Con data do 16 de abril de 2024 publicouse no DOG núm. 75 a Resolución do 27 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25.
Posteriormente, mediante a Resolución do 23 de setembro de 2024, pola que se modifica a Resolución do 27 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25 (publicada no DOG núm. 190, do 2 de outubro), incorporáronse determinadas modificacións no texto da Resolución do 27 de marzo de 2024, con motivo da firmeza das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza que estimaban en parte as demandas interpostas por Ecoloxistas en Acción Galicia e que afectaban a regulación da tempada cinexética 2024/25.
Os grupos reprodutores (mandas) de lobo (Canis lupus) existentes en Galicia pertencen á poboación de lobo ibérico situada ao norte do río Douro. De acordo coa Directiva 92/43/CEE, do Consello, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva hábitats), as poboacións españolas de lobo ao norte do río Douro están incluídas no seu anexo V e, por tanto, consideradas como dunha especie de interese comunitario cuxa explotación pode ser obxecto de medidas de xestión.
A Orde TED/980/2021, do 20 de setembro, pola que se modifica o anexo do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas (BOE núm. 226, do 21 de setembro), supuxo un cambio do status legal das poboacións de lobo a nivel de todo o territorio nacional ao implicar a súa inclusión na mencionada listaxe.
Desde a entrada en vigor da mencionada orde, o lobo deixou de xestionarse como especie cinexética en Galicia, quedando supeditada a captura dalgún exemplar, de ser o caso, ao réxime de excepcións da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e a biodiversidade, desenvolvido na disposición adicional primeira da propia Orde TED/980/2021.
Con data do 2.4.2025 publícase no BOE núm. 80 a Lei 1/2025, do 1 de abril, de prevención das perdas e o desperdicio alimentario, que, mediante a súa disposición derradeira décimo novena, modifica o anexo do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, de xeito que na relación de especies incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e, de ser o caso, no catálogo, quedan incluídas unicamente as poboacións de lobo ao sur do río Douro.
O cambio normativo operado afecta a actual regulación da tempada cinexética 2024/25 establecida na Resolución do 27 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25, polo que cómpre efectuar a súa adaptación para engadir o lobo (Canis lupus) dentro da relación de especies cinexéticas fronte ás que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos, establecer as condicións para a súa autorización e retomar o modelo de xestión desta especie anterior á entrada en vigor da Orde TED/980/2021, do 20 de setembro, acorde co seu plan de xestión aprobado mediante o Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia.
A finalidade última do mencionado plan de xestión é a de garantir a viabilidade desta especie no noso territorio, mantendo unha poboación estable do lobo en Galicia e ao mesmo tempo compatibilizar a súa existencia coa da gandaría extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias, entre outras adoptando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos causados por esta especie.
De acordo coa normativa, a caza do lobo está prohibida en Galicia con carácter xeral, pero, respectando en todo caso as premisas recollidas no plan de xestión aprobado para a especie, poderase permitir como medida fronte aos danos que poida ocasionar sobre a gandaría.
De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.
O 8 de xaneiro de 2014 publicouse a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Esta lei establece no seu artigo 54 que, anualmente, unha resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza determinará as épocas hábiles de caza e as medidas de control por danos, así como os réximes especiais por especies.
O Decreto 137/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, atribúe a esta consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos e, no seu artigo 13, concreta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia da ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sostible dos recursos cinexéticos.
Con base no exposto, no uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 54 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25
Modifícase a Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25, nos termos que se recollen a seguir:
Un. Modifícanse os puntos 2 e 3 do artigo 13. Danos producidos pola caza, do xeito seguinte:
1. Engádese no punto 2 a seguinte letra:
«d) Lobo (Canis lupus): por danos constatados desta especie, poderanse autorizar esperas, batidas e montarías durante todo o ano, salvo nos meses de abril, maio e xuño, en que unicamente se poderán autorizar esperas (códigos de procedemento administrativo MT720K e MT720L). A existencia de danos deberá ser comunicada ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural co fin de proceder á súa comprobación, como requisito previo á autorización da práctica cinexética sobre esta especie. As persoas solicitantes de cada batida, montaría ou espera autorizadas deberán informar, por escrito, o Servizo Provincial de Patrimonio Natural correspondente dos seus resultados nun prazo máximo dos cinco días hábiles seguintes ao da súa realización (código de procedemento administrativo MT720D). O incumprimento deste requisito poderá supor a denegación doutras solicitudes e a anulación automática das xa autorizadas. En todo caso, observarase o disposto no plan de xestión desta especie, aprobado polo Decreto 297/2008, do 30 de decembro».
As solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos nas zonas de xestión 1 e 2 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, serán resoltas pola persoa titular do departamento territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural resolver as solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos na zona de xestión 3 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro.
3. Para os danos producidos polas especies indicadas nas alíneas a), b), c) e d) do punto anterior, en terreos cinexéticos de réxime especial, as solicitudes formularaas a persoa titular do dereito de aproveitamento. En terreos de aproveitamento cinexético común, as solicitudes formularaas a persoa ou persoas prexudicadas polos danos detectados, e cando os danos sexan xeneralizados, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, por petición motivada dos concellos afectados e logo do informe técnico do Servizo Provincial de Patrimonio Natural, poderán autorizar a caza mediante as modalidades e os medios que consideren máis adecuados, establecendo as condicións particulares para levar a cabo a cazaría. As persoas participantes nestas cazarías serán determinadas polos concellos mediante un sorteo público entre as persoas cazadoras que o soliciten, e darase prioridade ás persoas propietarias dos bens afectados.
Dous. Modifícase o punto 2 do artigo 16. Réximes especiais por especies aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza, que queda redactado do xeito seguinte:
«f) Lobo (Canis lupus): queda prohibida, con carácter xeral, a súa caza en Galicia e poderán adoptarse medidas de control fronte aos danos producidos pola especie, de acordo co reflectido no artigo 13.2.d) desta resolución».
Tres. No anexo II. Relación de especies cazables no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2024/2025, na epígrafe de mamíferos, engádese á especie lobo (Canis lupus).
Disposición derradeira única. Eficacia
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
Marisol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural
