS1, BC1, PA1, PFMV, PF2, SEF e XFAS establecidos na Orde do 19 de maio de 2014 pola que ese establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021».

Tres. Modifícase o número 1.1.1.1º do artigo 7 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1º. Será obxecto de subvención a execución de todas as actuacións do Módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos de castiñeiros, sobre masas de soutos da especie Castanea sativa mill. e Castanea x híbrida cunha densidade mínima de 50 pés/ha para o modelo CS3 e a establecida no modelo silvícola para o CS1».

Catro. Modifícase o número 1.1.1.2º do artigo 7 da referida orde, que queda redactado como segue:

«2º. A superficie de actuación deberá contar con instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou deberá contar coa adhesión ao modelo silvícola CS1 ou CS3, establecido na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia».

Quinto. Modifícase o número 1.1.2.2º do artigo 7 da referida orde, que queda redactado como segue:

«2º. A superficie de actuación deberá contar con instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou deberá contar coa adhesión ao modelo silvícola CS3, establecido na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia».

Sexto. Engádese o número 8 no artigo 10 da referida orde, que é o que segue:

«8. No caso de cesións do dereito de pagamento, o titular da conta bancaria debe coincidir co cesionario e comprométese a manter a conta aberta ata o final do proceso de xestión da axuda».

Sétimo. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 16 da referida orde, que quedan redactados como segue:

«1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

d) DNI/NIE da persoa cesionaria (se for o caso).

e) NIF da entidade cesionaria (se for o caso).

f) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria (se for o caso).

g) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Seguridade Social a persoa solicitante e, se for o caso, da persoa cesionaria.

h) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

i) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

k) Concesións de subvencións e axudas.

l) Expediente dixital da autorización ou declaración responsable para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada.

m) Expediente do Rexistro de Montes Ordenados ou instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I, V e XII (se for o caso), e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta».

Octavo. Engádese a letra g) no número 2 do artigo 22 da referida orde, que é o que segue:

«g) No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda cun terceiro:

i) Comunicación da cesión do dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo XII desta orde. No caso de que a persoa cedente do dereito de cobramento sexa unha persoa xurídica, será necesario acreditar a autorización, do órgano de decisión correspondente, para efectuar a cesión do dereito de cobramento a favor da persoa cesionaria. No caso particular das CMVMC, o anexo será asinado pola presidencia da CMVMC en nome da comunidade e deberá constar o certificado do secretario da comunidade en que indique que a asemblea xeral autorizou, expresamente, o presidente para asinar a dita cesión de cobramento.

ii) Copia do documento público ou privado no cal se formalizou a cesión. No caso de documento privado, este deberá estar asinado electronicamente. No caso de documento público, xustificación da liquidación do imposto de transmisións patrimoniais de actos xurídicos documentados (ITPAXD)».

Noveno. Engádese o número 5 no artigo 23 da referida orde, que é o que segue:

«5. Malia o anterior, no caso de que a persoa beneficiaria concerte con terceiros a execución total das actividades obxecto de subvención e se acolla á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 3 do artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias».

Décimo. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 28 da referida orde, que quedan redactados como segue:

«1. As persoas beneficiarias destas subvencións e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que realice a Consellería do Medio Rural para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de control e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas da Unión Europea.

Despois da certificación final e pagamento da axuda, a persoa beneficiaria e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, deberán pór á disposición dos citados órganos de control a documentación xustificativa dos gastos da totalidade dos traballos, dos pagamentos e demais documentación exixida pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria e á persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso.

A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia, e o Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

Ademais, deberán proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.

2. A persoa beneficiaria e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se for o caso, está obrigada a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.»

Décimo primeiro. Engádese no anexo V (solicitude de pagamento da subvención) da referida orde, na parte de «documentación que se presenta», unha epígrafe, que é o que segue:

 Comunicación da cesión dos dereitos de cobramento (anexo XII) e a documentación presentada xunto a ese anexo, só no caso de acollerse á cesión do dereito de cobramento.

O dito anexo V está dispoñible na sede electrónica.

Décimo segundo. O anexo VI, Importes e características dos módulos de concesión e xustificación, alínea c.1) (liña III-A: módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos), queda redactado como segue:

Código módulo

Obxectivo do módulo

Especie

Importe (€/ha)

CAST-1

Tratamentos silvícolas necesarios, excluída a poda, para a xestión e o aproveitamento con obxectivos ambientais e non produtivos, así como para a restauración dos ecosistemas formados por soutos de castiñeiro

Soutos de castiñeiros da especie Castanea sativa mill. e Castanea x híbrida coa adhesión ao modelo silvícola CS1 ou CS3, e unha densidade mínima de 50 pés/ha para o modelo CS3 e a establecida no modelo silvícola para o CS1.

2.299,11

Décimo terceiro. O anexo VI, Importes e características dos módulos de concesión e xustificación, alínea c.2) (liña III-B: módulo de silvicultura básica para a rehabilitación de soutos e poda para renovación de copas), queda redactado como segue:

Código módulo

Obxectivo do módulo

Especie

Importe (€/ha)

CAST-2

Tratamentos silvícolas necesarios, incluída a poda de renovación de copas, para a xestión e o aproveitamento con obxectivos ambientais e non produtivos, así como para a restauración dos ecosistemas formados por soutos de castiñeiro

Soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 50 pés/ha, especie Castanea sativa mill. e Castanea x híbrida, coa adhesión ao modelo silvícola CS3.

4.344,77

Décimo cuarto. O anexo IX, número 1, Actuacións do Módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos, condicións e requisitos técnicos mínimos (subintervención 68814_06. Liña III-A), queda redactado como segue:

Actuación

Requisitos técnicos e condicións técnicas mínimas

A densidade final mínima despois do tratamento será de 50 pés/ha para o modelo CS3 e a establecida no modelo silvícola para o CS1. A densidade final mínima poderá ser acadada con plantacións puntuais de pés da especie Castanea sativa mill. e Castanea x híbrida.

Roza

As rozas serán selectivas e afectarán preferentemente as especies heliófilas ou cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer a viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies de subsolo do souto. Ademais, é obrigatoria a eliminación de eucalipto (Eucalyptus sp.), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata), falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e piñeiros (Pinus sp.).

Eliminación de abrochos secundarios ou chupóns

O diámetro mínimo dos abrochos que quedan unha vez feita a eliminación será de 5 cm. Deixaranse como máximo unha vez feito o tratamento un máximo de 3 abrochos por cepa.

Os chupóns serán eliminados na súa totalidade.

Os cortes deben ser tratados con funxicidas de acción preventiva, produtos a base de cobre, pastas protectoras naturais, etc. para favorecer a cicatrización e previr a colonización de axentes patóxenos externos.

Eliminación non mecánica ou extracción dos restos dos tratamentos

Unha vez rematados os traballos é obrigatoria a eliminación non mecánica ou a extracción dos restos que se obteñan como consecuencia do tratamento. De ser o caso, debe cumprirse o establecido na lexislación sectorial sobre a prevención de incendios forestais.

Décimo quinto. No anexo IX, número 2, Actuacións do Módulo de silvicultura básica para rehabilitación de soutos e poda de renovación de copas, condicións e requisitos técnicos mínimos (subintervención 68814_06. Liña III-B) modifícase a primeira liña da táboa, que queda redactada como segue:

Actuación

Requisitos técnicos e condicións técnicas mínimas

A densidade final mínima despois do tratamento será de 50 pés/ha. Só para modelo silvícola CS3.

Décimo sexto. Engádese o anexo XII (comunicación de cesión do dereito de cobramento), que é o que figura como anexo a este texto.

Artigo 2. Modificación de prazo

Modificase o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 13.1 da Orde do 30 de decembro de 2024 nun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Esta modificación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file