DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 10 de abril de 2025 Páx. 21433

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 31 de marzo de 2025 pola que se aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Petanca.

Antecedentes:

Primeiro. O 23 de decembro de 2024, a Federación Galega de Petanca presentou a modificación dos seus estatutos, para a súa aprobación, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (expediente PR946A-2024-1567).

Segundo. O 12 de xaneiro de 2025 achegou os estatutos no idioma castelán. O 31 de xaneiro e o 11 de marzo realizáronse requirimentos para que emendase a redacción de certos artigos dos estatutos propostos. A Federación contestou os requirimentos o 13 de febreiro e o 16 de marzo, respectivamente.

Terceiro. Na asemblea xeral da Federación, que tivo lugar o 21 de decembro de 2024, aprobouse a modificación proposta.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Correspóndelle á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno, agás os que se refiren ás normas técnicas da correspondente práctica deportiva.

Segunda. O artigo 54.7 da dita lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas, e as súas modificacións, se publicarán no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no Rexistro.

Terceira. A solicitude presentouse no Rexistro dentro do prazo de dous meses desde a aprobación da modificación estatutaria, tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Cuarta. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 24 de marzo de 2025, que aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Petanca e propón a publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia,

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Galega de Petanca.

Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se xuntan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos da Federación Galega de Petanca

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1

A Federación Galega de Petanca (en diante, FGP) é unha entidade privada, sen ánimo de lucro, cuxo ámbito territorial é a Comunidade Autónoma de Galicia e está integrada polas entidades deportivas, seccións deportivas, deportistas, técnicos, árbitros e xuíces, co obxectivo de promover, practicar e, en xeral, contribuír ao desenvolvemento desta modalidade deportiva.

A FGP, ademais das competencias que lle son propias, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo, actuando como axente colaborador da Comunidade Autónoma galega baixo a súa tutela e coordinación.

Artigo 2

A FGP organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática, e ten personalidade xurídica propia e patrimonio propio. Está suxeita ás súas propias responsabilidades e posúe plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes.

Para o cumprimento das súas finalidades, pode adquirir bens de toda clase, así como contratar e obrigarse.

A FGP está integrada na Federación Española de Petanca e exerce de maneira exclusiva a representación desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia na modalidade de petanca e das bochas.

Artigo 3

A FGP organizará as actividades propias da modalidade de petanca e das bochas e, no tocante á competición oficial, en coordinación e baixo a tutela da Xunta de Galicia, rexerase pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento, polos seus propios estatutos e regulamentos, e polas demais disposicións que lle sexan aplicables.

A FGP é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para organizar as competicións oficiais de petanca e bochas.

Artigo 4

1. A FGP exercerá como funcións propias as seguintes:

a) A convocatoria das seleccións deportivas da súa modalidade deportiva e a designación dos deportistas que as integren.

b) Colaborar coas administracións públicas e coa Federación Española de Petanca, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción do deporte da petanca.

c) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.

d) De ser o caso, e conforme a normativa que sexa aplicable, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Elaborar os seus propios regulamentos deportivos.

f) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de adestradores, árbitros e xuíces segundo a normativa que sexa aplicable.

2. A FGP exercerá como funcións públicas delegadas, en réxime de exclusividade, as seguintes:

a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas da súa modalidade, consonte a normativa que lle sexa aplicable.

b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.

c) Expedir licenzas deportivas para a práctica do deporte da petanca nos termos establecidos na lexislación vixente.

d) Asignar as subvencións e as axudas de carácter público concedidas a través da FGP e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.

e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento destes estatutos.

f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo con estes estatutos e regulamentos.

g) Executar, de ser o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, no control e na represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte.

i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.

3. Os actos adoptados pola FGP no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso, ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, nos termos da normativa aplicable.

Artigo 5

O domicilio social da FGP establécese na Casa do Deporte de Vigo, na rúa Fotógrafo Luis Ksado, nº 17, local 18, Vigo (Pontevedra).

A Comisión Delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade (que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega), será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral. En ambos os casos, o traslado do domicilio social deberá ser notificado aos afiliados e afiliadas e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Por acordo da asemblea xeral, e para os efectos puramente de organización interna, poderanse establecer delegacións da FGP nas localidades de Galicia que decida a citada asemblea.

CAPÍTULO II

Requisitos para ser membro da FGP. Dereitos, deberes e responsabilidades. Causas de perda da condición de federado

Artigo 6

As entidades deportivas poderán integrarse por petición propia na FGP sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia, se encontren constituídas conforme os requisitos exixidos pola lexislación vixente e inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, co compromiso de cumprir os estatutos e regulamentos da FGP e someterse ás decisións dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos, no que sexa de aplicación, rexerán para a integración na FGP dos deportistas, técnicos, adestradores, árbitros e xuíces, e outros colectivos interesados, se os houber.

Artigo 7

A integración na FGP comportará a integración automática, para todos os efectos, na Federación Española de Petanca.

Artigo 8

Sobre o réxime de concesión de licenzas, a integración na FGP producirase mediante a expedición por parte desta, da correspondente licenza federativa. Para a dita expedición será preciso:

a) Aboar a cantidade estipulada pola asemblea xeral para cada ano.

b) Non estar incurso/a en ningunha causa de inhabilitación establecida por aqueles órganos dotados de tal competencia, como o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Contra a denegación de licenza, que deberá ser motivada, caberá recurso perante a asemblea xeral.

Para participar nas competicións oficiais, tanto de ámbito autonómico como estatal, será preciso posuír a correspondente licenza federativa en vigor.

Artigo 9

Todos os membros da FGP teñen dereito a recibir a súa tutela con respecto aos seus intereses deportivos, así como a participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo con estes estatutos e cos regulamentos internos. Os membros da FGP teñen, pola súa vez, o deber de acatar os acordos dos seus órganos, sen que isto obste para o seu dereito de recorrer, ante as instancias federativas competentes e, de ser o caso, ante os tribunais de xustiza ou da Secretaría Xeral para o Deporte segundo proceda, contra aqueles que consideren contrarios a dereito, sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

Artigo 10

Son causas de perda da condición de federado:

a) O falecemento.

b) A vontade expresa do deportista.

c) A falta de pagamento da licenza deportiva do ano en vigor.

d) As faltas graves ou moi graves contra os estatutos ou fins da FGP, que serán acordadas logo de instrución do expediente disciplinario que se tramitará con audiencia da persoa interesada.

TÍTULO II

Dos órganos de goberno e representación

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 11. Órganos de goberno e representación

Son órganos de goberno e representación da FGP a Asemblea Xeral e a Presidencia.

No seo da Asemblea Xeral deberá constituírse unha comisión delegada de asistencia a esta.

Artigo 12. Órganos electivos da FGP

1. Serán órganos electivos da FGP a Presidencia, a Asemblea Xeral e a Comisión Delegada.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e cesados libremente pola Presidencia, coas excepcións previstas nestes estatutos.

2. O nomeamento ou a renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que se poidan crear dentro da FGP deberán ser comunicados a todos os membros da Asemblea Xeral nun prazo máximo de quince (15) días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e nos termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos –salvo disposición expresa que dispoña o contrario– adoptaranse por maioría simple. En caso de empate, a Presidencia terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nestes estatutos.

4. A responsabilidade dos membros dos órganos da FGP no exercicio das súas funcións será exixida de conformidade co disposto na Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

5. Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da FGP, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Os exixidos no Regulamento electoral vixente, de ser o caso.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar a cumprir a sanción de inhabilitación.

d) Non estar inhabilitado por sentenza xudicial firme para ocupar cargo público ou estar condenado mediante sentenza xudicial firme por delitos graves cometidos contra a FGP.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nestes estatutos.

f) Reunir os requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

CAPÍTULO II

Da Asemblea Xeral

Sección primeira. Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 13

A Asemblea Xeral é o máximo órgano de goberno e representación da FGP.

Artigo 14

A Asemblea Xeral estará constituída pola Presidencia da FGP e polos representantes das entidades deportivas, as/os deportistas, as/os técnicas/os e as árbitras/os-xuízas/ces.

As entidades deportivas non poderán ser membros da Asemblea Xeral se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Os compoñentes da Xunta Directiva poderán asistir ás reunións da Asemblea, con dereito a voz pero sen voto, en caso de non pertencer a esta.

Artigo 15

A Asemblea Xeral estará composta polo número de membros segundo o Regulamento electoral aprobado cada catro anos.

Artigo 16

O Regulamento electoral deberá indicar a porcentaxe de membros da Asemblea Xeral en cada un dos estamentos.

Artigo 17

Os membros da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Falecemento.

b) Disolución da entidade a que representan.

c) Expiración do mandato para o cal foron elixidos.

d) Renuncia voluntaria.

e) Estar incursos en causa de incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que desempeñan.

g) Perda da condición pola cal foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 18

As vacantes que se produzan na Asemblea Xeral antes das seguintes eleccións xerais a esta serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, na falta destes, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20 % dos membros da asemblea.

Os membros para ocupar as vacantes a que se refire o punto anterior exercerán o seu mandato polo tempo que falte para a realización das seguintes eleccións xerais.

Sección segunda. Réxime de funcionamento

1. Competencias

Artigo 19

A Asemblea Xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da FGP, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Son competencias da Asemblea Xeral as seguintes:

1. A aprobación e modificación dos estatutos da FGP, sen prexuízo da súa posterior ratificación pola Administración deportiva autonómica.

2. A elección, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, da Presidencia e da Comisión Delegada da FGP, así como o cesamento e a moción de censura á Presidencia.

3. Durante o último trimestre do exercicio económico, a Asemblea aprobará o orzamento correspondente ao seguinte exercicio. Este orzamento debe ser equilibrado e non deficitario. O dito orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación para o seu depósito.

4. Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que desenvolverá a FGP e das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5. Aprobación da creación de órganos territoriais da FGP.

6. Aprobación do Regulamento de elección á Asemblea, Presidencia e da Comisión Delegada da FGP, sen prexuízo da súa posterior ratificación pola Administración deportiva autonómica.

7. Aprobación do Regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8. Aprobación do Regulamento de licenzas de disciplina deportiva.

9. Calquera outra competencia da FGP que non estea expresamente atribuída por estes estatutos a outro órgano.

2. Convocatoria

Artigo 20

A asemblea xeral será convocada pola Presidencia da FGP, cun mínimo de dez (10) días naturais de antelación ao da data da súa realización, no taboleiro de anuncios da FGP, e deberá incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar, ademais da notificación individual a cada un dos membros, no enderezo que conste na FGP, 30 días antes da data da convocatoria. A notificación remitirase por calquera medio que permita ter constancia da recepción cunha antelación mínima de 48 horas, incluídos os medios electrónicos. Será suficiente para entendela validamente convocada a recepción, polos membros, da convocatoria e da orde do día. A asemblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre que concorran a totalidade dos seus membros e se adopte o acordo de realización de sesión.

A orde do día poderá incorporar asuntos non incluídos nela, por petición fundada dunha quinta parte dos membros da Asemblea Xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a todos os membros da Asemblea Xeral, mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da FGP cunha antelación mínima de tres (3) días ao da data de realización.

Artigo 21

A Presidencia da FGP deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria anualmente, antes do inicio da nova tempada deportiva, para tratar os asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para a aprobación da memoria anual de actividades, a aprobación do novo orzamento e a liquidación do anterior, a aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e os exames e consideración das propostas que formulen os membros da Asemblea, da Comisión Delegada, da Xunta Directiva e a presidenta ou o presidente.

Todas as demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas pola Presidencia da FGP sempre que o considere oportuno, ou por petición dun número de membros que integren a Asemblea non inferior ao 25 %. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida á Presidencia da FGP, en que indiquen os puntos que compoñerán a orde do día. A Presidencia, no prazo máximo de dez (10) días naturais desde a entrada da petición no Rexistro da FGP, deberá convocar a asemblea xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos e coa orde do día solicitada. A dita asemblea deberá ter lugar nun prazo non superior a vinte (20) días naturais desde a convocatoria. En caso de negativa expresa da Presidencia a efectuar a convocatoria, ou pasados dez (10) días desde que a solicitude fose efectuada sen ter sido respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno.

Cando a Presidencia da FGP aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora, poderá convocar a asemblea sen suxeición a prazo nin requisito ningún, salvo a citación persoal dos asembleístas que poidan ser localizados nos enderezos que consten na FGP. En todo caso, a asemblea requirirá como mínimo a presenza de 2/3 dos seus membros e pronunciarase previamente á deliberación de asuntos, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa realización. En todo caso, nunha asemblea convocada desta forma non se poderán modificar os estatutos.

Artigo 22

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria, cando concorra a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será válida sexa cal for o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

3. Adopción de acordos

Artigo 23

Non será admisible nin a delegación nin o voto por correo nas votacións dos órganos de colexiados nin para a comprobación do seu quórum.

As entidades deportivas poderán ser representadas de conformidade cos seus propios estatutos, pero o representante non poderá ser membro da Asemblea Xeral por calquera outro estamento.

Ninguén poderá exercer na Asemblea Xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 24

As votacións no seo da Asemblea Xeral realizaranse na forma e pola orde que a Presidencia estableza, e será esta a que decidirá se son ordinarias, nominais ou secretas. Se cando, polo menos, o vinte e cinco por cento dos asistentes solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da Asemblea Xeral.

Artigo 25

A Asemblea Xeral será presidida pola Presidencia da FGP e o seu voto será de calidade en caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioría simple de asistentes.

Para os efectos de cómputo de quórum e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asembleístas, computaranse sempre por exceso.

Artigo 26

Dos acordos adoptados na Asemblea Xeral e Comisión Delegada levantará acta o secretario ou secretaria, en que se especificarán o nome das persoas que interviñeron e as demais circunstancias que se consideren oportunas, o contido dos acordos adoptados, o resultado da votación e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán os que os emitan de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Todos os acordos serán públicos salvo que, excepcionalmente, se acorde o contrario por maioría das tres cuartas partes dos membros do órgano decisorio. A publicidade garantirase, polo menos, a través da páxina web da FGP.

Os acordos da asemblea xeral poderán ser impugnados ante a Administración deportiva autonómica, conforme o disposto na lexislación vixente.

Artigo 27

Os acordos da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a FGP, e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Artigo 28

A Asemblea Xeral non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poida comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto propio da FGP.

CAPÍTULO III

Da Comisión Delegada: natureza, constitución, composición e funcionamento

Artigo 29

No seo da Asemblea Xeral deberá constituírse unha Comisión Delegada, que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da FGP.

A Comisión Delegada será elixida pola Asemblea Xeral na primeira reunión que esta celebre despois da súa constitución, mediante sufraxio entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral. O número de membros da Comisión Delegada será de seis (6) máis a Presidencia da FGP; deberán estar representados todos os estamentos, e respectarase a proporcionalidade da Asemblea Xeral. A Presidencia da FGP convocará a Comisión Delegada, que se reunirá, como mínimo, cada catro (4) meses para os fins da súa competencia e, cando menos, para realizar o seguimento da xestión deportiva e económica da FGP.

Correspóndenlle á Comisión Delegada da Asemblea Xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da FGP.

As modificacións non poderán exceder os límites e criterios que a propia Asemblea Xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na Comisión Delegada corresponde á Presidencia ou a dos terzos dos membros da Comisión Delegada.

CAPÍTULO IV

Da Presidencia

Artigo 30

A Presidencia da FGP é o órgano de goberno e representación que exerce a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os seus acordos. A persoa titular da Presidencia será elixida mediante sufraxio libre, igual e secreto de entre todos os membros da Asemblea Xeral, sen que teña que ser membro desta, e non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa.

A Presidencia poderá nomear delegados nas localidades aprobadas pola Asemblea Xeral, que actuarán seguindo as instrucións daquela e por delegación nas funcións que se lles encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos pola Presidencia segundo o seu criterio.

Artigo 31

A duración do cargo de presidente/a será de catro (4) anos.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a Presidencia antes de que transcorra o prazo para o cal foi elixido/a, considerarase cesada toda a Xunta Directiva, e a Comisión Delegada constituirase en Comisión Xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a Asemblea Xeral e esta acordará unha nova elección da Presidencia para cubrir a vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ao mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, observarase o disposto no artigo 36 destes estatutos.

Artigo 32

O desempeño do cargo da Presidencia será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas, coa excepción da Federación Española de Petanca Deportiva.

b) Desempeño de cargos en entidades deportivas integradas na FGP, así como o desempeño de todo tipo de actividades técnicas dentro do ámbito territorial da FGP.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 33

A Presidencia cesará por:

a) Transcurso do prazo polo cal foi elixida.

b) Falecemento ou dimisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.

e) Por incorrer en causa de incompatibilidade. Neste último caso, dispoñería do prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente/a.

Artigo 34

1. A moción de censura á Presidencia poderá ser presentada polos membros da Asemblea Xeral que constitúan, polo menos, unha terceira parte dela, mediante escrito presentado no Rexistro da FGP dirixido á Xunta Electoral federativa. Na dita petición deberán solicitar da Presidencia a convocatoria, nas 48 horas seguintes, dunha asemblea xeral extraordinaria que terá lugar nun prazo de entre 15 e 30 días desde a convocatoria, coa dita moción como único punto da orde do día, así como propoñer un/unha candidato/a alternativo/a á Presidencia.

2. No caso de prosperar a moción de censura, que someterá a votación secreta, que deberá acadar a maioría absoluta de membros que compoñen a Asemblea, o candidato ou candidata quedará investido polo tempo que reste ata a finalización do período de mandato da anterior Presidencia.

3. A moción de censura non se poderá presentar durante os seis (6) primeiros meses de mandato, nin cando resten entre seis (6) meses e un ano ata a data a partir da cal se poida realizar a convocatoria de eleccións, a cal será, como máximo, aquela en que se cumpran os catro (4) anos de mandato desde a constitución da Asemblea Xeral.

4. A sesión da Asemblea Xeral en que se debata a moción de censura estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

5. Se a moción de censura non prospera, as persoas signatarias non poderán presentar outra ata transcorrido un ano, contado desde o día da súa votación e rexeitamento.

TÍTULO III

Órganos complementarios dos de goberno e representación

Artigo 35

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da FGP para asistir o/a presidente/a:

a) A Xunta Directiva.

b) A secretaria ou secretario xeral.

c) A tesoureira ou tesoureiro.

Artigo 36

1. A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión da FGP e os seus membros son designados e revogados libremente pola Presidencia.

O número de membros será establecido pola Asemblea Xeral e non poderá ser inferior a cinco (5) nin superior a dez (10).

A Presidencia elixirá entre os membros da súa Xunta Directiva unha vicepresidenta ou un vicepresidente, que o será tamén da FGP, quen substituirá a Presidencia por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; unha secretaria ou un secretario que, pola súa vez, o será da FGP, así como unha tesoureira ou un tesoureiro. Tales cargos poderán ser removidos pola Presidencia cando esta o considere conveniente.

Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás súas sesións, con dereito a voz pero sen voto.

Todos os cargos son honoríficos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva, deberá ser expresamente acordada pola Asemblea Xeral e por maioría absoluta, e constar dunha maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a FGP.

2. A Presidencia da FGP nomeará un secretario ou secretaria, que exercerá as funcións de fedatario/a e asesor/a, e máis especificamente:

a) Levantar as actas das sesións dos órganos de goberno e representación da FGP, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

b) Expedir as certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da FGP, ou lle sexan delegadas pola Presidencia.

3. O tesoureiro ou tesoureira da FGP é o órgano de administración desta. Exercerá como funcións propias:

a) Levar a contabilidade da FGP.

b) Exercer a inspección económica de todos os órganos da FGP.

c) Elaborar e presentar informes á Comisión Delegada do estado contable da FGP.

Artigo 37

Para ser membro da Xunta Directiva non será necesario formar parte da Asemblea Xeral, pero si da FGP.

Artigo 38

Os membros da Xunta Directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacante na Presidencia, sen prexuízo da súa conversión en Comisión Xestora, nos casos previstos nos estatutos.

b) Dimisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade.

e) Cesamento pola Presidencia.

Artigo 39

A Xunta Directiva, como órgano colaborador da Presidencia, non terá competencias propias e exercerá por delegación as que lle encomende a persoa que exerza a Presidencia. As ditas competencias poderán ser revogadas en calquera momento.

Artigo 40

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados pola Presidencia e o secretario ou secretaria.

TÍTULO IV

Dos órganos técnicos e asesores

CAPÍTULO I

Comisións

Artigo 41

A FGP poderá crear, logo de aprobación pola Asemblea Xeral, cantas comisións técnicas precise, e en todo caso:

a) Os comités de disciplina deportiva: comité ou xuíz único de competición e comité ou xuíz único de apelación.

b) Comité Galego de Árbitras/os e Xuízas/ces.

c) Comité de técnicas/os.

Todas as comisións se rexerán polos seus respectivos regulamentos internos e, de ser o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da Federación Española de Petanca, pola lexislación aplicable e polo disposto nestes estatutos.

Todas as presidentas ou os presidentes dos comités serán nomeados pola Presidencia da FGP. A secretaria ou o secretario da FGP intervirá como secretaria/o de todos os comités sen voz e sen voto, agás que sexa membro deles.

CAPÍTULO II

Comité Galego de Árbitras/os e Xuízas/ces

Artigo 42

No seo da FGP constituirase, de maneira obrigatoria, o Comité Galego de Árbitras/os e Xuízas/ces no cal a persoa que exerza a Presidencia será designada pola Presidencia da FGP.

Este comité poderá adoptar a estrutura territorial da FGP.

Serán funcións deste comité:

a) Establecer os niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os/as árbitros/as e xuíces/zas, en función de criterios prefixados pola Asemblea Xeral, propoñéndolle á Xunta Directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á Asemblea Xeral.

c) Propoñer os candidatos a árbitros e/ou xuíces nacionais.

d) Propoñerlle á Xunta Directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral.

e) Designar os colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da FGP.

TÍTULO V

Réxime electoral

CAPÍTULO I

Os censos

Artigo 43

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral todos os membros da FGP que reúnan os requisitos establecidos nestes estatutos e no Regulamento electoral.

CAPÍTULO II

Regulamento electoral

Artigo 44

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o Regulamento electoral que deberá ser aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte, logo de aprobación da Asemblea Xeral, e regulará as seguintes cuestións:

1. Proporcionalidade de membros da Asemblea Xeral; circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da Xunta Electoral.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O termo para a presentación de candidatos á Presidencia será de cinco días hábiles e para membros da Asemblea Xeral non poderá ser inferior a 3 días nin superior a 7 días hábiles.

6. Procedemento de resolución de conflitos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

7. Composición, competencia, funcionamento e localización das mesas electorais.

8. Elección de presidente/a.

9. Elección da Comisión Delegada.

CAPÍTULO III

A Comisión Xestora

Artigo 45

1. Por medio de acordo da persoa titular da Presidencia de cada federación deportiva galega realizarase a convocatoria para a renovación dos órganos de goberno da federación.

2. A convocatoria de eleccións e o calendario electoral estimado comunicaranse á Secretaría Xeral para o Deporte, xunto co Regulamento electoral.

3. A convocatoria do proceso electoral deberá ser obxecto da máxima publicidade e difusión posible, utilizando todos os medios electrónicos, telemáticos e informáticos de que dispoña a federación, e publicarase no taboleiro de anuncios da sede da federación e nas delegacións territoriais, se as houber, así como nas páxinas web da respectiva federación, tanto na principal como na sección «Procesos electorais».

4. Unha vez convocadas as novas eleccións, a Xunta Directiva da federación deportiva entenderase disolta, e as súas funcións asumiraas unha comisión xestora, conformada por seis vogalías e unha persoa que exercerá a Presidencia. A designación das persoas que ocupen as vogalías corresponderalle á Comisión Delegada e á Xunta Directiva antes da súa disolución, e deberá ser igual o número de persoas designadas pola Comisión Delegada e pola Xunta Directiva. Entre as persoas designadas pola Xunta Directiva deberán incluírse as que exerzan as funcións de secretaría e tesouraría.

5. A presidencia da Comisión Xestora corresponderalle a quen presida a federación ou, en caso de cesar nesta condición por finalizar o seu mandato, por renuncia ou por presentar a candidatura a persoa integrante da Asemblea ou á Presidencia da federación, a quen sexa elixido para tal función por e entre as persoas que integren a Comisión Xestora.

6. As persoas que presenten a súa candidatura para formar parte dos órganos de goberno e representación da correspondente federación non poderán pertencer á Comisión Xestora, polo que deberán cesar na dita condición ao presentar a candidatura en cuestión.

7. A Comisión Xestora entenderase extinguida unha vez que tomen posesión todas as persoas membros dos órganos de goberno da federación deportiva.

CAPÍTULO IV

Circunscrición electoral

Artigo 46

1. A circunscrición electoral será única e autonómica.

2. Constituiranse, como mínimo, dúas mesas electorais, unha das cales deberá localizarse na provincia con maior número de persoas electoras conforme o censo electoral e a outra na provincia que ocupe o segundo lugar en canto ao número de persoas electoras.

CAPÍTULO V

Xunta Electoral

Artigo 47

1. De entre os membros designados, o/a presidente/a será o/a de maior idade, e actuará como secretaria ou secretario o/a de menor idade. Poderá asistir á Xunta Electoral como secretario/a de actas un/unha membro da FGP con voz e sen voto, designado/a pola Asemblea Xeral.

2. Os membros da Xunta Electoral deberán ser maiores de 18 anos, ter o título de ESO ou equivalente, non terán relación contractual ou profesional coa FGP e non poderán figurar como candidatos á Asemblea Xeral nin á Presidencia da FGP.

3. As decisións da Xunta Electoral son executivas e formaranse por maioría de votos. En caso de empate, o voto da Presidencia terá carácter dirimente.

4. O mandato das persoas membros da Xunta Electoral será ata a convocatoria do seguinte proceso electoral, e as eventuais vacantes que se produzan serán cubertas polo mesmo procedemento e cunha duración polo tempo restante ata a convocatoria do seguinte proceso electoral.

CAPÍTULO VI

Mesas electorais

Artigo 48

Para a elección dos distintos estamentos da Asemblea Xeral constituirase unha ou varias mesas electorais na forma establecida, con tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo pola Xunta Electoral entre as persoas físicas que pertenzan ao censo electoral correspondente a cada Mesa. Serán a Presidencia e secretaria ou secretario os membros de maior e menor idade, respectivamente.

CAPÍTULO VII

Recursos

Artigo 49

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á Xunta Electoral. Contra o que esta resolva caberá recurso, ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva, nos termos da lexislación aplicable.

CAPÍTULO VIII

Elección da Asemblea Xeral

Artigo 50

1. Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da FGP.

2. As eleccións á Asemblea Xeral serán acordadas pola persoa titular da Presidencia, que aprobará a convocatoria, con todos os requisitos que se establecerán no Regulamento electoral que se aprobe.

3. Acordada pola persoa titular da Presidencia a convocatoria de eleccións, a súa publicación será avalada mediante certificación da persoa que ocupe a Secretaría Xeral da FGP, que será exposta xunto coa documentación que deba integrar a convocatoria.

4. Desde a convocatoria para a realización desta asemblea xeral, a Xunta Directiva e a Presidencia constituiranse en Comisión Xestora, de acordo co disposto no artigo 45 destes estatutos.

Artigo 51

Para ser candidato a membro da Asemblea Xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 12.5. destes estatutos e no resto da normativa aplicable.

Os requisitos exixidos para ser electores ou elixibles deberán terse cumprido no día en que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 52

As eleccións á Asemblea Xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes aos estamentos integrantes dela, de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 53

Os representantes do estamento de entidades deportivas na Asemblea Xeral serán elixidos, en cada circunscrición electoral, entre os que integran o censo electoral que cumpran os demais requisitos previstos na normativa autonómica que resulte de aplicación.

Artigo 54

Os representantes do estamento de deportistas na Asemblea Xeral serán elixidos entre os maiores de 18 anos que cumpran os demais requisitos previstos na norma autonómica de aplicación.

Artigo 55

Os representantes do estamento de técnicas/os e árbitras/os e xuízas/ces na Asemblea Xeral serán elixidos entre os maiores de idade que cumpran os demais requisitos previstos na normativa autonómica de aplicación.

CAPÍTULO IX

Elección da Presidencia

Artigo 56

Unha vez concluídas as eleccións á Asemblea Xeral, a Presidencia da Comisión Xestora, logo de acordo desta, procederá inmediatamente á convocatoria da dita asemblea para elixir o/a presidente/a e á Comisión Delegada da FGP.

A Presidencia será elixida para un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren Xogos Olímpicos de Inverno, pola Asemblea Xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por todos os membros da dita asemblea xeral, logo de presentación e aceptación das candidaturas correspondentes, que deberán estar avaladas, polo menos, polo 10 % dos membros da Asemblea Xeral. Se algún membro da Comisión Xestora presenta a súa candidatura á Presidencia, deberá, previamente ou simultaneamente, cesar nesta.

Artigo 57

1. Na primeira votación son elixibles todas as persoas candidatas da lista definitiva. Aquelas que obteñan un mínimo do 10 % dos votos dos membros presentes pasarán á seguinte votación. No caso de que ningunha candidatura consiga o 10 % dos votos dos membros presentes, pasarán á seguinte votación aquelas dúas candidaturas que conten cun maior número de votos. No suposto en que soamente sexa unha candidatura a que obteña o 10 % dos votos dos membros presentes, pasará tamén á seguinte votación a seguinte –ou seguintes, en caso de empate– candidatura en número de votos. Se algunha candidatura consegue a maioría absoluta dos votos nesta primeira votación, será proclamada presidenta da federación.

2. Na segunda votación será elixida presidenta da federación a candidatura que nesta fase obteña a maioría absoluta dos votos.

3. No caso de que na votación anterior ningunha candidatura obtivese a maioría absoluta dos votos emitidos, procederase a unha terceira nova votación entre as dúas candidaturas máis votadas na segunda votación, e resultará elixida a que obteña a maioría de votos emitidos. Para o caso de empate, resolverase a favor da candidatura que obtivese maior número de votos na segunda votación e, de persistir o empate, a candidatura que obtivese maior número de votos na primeira votación e, no caso de persistir o empate, a favor da persoa candidata de maior idade.

4. No suposto de que se presente un/unha só/soa candidato/a, non se efectuará votación e será proclamada presidenta pola Xunta Electoral a única candidatura.

Artigo 58

Para poder ser candidato/a á Presidencia da FGP, deberán reunirse as condicións seguintes na data de realización da elección:

a) Ser maior de idade e presentar unha candidatura avalada, como mínimo, polo 10 % dos membros da Asemblea; non será necesario que a persoa que presente a candidatura teña a condición de asembleísta nin de afiliada á federación deportiva correspondente.

b) Non estar inhabilitado/a para ocupar cargos directivos ou de representación no ámbito deportivo por resolución firme na vía administrativa ditada polo órgano disciplinario competente, nin estar inhabilitado/a para o desempeño de cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme.

c) Non ser condenado/a por delitos contra a Facenda pública estatal ou autonómica galega nin contra a Seguridade Social, o que se acreditará mediante a presentación da correspondente declaración pola persoa interesada.

Artigo 59

A votación será libre, igual, secreta e directa, e non se admitirá o voto por correo nin por delegación das persoas físicas.

CAPÍTULO X

Elección da Comisión Delegada

Artigo 60

1. Na mesma asemblea xeral convocada para a elección da Presidencia, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da Comisión Delegada da Asemblea Xeral.

2. A Comisión Delegada estará composta por seis (6) membros e, ademais, a Presidencia da FGP.

3. Os membros da Comisión Delegada serán elixidos entre os integrantes da Asemblea Xeral. En todo caso, deberá gardarse a seguinte proporción:

• Un terzo da Comisión Delegada debe ser designado pola persoa titular da Presidencia da federación.

• Un terzo debe corresponderlles ás entidades deportivas e esta representación elixirase por e de entre elas.

• Un terzo corresponderalles aos demais estamentos, en proporción á súa respectiva representación na Asemblea Xeral.

TÍTULO VI

Réxime de responsabilidade da Presidencia e membros da Xunta Directiva

Artigo 61

1. A presidenta ou o presidente e os membros da Xunta Directiva ou dos órganos de dirección que se poidan establecer estatutariamente serán persoalmente responsables fronte á propia federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:

a) Das obrigas que contraese a federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado apoio contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e o alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.

b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.

c) En xeral, dos actos ou das omisións que supoñan un prexuízo para a federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.

2. A responsabilidade descrita no artigo anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecían ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.

3. A responsabilidade regulada neste título é independente da responsabilidade disciplinaria en que se poida incorrer, e que se exixirá consonte as disposicións xerais vixentes.

TÍTULO VII

Réxime económico

Artigo 62

A FGP xestiónase con administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única. O seu exercicio económico pecharase o 31 de decembro, coincidindo coa finalización do ano natural.

O tesoureiro ou a tesoureira someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento, que deberá ser enviado á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para o seu depósito.

Non se poderán repartir beneficios entre os seus membros.

A FGP elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da FGP, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informará separadamente, como mínimo, sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e as achegas segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Donativos ou achegas privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servizos prestados pola FGP, permisos, licenzas e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, e distinguiranse, como mínimo, os grupos de custo ou investimentos seguintes:

1º. Administración da FGP.

2º. Dirección e servizos da Directiva, incluídas viaxes.

3º. Competicións.

4º. Axudas ás entidades deportivas.

5º. Axudas para actos deportivos.

6º. Construcións e outros inmobilizados.

7º. Formación de deportistas e técnicos.

8º. Deportes de elite e profesionais.

9º. Árbitros.

10º. Órganos xurisdicionais.

3. O importe das notas promisorias que é necesario satisfacer noutros exercicios que non están previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da FGP cunha antelación mínima de quince (15) días ao da data de realización da asemblea xeral, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto nela, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da realización da asemblea.

Artigo 63

Constitúen os ingresos da FGP:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como as que proveñan, de ser o caso, da Federación Española de Petanca Deportiva.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados e afiliadas.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan aos seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou os créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 64

A FGP destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 65

Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou para o gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lle corresponda á FGP que fosen financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos. Así mesmo, requirirase igual autorización cando a FGP pretenda comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulnere os criterios que regulamentariamente se determinen. Esta autorización poderase consignar nos contratos programa que poidan ser asinados entre a Administración deportiva autonómica e a Federación para o desenvolvemento das súas actividades e funcións.

Artigo 66

A xestión económica ordinaria será por conta da tesoureira ou tesoureiro, baixo a dirección da Presidencia, que coidará das operacións de cobramentos e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa da Presidencia ou coa do/da vicepresidente/a autorizado/a, todos os documentos de movementos de fondos. Será responsable da custodia dos libros de contabilidade. Formulará os balances que anualmente deberán presentarse á Asemblea Xeral para a súa aprobación.

TÍTULO VIII

Réxime documental

Artigo 67

O réxime documental da FGP comprenderá, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:

1. Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

2. Libro de rexistro de entidades, en que constarán a denominación destes, domicilio social e número de inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

3. Libros de actas que consignarán as reunións que realicen todos os órganos colexiados da FGP, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

4. Libros de contabilidade.

5. Libro inventario de bens mobles e inmobles.

6. Rexistro dos membros da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada, en que deberán constar os nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e comunicacións.

Artigo 68

O réxime documental da FGP estará a cargo da secretaria ou secretario, a quen lle corresponden a custodia dos libros da FGP, levantar as actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto e prace da Presidencia, expedir certificacións, remitir as certificacións e acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e, en xeral, preparar a resolución e o despacho de todos os asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física da secretaria ou do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propia Presidencia da FGP ou pola persoa en quen delegue.

TÍTULO IX

Réxime disciplinario

CAPÍTULO I

Disposicións xerais sobre infraccións e sancións

Artigo 69. Ámbito de aplicación e compatibilidade das infraccións disciplinarias

1. O exercicio da potestade disciplinaria deportiva exercerao a FGP sobre:

a) As entidades deportivas federadas e os seus deportistas, técnicos e directivos.

b) Os árbitros e xuíces federados.

c) En xeral, sobre todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolven a actividade deportiva de petanca no ámbito autonómico.

2. As persoas vinculadas á FGP mediante licenza, así como as entidades deportivas e as persoas que desenvolvan a súa actividade dentro delas, poderán ser sancionadas de conformidade co disposto nos artigos seguintes.

3. No exercicio da súa función, a potestade disciplinaria atribúelles aos seus titulares a facultade de investigar e, de ser o caso, sancionar as persoas ou entidades sometidas á disciplina deportiva, e para este efecto tomarán en consideración as consecuencias da infracción, a natureza dos feitos, a responsabilidade do inculpado e a concorrencia ou non de circunstancias agravantes ou atenuantes da responsabilidade.

4. O réxime disciplinario deportivo é independente da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer os compoñentes da organización deportiva da FGP, responsabilidade que se rexerá pola lexislación correspondente.

5. Son faltas disciplinarias as infraccións das regras do xogo ou competición e as infraccións das normas xerais de conduta deportiva tipificadas nestes estatutos, adaptadas á modalidade deportiva de petanca.

6. Son infraccións ás normas xerais de conduta deportiva as que sexan contrarias ao disposto na Lei 3/2012, do deporte de Galicia, aos estatutos e aos regulamentos da FGP.

Artigo 70. Infraccións comúns

1. Consideraranse infraccións comúns moi graves as seguintes:

a) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba, encontro ou competición.

b) Os comportamentos e actitudes agresivos e antideportivos ou discriminatorios dos deportistas ou técnicos, cando se dirixan ao árbitro, aos xurados, a outros deportistas, técnicos ou ao público.

c) Os quebrantamentos de sancións impostas.

d) A manipulación ou a alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas de cada deporte cando poidan alterar a seguridade da proba, do encontro ou da competición, ou poñan en perigo a integridade das persoas.

e) Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

f) A inasistencia sen causa xusta dos deportistas ás convocatorias da Selección Galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.

g) A aliñación indebida e non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, dos encontros ou das competicións.

h) A reincidencia na comisión de faltas graves. Entenderase que hai reincidencia na comisión cando sexa sancionado/a mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período dun ano.

Da infracción a que se refire a letra e) poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

2. Consideraranse infraccións comúns graves as seguintes:

a) A falta de remisión en prazo ou de forma manifestamente incompleta, sen causa xusta, dos expedientes ou da información requirida polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.

b) O incumprimento de ordes e instrucións emanadas dos órganos deportivos competentes.

c) Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e o decoro propios da actividade deportiva.

d) A reiteración de faltas leves. Entenderase que hai reiteración cando sexa sancionado/a mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano.

Das infraccións ás cales se refiren as letras a) e b) poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

3. Consideraranse infraccións comúns leves as seguintes:

a) As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.

b) A incorrección co público, cos compañeiros e cos subordinados.

c) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de árbitros, xuíces e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.

Artigo 71. Sanción das infraccións comúns

1. Pola comisión de faltas comúns moi graves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Multa en contía non superior a 1.500 euros.

b) Perda de puntos ou postos de clasificación.

c) Perda de ascenso de categoría ou división.

d) Clausura do recinto deportivo por un período máximo dunha tempada.

e) Suspensión ou privación da licenza federativa ou, de ser o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ou da habilitación para ocupar cargos nunha federación deportiva por un prazo máximo de cinco anos.

f) Privación da licenza federativa, cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou privación da habilitación para ocupar cargos na federación deportiva a perpetuidade. Esta sanción só se poderá acordar, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

g) Inhabilitación por un período de dous a catro anos, cando as infraccións sexan cometidas por directivos.

h) Destitución do cargo, cando as infraccións sexan cometidas polos directivos.

2. Pola comisión de faltas comúns graves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Amoestación pública.

b) Multa en contía non superior a 1.000 euros.

c) Clausura do recinto deportivo ata un máximo de catro encontros ou tres meses.

d) Suspensión ou privación da licenza federativa e/ou, se é o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e inhabilitación para ocupar cargos dun mes a dous anos.

3. Pola comisión de faltas comúns leves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Apercibimento.

b) Inhabilitación para ocupar cargos federativos ou suspensión de ata un mes, ou dun a tres encontros ou probas.

Artigo 72. Infraccións e sancións específicas de deportistas

1. Consideraranse infraccións moi graves ás regras de xogo ou competición específicas de deportistas, que serán sancionadas con suspensión ou privación da licenza federativa temporal de dous (2) a cinco (5) anos, e a perpetuidade se concorre a circunstancia agravante de reincidencia, as seguintes:

a) A agresión dun deportista aos compoñentes do equipo arbitral, delegados ou dirixentes deportivos, membros do equipo contrario, espectadores ou a persoas e entidades integradas na FGP se se causa dano ou lesión que motive a asistencia facultativa ou exista risco notorio de lesión ou dano especialmente grave para o agredido.

b) O deportista que, repelendo a agresión doutro deportista, actúe de maneira análoga.

c) Os actos notorios e públicos que atenten contra a dignidade ou o decoro deportivo cando revistan especial gravidade.

d) Os comportamentos, actitudes ou coaccións que impidan a realización dun partido ou obriguen á súa suspensión.

e) A alteración das condicións naturais dos campos de xogo.

f) A participación necesaria na manipulación ou alteración manifesta dun resultado deportivo mediante prezo ou simple acordo, xa sexa dunha partida, proba ou competición, co equipo contrario.

g) A falta de veracidade ou alteración dolosa nos datos reflectidos nas licenzas e/o en calquera outro documento necesario para a súa tramitación.

h) O deportista que subscriba licenza por dúas ou máis entidades deportivas na mesma tempada.

i) O quebrantamento de sanción imposta por falta grave ou moi grave.

j) Participar nunha proba ou competición coas bólas trucadas.

2. Terán a consideración de infraccións graves de deportistas, que serán sancionadas con suspensión ou privación da licenza federativa temporal de ata dous (2) anos, as seguintes:

a) A agresión dun deportista aos compoñentes do equipo arbitral, delegados ou dirixentes deportivos, membros do equipo contrario, espectadores ou a persoas e entidades integradas na FGP, se non se causa dano ou lesión que motive a asistencia facultativa ou non exista risco notorio de lesión ou dano especialmente grave para o agredido.

b) O deportista que ameace, coaccione, faga ademán ou xesto de agredir, insulte, non acate ou faga declaracións públicas ofensivas dirixidas a algún compoñente do equipo arbitral ou a persoas e entidades integradas na FGP, incluído o equipo contrario, ou aos espectadores.

c) O quebrantamento das sancións leves.

3. Terán a consideración de infraccións leves dos deportistas, que serán sancionadas con apercibimento ou suspensión temporal dun (1) a tres (3) partidos, as seguintes:

a) As actuacións que predispoñan o público contra os árbitros ou xuíces.

b) As observacións ou protestas, insultos, ofensas, ameazas, menosprezos ou provocacións formuladas aos compoñentes do equipo arbitral, delegados, técnicos, dirixentes, membros do equipo contrario ou espectadores, que signifiquen unha desconsideración leve de palabra ou de feito para a dignidade daqueles, sempre que non constitúa falta grave nin orixine un resultado lesivo para o bo desenvolvemento e a conclusión do encontro ou competición.

c) Non comparecer no terreo de xogo perfectamente uniformado quince minutos antes do comezo do encontro.

Artigo 73. Infraccións e sancións específicas de técnicos e delegados

1. Calquera falta cometida polos adestradores, técnicos, delegados ou calquera persoa autorizada a estar xunto a estes, que estivera tipificada dentro daquelas en que poidan incorrer os deportistas, terá a mesma consideración e sanción que as que lles poidan corresponder a aqueles.

2. O incumprimento das funcións que están preceptuadas como obrigatorias para os técnicos e delegados no Regulamento xeral ou en calquera outro regulamento federativo considerarase falta leve e será sancionado con suspensión temporal dun (1) a tres (3) partidos.

Artigo 74. Infraccións e sancións específicas de árbitros e xuíces

1. Calquera infracción ou falta cometida por árbitros e/ou xuíces que estea tipificada para os deportistas será sancionada coa mesma penalidade que lles corresponda a aqueles.

2. Considerarase infracción específica moi grave de árbitros e/ou xuíces, sancionada con inhabilitación temporal de dous (2) a cinco (5) anos e perda da totalidade dos dereitos de arbitraxe, a parcialidade intencionada probada cara a un dos equipos ou deportistas, que lle poida causar prexuízo grave a calquera compoñente ou participante no encontro ou competición oficial.

3. Consideraranse infraccións graves de árbitros e/ou xuíces, sancionadas con suspensión temporal dun (1) a seis (6) meses de competición oficial e perda total dos dereitos de arbitraxe, as seguintes:

a) Rexeitar unha designación de actuación, salvo causa de forza maior debidamente acreditada ante o Comité de Árbitros e Xuíces.

b) A incomparecencia inxustificada a un encontro. Neste caso, ademais das sancións previstas, serán responsables, ao criterio do órgano disciplinario, dos danos e perdas que poidan sufrir os equipos contendentes se o encontro finalmente non se pode disputar por esta causa.

c) A falsidade ou omisión de datos nas actas arbitrais, así como a alteración manifesta do resultado ou incidentes do encontro.

d) Permitir a realización dunha proba ou competición que incumpra as normas ditadas pola FGP.

e) Arbitrar competicións non autorizadas ou consentidas polos órganos competentes da FGP.

f) Suspender un partido ou competición sen causa xustificada.

g) A falta de informe, cando teña que realizalo ou sexa requirido para iso polo órgano disciplinario, sobre feitos ocorridos antes, durante ou despois do encontro ou competición oficial.

h) O incumprimento grave de calquera das obrigas establecidas no Regulamento xeral ou en calquera regulamento federativo.

i) Permitir que na zona de xogo se encontren persoas non autorizadas na acta do encontro ou competición oficial.

4. Consideraranse infraccións leves de árbitros e/ou xuíces, sancionadas con suspensión temporal dun (1) a tres (3) encontros de competición oficial e perda do 50% dos dereitos de arbitraxe, as seguintes:

a) Non comparecer coa antelación necesaria antes do comezo do encontro no terreo de xogo.

b) A non remisión da acta e informes correspondentes na forma e nos prazos establecidos.

c) Non facilitar os resultados na forma e no prazo establecidos.

d) O incumprimento leve das súas obrigas na aplicación das normas deportivas.

Artigo 75. Infraccións e sancións específicas das entidades

1. Consideraranse infraccións moi graves das entidades deportivas, sancionadas coa perda de dereitos que como entidade deportiva afiliada lle correspondan por un tempo entre dous (2) a (5) anos:

a) O ofrecemento, promesa ou entrega de dádivas ou presentes a árbitros ou aos seus auxiliares co fin claro ou encuberto de ter unha arbitraxe parcial.

b) As apostas cruzadas sobre posibles resultados dun partido.

c) Aqueles actos de rebeldía que vaian dirixidos contra os acordos tomados pola FGP ou os seus órganos disciplinarios en relación con calquera tipo de infracción tipificada nestes estatutos.

d) A negativa á cesión, sen xustificación, das súas instalacións á FGP para a realización dunha proba ou competición. Neste caso concreto, a sanción será unha multa de ata 1.500 €, ademais de poder ser clausurado o recinto deportivo por un período de catro (4) encontros ata unha (1) tempada completa.

e) Calquera das infraccións tipificadas como moi graves dentro daquelas en que poidan incorrer os deportistas, técnicos, delegados e directivos e que poidan ser de aplicación ás entidades deportivas.

2. Consideraranse infraccións graves das entidades deportivas, sancionadas coa perda do encontro, multa de ata 1.000 € ou descualificación da competición sen que poidan participar nela ata a tempada seguinte:

a) A incomparecencia inxustificada a un encontro ou retirada do terreo de xogo dun equipo unha vez comezado o encontro, impedindo coa súa actitude a finalización deste.

b) A retirada definitiva dunha competición por puntos ou por eliminatorias antes do comezo ou a renuncia para participar nelas presentada fóra dos prazos regulamentarios.

c) A reincidencia na falta de pagamento dos dereitos de arbitraxe.

d) A falta de veracidade ou alteración dolosa nos datos reflectidos nas licenzas ou documentos remitidos á FGP ou requiridos polo árbitro, sempre que se probe responsabilidade por parte da entidade deportiva.

e) A participación incorrecta ou aliñación indebida no equipo dun deportista por non cumprirse os requisitos regulamentarios exixidos.

f) A falta de pagamento das cotas ou das fianzas establecidas pola FGP, así como de calquera outra obriga económica por mor da participación en competicións oficiais. Para estes casos, a FGP deberá requirir por escrito a entidade deportiva, especificando a débeda, o concepto e os importes, e habilitando un prazo de dez días para o seu ingreso; transcorrido este sen que se ingrese a totalidade da débeda, será sancionada coa descualificación da competición sen que poida participar na competición ata a tempada seguinte e coa condición de que satisfixese o debido.

Artigo 76. Circunstancias modificativas da responsabilidade disciplinaria deportiva

1. Son circunstancias eximentes o caso fortuíto, a forza maior e a lexítima defensa.

2. Consideraranse circunstancias atenuantes da responsabilidade disciplinaria deportiva:

a) Proceder o culpable, antes de coñecer a apertura do procedemento disciplinario e por impulso de arrepentimento espontáneo, a reparar ou diminuír os efectos da falta, a dar satisfacción ao ofendido ou a confesar aquela a os órganos competentes.

b) Preceder, inmediatamente á comisión da infracción, unha provocación suficiente.

c) Prestar colaboración ou auxilio co fin de evitar calquera infracción.

d) Non ter sido sancionado con anterioridade no transcurso da vida deportiva.

e) Calquera outra circunstancia de análoga significación deportiva que as anteriores.

3. Son circunstancias agravantes da responsabilidade disciplinaria deportiva:

a) Ser reincidente. Entenderase producida a reincidencia cando a persoa infractora cometa, polo menos, unha infracción da mesma natureza, declarada por resolución firme, no termo dun ano.

b) A premeditación.

c) Cometer a infracción mediante prezo, recompensa ou promesa.

d) A causación de prexuízo económico.

e) O feito de existir un número de persoas afectadas pola comisión da infracción de que se trate.

f) Abusar de superioridade ou empregar medios que debiliten a defensa.

g) Cometer calquera infracción como espectador tendo licenza como deportista, árbitro ou xuíz, técnico, dirixente ou calquera outro cargo directivo.

4. Cando non concorran circunstancias atenuantes nin agravantes, o órgano competente impoñerá a sanción no grao que considere conveniente segundo a maior ou menor gravidade do feito; cando se presenten só circunstancias atenuantes, aplicarase a sanción no seu grao mínimo e, se unicamente concorren agravante ou agravantes, en grao medio ou máximo. Cando se presenten circunstancias atenuantes e agravantes, compensaranse racionalmente.

5. Correspóndelles aos órganos disciplinarios impoñer a sanción que corresponda en cada caso, dentro dos límites de cada grao e atendendo á gravidade dos feitos e demais circunstancias concorrentes. Para determinar a sanción que resulte aplicable, os órganos disciplinarios poderán, no exercicio da súa función, aplicar a sanción no grao que consideren adecuado, ponderando, en todo caso, a natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes.

6. Unicamente poderán impoñerse sancións persoais consistentes en multa nos casos en que os deportistas, técnicos, árbitros ou xuíces perciban retribución pola súa función. No establecemento de sancións pecuniarias, deberase prever que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas. A falta de pagamento das sancións pecuniarias terá a consideración de quebrantamento de sanción.

7. Considéranse autores da infracción os que a levan a cabo directamente, os que forzan ou inducen directamente a outro a cometela e os que cooperan na súa execución eficazmente.

Artigo 77. Causas de extinción da responsabilidade disciplinaria deportiva

1. A responsabilidade disciplinaria extínguese:

a) Polo cumprimento da sanción.

b) Polo falecemento da persoa inculpada.

c) Por disolución da entidade ou da federación deportiva sancionada.

d) Por prescrición das infraccións ou sancións.

2. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves prescribirán ao ano e as leves, ao mes. O termo de prescrición comeza a contar o día en que se cometeron os feitos e interrómpese no momento en que se acorda iniciar o procedemento disciplinario. O seu cómputo restablecerase se o expediente permanece paralizado durante un mes por causa non imputable ao presunto responsable.

3. As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impuxo a sanción, ou desde o momento en que se quebrante o seu cumprimento se este xa comezase.

CAPÍTULO II

Procedementos disciplinarios deportivos

Artigo 78. Principios xerais

1. Non se poderá impoñer ningunha sanción por accións ou omisións non tipificadas como infracción con anterioridade ao momento de producirse, nin tampouco se poderán impoñer sancións que non estean establecidas por unha norma anterior á comisión da infracción.

2. Non se poderá impoñer máis dunha sanción polos mesmos feitos.

3. As disposicións disciplinarias terán efecto retroactivo en canto favorezan o infractor, aínda que se ditase resolución firme e sempre que non cumprise a sanción.

Artigo 79. Clases de procedementos

1. Os procedementos para a imposición de sancións serán o abreviado e o ordinario.

2. O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición. En todo caso, deberáselles asegurar o trámite de audiencia ás persoas interesadas e o dereito ao recurso.

3. O procedemento ordinario será aplicable para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.

Artigo 80. Regras comúns aos procedementos

1. A imposición de sancións pola comisión das infraccións previstas neste título axustarase aos procedementos previstos nos artigos seguintes. No non previsto neles serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Os procedementos disciplinarios respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade disciplinaria mentres non se demostre o contrario.

3. As actas subscritas polos árbitros do encontro, proba ou competición constituirán medio de proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas. As manifestacións do árbitro ou xuíz plasmadas nas citadas actas considéranse certas, salvo proba en contrario.

4. Os feitos relevantes para o procedemento e a súa resolución poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito, e o órgano disciplinario, de oficio ou por instancia de parte interesada, poderá propoñer que se realice calquera proba ou achegar as que sexan do seu interese para a correcta resolución do expediente.

5. Os órganos disciplinarios poderán, de oficio ou por instancia de parte interesada, acordar a acumulación de expedientes cando se produzan as circunstancias de identidade ou analoxía razoable e suficiente, de carácter subxectivo ou obxectivo, que fagan aconsellable a tramitación e resolución únicas. A providencia de acumulación seralles comunicada aos interesados.

6. Iniciado o procedemento, o órgano disciplinario, con suxeición ao principio de proporcionalidade, poderá adoptar as medidas provisionais que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar. A adopción de medidas provisionais poderá producirse en calquera momento do procedemento, ben de oficio, ben por instancia de parte interesada, e o acordo de adopción das medidas deberá ser suficientemente motivado. En ningún caso poderán ditarse medidas provisionais que poidan causar prexuízos irreparables.

7. Toda providencia ou resolución que afecte os interesados será notificada por calquera medio que permita ter constancia da recepción polo interesado.

8. En xeral, as notificacións efectuaranse por un medio que permita a súa constancia e celeridade, incluídas as notificacións por correo electrónico cando a entidade deportiva ou o interesado, de ser o caso, facilitase o seu enderezo de correo electrónico ao formalizar a súa inscrición.

9. Tamén con carácter xeral, todas as notificacións de providencias, resolucións e demais actos disciplinarios que garden relación, tanto coa entidade deportiva como con calquera dos suxeitos federados a través dela –deportistas, técnicos, directivos, ou calquera suxeito– se trasladarán directamente á entidade deportiva, a cal está obrigada a comunicarlle a dita notificación á persoa directamente relacionada co procedemento disciplinario.

10. Independentemente da notificación persoal, o órgano disciplinario poderá acordar a publicación das resolucións disciplinarias, respectando o dereito á honra e á intimidade das persoas, así como a protección dos datos de carácter persoal, conforme a legalidade vixente.

Artigo 81. Procedemento abreviado

1. O procedemento abreviado, aplicable para a imposición de sancións por infracción das regras de xogo ou competición, asegura o normal desenvolvemento dela, así como o trámite de audiencia dos interesados e o dereito de recurso.

2. Os árbitros, ademais de completar todas as epígrafes das actas, deberán consignar, no espazo do impreso destinado a «Observacións», todas as incidencias que se produciron durante o desenvolvemento do partido e que os ditos árbitros consideren que deben consignarse.

3. O capitán dun dos equipos contendentes –ou os de ambos– que non estea conforme coa actuación dos árbitros, ou con todo ou parte do consignado na acta do partido, manifestará a súa desconformidade no lugar sinalado para a sinatura. O capitán que estea conforme asinará sen máis a acta.

4. A entidade deportiva titular do equipo que preste a súa desconformidade coa acta dunha competición deberá presentar directamente, ante o xuíz único de competición, no prazo de corenta e oito (48) horas desde a finalización da competición, un escrito de alegacións en que se expoñerán de forma concreta e concisa as razóns da protesta, ademais de achegar as probas que xulgue necesarias. Transcorrido o dito prazo, o órgano disciplinario non está obrigado a admitir máis alegacións ou informes que os que requira expresamente.

5. Igualmente, existe o prazo de corenta e oito (48) horas desde a finalización da competición para presentar na FGP, no caso de que non se prestase desconformidade coa acta, escrito de desconformidade e alegacións, xunto coas probas que se consideren necesarias.

6. De non se presentar tales escritos dentro dos prazos indicados, considerarase esgotado o trámite de interposición e/ou audiencia.

7. Considerarase cumprido o trámite de audiencia do interesado pola entrega da acta do partido ou encontro a este e polo transcurso das corenta e oito horas desde a finalización da competición.

8. O órgano disciplinario deberá darlles traslado aos interesados dos informes, alegacións, testemuños ou calquera outra proba que sexan tidos en conta e que non fosen coñecidos polo interesado, e outorgaralles un prazo de corenta e oito (48) horas para que no termo deste manifesten o que consideren oportuno no seu descargo.

9. No prazo máximo de dez (10) días hábiles desde a presentación do escrito de alegacións, o xuíz único de competición ditará resolución que lles será notificada ás partes interesadas. Transcorrido o dito prazo sen se resolver expresamente a petición ou reclamación exposta, estas entenderanse desestimadas. Contra a dita resolución poderase interpoñer recurso ante o xuíz único de apelación.

Artigo 82. Procedemento ordinario

1. As regras ás cales se debe someter o procedemento ordinario son as seguintes:

1. Iniciación:

a) O procedemento iníciase por acordo do xuíz único de competición, de oficio ou por instancia de persoa interesada.

b) O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor e, se é o caso, do secretario, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou das persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberáselle notificar á persoa interesada. Seranlles aplicables ao instrutor e ao secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas na Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

2. Tramitación:

a) Durante a tramitación do procedemento, o xuíz único de competición, de oficio ou por instancia do instrutor, poderá acordar en resolución motivada as medidas que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar.

b) O acordo de iniciación notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestaren os feitos e propoñeren a práctica das probas que conveñan á defensa dos seus dereitos e intereses.

c) Efectuaranse de oficio ou admitiranse por proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Só se poderán declarar improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.

d) Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución apreciando a existencia dalgunha infracción imputable –e neste caso conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer– ou propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivamento das actuacións. A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formularen alegacións e presentaren os documentos que consideren pertinentes.

3. Resolución:

a) Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, remitiráselle o expediente ao órgano competente para resolver.

b) A resolución do órgano competente pon fin ao procedemento común e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.

Artigo 83. Lexitimación nos procedementos e para a interposición de recursos ou reclamacións

1. Calquera persoa ou entidade cuxos dereitos ou intereses lexítimos poidan verse afectados pola tramitación dun procedemento disciplinario deportivo, poderá comparecer nel, e terá desde entón a consideración de interesado.

2. Están lexitimadas para interpoñer recurso contra unha resolución en materia disciplinaria as persoas interesadas no procedemento.

Artigo 84. Sistema de recursos

1. As resolucións ditadas en primeira instancia e por calquera procedemento polo xuíz único de competición poderán ser impugnadas en segunda instancia federativa, ante o xuíz único de apelación, no prazo máximo de dez días hábiles.

2. Contra as resolucións deste último, que esgotan a vía federativa, caberá interpoñer recurso, no prazo máximo dun mes, ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

3. As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, salvo que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión. A interposición dun recurso non suspenderá a eficacia da sanción ditada polo órgano competente. O xuíz único de apelación poderá suspender cautelarmente a executividade da sanción impugnada valorando as circunstancias concorrentes, de oficio ou por solicitude do sancionado.

4. O prazo para formular recursos contarase a partir do día seguinte hábil ao da notificación da resolución ou providencia, se estas son expresas. Se non o son, o prazo contarase desde o seguinte a aquel en que deban entenderse desestimadas as reclamacións ou recursos.

5. A resolución expresa dos recursos deberá producirse nun prazo non superior a un mes. Chegado o vencemento do prazo para resolver sen se notificar resolución expresa, entenderase desestimado o recurso para os efectos de permitirlles aos interesados a interposición do correspondente recurso posterior.

6. Non se poderán achegar nin propoñer en apelación, como documentos ou instrumentos de proba, aqueles que, podendo achegarse ou propoñerse na primeira instancia, non o foron dentro dos termos preclusivos establecidos neste regulamento.

7. A interposición do recurso deberá expresar:

a) O nome e apelidos do recorrente, así como a súa identificación persoal e, de ser o caso, o nome do seu representante legal.

b) A resolución que se impugna e a razón da súa impugnación.

c) Lugar, data e sinatura do recorrente.

d) Órgano a que se dirixe.

e) As alegacións, os preceptos infrinxidos e os razoamentos que xulguen oportunos en defensa dos seus intereses, así como as pretensións que se deduzan de tales alegacións, razoamentos e preceptos.

8. O erro na cualificación do recurso por parte do recorrente non será obstáculo para a súa tramitación, sempre que se deduza o seu verdadeiro carácter.

Artigo 85. Órganos disciplinarios

1. O exercicio da potestade disciplinaria deportiva da FGP corresponde a:

a) En primeira instancia, ao xuíz único de competición da FGP sobre todas as persoas que formen parte da súa propia estrutura orgánica; sobre as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos; sobre os árbitros e/ou xuíces, e, en xeral, sobre aquelas persoas que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva de petanca no ámbito autonómico.

b) En segunda instancia, o xuíz único de apelación da FGP que coñece dos recursos interpostos contra as resolucións do xuíz único de competición. As resolucións do xuíz único de apelación esgotan a vía federativa e poderán ser impugnadas ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

2. Con independencias das funcións estritamente disciplinarias, tamén lle corresponde ao xuíz único de competición, no ámbito da súa competencia:

a) Suspender, adiantar ou atrasar partidos ou probas e determinar novas datas para a súa realización cando sexa procedente.

b) Decidir sobre dar por finalizado un partido, proba ou competición por suspensión ou a non realización de tales manifestacións deportivas, cando se dean circunstancias que así o determinen.

c) Designar onde deberá ter lugar un partido, proba ou competición, cando por clausura do recinto deportivo ou por calquera outro motivo, non poida ter lugar onde estaba previsto.

d) Alterar o resultado dun partido, proba ou competición por causa de predeterminación mediante prezo, intimidación ou simples acordos do resultado do partido; nos supostos de aliñación indebida dun deportista e, en xeral, nos casos en que a infracción supoña unha grave alteración da orde do encontro, proba ou competición.

3. O nomeamento e cesamento dos titulares dos órganos disciplinarios das letras a) e b) do punto anterior correspóndenlle á Presidencia da FGP.

4. Os árbitros e/ou xuíces terán a consideración de denunciantes cualificados durante o desenvolvemento do seu labor nas partidas ou probas con suxeición ás regras establecidas nas disposicións estatutarias e regulamentarias da FGP e conforme as normas concretas establecidas para cada torneo ou campionato.

TÍTULO X

Da modificación dos estatutos e da disolución

Artigo 86

Os estatutos da FGP só poden ser modificados pola Asemblea Xeral e de acordo co establecido neste título.

Artigo 87

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada pola Presidencia ou Comisión Delegada da FGP, que seguidamente nomeará unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentarlle á Asemblea o novo texto que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos por maioría absoluta da Asemblea Xeral, deberá ser ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 88

A FGP extinguirase polas seguintes causas:

1. Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da Asemblea Xeral, referendado, por maioría absoluta, por todos os membros da FGP a través de votación libre, igual, directa e secreta.

2. Pola revogación do seu coñecemento.

3. Por resolución xudicial.

4. Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.

5. Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase aos fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Estes estatutos entrarán en vigor tras a súa aprobación pola Administración deportiva autonómica.