A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento parcial das instalacións actuais do parque eólico Sotavento e as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto de repotenciación parcial deste parque.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar a autorización de desmantelamento parcial das instalacións actuais do parque eólico Sotavento e as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto de repotenciación parcial do parque eólico Sotavento, sito nos concellos de Monfero (A Coruña) e Xermade (Lugo) e promovido por Sotavento Galicia, S.A.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Sotavento Galicia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O número 4.1.8 da declaración de impacto ambiental sinala: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o presuposto de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 132.008 euros, dos cales 56.575 euros corresponderán á fase de obras e 75.433 euros á de desmantelamento do parque eólico.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, así como no número 4.1.8. da declaración de impacto ambiental.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado mediante a Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
4. As actuacións de desmantelamento parcial das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como co establecido ao respecto na declaración de impacto ambiental.
Respecto aos traballos de eliminación das cimentacións, en particular as dos aeroxeradores, realizaranse conforme o sinalado polos organismos que se pronunciaron ao respecto (Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Servizo de Montes da Coruña, Subdirección Xeral de Residuos). No caso de que o promotor considere necesario realizar algunha matización ou modificación na execución dos ditos traballos, deberá elaborar un documento en que xustifique axeitadamente a solución proposta, o cal deberá contar, logo do inicio das obras, cos informes favorables dos organismos referidos anteriormente.
5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 31.10.2024, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
De acordo co establecido no número 4.1.2 da declaración de impacto ambiental, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves e quirópteros, así como ás actuacións que se deberán desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas. Prevalecerá como medida para a minimización do impacto por colisión a parada da turbina eólica sobre outras como a activación de sons de alerta que, de aplicarse, deberá contar, en todo caso, cunha modelización previa en que se determine que non superará os limiares establecidos na normativa de aplicación sobre calidade e emisións acústicas. O documento deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
7. Con carácter previo á comunicación de inicio das obras, o promotor deberá contar cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística dos terreos de implantación do parque eólico, previstos no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
8. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 5 da declaración de impacto ambiental do 31.10.2024.
9. A promotora deberalle comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, e achegará toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.
10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante os departamentos territoriais da Coruña e de Lugo un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, os servizos de Enerxías Renovables e Infraestruturas dos departamentos territoriais da Coruña e Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, inspeccionarán as obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
12. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.
15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.
16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 21.5.1999, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar as instalacións electromecánicas e aprobar o proxecto de execución do parque eólico denominado Sotavento. Este proxecto recollía un total de 28 aeroxeradores, o que supoñía unha potencia total de 24 MW.
2. Mediante a Resolución do 1 de maio de 1999 da Consellería de Industria e Comercio declarouse a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico denominado Sotavento.
3. Por medio do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de xullo de 1999 aprobouse definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico denominado Sotavento. Este acordo fíxose público mediante a Resolución do 20 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo.
4. O 9.2.2001, a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Industria e Comercio autorizou a posta en funcionamento das instalacións do parque eólico Sotavento, composto por 24 aeroxeradores e cunha potencia de 17,56 MW.
5. Por medio da Resolución do 9 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas), aprobouse o proxecto de execución das instalacións da segunda fase do parque eólico Sotavento.
6. O 23.12.2014 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emitiu a autorización de posta en servizo das instalacións da segunda fase do parque eólico, compostas por 1 aeroxerador de 100 kW.
7. O 30.3.2023, Sotavento Galicia, S.A. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción para o proxecto de repotenciación parcial do parque eólico Sotavento, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
As actuacións proxectadas consisten, con carácter xeral, no desmantelamento de 6 aeroxeradores existentes (mantéñense 19 máquinas) e na instalación de dous novos, de forma que o parque eólico queda composto por 21 aeroxeradores.
8. Mediante oficio do 11.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude.
9. O 11.7.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.
10. O 24.7.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica o seguinte:
«2.1. Na nota interior pola que se solicita o informe aclárase que resulta de aplicación a disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo que a distancia mínima respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado será a maior de estas dúas: 500 m ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa+pa). Neste caso 5×199,9 m=999,5 m.
2.2. Tendo en conta que o Concello de Monfero non dispón de planeamento xeral nin de delimitacións de solo urbano ou de núcleo rural, e comprobado o planeamento vixente no Concello de Xermade (PXOM aprobado definitivamente o 29.4.2003) e as coordenadas dos 2 novos aeroxeradores recollidas nos arquivos shp achegados, conclúese que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 999,5 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, o que se informa para que sexa tido en conta pola DXPERN na tramitación».
11. Mediante a Resolución do 21 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental das instalacións da repotenciación parcial do parque eólico Sotavento, sito nos concellos de Monfero (A Coruña) e Xermade (Lugo) e promovido por Sotavento Galicia, S.A. (IN408A/2023/015).
A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.3.2024 e permaneceu exposta ao público nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación na Coruña e en Lugo, así como no portal web da dita consellería. Así mesmo, a dita resolución remitiúselles aos concellos afectados, Monfero e Xermade, para a súa exposición pública.
Durante o dito período de exposición pública presentáronse alegacións, todas elas contestadas pola promotora.
12. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Monfero, Concello de Xermade, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Vodafone, Mas Móvil, Orange, Teléfónica (Movistar), Retegal e Cellnex Telecom (Retevisión).
A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 4.4.2024, Concello de Monfero, o 8.4.2024, Orange, o 18.3.2024, Telefónica (Movistar), o 25.3.2024, Retegal, o 11.4.2024 e Cellnex Telecom (Retevisión), o 12.4.2024. A promotora manifestou a súa conformidade ou contestou os condicionados emitidos.
Para o resto de organismos, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para emitir os condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
13. O 31.10.2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica parcial do parque eólico Sotavento, que fixo pública mediante o Anuncio do 4 de novembro de 2024 (DOG núm. 221, do 15 de novembro). Posteriormente, o 27.12.2024, a mencionada dirección xeral emitiu unha corrección de erros, que se fixo pública mediante o Anuncio do 27 de decembro de 2024 (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro de 2025).
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido recibíronse os seguintes informes: Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e Concello de Monfero.
14. O 27.11.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente.
15. O 10.12.2024 a promotora respondeu o requirimento mencionado no antecedente de feito décimo cuarto e achegou unha declaración responsable en que se recolle que seguen sendo válidas as separatas presentadas para o proxecto da repotenciación parcial do parque eólico Sotavento.
16. O 24.1.2025, en resposta a un novo requirimento desta dirección xeral, a promotora achegou unha declaración responsable do técnico autor do proxecto de execución, na cal se indica que os diversos condicionados técnicos e alegacións, realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante a tramitación, non requiren cambios no proxecto de execución do parque eólico, definido no Proxecto de execución de repotenciación parcial do parque do eólico Sotavento, xuño de 2023».
17. O 29.1.2025 a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático solicitoulles aos departamentos territoriais da Coruña e de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático o informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución da repotenciación parcial do parque eólico Sotavento.
18. O 20.2.2025, en resposta aos requirimentos dos departamentos territoriais da Coruña e de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, do 10.2.2025 e do 7.2.2025, respectivamente, a promotora achegou unha nova versión do Proxecto de execución de repotenciación parcial do parque eólico Sotavento, febreiro de 2025, asinado dixitalmente o 20.2.2025 polo enxeñeiro do ICAI Pablo María Fernández Castro.
19. O 26.2.2025 os departamentos territoriais da Coruña e de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiron os seus respectivos informes técnicos sobre o proxecto de repotenciación parcial do parque eólico Sotavento, recollido no antecedente de feito décimo oitavo.
20. O proxecto da repotenciación parcial do parque eólico Sotavento conta coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitida o 31.8.2023, na cal se establece, ademais, o correspondente condicionado.
21. O parque eólico Sotavento conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede para unha potencia de 17,66 MW.
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025
Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
