DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 11 de abril de 2025 Páx. 21963

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, pola que se declara de interese galego a Fundación Sergio Villar e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sergio Villar, e vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

Primeiro. O 23 de setembro de 2024, María Teresa Vila Bermúdez, en representación da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Sergio Villar foi constituída por Víctor Villar Caamaño e María Dolores Díaz Señor, en escritura pública outorgada na Coruña o 12 de agosto de 2024 ante a notaria Mónica María Jurjo García, quen substituíu a Isidoro Antonio Calvo Vidal por imposibilidade accidental deste e co número 563 do seu protocolo, emendada por outra outorgada na mesma localidade e ante este notario o 19 de decembro de 2024 co número 1.002 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a asistencia ou intervención fronte a situacións de vulnerabilidade social e/ou económica con especial atención á protección da infancia, de acordo, en particular, cos principios recollidos na Convención dos Dereitos do Neno da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) e demais normas aplicables, procurando condicións de acceso a recursos socialmente valorados nese ámbito e, en xeral, a unha vida digna para as persoas máis desfavorecidas por causa de inxustizas estruturais ou persoais.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro), a dotación inicial, os estatutos e a identificación e aceptación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o obxecto e as actividades, o domicilio e o ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por José Luis Villar Díaz, como presidente; Adela María Villar Uzquiano, como vicepresidenta; María Dolores Díaz Señor, como secretaria, e Román Villar Uzquiano, Cecilia Uzquiano Fernández, Rafael Villar Caamaño, Manuel Díaz Señor e Víctor Villar Caamaño, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 4 de marzo de 2025, elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Sergio Villar, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de conformidade co establecido no artigo 47 da dita lei; no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 11 de marzo de 2025, clasificouse como de interese asistencial a Fundación Sergio Villar, e adscribiuse á Consellería de Política Social e Igualdade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sergio Villar, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. En vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade, da Fundación Sergio Villar, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Sergio Villar.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Sergio Villar no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade.

Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade