BDNS (Identif.): 822956.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/822956
Primeiro. Persoas beneficiarias
O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que sexa beneficiario dunha axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación cunha mobilidade en países do programa no curso 2024/25.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2024/25.
Terceiro. Requisitos
1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2024/25 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ser beneficiario no curso 2024/25 da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación cunha mobilidade en países do programa.
c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.
2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta da española ou con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou nalgún país do cal é nacional.
3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino.
Cuarto. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Quinto. Duración e contía das axudas
As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.
O importe global previsto na orde é de 40.000 €.
As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:
a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.
b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.
c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.
As persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán a axuda económica establecida, comezando desde os expedientes con maior nota media e ata esgotar o crédito orzamentario.
No caso de existir remanente de crédito unha vez distribuída a cantidade prevista, adxudicarase unha contía uniforme de 300 € entre as persoas solicitantes que posúan unha maior nota media no seu expediente académico, ata esgotar o orzamento. No caso de que o crédito resultante for inferior a 300 €, adxudicaráselle esta cantidade á seguinte persoa solicitante coa maior nota media no expediente académico. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas solicitantes, establecida en catro decimais, procederase ao desempate seguindo a orde de prelación prevista no artigo 12.2 da orde da convocatoria.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
