En Galicia, a maior parte dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración están formados por infraestruturas que son de titularidade municipal e os concellos teñen a responsabilidade de xestionalas e conservalas de xeito adecuado.
Desde a súa creación, Augas de Galicia colabora coas entidades locais para mellorar a prestación dos servizos de abastecemento e saneamento en toda a comunidade autónoma, e ten executado moitas destas infraestruturas existentes na maior parte dos concellos galegos.
Porén, é sabido que, para avanzar na mellora da calidade das augas e garantir os servizos de abastecemento á poboación e ás actividades económicas, non é suficiente coa execución de obras. Para alcanzar a máxima calidade das nosas augas e que estes servizos básicos de auga se presten con eficiencia e eficacia, as instalacións executadas deben ir acompañadas dunha adecuada xestión, explotación e mantemento. Este labor, intrinsecamente xa complicado, require dunha capacidade técnica e económica da que, en moitos casos, carecen os concellos, a pesar de que son as administracións que posúen as competencias de conformidade coa normativa de réxime local.
Así, desde hai varios anos, Augas de Galicia está estendendo o seu ámbito de colaboración cos concellos máis alá da execución das obras, mediante distintas convocatorias de subvencións para que os concellos realicen auditorías e plans que melloren o coñecemento dos seus sistemas de abastecemento e saneamento e contribuír a unha mellor xestión deles. Neste contexto, a dixitalización demostra ser unha ferramenta moi útil para mellorar o coñecemento dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración, e optimizar o seu funcionamento.
Nos últimos anos, a transformación dixital continúa rompendo barreiras inexploradas cara a sistemas dixitais onde a revolución se está a producir na recollida en continuo de grandes cantidades de datos en multitude de áreas: saúde, tráfico, contaminación, enerxía, etc. Aínda hoxe non existe a certeza das transformacións sociais e económicas que pode causar o emprego de tecnoloxías de recollida masiva de datos e xestión intelixente, pero está asentada a percepción de que as empresas e as administracións acadarán unha nova dimensión nas súas capacidades de prestaren servizos e na universalización deles.
Por estes motivos, Augas de Galicia asumiu a responsabilidade de exercer de panca de cambio para o impulso da dixitalización do ciclo integral da auga en Galicia, promovendo e facendo accesibles para as entidades locais medidas concretas, ferramentas e solucións tecnolóxicas innovadoras que permitan ás administracións públicas avanzar de xeito coordinado cara a unha xestión do ciclo integral da auga mellor e máis eficiente, contribuíndo así á consecución dos obxectivos da Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga.
O exercicio desta responsabilidade non se circunscribe só ao impulso directo de medidas concretas senón tamén e, sobre todo, ao deseño e á creación dun ecosistema dixital, aberto e integrador capaz de integrar nel a maior cantidade posible de solucións tecnolóxicas existentes no mercado e propiciar así a chegada a todo o territorio de xeito máis intenso e con maior rapidez.
A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, na súa reunión do 20 de xuño de 2022, aprobou os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos orzamentarios xestionados polas comunidades autónomas no marco da compoñente 5: preservación do litoral e recursos hídricos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, destinados a financiar a primeira fase da repartición de fondos en Conferencia Sectorial ás comunidades autónomas do PERTE de dixitalización do ciclo da auga. A tipoloxía das actuacións e as súas condicións de execución establece, por un lado, o fomento da dixitalización das administracións das comunidades autónomas, especialmente das que xestionan directamente o dominio público hidráulico; e, por outro lado, o fomento da dixitalización do ciclo urbano da auga nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
O 26 de xuño de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 13 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección, mediante concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, na implantación e na posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, e se convoca para o ano 2024.
Coa finalidade de continuar na liña de colaboración iniciada cos concellos neste eido e como consecuencia dos bos resultados das actuacións levadas a cabo ao abeiro da convocatoria publicada no ano 2024, considérase necesario continuar co desenvolvemento das actuacións descritas nesta resolución mediante unha nova convocatoria de selección.
Tendo en conta todo o anterior e ao abeiro do disposto no artigo 15.3.n) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a selección, mediante o sistema de concurso, de concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta e realizar a convocatoria correspondente ao ano 2025 (código de procedemento AU301H).
2. A finalidade das actuacións previstas é colaborar cos concellos para a adopción de ferramentas coas que xestionar en tempo real e en remoto os sistemas da súa titularidade, a través da implantación e posta en marcha dunha serie de estacións dixitais de monitorización. Así mesmo, a través do servizo proporcionarase a Augas de Galicia un sistema de información que lle permita recompilar, visualizar, supervisar e compartir información relativa ao funcionamento dos sistemas monitorizados.
Artigo 2. Requisitos de participación
1. Poderán participar no concurso todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
Para os efectos desta convocatoria considerarase o número de habitantes por concello recollido no Real decreto 1210/2024, do 28 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2024.
Non poderán participar no concurso os concellos que xa fosen seleccionados para participar no concurso convocado no ano 2024 ao abeiro da Resolución do 13 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección, mediante concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, na implantación e na posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, e se convoca para o ano 2024, salvo que, unha vez notificada a resolución de selección, renunciasen a esta no prazo establecido nas bases da convocatoria para a aceptación ou renuncia á selección.
2. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.
Artigo 3. Actuacións obxecto da colaboración
Augas de Galicia seleccionará de entre os solicitantes os concellos que participarán no desenvolvemento de actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria.
Para cada un dos concellos seleccionados, Augas de Galicia levará a cabo as seguintes actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga:
a) O diagnóstico dos sistemas de abastecemento de auga potable en alta.
b) A elaboración de propostas específicas de dixitalización para os sistemas de abastecemento de auga potable en alta seleccionados, unha vez concluída a etapa de diagnóstico. Augas de Galicia elaborará unha proposta por cada sistema de abastecemento en alta. Estas propostas definirán que elementos do sistema de abastecemento en alta se van dixitalizar e instalarán neles estacións de medición e rexistro (EMR).
c) A execución e a implantación das propostas específicas de dixitalización en cada sistema de abastecemento en alta seleccionado, instalando as novas estacións de medición e rexistro nas infraestruturas que corresponda de cada sistema de abastecemento en alta.
d) O desenvolvemento dunha aplicación dixital, denominada Centro de Xestión de Datos Local (CXDL), consistente nunha aplicación informática multiusuario a través da que poder ler, agrupar e xestionar os datos recollidos nos elementos que forman parte das actuacións de dixitalización, así como calquera outra xa dispoñible en procesos de dixitalización anteriores e suficientemente aberta como para incorporar novos elementos no futuro.
Estes CXDL recibirán información en tempo real desde as estacións de medición e rexistro, permitirán xestionar de maneira remota as instalacións de abastecemento en alta e serán postos á disposición dos concellos para contribuír a mellorar a prestación do servizo.
e) O desenvolvemento dunha plataforma de xestión de datos autonómica para procesar por parte de Augas de Galicia toda ou parte da información compilada polos centros de xestión de datos locais, que permita un maior coñecemento dos sistemas de abastecemento en alta e do uso dos recursos hídricos. Esta aplicación recibirá datos en tempo real desde os centros de xestión de datos locais.
f) A impartición nos concellos seleccionados e ao persoal deles responsable do mantemento e operación dos sistemas de abastecemento en alta da formación técnica necesaria para o mantemento e a conservación das estacións de medición e rexistro. Do mesmo xeito, impartirase ao persoal das administracións públicas responsables dos servizos de abastecemento e das entidades prestadoras dos servizos a formación necesaria para a utilización do Centro de Xestión de Datos Local (CXDL).
g) Augas de Galicia dirixirá e supervisará os traballos de execución e implantación das actuacións, asesorando os concellos durante todo o proceso.
Augas de Galicia divulgará os resultados da execución destas actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga, fomentando a adopción de estratexias semellantes e compatibles polas entidades locais galegas con competencias en materia de abastecemento.
Artigo 4. Obrigas dos concellos seleccionados
Os concellos seleccionados deberán contribuír na execución das actuacións seleccionadas e adquirirán as seguintes obrigas:
a) Subministrar a información dispoñible e participar na compilación dos datos que poidan resultar necesarios para a execución das actuacións.
Os concellos deberán colaborar con Augas de Galicia e coas restantes administracións no proceso de elaboración do diagnóstico dos sistemas de abastecemento en alta e no proceso de dixitalización das infraestruturas dos ditos sistemas, subministrar a información dispoñible, participar na compilación dos datos necesarios, habilitar os permisos de acceso necesarios e outorgar ou tramitar os permisos e as autorizacións necesarias.
b) Prestar conformidade coas actuacións que se vaian executar, referidas no artigo 3.1 desta resolución con carácter previo á súa execución.
O órgano competente da entidade local deberá aprobar a conformidade coas actuacións que Augas de Galicia prevé executar, no marco do contrato de servizo de apoio á dixitalización en sistemas de xestión do ciclo integral da auga en entidades locais de menos de 20.000 habitantes de Galicia. Desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, de clave OH.288.451, con carácter previo á súa execución.
c) Para actuacións que se executen no interior de instalacións de titularidade municipal, o concello comprométese a habilitar os permisos de acceso necesarios para posibilitar a súa completa execución.
d) Para actuacións que se executen intervindo directamente sobre infraestruturas existentes e de titularidade municipal, o concello comprométese a outorgar os permisos ou as autorizacións que resulten necesarios para posibilitar a súa completa execución.
e) De ser o caso, garantir, antes de iniciar a execución das actuacións, a efectiva posta á disposición de Augas de Galicia dos terreos necesarios, libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado para a execución das actuacións, así como a reposición de servizos e servidumes.
f) O concello, en colaboración con Augas de Galicia, asumirá a realización das xestións pertinentes, ante os organismos que correspondan, para a obtención dos permisos, das licenzas e das autorizacións regulamentarias, asumindo os gastos que se xeren, sen liquidar ningún tributo ou taxa municipal.
g) Utilizar as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista para elas, comprometéndose coa súa explotación, conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.
h) Utilizar e manter en funcionamento o centro de xestión de datos locais que sexa posto á súa disposición por Augas de Galicia, comprometéndose coa súa conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.
i) Compartir con Augas de Galicia a información relativa ao funcionamento dos sistemas de abastecemento en alta sobre os cales se actúe, mediante a comunicación entre o centro de xestión de datos locais e a plataforma de xestión de datos autonómica.
j) Asumir o custo de instalación dun sistema de alimentación ininterrompida (SAI) nun mínimo de dúas das infraestruturas conectadas á rede eléctrica, sexan estas captacións, ETAP ou depósitos de xeito que se permita o apoio temporal da alimentación eléctrica en caso de fallo na subministración e, ao mesmo tempo, estabilizar e corrixir as irregularidades na subministración eléctrica (alteracións na tensión, etc.), achegando unha protección eléctrica adicional ao sistema.
k) No ámbito das súas facultades, colaborar con Augas de Galicia no desempeño das súas obrigas e afrontar e intentar resolver, conforme os principios de boa fe e lealdade, calquera dificultade ou problema que poida xurdir no desenvolvemento da actuación, tendo como único criterio da súa xestión, o logro dos obxectivos que se pretenden acadar con ela.
Artigo 5. Infraestruturas obxecto da colaboración
1. O ámbito de actuación desta convocatoria comprende os sistemas municipais de abastecemento de auga en alta en concellos de menos de 20.000 habitantes. Isto inclúe as seguintes infraestruturas xerais dos sistemas de distribución de auga potable: as captacións de titularidade pública, os depósitos de titularidade pública e as estacións de tratamento de auga potable (ETAP) de titularidade pública.
As infraestruturas indicadas son as que os concellos que desexen participar na convocatoria poderán incluír na súa solicitude. Tamén se inclúen as conducións que conectan as infraestruturas anteriores e as redes de distribución en alta, antes do inicio da subministración aos usuarios.
2. Esta convocatoria non comprende as infraestruturas de titularidade veciñal ou privada, nin as redes de distribución de auga potable en baixa, nin os contadores individuais de rexistro do consumo.
3. Non poderán ser seleccionadas aquelas actuacións que dispoñan de asignación en firme de fondos europeos no marco da programación orzamentaria vixente, ou que conten con financiamento da Administración xeral do Estado ao estaren incluídas nun convenio ou protocolo con esta.
Consonte o previsto no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241, as actuacións obxecto deste concurso poderán recibir axudas doutros programas e instrumentos da Unión Europea só se a dita axuda non cobre o mesmo custo.
Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da Alcaldía da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.
Para consultas relacionadas con este concurso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: xerencia.augas@xunta.gal
2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:
a) Que o concello acepta as condicións e os requisitos exixidos na resolución de convocatoria.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o mesmo custo.
d) Que subministrará a información dispoñible e participar na compilación dos datos que puidesen resultar necesarios para a execución das actuacións.
e) Que colaborará con Augas de Galicia e coas restantes administracións no proceso de elaboración do diagnóstico dos sistemas de abastecemento en alta e no proceso de dixitalización das infraestruturas dos ditos sistemas, subministrará a información dispoñible, participará na compilación dos datos necesarios, habilitará os permisos de acceso necesarios e outorgará ou tramitará os permisos e autorizacións necesarias.
f) Que prestará a súa conformidade coas actuacións que se vaian executar referidas no artigo 3.1 da Resolución desta convocatoria de concurso, con carácter previo á súa execución.
O órgano competente da entidade local deberá aprobar a conformidade coas actuacións que Augas de Galicia prevé executar, no marco do contrato de servizo «Apoio á dixitalización en sistemas de xestión do ciclo integral da auga en entidades locais de menos de 20.000 habitantes de Galicia. Desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta», de clave OH.288.451, con carácter previo á súa execución.
g) Que, para as actuacións que se executen no interior de instalacións de titularidade municipal, habilitará os permisos de acceso necesarios para posibilitar a súa completa execución.
h) Que, para as actuacións que se executen intervindo directamente sobre infraestruturas existentes e de titularidade municipal, outorgará os permisos ou autorizacións que resulten necesarios para posibilitar a súa completa execución.
i) De ser o caso, que garantirá, antes de iniciar a execución das actuacións, a efectiva posta á disposición de Augas de Galicia dos terreos necesarios, libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado para a execución das actuacións, así como a reposición de servizos e servidumes.
j) Que, en colaboración con Augas de Galicia, asumirá a realización das xestións pertinentes, ante os organismos que correspondan, para a obtención dos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias, asumindo os gastos que se xeren, sen liquidar ningún tributo ou taxa municipal.
k) Que utilizará as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista para elas, comprometéndose coa súa explotación, conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.
l) Que utilizará e manterá en funcionamento o centro de xestión de datos locais que sexa posto á súa disposición por Augas de Galicia, comprometéndose coa súa conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.
m) Que compartirá con Augas de Galicia a información relativa ao funcionamento dos sistemas de abastecemento en alta sobre os que se actúe, mediante a comunicación entre o centro de xestión de datos locais e a plataforma de xestión de datos autonómica.
n) Que asumirá o custo de instalación dun sistema de alimentación ininterrompida (SAI) nun mínimo de dúas das infraestruturas conectadas á rede eléctrica, sexan estas captacións, ETAP ou depósitos de xeito que se permita o respaldo temporal da alimentación eléctrica en caso de fallo na subministración e, ao mesmo tempo, estabilizará e corrixirá as irregularidades na subministración eléctrica (alteracións na tensión, etc.), achegando unha protección eléctrica adicional ao sistema.
o) Que colaborará con Augas de Galicia, no ámbito das súas facultades, no desempeño das súas obrigas e afrontará e intentará resolver, conforme os principios de boa fe e lealdade, calquera dificultade ou problema que poida xurdir no desenvolvemento da actuación, tendo como único criterio da súa xestión, o logro dos obxectivos que se pretenden acadar con ela.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. Os concellos interesados deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Unha memoria técnica asinada por un técnico competente que identifique as necesidades de dixitalización do abastecemento en alta e o grao de compromiso coa dixitalización.
Este documento deberá ter o seguinte contido mínimo:
1º. Descrición e características dos principais elementos que forman parte do sistema de abastecemento en alta municipal, indicando polo menos:
Descrición de cada un dos elementos e das súas principais características. Recoméndase enumerar e diferenciar con claridade as distintas infraestruturas que compoñen o sistema: captacións, bombeos, depósitos, ou ETAP, entre outras.
Información gráfica de cada un dos elementos, achegando fotografías e planos da súa localización.
Información gráfica sobre os accesos existentes a cada un dos elementos. En caso de que algúns elementos teñan dificultades ou limitacións de acceso, indicarase esta circunstancia.
Recoméndase incluír neste punto cantos esquemas, planos e/ou representacións gráficas semellantes se consideren necesarios para comprender adecuadamente o sistema de abastecemento en alta.
2º. Descrición e características do equipamento e instrumentación existente nos principais elementos que forman parte do abastecemento en alta municipal, indicando polo menos:
Descrición dos equipos, marca e modelo.
Principais características, especificacións e fichas técnicas.
Información sobre a antigüidade e o estado de conservación de cada un dos equipos.
Ademais, de entre os equipos e instrumentos existentes, sinalaranse aqueles que poderían equiparse e/ou mellorarse instalando neles ferramentas ou dispositivos de dixitalización, e indicaranse que posibilidades de dixitalización existirían e en que consistirían.
3º. Información sobre as fontes de enerxía dispoñibles en cada un dos elementos que forman parte do abastecemento en alta, indicando polo menos:
Información sobre as fontes de enerxía dispoñibles en cada un dos elementos que forman parte do abastecemento en alta, indicando con planos a localización das redes eléctricas existentes, os puntos de subministración e a localización dos cadros eléctricos, e acehgarase canta información se considere precisa, incluída información gráfica.
Características dos cadros eléctricos, dos consumos eléctricos existentes e das potencias eléctricas contratadas.
Análise técnica das posibilidades de optar por instalacións fotovoltaicas ou outras fontes de enerxía, naqueles casos onde non exista subministración eléctrica.
4º. Detalle das necesidades de dixitalización, indicando os elementos do abastecemento en alta para os cales se solicita que Augas de Galicia execute actuacións e os beneficios esperados desa instalación.
Poboación beneficiaria.
Carencias detectadas ata o momento.
Elementos do abastecemento en alta para os cales se solicita que Augas de Galicia execute actuacións. Recoméndase enumerar e identificar con claridade os diferentes elementos (captacións, bombeos, depósitos, ETAP...).
Beneficios esperados coa execución das actuacións, indicando a poboación que se beneficiaría da actuación.
Deberase sinalar se existen problemáticas concretas, tales como zonas con falta de subministración eléctrica, elementos de difícil acceso, etc.
5º. Detalle das intervencións acometidas polo concello no ámbito da dixitalización, en xeral e no abastecemento en particular, nos últimos 5 anos, indicando polo menos:
Descrición das intervencións: elementos sobre os que se actuou, en que consistiron as actuacións, etc.
Orzamento das actuacións e contía dos investimentos realizados.
Resultados obtidos e beneficios observados unha vez executadas as actuacións.
Estes contidos mínimos da memoria técnica poden ser ampliados e completados con canta información se considere relevante, para unha mellor comprensión dos sistemas de abastecemento en alta e das necesidades de dixitalización do concello.
b) Fichas de caracterización das instalacións asinadas electronicamente coa descrición de captacións, depósitos e ETAP que se achegan como anexo II desta resolución.
Para o suposto de ter varias captacións, depósitos ou ETAP deberanse achegar a este formulario tantas fichas como instalacións existan.
c) O plan municipal de emerxencia fronte á seca aprobado, ou no seu defecto, redactado nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.
d) A auditoría para a cuantificación de perdas aprobada, ou no seu defecto, redactada nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.
e) O plan de actuacións para a redución das perdas aprobado, ou no seu defecto, redactado, nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.
f) O plan director de abastecemento municipal aprobado, ou no seu defecto, redactado, nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación, se é o caso.
A aprobación da documentación a que se refiren as letras c), d), e) e f) acreditarase coa presentación dun certificado da persoa titular da secretaría do concello na que se indique o órgano competente da entidade local que aproba o documento e a data da dita aprobación.
Tendo en conta que se trata dun procedemento de concorrencia competitiva e para non afectar a concorrencia en condicións de igualdade, non poderá ser obxecto de requirimento de emenda a falta de presentación da documentación indicada neste artigo no último día de presentación de solicitudes. A falta de presentación da documentación indicada suporá ben a inadmisión da solicitude por non ter o contido mínimo que permita a súa valoración, ben a tramitación da solicitude sen que se teñan en consideración os documentos non presentados para outorgar os puntos correspondentes de acordo cos criterios previstos no artigo 14 desta resolución.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O procedemento que se debe seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Publicación dos actos
1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación de solicitantes seleccionados.
2. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a relación de solicitantes seleccionados.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Órganos competentes e instrución
1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento remitirá á Comisión de Avaliación as solicitudes que estean debidamente cubertas e que conten cunha memoria técnica que identifique as necesidades de dixitalización do abastecemento en alta e o grao de compromiso coa dixitalización.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir aos solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.
3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
a) Presidencia: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia.
b) Vogalías: a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación dos Recursos Hídricos de Augas de Galicia e unha persoa designada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.
Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.
4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir un informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquirir a condición de entidade seleccionada, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.
5. O órgano instrutor formulará as propostas de resolución.
A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria e indicará as causas desta inadmisión.
As propostas de resolución proporán a selección a favor das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a condición de adxudicataria, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración.
6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa selección non poida ser inicialmente asumida por Augas de Galicia poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria de producirse algunha non aceptación ou renuncia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.
Artigo 14. Criterios de valoración
1. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:
a) A poboación do concello. Ata un máximo de 25 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:
5 puntos, no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 10.000 e inferior ou igual a 20.000 habitantes.
10 puntos, no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 5.000 e inferior ou igual a 10.000 habitantes.
15 puntos, no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 2.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.
20 puntos, no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 1.000 e inferior ou igual a 2.000 habitantes.
25 puntos, no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 1.000 habitantes.
b) O plan municipal de emerxencia fronte á seca. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:
10 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cun plan municipal de emerxencia fronte á seca redactado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del e a xustificación da súa aprobación.
5 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cun plan municipal de emerxencia fronte á seca redactado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del, pero non a xustificación da súa aprobación.
0 puntos, no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude un plan municipal de emerxencia fronte á seca redactado nos últimos 5 anos.
c) A auditoría para a cuantificación de perdas. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:
10 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cunha auditoría para a cuantificación de perdas redactada nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia dela e a xustificación da súa aprobación.
5 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cunha auditoría para a cuantificación de perdas redactada nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia dela, pero non a xustificación da súa aprobación.
0 puntos, no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude unha auditoría para a cuantificación de perdas redactada nos últimos 5 anos.
d) O plan de actuacións para a redución das perdas. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:
10 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cun plan de actuacións para a redución das perdas redactado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del e a xustificación da súa aprobación.
5 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cun plan de actuacións para a redución das perdas redactado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del, pero non a xustificación da súa aprobación.
0 puntos, no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude un plan de actuacións para a redución das perdas redactado nos últimos 5 anos.
e) O plan director de abastecemento municipal. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:
10 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cun plan director de abastecemento municipal redactado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del e a xustificación da súa aprobación.
5 puntos, no caso de concellos solicitantes que conten cun plan director de abastecemento municipal redactado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del, pero non a xustificación da súa aprobación.
0 puntos, no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude un plan director de abastecemento municipal redactado nos últimos 5 anos.
2. No suposto de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:
1º. Maior puntuación na alínea a) dos criterios de valoración (poboación do concello).
2º. Menor número de habitantes do concello.
Artigo 15. Resolución, prazos e recursos
1. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.
2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.
A resolución acordará tanto a selección como a desestimación e a non selección, por desistencia, a renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.
3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude de participación.
5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.
Artigo 16. Aceptación
1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da selección e das condicións contidas nesta resolución, ou ben comunicar a renuncia á selección.
2. A aceptación supón a asunción dos compromisos e das obrigas recollidas no artigo 3 desta resolución.
O cumprimento e a eventual resolución rexerase polo previsto para os convenios de colaboración pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
3. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, poderá entenderse tacitamente aceptada a selección. No caso de que se renunciase á selección poderá ditarse unha nova resolución a favor de outro solicitante que inicialmente estivese en lista de espera.
Disposición adicional primeira. Impugnación da convocatoria
Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Dirección de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional segunda. Financiamento con fondos europeos das actuacións que execute Augas de Galicia
As actuacións derivadas do contrato de servizo de apoio á dixitalización en sistemas de xestión do ciclo integral da auga en entidades locais de menos de 20.000 habitantes de Galicia. Desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, de clave OH.288.451 e da convocatoria do concurso para a selección dos concellos participantes estarán suxeitas ao réxime xurídico derivado do marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión europea-NextGenerationEU. Actuación financiada cos fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) dentro do marco do dito plan en política panca II «Infraestruturas e ecosistemas resilientes»; Compoñente 5 «Preservación do litoral e recursos hídricos»; Medida: investimento 3 (C5.I3) «Transición dixital no sector da auga (vixilancia e control do contorno dixital)»; Fito nº 79 «Posta en funcionamento de ferramentas para mellorar o coñecemento e o uso dos recursos hídricos, e para rexistrar as precipitacións e outros datos meteorolóxicos para previr os riscos climáticos»; Proxecto 01 (C05.I03.P01) «Mellora do coñecemento e o uso dos recursos hídricos»; Subproxecto 13 (C05.I03.P01.S13) «PERTE de dixitalización do ciclo da auga na Comunidade Autónoma de Galicia»; Campo de Intervención 011 «Solucións de TIC para a Administración».
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2025
Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia
