DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 9 de abril de 2025 Páx. 21201

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C).

A reforma da política agrícola común (PAC), para o período 2023 a 2027, oriéntase na consecución duns resultados concretos vencellados aos obxectivos baseados nos tres piares da sustentabilidade que se centran nos aspectos económicos, ambientais e sociais.

O Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013, recolle no seu artigo 57 e seguintes os tipos de intervencións que se realizarán no sector vitivinícola e a axuda financeira da Unión para esta intervención, entre os cales se atopa a colleita en verde.

A nivel estatal, o conxunto destas novas axudas inclúese no Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención sectorial vitivinícola (ISV) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común (PEPAC), e que ten por obxecto establecer a normativa básica aplicable aos tipos de intervencións incluídos na Intervención sectorial vitivinícola, entre eles a intervención de colleita en verde.

A sección 3ª do capítulo II do Real decreto 905/2022 dedícase á colleita en verde e ten como finalidade evitar unha crise de mercado e recobrar o equilibrio da oferta e a demanda no mercado vitivinícola. Ademais, o real decreto define a autoridade competente como o órgano competente da comunidade autónoma onde estean situadas as superficies das parcelas do solicitante, que deberá, entre outras funcións, recoller as solicitudes de axuda, levar a cabo a súa tramitación e avaliación, seleccionar as solicitudes para subvencionar e resolver a concesión das axudas.

O artigo 34 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, establece que as comunidades autónomas que queiran aplicar a intervención de colleita en verde deberán remitir, antes do 15 xaneiro de cada ano, unha solicitude debidamente xustificada á Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Se existe solicitude por parte dalgunha comunidade autónoma para a activación da colleita en verde, a Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura realizará unha análise de mercado, mediante a cal poderá decidir conceder unha axuda á colleita en verde nunha parte ou na totalidade do territorio nacional.

Mediante a Resolución do 20 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Producións e Mercado Agrarios, fixouse a asignación orzamentaria para a intervención de colleita en verde incluída na intervención sectorial vitivinícola, coa finalidade de retirar un volume de viño que permita recobrar o equilibrio do mercado.

As circunstancias en que se desenvolve o sector vitivinícola de Galicia neste momento son complicadas, viuse afectado negativamente polo encarecemento de combustibles, enerxía, materias primas e outras subministracións. Este encarecemento de prezos, unido á política proteccionista de Estados Unidos e ás dificultades para o comercio derivadas do Brexit, dificultaron notablemente a recuperación do sector, o que provocou unha evolución negativa das vendas de viño producido na Comunidade Autónoma de Galicia. Víronse especialmente afectadas a denominación de orixe Ribeira Sacra e, en menor medida, a Ribeiro, en ambos os casos para os viños tintos.

Con base nestas consideracións, os consellos reguladores das denominacións de orixe protexida Ribeira Sacra e Ribeiro instaron a Consellería do Medio Rural para que solicitase ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, nos prazos establecidos, a activación desta medida para Galicia no ano 2025.

O día 14 de xaneiro de 2025 a Xunta de Galicia solicitou á Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a activación da medida de colleita en verde de acordo co artigo 34 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común.

Así, esta orde ten por obxecto desenvolver a normativa nacional no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establecer as bases e o procedemento para a aprobación da axuda para a colleita en verde do viñedo, dispoñendo cantas cuestións son necesarias para instrumentar a súa correcta aplicación, de conformidade coa sección 3ª do capítulo II do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, e convocar a execución desta intervención para o exercicio financeiro 2025.

Atendendo á solicitude da Comunidade Autónoma de Galicia e á realizada por outras comunidades autónomas, a Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación fixou, para o ano 2025, o orzamento para a posta en marcha da colleita en verde no Programa de apoio ao sector vitivinícola mediante Resolución do 20 de febreiro de 2025, publicada no BOE do 21 de febreiro.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, ámbito de aplicación e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a intervención de colleita en verde do viñedo de Galicia (procedemento MR446C) e realizar a súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva conforme cos requisitos e condicións establecidas para esta intervención nas disposicións xerais do ámbito comunitario, estatal e autonómico e, en particular, no Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, e as súas modificacións.

2. A intervención de colleita en verde, recollida no artigo 58.1.c) do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, será de aplicación a aquelas parcelas de viñedo situadas no territorio de Galicia que se destinen á produción de uva para vinificación.

3. A colleita en verde terá como finalidade evitar unha crise de mercado e recobrar o equilibrio da oferta e da demanda no mercado vitivinícola.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Definicións

Sen prexuízo das definicións establecidas no Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, no Real decreto 1338/2018, do 29 de outubro, polo que se regula o potencial de produción vitícola, para os efectos da aplicación desta orde entenderase como:

a) Colleita en verde: destrución ou eliminación total dos acios de uvas de viñedos que se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente de plantacións de viñedo, cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza a cero o rendemento da parcela, sen que poidan existir uvas sen vendimar na parcela de viñedo obxecto da axuda.

b) Persoa viticultora: a persoa física ou xurídica, ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que teña unha superficie plantada de viñedo, en propiedade ou en réxime de arrendamento ou parzaría, ou calquera outra forma conforme co dereito que poida demostrar mediante documento liquidado dos correspondentes tributos, cuxa vendima se utilice para a produción comercial de produtos vitivinícolas ou a superficie se beneficie das excepcións recollidas no artigo 3.2 do Regulamento delegado (UE) 2018/273 da Comisión, do 11 de decembro 2017. Esta definición considérase cumprida pola persoa física ou xurídica xa inscrita no Rexistro Vitícola como persoa viticultora dunha superficie plantada de viñedo antes da data de entrada en vigor do dito regulamento.

Artigo 3. Requisitos de admisibilidade das persoas solicitantes

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

2. Na data de apertura do prazo de presentación de solicitudes, a persoa viticultura solicitante deberá estar inscrita no Rexistro Vitícola.

3. As persoas viticultoras cuxas solicitudes de axuda fosen aprobadas en convocatorias anteriores do Programa de apoio ao sector vitivinícola (PASVE 2019-2023) ou da Intervención sectorial vitivinícola (ISV 2024-2027), segundo corresponda, non poderán acceder á axuda nas dúas convocatorias seguintes, se:

a) Renunciaron á axuda dunha operación solicitada, unha vez aprobada, agás que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días desde a súa notificación.

b) Non solicitaron o pagamento dunha operación aprobada, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pagamento.

Os supostos desta epígrafe non serán de aplicación nos casos de forza maior ou circunstancias excepcionais que poden recoñecerse conforme os casos previstos no artigo 3 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.

4. As persoas solicitantes que fosen sancionadas en firme pola autoridade competente en materia de auga por faceren un uso ilegal deste recurso non recibirán axuda para a colleita en verde de viñedos naquelas hectáreas de regadío para as cales as solicitasen.

5. Cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Non crear artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos na normativa, tal e como se establece no artigo 62 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello.

Artigo 4. Requisitos da admisibilidade das parcelas

Só poderán acollerse á axuda á colleita en verde as solicitudes de parcelas que se destinen a produción de uva para vinificación na Comunidade Autónoma de Galicia con variedades autorizadas para a DOP Ribeira Sacra e Ribeiro, que estean dentro do ámbito xeográfico destas DOP:

A parcela de viñedo obxecto da axuda deberá solicitarse pola totalidade da súa superficie. Ademais, deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscrita no Rexistro Vitícola da persoa solicitante ou solicitarse o cambio de titularidade desta, na data de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

b) A parcela de viñedo deberá ter sido plantada previamente ás tres campañas anteriores a aquela en que se solicita a axuda.

c) A parcela de viñedo terá unicamente variedades de uva tinta.

d) Ter unha superficie igual ou superior a 0,05 hectáreas.

e) Dispoñer da declaración de colleita da campaña vitícola.

f) Atoparse en produción e en bo estado vexetativo.

En calquera caso, a superficie máxima por solicitude será de 10 ha por viticultor e ano.

Artigo 5. Operacións subvencionables

A axuda á colleita en verde concederase para a acción de vendima manual e consistirá na destrución ou eliminación total dos acios de uvas de viñedos que se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente de plantacións de viñedo, cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza a cero o rendemento da parcela, sen que poidan existir uvas sen vendimar na parcela de viñedo obxecto da axuda.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comezo da subvencionabilidade

Serán subvencionables as accións realizadas con posterioridade á resolución e notificación aos interesados.

Artigo 9. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións Agrarias de cada departamento territorial da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes correspondentes ao seu ámbito xeográfico e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales informará ao órgano colexiado da admisibilidade dos expedientes.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Verificado o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado aplicará os criterios de prioridade para que a persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias elabore a lista provisional coas parcelas admisibles. Este órgano estará presidido pola persoa titular do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario e integrado por tres persoas dese mesmo servizo con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. O 26 de maio publicarase na páxina web da Consellería do Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/explotacions/vinedo) a lista provisional coas parcelas admisibles, dando un prazo de 7 días para presentar alegacións. As eventuais alegacións que puidesen presentar os interesados tras a publicación da lista provisional serán valoradas antes de que a persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias elabore a lista definitiva de parcelas admisibles.

4. Antes do 7 de xuño, a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comunicará a lista definitiva de parcelas admisibles e priorizadas á Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura.

5. A partir da información remitida polas comunidades autónomas na epígrafe anterior, a Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura elaborará a lista definitiva de parcelas admitidas e comunicará a cada comunidade autónoma, antes do 15 xuño, as súas parcelas admitidas.

6. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, en virtude da Orde da Consellería do Medio Rural, do 17 de novembro de 2015, vista a lista definitiva elaborada pola Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura, ditará a correspondente resolución antes do 30 de xuño. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión e de denegación, que producirá os efectos da notificación.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Renuncia

A persoa beneficiaria poderá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado, no prazo máximo de 10 días hábiles desde a súa notificación.

Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

Artigo 14. Recursos fronte ás resolucións de subvención

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Incompatibilidade das axudas

A percepción das subvencións previstas nesta orde, para financiar a operación presentada, será incompatible coa de calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 16. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro total nas seguintes circunstancias:

a. Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b. Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c. Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente das operacións subvencionadas.

d. Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e. Incumprimento das obrigas impostas ás persoas beneficiarias, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

f. Incumprimento das obrigas impostas ás persoas beneficiarias, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos á persoa beneficiaria sexa debido a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, motivadas e acreditadas documentalmente, en particular nalgún dos seguintes casos:

a. Falecemento da persoa beneficiaria.

b. Incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria.

c. Catástrofe natural grave ou fenómeno meteorolóxico grave que afecte seriamente a explotación.

Artigo 17. Controis, reducións, exclusións e sancións

Efectuaranse controis sobre o terreo a todas as parcelas ás cales se concedeu axuda, de acordo co disposto no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común, e verificarase, polo menos:

a. A existencia do viñedo de que se trate e o correcto manexo da superficie considerada, de forma que se manteña en boas condicións vexetativas.

b. A eliminación ou destrución completa de todos os acios da superficie aprobada.

c. O método de colleita en verde utilizado.

d. Que a colleita en verde se levou a cabo durante un período vexetativo anterior a que a uva alcance unha fase comercializable.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 20. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a intervención de colleita en verde do viñedo de Galicia (procedemento MR446C) de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 21. Prazo de presentación das solicitudes de axuda

Tendo en conta o establecido no artigo 7 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, o prazo de presentación iníciase ao día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 25 de abril 2025.

Artigo 22. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a. Acreditación da persoa representante, se é o caso.

b. Certificado coa relación nominal das persoas socias, incluíndo o DNI, a idade e a súa participación no capital social, se é o caso.

c. Anexo II, comprobación de datos das persoas socias, se é o caso

d. No caso de persoas solicitantes ás cales lles sexa de aplicación o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro (subvencións de importe superior a 30.000 euros):

– As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar unha conta de perdas e ganancias abreviada, certificación asinada pola persoa física ou, no caso das persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder suficiente de representación, en que alegan acadar o grao de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderase substituír pola documentación prevista na letra seguinte.

– Persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada:

i. Certificación expedida por un auditor de contas inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha desagregación da información de pagamento descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando consta que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecido na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinada neste punto, a partir da información exixida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

ii. No caso de que non fose posible expedir o certificado a que se refire o punto anterior, «Informe de trámites acordados», elaborado por un auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, quen, con base na revisión dunha mostra representantiva das facturas pendentes de pagamento aos provedores da empresa nunha data de referencia, conclúa sen que se detecten excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detecten, non impidan acadar o nivel de cumprimento exixido.

O requisito establecido nesta epígrafe entenderase cumprido cando o grao de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a. DNI/NIE da persoa solicitante.

b. DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c. NIF da entidade solicitante.

d. NIF da entidade representante.

e. Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

f. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h. Concesións de subvencións e axudas.

i. Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j. DNI/NIE da persoa socia (se for o caso).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 24. Criterios de prioridade

En cumprimento do establecido no artigo 39 do Real decreto 905/2022 establécense os seguintes criterios de prioridade:

1. Criterios ligados á parcela vitícola:

Parcelas rexistradas nunha figura de calidade diferenciada (DOP/IXP) e cuxa produción fose destinada á elaboración de viño para a devandita DOP ou IXP en, polo menos, as dúas campañas previas á campaña de aplicación da colleita en verde: 3 puntos.

2. Criterios de prioridade ligados ao solicitante da axuda:

a) Persoa solicitante que non teña máis de 40 anos no ano en que presenta a solicitude de axuda: 5 puntos.

Cando a persoa solicitante sexa unha persoa xurídica e este criterio non poida ser verificado directamente, a dita condición deberano cumprir, polo menos, o 50 % das persoas físicas co poder de decisión dentro da dita persoa xurídica, o que exixe que a súa participación no capital social da persoa xurídica sexa máis da metade do capital social total desta ou que posúan máis da metade dos dereitos de voto dentro dela.

b) Explotacións rexistradas no rexistro de titularidade compartida de acordo coa Lei 35/2011, do 4 de outubro, sempre e cando xa figuren no dito rexistro na data de apertura do prazo de solicitude da axuda: 5 puntos.

3. No caso de empate darase prioridade ás parcelas de maior superficie e, se persiste o empate, as presentadas en primeiro lugar segundo a data, a hora, o minuto e o segundo do rexistro de entrada.

Artigo 25. Cálculo da axuda

1. A axuda consistirá nunha compensación ás persoas viticultoras pola perda de ingresos debida á execución da operación e nunha contribución aos custos incorridos na devandita operación.

2. A compensación pola perda de ingresos consistirá nunha compensación económica do 50 % ao resultado do produto do:

a. Rendemento medio da parcela obxecto da axuda considerando para o seu cálculo a media aritmética das tres últimas campañas vitícolas. No caso de que este rendemento medio supere o rendemento medio obtido do informe da vendima da denominación de orixe, o rendemento medio que se aplicará estará limitado polo informe da vendima.

b. Valor medio da uva. O valor medio da uva para esta convocatoria é de 1,17 €/kg, proveniente do prezo medio da uva das últimas tres campañas das cales se dispón de datos (2021, 2022 e 2023).

3. Contribución aos custos incorridos nas accións subvencionables. A contribución polos custos incorridos será o resultado de aplicar a porcentaxe do 50 % ao custo unitario correspondente.

Baremos estándar de custos unitarios

Vendima manual mediante contribución
en especie

Vendima manual mediante contratación externa
ou persoal asalariado

1.547,57 €/ha

2.499,78 €/ha

4. Segundo o establecido no artigo 40 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro:

a. No caso de que o orzamento dispoñible para a colleita en verde sexa maior ao importe total solicitado, asignarase a cada parcela o importe da axuda solicitada.

b. No caso de que o orzamento dispoñible para a colleita en verde sexa menor ao importe total solicitado polo conxunto de comunidades autónomas, a Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura destinará, para seleccionar as parcelas admisibles de cada comunidade autónoma, un orzamento calculado proporcionalmente ao importe das necesidades comunicadas, respecto do total dispoñible.

Con base no orzamento calculado como dispoñible para cada comunidade autónoma, a Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura dará prioridade na selección, ás parcelas que teñan maior puntuación na valoración, ata esgotar o orzamento dispoñible de cada comunidade autónoma.

Artigo 26. Prazo de execución

1. A execución da colleita en verde deberá realizarse como data máxima o 15 de xullo de 2025.

2. Unha vez realizada a colleita en verde, os acios inmaturos deberán ser retirados da parcela.

Artigo 27. Xustificación e pagamento da axuda

1. Unha vez realizadas as operacións e, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, accedendo á Carpeta cidadá mediante a acción de «achegar documentación xustificativa». Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento.

2. No caso de realizar a vendima manual mediante contratación externa, deberá entregar un certificado dos traballos realizados emitido pola empresa que prestou o servizo, indicando o número da factura e a data de pagamento, ou o informe de vida laboral da empresa no caso de que a persoa viticultora realice a vendima con persoal asalariado.

3. A data límite para a presentación desta solicitude de pagamento será o 31 de xullo de 2025.

4. En ningún caso se entenderá executada a colleita en verde se esta non foi efectuada na parcela completa eliminando todos os acios da devandita parcela. Non se terá dereito á axuda se o resultado dos controis non é satisfactorio.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 28. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 15.04.713C 772.1 (código de proxecto 2007.00437), cun importe de 600.000 euros para o ano 2025.

2. A dita aplicación orzamentaria poderase incrementar, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

3. De conformidade co artigo 34.3 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, a Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura fixará unha asignación orzamentaria para a colleita en verde.

4. De conformidade co artigo 40.5 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro:

a. No caso de que o orzamento dispoñible para a colleita en verde sexa maior ao importe total solicitado, asignarase a cada parcela o importe da axuda solicitada.

b. No caso de que o orzamento dispoñible para a colleita en verde sexa menor ao importe total solicitado polo conxunto de comunidades autónomas, a Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura destinará, para seleccionar as parcelas admisibles de cada comunidade autónoma, un orzamento calculado proporcionalmente ao importe das necesidades comunicadas, respecto do total dispoñible.

Con base no orzamento calculado como dispoñible para cada comunidade autónoma, a Subdirección Xeral de Froitas e Hortalizas e Vitivinicultura dará prioridade na selección, ás parcelas que teñan maior puntuación na valoración, ata esgotar o orzamento dispoñible de cada comunidade autónoma.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na normativa da organización común dos mercados dos produtos agrarios (OCMA única) con relación ao sector vitivinícola, no Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC) e nas súas modificacións posteriores, e outra normativa básica da Unión, estatal e/ou autonómica, así como na Lei xeral de subvencións e na Lei de subvencións de Galicia e, en particular:

– Regulamento delegado (UE) 2022/126 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo aos requisitos adicionais para determinados tipos de intervención especificados polos Estados membros nos seus plans estratéxicos da PAC para o período 2023-2027 en virtude do devandito regulamento, e ás normas sobre a proporción relativa á norma 1 das boas condicións agrarias e ambientais (BCAM).

– Regulamento delegado (UE) 2018/273 da Comisión, do 11 de decembro de 2017, polo que se completa o Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que incumbe ao réxime de autorizacións para plantacións de vide, o rexistro vitícola, os documentos de acompañamento, a certificación, o rexistro de entradas e saídas, as declaracións obrigatorias, as notificacións e a publicación da información notificada, e polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que incumbe aos controis e sancións pertinentes, polo que se modifican os regulamentos (CE) 555/2008, (CE) 606/2009 e (CE) 607/2009 da Comisión e polo que se derrogan o Regulamento (CE) 436/2009 da Comisión e o Regulamento delegado (UE) 2015/560 da Comisión.

– Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común.

– Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico da política agrícola común e outras axudas da política agrícola común.

– Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

– Real decreto 1338/2018, do 29 de outubro, polo que se regula o potencial de produción vitícola.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file