Feitos:
1. O 4 de maio de 2023 Edistribución Redes Digitales, S.L.U. (en adiante, promotor) presentou, ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en adiante, Departamento Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a instalación de protección contraincendios asociada a dous transformadores de potencia (OTAA 2 e OTAA 3) das interconexións II e III da subestación eléctrica Pontes, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), a que se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/244-1.
Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente por requirimento do Departamento Territorial, da seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado Instalación de protección contraincendios transformadores de potencia interconexiones II e III subestación Pontes, asinado o 6 de maio de 2022 polo enxeñeiro industrial Ramón Gómez Morandeira (colexiado nº 1.304 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia) e visado por este colexio, con nº 20221386 e data 15 de maio de 2022; e no que figura un orzamento total de 176.808,37 euros.
• Declaración responsable asinada o 7 de agosto de 2024 polo técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Declaración responsable de afeccións, asinada o 8 de agosto de 2024 polo promotor, sinalando que as instalacións proxectadas localízanse única e exclusivamente en terreos da central térmica das Pontes, propiedade de Endesa Generación, S.A., polo que non se crea afección con outras entidades.
• Escrito de conformidade coas instalacións proxectadas, asinado o 8 de agosto de 2024 por Endesa Generación, S.A., como entidade propietaria dos terreos afectados.
Segundo consta no proxecto de execución, o proxecto recolle a instalación de protección contraincendios asociado aos transformadores de potencia OTAA 2 e OTAA 3 (400/132/6 kV e 100/100/33 MVA) da subestación eléctrica Pontes. Actualmente, o sistema de protección contraincendios dos actuais transformadores forma parte da rede contraincendios do complexo industrial da central térmica das Pontes; e motivado pola parada de produción da central térmica, o dito sistema quedará inutilizado, polo que se proxecta a referida instalación para independizar o sistema e dotalo dunha protección independente.
Proxéctase a instalación do seguinte equipamento:
– Grupo de Bombeo Diesel, Jockey e Eléctrico disposto en caseta prefabricada modular, incluíndo centralita de detección de incendios.
– Alxibe de 140 m3 de capacidade prefabricado.
– Sistema de tubaxes e aneis de difusores perimetrais a transformadores e depósitos de aceite.
– Grupos de control con válvulas de redutoras de presión, diluvio e interruptor de fluxo.
– Hidrante exterior.
– Sistemas de detección, sirenas e pulsadores.
Tanto os sistemas de protección pasiva como muros delimitadores separadores dos transformadores de potencia, como o sistema de recollida de aceites para cada unidade, manteranse as existentes que compren coa regulamentación.
2. O 28 de xaneiro de 2025 o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en adiante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando o seguinte informe e proposta:
– Informe favorable sobre o proxecto de execución, emitido o 14 de xaneiro de 2025 polos servizos técnicos do departamento territorial.
– Proposta de resolución para a concesión das autorizacións administrativas previa e de construción, emitida o 28 de xaneiro de 2025 polo director territorial.
Consideracións legais e técnicas:
1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellería da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica consistente na instalación de protección contraincendios asociada a dous transformadores de potencia das interconexións II e III da subestación eléctrica Pontes, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), e que promove Edistribución Redes Digitales, S.L.U.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado Instalación de protección contraincendios transformadores de potencia interconexiones II e III subestación Pontes.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Instalación de protección contraincendios transformadores de potencia interconexiones II e III subestación Pontes, asinado o 6 de maio de 2022 polo enxeñeiro industrial Ramón Gómez Morandeira (colexiado nº 1.304 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia) e visado por este colexio, con nº 20221386 e data 15 de maio de 2022; e no que figura un orzamento total de 176.808,37 euros.
2. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, o promotor deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
