En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Xove no ámbito da área de repartición D.1.AR3, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 13 de marzo de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra este, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2108&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2108
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Xove no ámbito da área de repartición D1.AR3
(expediente PTU-LU-18/083)
O 13.12.2024 tivo entrada documentación correspondente ao expediente de referencia (MP) datada en novembro de 2024, asinada polo arquitecto Alfonso Botana Castelo e con dilixencia de aprobación provisional acordada polo Pleno municipal en sesión do 9.12.2024, remitida polo Concello de Xove para os efectos da súa aprobación definitiva.
Unha vez analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
I.1. O Concello de Xove conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 12.6.2012.
I.2. A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no seu artigo 83.5 que as modificacións dos instrumentos de planeamento urbanístico se tramitarán segundo o procedemento establecido no seu artigo 60. Nese senso consta:
• Inicio da tramitación ambiental en xuño de 2018.
• Informe ambiental estratéxico do 11.10.2018.
• Proxecto para a aprobación inicial datado en febreiro de 2019.
• Informes municipais, técnico e xurídico e informe proposta de Secretaría do 27.3.2019.
• Aprobación inicial acordada polo Pleno do Concello de Xove do 15.4.2019.
• Anuncio de exposición pública (24.5.2019), publicación no DOG e en El Progreso (23.5.2019).
• Certificado de exposición pública e de non presentación de alegacións do 6.8.2019.
• Informes sectoriais emitidos por: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 10.10.2019; Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, do 16.10.2019; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 3.12.2019; Instituto de Estudos do Territorio, do 9.12.2019; Axencia Galega de Infraestruturas, do 10.12.2019; Augas de Galicia, do 17.11.2020; Dirección Xeral de Telecomunicacións da Administración do Estado, do 2.3.2021.
• Proxecto para a aprobación provisional (AP) datado en abril de 2021.
• Informes municipais previos á AP: técnico do 12.4.2021 e xurídico do 14.4.2021.
• Aprobación provisional acordada polo Pleno do Concello de Xove do 19.4.2021.
• Nova versión do proxecto de febreiro de 2023.
• Acordo municipal plenario de retrotracción das actuacións do expediente (13.2.2023).
• Realización de notificacións aos propietarios dos terreos afectados (febreiro de 2023).
• Informes dos servizos técnicos municipais sobre a capacidade das redes de electricidade, abastecemento e saneamento (30.5.2023 e 8.6.2023).
• Acordo plenario do Concello de Xove de ratificación da aprobación provisional (14.8.2023).
• Nova versión do proxecto de febreiro de 2023.
• Novo acordo plenario de ratificación da aprobación provisional (26.2.2024).
• Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (CVPI) que resolve non outorgar a aprobación definitiva á MP (4.6.2024).
• Nova versión do proxecto de xuño de 2024.
• Informe xurídico municipal (18.6.2024) no cal se indica a procedencia de sometemento da modificación a un novo trámite de información pública por apreciar cambios substanciais.
• Acordo municipal plenario de apertura de novo trámite de exposición pública (24.6.2024).
• Anuncio de exposición pública (1.7.2024), publicación no DOG e en El Progreso.
• Informes sectoriais emitidos por: Servizo de Planificación e Innovación da Consellería de Planificación e Infraestruturas, do 8.8.2024; DX de Emerxencias e Interior, do 24.7.2024 e 5.9.2024; DX de Defensa do Monte, do 6.8.2024; DX do Patrimonio Cultural, do 25.9.2024; Instituto de Estudos do Territorio, do 31.10.2024; Delegación de Goberno (área de fomento), do 8.8.2024; SX de Telecomunicacións, do 30.7.2024.
• Nova versión da normativa de novembro de 2024.
• Novo informe da SX de Telecomunicacións do 28.11.2024.
• Informes municipais, técnico e xurídico, do 2.12.2024, que manifestan a innecesariedade de emisión de novos informes en relación cos emitidos antes da aprobación inicial.
• Aprobación provisional acordada polo Pleno do Concello de Xove do 9.12.2024.
II. Aspectos xerais. Contido.
a) A modificación puntual ten como finalidade viabilizar unha actuación de iniciativa municipal para crear solo urbanizado residencial no núcleo urbano de Xove, para desenvolver nun ámbito de solo urbano non consolidado (SUNC) incluído na área de repartición D1-AR-3 do PXOM.
b) A MP altera determinacións básicas do PXOM nese SUNC, define a súa ordenación detallada e cambia a dos terreos urbanos consolidados lindeiros. Concretamente, cambia:
– A delimitación do ámbito do SUNC e da área de repartición D1-AR-3, excluíndo uns 3.233 m2, que se recualifican como solo urbano consolidado, integrándoo na zona lindeira de edificación pechada (ordenanza O-2) como espazo libre privado.
– O aproveitamento tipo da área de repartición D1-AR-3, a superficie edificable do ámbito, as tipoloxías edificatorias e as reservas dotacionais.
– A clasificación e cualificación dunha pequena superficie de solo urbano consolidado con cualificacións residencial entre medianeiras (59 m2) e viario (62 m2), que pasa a solo urbano non consolidado con cualificacións de vivenda unifamiliar (63 m2) e viario (48 m2).
c) A MP deseña un novo trazado viario e amplía o Camiño Real no ámbito. No SUNC delimita 3 zonas de vivenda unifamiliar (10.802,29 m2) e outra de vivenda entre medianeiras (4.368,90 m2), unha zona verde pública (3.094,17 m2), un equipamento público (1.442,99 m2) e viario (3.949,32 m2).
III. Análise e consideracións.
III.1. Razóns de interese público da modificación puntual (artigo 83.1 da LSG).
O interese público da MP basése na adecuación dos criterios adoptados ás expectativas de crecemento económico e na mellora de ordenación establecida no PXOM, favorecendo o crecemento racional e equilibrado das tipoloxías residenciais que actualmente conviven no núcleo urbano de Xove e consolidando o seu límite leste con densidades de poboación baixas, o que favorece unha transición amable entre o núcleo urbano e o espazo rural.
Así mesmo, resulta de interese público a iniciativa municipal para incorporar a ordenación detallada ao PXOM simultaneamente á redelimitación do ámbito, o que facilita a súa xestión.
III.2. Emenda das deficiencias da Orde da CVPI do 4.6.2024.
– Respecto á reserva de solo para vivenda protexida (punto III.2 da orde), a MP destina a vivenda protexida 984,87 m2 e 11,395 % da superficie edificable residencial, cumprindo o previsto no artigo 42.9 da LSG. Cómpre corrixir o punto 2.2.1 da memoria e a ficha da área de repartición D1-AR-3 anexa á normativa, onde se alude a unha porcentaxe (6,8 %) menor á realmente prevista.
– As tipoloxías da zona verde seguen a figurar con distintas terminoloxías na documentación.
– Hai varias erratas na táboa do punto 2.3.4.2 da memoria (resultan incorrectos os valores da columna de aproveitamento lucrativo en uso e tipoloxía característica).
– Deberanse sinalar na ordenanza O-4.3 a edificabilidade e a ocupación máximas en lugar de indicalas con base no parcelario indicativo. Ademais, deberá indicarse que o parcelario é indicativo en todos os planos en que se reflicte a parcelación.
– Eliminarase a referencia ao PERI nos planos DAE-13 e DAE-14.
– Incorporarase a ordenación detallada no plano ORDE-10 e na ficha anexa ao final da normativa.
– Corrixiranse as escalas numéricas incorrectas que figuran nos planos informativos 07 e 08; e planos de ordenación 08 e 10, así como nos índices dos planos informativos 02, 03, 07, 08, 10 e 11 e planos de ordenación 08 e 10.
III.3. Outras observacións.
A MP deberá incluír unha ficha en que se recolla a vixencia do planeamento do concello tras a súa aprobación, segundo o modelo do anexo 7 das NNTTPP, e achegarase como un anexo á memoria xustificativa do documento.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM correspóndelle á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
Á vista de todo o anteriormente exposto,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación da modificación do PXOM de Xove no ámbito da área de repartición D1.AR3, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos III.2 e III.3.
2. De conformidade cos artigos 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De acordo co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.
4. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
