De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte resolución de modificación de encomenda coas seguintes características:
I. Mediante a Resolución do 20 de abril de 2023 encomendóuselle á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras da fase 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.
II. A experiencia acumulada na xestión deste tipo de infraestruturas determina a necesidade de realizar unha redistribución dos traballos asignados a cada unha das entidades encomendadas, e asumirá a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de determinadas actuacións, inicialmente encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas na condición segunda do anexo da citada encomenda, coa finalidade de mellorar a eficiencia na xestión das actuacións que comprenden as obras.
III. Á vista destas circunstancias, a Resolución do 20 de marzo de 2025, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, modifica a condición segunda, «Obrigas das partes», do anexo da Resolución do 20 de abril de 2023, e quedan as actuacións encomendadas do seguinte xeito:
A Axencia Galega de Infraestruturas obrígase a realizar as seguintes actuacións:
1. En relación coa obtención dos bens e dereitos necesarios para a execución de todas as actuacións vinculadas á fase 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, correspóndelle á AXI o exercicio da potestade expropiatoria, ao abeiro do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que indica que lle corresponde a esta consellería o exercicio da potestade expropiatoria nos supostos en que esta ou as súas entidades públicas instrumentais reciban encomendas ou encargas que requiran o exercicio desta potestade para a súa execución.
Á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. correspóndelle efectuar as seguintes actuacións:
1. Realizar os labores de supervisión, implantación e aprobación dos correspondentes proxectos, así coma a realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos de obras e dos contratos dos servizos complementarios a elas para o cumprimento do obxecto da encomenda, e concretamente os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.
2. Elaborar os informes técnicos e realización daquelas actuacións de carácter técnico necesarias na fase de adxudicación dos contratos derivados das actuacións obxecto da referida encomenda, concretamente, os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.
3. A dirección da redacción do proxecto con base no Plan funcional redactado polo Servizo Galego de Saúde.
4. As funcións de responsable do contrato da obra e, de ser o caso, dos contratos dos servizos complementarios obxecto do referido contrato.
5. A xestión daquelas autorizacións e permisos que sexan necesarios durante as obras, así como para a recepción destas.
6. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante, que asistirá ao acto de recepción das obras en que se levará a cabo a súa entrega.
IV. Natureza e alcance das funcións encomendadas: o encargo ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a consideración de medios propios e servizos técnicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
V. Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para executar esta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.
VI. Prazo de vixencia: a eficacia da modificación estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización da vixencia da encomenda sinalada na Resolución do 20 de abril de 2023.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
