Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e coa finalidade de levar a cabo o establecido na disposición transitoria décimo terceira con respecto á revisión de esbozos de montes veciñais en man común, o Xurado, na reunión celebrada o 17.9.2012, acordou solicitar ao Servizo de Montes a realización de propostas de revisión e elaboración de cartografías actualizadas dos montes veciñais da provincia, susceptibles de tal adecuación.
En relación con isto, na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 18.3.2025 figuran os seguintes acordos:
– MVMC Toxoso I, Toxoso II, Tremoal e Vigas, pertencente aos veciños da parroquia de Labrada, no concello de Abadín. Expediente 121/77.
O día 7.9.2022 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Labrada para que se proceda á revisión do esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan.
De acordo co aprobado na sesión do 11.3.2024, sobre a necesidade de delimitar correctamente os tres MVMC solapados co monte demanial Fraga Vella, retómase o procedemento de revisión de esbozo identificado co número de expediente 2022_67.
Con data do 27.11.2024, o Servizo de Montes elaborou a memoria e os planos de revisión de esbozo do MVMC Toxoso I, Toxoso II, Tremoal e Vigas. Nestes acéptase a incorporación das parcelas catastrais propostas, ben que queda excluída do perímetro do monte veciñal a superficie correspondente ao predio Fraga Vella. Por isto, considerando a proposta da comunidade, o monte veciñal pasaría a ter unha superficie de 1.973,86 hectáreas.
Foi concedido trámite de audiencia á comunidade afectada, e esta presentou alegacións con data do 21.1.2025 en que, en síntese, expón que a proposta da revisión de esbozo elaborada polo Servizo de Montes supón unha modificación substancial da solicitude presentada pola comunidade, tanto en cuestións de planimetría coma de superficie afectada. Ademais do anterior, tamén conculca o principio de confianza lexítima que debe presidir a actuación da Administración cos cidadáns. Así mesmo, negan a consideración de monte demanial do predio Fraga Vella e consideran que a problemática da titularidade do monte é unha cuestión que debe ser resolta no ámbito xurisdicional civil.
O día 12.3.2025, o Servizo de Montes elaborou a proposta de revisión de esbozo en que, ademais das pretensións da comunidade, incorpora a delimitación do MVMC atendendo ao axuste que é necesario realizar no que respecta á superficie correspondente ao monte de Fraga Vella. En síntese, recóllense as seguintes consideracións:
– A titularidade e a natureza demanial do monte de Fraga Vella é incuestionable. As transferencias de propiedade do monte están descritas detalladamente na memoria elaborada polo Servizo de Montes do 27.11.2024. Así mesmo, o carácter demanial do monte consta no certificado emitido o 24.2.2025 pola Subdirección Xeral do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública.
– Non cabe considerar que puidese existir unha prescrición adquisitiva dos terreos por parte das comunidades dos MVMC dada a natureza demanial do monte.
– As comunidades dos MVMC foron conscientes dende a súa clasificación da errónea inclusión do predio Fraga Vella nos esbozos dos seus montes veciñais.
– Non se pode concluír que exista un conflito de propiedade, xa que o recoñecemento público do monte Fraga Vella consta en diversos informes.
– É procedente a revisión de esbozo, xa que existe unha clara discordancia entre a configuración perimetral real do MVMC e a configuración perimetral plasmada no esbozo da carpeta ficha. Isto débese a que os tres montes afectados incluíron nos seus esbozos a superficie correspondente ao monte de titularidade pública, a pesar de que nos expedientes de investigación de clasificación do monte, no informe de deslindamente do ano 1975 e nos títulos de propiedade do Icona quede totalmente acreditado que ese monte non forma parte da superficie dos montes veciñais.
En conclusión, na proposta acéptanse as pretensións solicitadas pola comunidade de Labrada na súa proposta de revisión de esbozo, incluíndo de oficio a corrección na cal se exclúe do perímetro do MVMC Toxoso I, Toxoso II, Tremoal e Vigas a superficie correspondente ao monte Fraga Vella.
Con base nisto, e de acordo coa cartografía resultante, a superficie do MVMC Toxoso I, Toxoso II, Tremoal e Vigas pasa a ser de 1.973,86 hectáreas.
Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.
O novo esbozo correspóndese co plano do anexo I, ao final deste anuncio.
― MVMC Coto da Cal e Couce de Vigo, pertencente aos veciños da parroquia de Romariz, excepto Espiñarcao e Valiña de Freire, no concello de Abadín. Expediente 125/77.
O día 30.9.2022 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Romariz para que se proceda á revisión do esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan. Logo do correspondente requirimento, o día 3.6.2024 a comunidade emenda a súa solicitude. Na nova memoria e planos presentados queda excluída unha parcela catastrada a nome dun particular.
De acordo co aprobado na sesión do 11.3.2024, sobre a necesidade de delimitar correctamente os tres MVMC solapados co monte demanial de Fraga Vella, retómase o procedemento de revisión de esbozo identificado co número de expediente 2022_303.
Con data do 11.11.2024, o Servizo de Montes elaborou a memoria e os planos de revisión de esbozo do MVMC Coto da Cal e Couce de Vigo. Nestes acéptase a incorporación das parcelas catastrais propostas que son titularidade da comunidade veciñal de Romariz. Non obstante, nesta revisión excluíronse do perímetro do monte unha serie de parcelas catastradas a nome de particulares, así como a superficie correspondente ao predio de Fraga Vella. Por isto, considerando a proposta da comunidade, o monte veciñal pasaría a ter unha superficie de 373,73 hectáreas.
Concedéuselle o trámite de audiencia á comunidade afectada, e esta presentou alegacións con data do 31.1.2025 en que, en síntese, expón que a proposta da revisión de esbozo elaborada polo Servizo de Montes supón unha modificación substancial da solicitude presentada pola comunidade, tanto en cuestións de planimetría coma de superficie afectada. Así mesmo, nega a consideración de monte demanial do predio Fraga Vella e considera que a problemática da titularidade do monte é unha cuestión que debe ser resolta no ámbito xurisdicional civil.
O día 12.3.2025, o Servizo de Montes elaborou a proposta de revisión de esbozo na cal incorpora a delimitación do MVMC atendendo ao axuste que é necesario realizar no que respecta á superficie correspondente ao monte de Fraga Vella. En síntese, recóllense as seguintes consideracións:
– A titularidade e a natureza demanial do monte de Fraga Vella é incuestionable. As transferencias de propiedade do monte están descritas detalladamente na memoria elaborada polo Servizo de Montes do 27.11.2024. Así mesmo, o carácter demanial do monte consta no certificado emitido o 24.2.2025 pola Subdirección Xeral do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública.
– Non cabe considerar que puidese existir unha prescrición adquisitiva dos terreos por parte das comunidades dos MVMC dada a natureza demanial do monte.
– As comunidades dos MVMC foron conscientes desde a súa clasificación da errónea inclusión do predio Fraga Vella nos esbozos dos seus montes veciñais.
– Non se pode concluír que exista un conflito de propiedade, xa que o recoñecemento público do monte Fraga Vella consta en diversos informes.
– É procedente a revisión de esbozo, xa que existe unha clara discordancia entre a configuración perimetral real do MVMC e a configuración perimetral plasmada no esbozo da carpeta ficha. Isto débese a que os tres montes afectados incluíron nos seus esbozos a superficie correspondente ao monte de titularidade pública, a pesar de que nos expedientes de investigación de clasificación do monte, no informe de deslindamento do ano 1975 e nos títulos de propiedade do Icona quede totalmente acreditado que ese monte non forma parte da superficie dos montes veciñais.
En conclusión, na proposta acéptase a inclusión das parcelas de titularidade da comunidade de Romariz incluídas na súa proposta de revisión de esbozo, engadindo de oficio a corrección na cal se exclúe do perímetro do MVMC Coto da Cal e Couce de Vigo a superficie correspondente ao monte Fraga Vella.
Con base nisto, e de acordo coa cartografía resultante, a superficie do MVMC Coto da Cal e Couce de Vigo pasa a ser de 373,73 hectáreas.
Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.
O novo esbozo correspóndese co plano do anexo II, ao final deste anuncio.
― MVMC Estelo, Braña e Toxiza, pertencente aos veciños de Estelo e Tronceda, na parroquia dos Remedios, concello de Mondoñedo. Expediente 13/79.
O día 26.10.2023 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Estelo e Tronceda para que se proceda á revisión do esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan.
De acordo co aprobado na sesión do 11.3.2024, sobre a necesidade de delimitar correctamente os tres MVMC solapados co monte demanial de Fraga Vella, retómase o procedemento de revisión de esbozo identificado co número de expediente 2023_51.
Con data do 17.12.2024, o Servizo de Montes elaborou a memoria e os planos de revisión de esbozo do MVMC Estelo, Braña e Toxiza. Nestes acéptase a incorporación e exclusión das parcelas catastrais propostas, ben que queda excluída do perímetro do monte veciñal a superficie correspondente ao predio de Fraga Vella. Por isto, considerando a proposta da comunidade, o monte veciñal pasaría a ter unha superficie de 1.142,42 hectáreas.
Concedéuselle trámite de audiencia á comunidade afectada, e esta presentou alegacións con data do 21.1.2025 en que, en síntese, expoñen que a proposta da revisión de esbozo elaborada polo Servizo de Montes supón unha modificación substancial da solicitude presentada pola comunidade, tanto en cuestións de planimetría coma de superficie afectada. Ademais do anterior, tamén conculca o principio de confianza lexítima que debe presidir a actuación da Administración cos cidadáns.
Así mesmo, negan a consideración de monte demanial do predio Fraga Vella e consideran que a problemática da titularidade do monte é unha cuestión que debe ser resolta no ámbito xurisdicional civil.
O día 12.3.2025, o Servizo de Montes elaborou a proposta de revisión de esbozo en que, ademais das pretensións da comunidade, incorpora a delimitación do MVMC atendendo ao axuste que é necesario realizar no que respecta a superficie correspondente ao monte de Fraga Vella. En síntese, recóllense as seguintes consideracións:
– A titularidade e a natureza demanial do monte de Fraga Vella é incuestionable. As transferencias de propiedade do monte están descritas detalladamente na memoria elaborada polo Servizo de Montes do 27.11.2024. Así mesmo, o carácter demanial do monte consta no certificado emitido o 24.2.2025 pola Subdirección Xeral do Patrimonio, da Consellería de Facenda e Administración Pública.
– Non cabe considerar que puidese existir unha prescrición adquisitiva dos terreos por parte das comunidades dos MVMC dada a natureza demanial do monte.
– As comunidades dos MVMC foron conscientes desde a súa clasificación da errónea inclusión do predio Fraga Vella nos esbozos dos seus montes veciñais.
– Non pode concluírse que exista un conflito de propiedade, xa que o recoñecemento público do monte Fraga Vella consta en diversos informes.
– É procedente a revisión de esbozo, xa que existe unha clara discordancia entre a configuración perimetral real do MVMC e a configuración perimetral plasmada no esbozo da carpeta ficha. Isto débese a que os tres montes afectados incluíron nos seus esbozos a superficie correspondente ao monte de titularidade pública, a pesar de que nos expedientes de investigación de clasificación do monte, no informe de deslindamento do ano 1975 e nos títulos de propiedade do Icona quede totalmente acreditado que ese monte non forma parte da superficie dos montes veciñais.
En conclusión, na proposta acéptanse as pretensións solicitadas pola comunidade de Estelo e Tronceda na súa proposta de revisión de esbozo, incluíndo de oficio a corrección na cal se exclúe do perímetro do MVMC Estelo, Braña e Toxiza a superficie correspondente ao monte Fraga Vella.
Con base nisto, e de acordo coa cartografía resultante, a superficie do MVMC Estelo, Braña e Toxiza pasa a ser de 1.142,42 hectáreas.
Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e incorporar o novo esbozo ao expediente.
O novo esbozo correspóndese co plano do anexo III, ao final deste anuncio.
Contra estes acordos poderá interpoñerse, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 27 de marzo de 2025
María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo
