DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 11 de abril de 2025 Páx. 22051

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU301E).

BDNS (Identif.): 826165.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/826165

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento que dean servizo a unha poboación inferior a 20.000 habitantes.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU301E).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU301E).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe dun millón de euros (1.000.000,00 €) con cargo á anualidade 2025 e un millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 €) con cargo á anualidade 2026, con fondos procedentes do MRR, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola UE-NextGenerationEU.

O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, excluído o imposto sobre o valor engadido, co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na resolución.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 23 de abril de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 23 de maio de 2025.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia