O tribunal nomeado pola Resolución de 7 de novembro de 2024 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1,
ACORDOU:
Primeiro. En sesión que tivo lugar o 13 de marzo de 2025, ao abeiro do previsto nas bases da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 1 de febreiro de 2025:
Estudadas as alegacións formuladas e recollidas en actas anteriores acordadas as estimacións, desestimacións e anulacións na sesión núm. 19, o tribunal acordou, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 98 e 113, pasando a computar no exame as preguntas de reserva 161 e 162, e estimar as alegacións ás preguntas 76 e 81; polo tanto, modifícanse as súas respostas, sendo correctas as alternativas c) e b), respectivamente. Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.
Segundo. O tribunal acordou que superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Non obstante, de darse o caso de que o número de aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata acadar a devandita cifra, sempre que obtivesen o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 13 de marzo de 2025, de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima (15 puntos) un total de 30 aspirantes do conxunto de todas as quendas e fixouse en 78,50 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.2.7 da convocatoria. Acordouse publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025
Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal
