
A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 unha serie de materias sobre as que os municipios exercerán competencias propias, entre as que está o abastecemento de auga potable.
O artigo 24 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que a actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades locais no ámbito do abastecemento de poboacións garantiralles a subministración de auga en cantidade e calidade adecuada a todos os núcleos de poboación legalmente constituídos no marco do que indique a planificación hidrolóxica aplicable.
Neste sentido, o artigo 30 da citada Lei 9/2010, do 4 de novembro, configura a colaboración entre administracións como un principio para conseguir os obxectivos comúns nas políticas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia. Grazas a este marco de cooperación, nos últimos anos, a Comunidade Autónoma de Galicia experimentou un salto cualitativo na extensión territorial, entre outros, dos servizos de abastecemento, ao que contribuíu, en gran medida, a mobilización de investimentos públicos para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias.
O 11 de xaneiro de 2020 entrou en vigor a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario.
Esta lei establece na disposición adicional segunda que no prazo máximo de dous anos contados desde a súa entrada en vigor, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificar as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa. Así mesmo, no mesmo prazo e para minimizar as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento, as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán, igualmente, aprobar un plan de actuacións para minimizar as perdas.
As auditorías municipais de abastecemento redactadas e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga aprobados polos concellos puxeron de manifesto os valores das perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento e a necesidade de axudar aos responsables dos sistemas de abastecemento a executar actuacións para minimizar as perdas de auga nas redes. Este apoio ás entidades locais na mellora dos seus sistemas de xestión do ciclo da auga, orientada á diminución das perdas de auga nos sistemas de abastecemento, resulta fundamental para acadar os obxectivos establecidos no Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) de dixitalización do ciclo da auga, aprobado polo Acordo do Consello de Ministros do 22 de marzo de 2022, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), compoñente 5, que, para súa vez, ten como obxectivo a modernización do ciclo da auga e a mellora do estado das masas de auga en xeral, cumprindo co mandato da Directiva marco da auga (2000/60/CE) e da Directiva 91/271/CEE sobre o tratamento das augas residuais urbanas, todo isto consonte o disposto no texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo
No acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente que tivo lugar o 24 de xullo de 2024, conforme o establecido no PERTE de dixitalización do ciclo da auga, trátase da segunda fase de repartición de 100 millóns de euros dos establecidos no compoñente 5, investimento núm. 3: Transición dixital no sector da auga do Plan de recuperación, co fin de cumprir dous obxectivos complementarios, por unha banda, fomentar a dixitalización das administracións das comunidades autónomas e, en especial, aquelas que xestionan directamente o dominio público hidráulico e, por outro, fomentar a dixitalización do ciclo urbano da auga nos municipios de menos de 20.000 habitantes.
Pola súa vez, asócianse os novos fitos CID #426 y #430 que deben estar finalizados antes do 30 de xuño de 2026:
• Fito CID #426. Posta en funcionamento de ferramentas para mellorar o coñecemento e o uso dos recursos hídricos, e para rexistrar as precipitacións e outros datos meteorolóxicos (vencellado ao obxectivo A).
• Fito CID #430. Actuacións no PERTE para a dixitalización dos usuarios da auga (vencellado ao obxectivo B).
En relación coas actuacións para o segundo obxectivo (obxectivo B), isto é, fomentar a dixitalización do ciclo urbano da auga en municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes, poderán executarse a través de actuacións de apoio ás entidades locais que permitan unha mellora da dixitalización dos seus sistemas de xestión do ciclo da auga urbana e que permitan diminuír as perdas de auga nos sistemas urbanos e a mellora da eficiencia enerxética das redes.
A consecución do obxectivo citado cuantificarase no caso que nos ocupa polo número de habitantes beneficiados pola posta en funcionamento de proxectos de dixitalización do ciclo de auga urbana, dentro do PERTE para a dixitalización dos usos da auga.
En particular, o PERTE de dixitalización do ciclo da auga identifica, en materia de abastecemento, desafíos relacionados con notables perdas de auga no ciclo urbano e elevadas porcentaxes de auga non rexistrada (ANR), así como desafíos pola necesidade de mellorar a información sobre o uso da auga e carencias no control efectivo dos seus usos. Á vista dos resultados obtidos nas auditorías municipais, as entidades locais galegas non son alleas a estes desafíos.
Por todo o exposto, considérase necesario cooperar coas entidades locais a través desta convocatoria de subvencións destinadas á execución de actuacións para minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento municipal, contribuíndo con estas actuacións á consecución dos obxectivos recollidos no PERTE. Esta resolución que agora se aproba ten a vontade de continuar na liña de colaboración iniciada coas entidades responsables de sistemas de abastecemento en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de abastecemento á poboación.
En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación menor de 20.000 habitantes, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU301E).
2. A finalidade das subvencións é axudar aos concellos responsables de sistemas de abastecemento a executar actuacións para minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento municipal, contribuíndo ao cumprimento da normativa e dos obxectivos ambientais nun complexo escenario de cambio climático.
Artigo 2. Réxime de concesión
A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As solicitudes de subvención presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras recollidas nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude correcta e completamente presentada e ata o esgotamento do crédito.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de abastecemento que dean servizo a unha poboación inferior a 20.000 habitantes.
Para estes efectos, teranse en conta os datos de poboación dos concellos de acordo co establecido no Real decreto 1210/2024, do 28 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2024.
Non poderán ser beneficiarios os concellos que xa o fosen ao abeiro das convocatorias dos anos anteriores para as mesmas actuacións subvencionables obxecto da presente resolución.
2. Para poder obter a condición de beneficiarios, todos os concellos solicitantes deberán:
a) Ter realizada unha auditoría para cuantificar as perdas de auga nas instalacións de abastecemento e aprobado o Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga, de acordo co establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, con anterioridade á data de publicación desta resolución.
b) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que incumbe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de verteduras, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
3. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.
Artigo 4. Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde a data de publicación desta convocatoria de subvencións destinados á execución das actuacións incluídas no Plan de actuación para minimizar as perdas de auga, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) O plan de actuación para minimizar as perdas de auga debe ter sido aprobado pola entidade local con anterioridade á data de publicación desta convocatoria de subvencións e en cumprimento do previsto na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.
b) As actuacións propostas deben recoller, como mínimo, que un 15 % do importe subvencionado será destinado a investimentos que permitan mellorar a xestión dixital do ciclo urbano da auga e unha mellor información e control sobre os usos da auga, aínda que esta previsión para a mellora da xestión dixital non estivese recollida no plan de actuación para minimizar as perdas de auga.
Estes investimentos que permitan mellorar a xestión dixital do ciclo urbano da auga e unha mellor información e control sobre os usos da auga poden ser, entre outros, do seguinte tipo: execución de actuacións que melloren a eficiencia e a monitorización do sistema, tales como instalación de medidores de caudal, sondas e/ou sensores que fomenten a telexestión e a telelectura; actuacións que melloren o coñecemento do sistema, tales como a elaboración de cartografía nun sistema de información xeográfica, a modelización hidráulica, modelación building information modeling (BIM), etc.; instalación ou mellora de sistemas de comunicación necesarios para unha mellor xestión do ciclo urbano da auga; elaboración, actualización ou mellora de plataformas, portais web ou sistemas de información que fomenten a comunicación dixital cos usuarios e a telexestión e telemando das instalacións.
2. Subvencionaranse tanto os investimentos realizados na execución de obras, instalación de equipos, como os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos; o total dos honorarios poderá ser ata un máximo do 10 % da subvención.
3. En ningún caso se considerará gasto subvencionable, ademais dos gastos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o imposto sobre o valor engadido (IVE) ou outros impostos indirectos.
Artigo 5. Crédito
1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe dun millón de euros (1.000.000 €) con cargo á anualidade 2025, e un millón cincocentos mil euros (1.500.000 €) con cargo á anualidade 2026, con fondos procedentes do MRR, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola UE-NextGenerationEU.
Artigo 6. Ampliación de crédito
Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 7. Importe máximo das subvencións
O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, excluído o Imposto sobre o valor engadido, co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta convocatoria.
Artigo 8. Compatibilidade das subvencións
1. Estas subvencións serán compatibles con outras axudas ou subvencións públicas que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.
Consonte o previsto no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241, as actuacións subvencionadas ao abeiro desta convocatoria poderán recibir axudas doutros programas e instrumentos da Unión Europea só se a dita axuda non cobre o mesmo custo.
Non poderán ser seleccionadas aquelas actuacións que na data da solicitude da axuda dispoñan de asignación en firme de fondos europeos no marco da programación orzamentaria vixente, ou que conten con financiamento da Administración xeral do Estado ao estaren incluídas nun convenio ou protocolo con esta.
2. O concello beneficiario está obrigado a comunicar ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.
3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas sexan compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.
O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.
O regulamento financeiro da Unión Europea e o Regulamento do MRR amparan a complementariedade dos distintos fondos e prohiben o dobre financiamento dos mesmos gastos. A prevención do dobre financiamento eríxese, polo tanto, nun principio transversal de obrigatoria consideración na execución do PRTR.
Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 23 de abril de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 23 de maio de 2025.
Artigo 10. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.
2. Os concellos solicitantes deberán marcar no recadro correspondente do dito anexo se solicitan ou non a concesión dun anticipo do 40 % do importe da subvención no caso de resultaren beneficiarios, segundo o previsto no artigo 22 desta resolución.
3. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:
a) Que o concello que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de inmediato cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
d) Que a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario 2023 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.
e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
h) Que disporá de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.
i) Que conservará os documentos xustificativos, os datos estatísticos e demais documentación concernente ao financiamento, así como os rexistros e documentos en formato electrónico, durante un período de 3 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do devandito pagamento, da operación.
j) Que manterá un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.
k) Que se someterá ás disposicións comunitarias sobre o Mecanismo de recuperación e resiliencia e ás actuacións da autoridade de control ou das entidades que actúen baixo a súa coordinación ou responsabilidade.
l) Que, para os efectos de dar cumprimento ao mandato establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 e consonte o artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, acepta a cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Neste sentido e de acordo co previsto no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, a entidade beneficiaria declara coñecer a normativa que é de aplicación, en particular, o disposto nos puntos 2.d) e 3 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, que se transcriben a continuación:
«Recadar, para os efectos de auditoría e control do uso de fondos en relación coas medidas encamiñadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, nun formato electrónico que permita realizar buscas e unha base de datos única, as categorías harmonizadas dos datos seguintes:
a. O nome do perceptor final dos fondos;
b. O nome do contratista e do subcontratista, cando o perceptor final dos fondos sexa un poder adxudicador de conformidade co dereito da Unión ou nacional en materia de contratación pública;
c. Os nomes, apelidos e datas de nacemento dos titulares reais do perceptor dos fondos ou do contratista, segundo se define no artigo 3, punto 6, da Directiva (UE) nº 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello (26);
d. Unha lista de medidas para a execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, xunto co importe total do orzamento público das ditas medidas e que indique a contía dos fondos desembolsados no marco do Mecanismo e doutros fondos da Unión».
«Os datos persoais mencionados no número 2, letra d), do presente artigo só serán tratados polos Estados membros e pola Comisión para os efectos e duración da correspondente auditoría da aprobación da xestión orzamentaria e dos procedementos de control relacionados coa utilización dos fondos relacionados coa aplicación dos acordos a que se refiren os artigos 15, número 2, e 23, número 1. No marco do procedemento de aprobación da xestión da Comisión, de conformidade co artigo 319 do TFUE, o Mecanismo estará suxeito á presentación de informes no marco da información financeira e de rendición de contas integrada a que se refire o artigo 247 do Regulamento financeiro e, en particular, por separado, no informe anual de xestión e rendemento».
m) Que, para os efectos de dar cumprimento ao mandato establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 e consonte o artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, manifesta o seu compromiso cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, e que adoptará as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, comunicándolles, se é o caso, ás autoridades que proceda os incumprimentos observados.
n) Que, para os efectos de dar cumprimento ao mandato establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 e consonte o artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, se compromete a respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente (DNSH polas súas siglas en inglés Do no significant harm) na execución das actuacións levadas a cabo no marco do PRTR e manifesta que non incorre en dobre financiamento e que, se é o caso, non lle consta risco de incompatibilidade co réxime de axudas do Estado.
ñ) Que facilitará toda a información hidrolóxica xerada e, en especial, a relativa ao control e aos consumos dos usos da auga tanto ao organismo de bacía como ao público en xeral.
Artigo 11. Documentación complementaria
1. As entidades locais interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Un documento técnico en que se describirá con suficiente grao de detalle a actuación para a que se solicita a subvención. No suposto de que a actuación solicitada teña por obxecto a execución dunha obra, o dito documento, que estará asinado por un técnico competente, terá o seguinte contido mínimo:
1º. Unha portada onde se indiquen expresamente o título da actuación, a entidade solicitante, a súa poboación referida ao 1 de xaneiro de 2024, o prazo de execución das obras, o orzamento para coñecemento da Administración, o nome do técnico competente que asina o documento, a súa titulación e a data de redacción.
2º. Unha memoria descritiva onde se expliquen con claridade, e en partes independentes, polo menos as seguintes cuestións: a problemática existente e a solución técnica adoptada, unha descrición das obras e as súas principais características, a adscrición das obras no plan de redución de perdas aprobado polo concello, o orzamento das obras e o prazo de execución.
3º. Unha memoria xustificativa con, polo menos, os seguintes anexos: estudo de seguridade e saúde ou estudo básico de seguridade e saúde; estudo de xestión dos residuos de construción e demolición; coordinación con outros organismos e servizos; fotográfico; plan de obra; xustificación de prezos; e anexos de cálculos hidráulicos ou estruturais.
No caso de que non se consideren necesarios, xustificarase este aspecto no anexo correspondente.
4º. Planos (de conxunto e de detalle) que definan perfectamente a obra, coa precisión e o detalle suficiente para que se poida executar na súa totalidade. Deberán incluír, polo menos, os seguintes tipos: planos de situación xeral suficientemente descritivo para que permitan localizar as obras no territorio; plantas xerais que representen os principais elementos que forman parte da actuación; planos de detalle cun grao de desenvolvemento e escala suficiente para a súa compresión e execución.
5º. Prego de prescricións técnicas. Terase en conta o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, sobre regras para o establecemento de prescricións técnicas xerais e particulares.
6º. Orzamento, incluíndo medicións, os cadros de prezos, os orzamentos parciais de cada capítulo, o orzamento de execución material como suma dos diferentes orzamentos parciais, o orzamento base de licitación de acordo coa normativa vixente e o orzamento para coñecemento da Administración.
7º. Desagregación dos importes correspondentes a investimentos que permitan mellorar a xestión dixital do ciclo urbano da auga e unha mellor información e control sobre os seus usos. Este importe deberá ser, como mínimo, do 15 % do importe subvencionado.
b) Un documento económico da subvención que se solicita. Indicará xustificadamente:
1º. O importe total do investimento, incluíndo o orzamento das obras e/ou instalación de equipos e, de ser o caso, os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos.
2º. O importe subvencionable, entendido como a parte do orzamento total do investimento que se solicita con cargo á subvención.
c) Resolución do órgano competente da entidade local solicitante pola que se declare que a entidade está en disposición de executar as obras e/ou instalación de equipamentos e está en posesión das autorizacións e permisos necesarios.
d) Copia da auditoría e do Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga aprobado pola entidade local con anterioridade á publicación da presente resolución.
e) Resolución do órgano competente da entidade local pola que se aprobou o Plan de actuacións.
A falta de presentación da documentación indicada nas letras a), b), c), d) e e) do número 1 poderá ser obxecto de requirimento de emenda, aplicándose o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2 GB por presentación.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O procedemento que se debe seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.
b) NIF do concello solicitante.
c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deba emitir a Consellería de Facenda.
f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades locais interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas da conta xeral das entidades locais correspondente ao exercicio orzamentario de 2023, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.
Artigo 13. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Publicación dos actos
1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.
2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.
Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 16. Órganos competentes e instrución
1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
2. Revisadas as solicitudes e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.
Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou consellería competente en materia de facenda e da verificación do DNI/NIE.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa correcta e completamente presentada.
3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.
4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta resolución e no resto de normativa aplicable para poder ser entidade beneficiaria das subvencións.
Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.
6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que da información que ten no seu poder se desprende que os concellos propostos como beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.
A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, con indicación das causas desta inadmisión.
Artigo 17. Resolución, prazos e recursos
1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.
2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.
A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión, por inadmisión, desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.
3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.
5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.
Artigo 18. Modificación da resolución
1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.
Artigo 19. Aceptación
1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.
2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.
Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:
1. Cumprir co obxectivo da subvención, iniciar a execución das obras para minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento no ano 2025 e finalizalas con anterioridade ao prazo de xustificación da subvención.
2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.
4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
5. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.
c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.
d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.
6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.
9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a subvención.
10. Facilitar toda a información hidrolóxica xerada e, en especial, a relativa ao control e consumos dos usos da auga, tanto ao organismo de bacía como ao público en xeral.
11. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de control do MRR e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e o Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión Europea, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, e cando proceda, a Fiscalía Europea para exercer os dereitos que recoñece o artigo 129, punto 1, do referido regulamento financeiro.
12. Conservar os documentos xustificativos, os datos estatísticos e demais documentación concernente ao financiamento, así como os rexistros e documentos en formato electrónico, durante un período de 3 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do devandito pagamento, da operación.
13. Adoptar as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, comunicándolles, de ser o caso, ás autoridades que proceda os incumprimentos observados.
14. Respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente (DNSH polas súas siglas en inglés Do no significant harm) na execución das actuacións levadas a cabo no marco do PRTR e non incorrer en dobre financiamento.
15. Cumprir cos requisitos que figuren no Manual de imaxe do programa que estará dispoñible na web do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (http://www.mitma.es), en toda referencia en calquera medio de difusión á actuación obxecto das axudas.
Así mesmo, cumprir coas obrigas de comunicación e publicidade segundo o establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro. Os beneficiarios da subvención de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.
Deberá cumprirse tamén co establecido en materia de comunicación, información e publicidade na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en especial co previsto no seu artigo 9. En particular, cómpre ter en conta a información recollida na epígrafe de identidade visual da web do Plan de recuperación, transformación e resiliencia https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual e o Manual de comunicación para xestores e beneficiarios do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, dispoñible na seguinte ligazón:
https://www.fondoseuropeos.hacienda.gob.es/sitios/dgpmrr/es-es/Documents/MANUAL %20DE %20COMUNICACI %C3 %93N %20PARA %20LOS %20GESTORES %20DEL %20PLAN.pdf
Artigo 21. Contratación
1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.
2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.
3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.
A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/a adxudicatario/a.
A entidade beneficiaria deberá prever os mecanismos para asegurar que os contratistas/subcontratistas cumpran cos principios transversais establecidos na Orde HFP/1030/2021 no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Artigo 22. Pagamento anticipado
1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Os pagamentos anticipados supoñen entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas e o seu importe será do 40 % do importe da subvención concedida.
2. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución do órgano competente para ditar a resolución do procedemento e no momento de ditarse esta, naqueles supostos en que o dito pagamento anticipado se solicitase no anexo I.
3. O pagamento do anticipo será realizado por Augas de Galicia unha vez que a entidade beneficiaria acepte expresa ou tacitamente a subvención e sen necesidade de solicitude previa pola entidade local.
4. Conforme o disposto no artigo 65.4.c) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.
Artigo 23. Xustificación e pagamento da subvención
1. O prazo máximo para a presentación da documentación xustificativa da subvención concedida será o 31 de marzo de 2026, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.
2. As entidades locais beneficiarias deberán achegar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia o anexo II desta resolución, no cal expresamente se declarará:
a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta subvención, con indicación do importe e da súa procedencia, se é o caso.
b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.
3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:
a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos e, en concreto, os beneficios obtidos na redución de perdas de auga. Estará asinado por un técnico competente e reflectirase graficamente a situación previa á execución das obras e o estado con posterioridade á súa execución, a través de planos e fotografías, os principais fitos no seu avance, e acreditarase que as actuacións subvencionadas foron executadas conforme a documentación técnica presentada na solicitude.
Esta memoria recollerá as actuacións destinadas a investimentos que permitan mellorar a xestión dixital do ciclo urbano da auga e unha mellor información e control sobre os seus usos, cuxo importe non poderá ser inferior ao 15 % do importe subvencionado.
Augas de Galicia poderá requirir a mellora da memoria xustificativa presentada se non recollese a información requirida para o informe xustificativo final de cada actuación prevista no punto 4.8 do anexo do acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do 24 de xullo de 2024, pola que se autoriza a proposta de distribución territorial de créditos xestionados polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, no marco do PERTE de dixitalización do ciclo da auga, compoñente 5: preservación do espazo litoral e dos recursos hídricos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, para o exercicio orzamentario 2024.
b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, asinada polo interventor da entidade local, que conterá:
1º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención fose concedida con base nun orzamento, indicaranse as desviacións producidas.
2º. As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior e a documentación acreditativa do pagamento, consonte o disposto no artigo 51 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
3º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.
4º. Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe solicitar o beneficiario.
c) Conta xustificativa que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
d) Documentación acreditativa de ter realizada a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre apoio procedente de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, tal como reflicte o artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e o artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
e) Certificado de ter cumprido durante a execución das actuacións subvencionadas o principio de «non causar dano significativo» (DNSH), nos termos previstos no artigo 28 desta resolución.
4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 24. Incumprimento das obrigas
1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.
2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Aos concellos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 26. Medidas antifraude, corrupción e conflito de intereses
1. En cumprimento do establecido no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, estableceranse mecanismos para a prevención, detección, corrección e persecución da fraude, a corrupción e o conflito de intereses.
2. Son de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que poden consultarse nas seguintes ligazóns:
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pd
https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade, en relación con actuacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco deste procedemento, poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx
2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía, onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.
A canle, ademais de pola cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.
No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado en SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.
A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.
3. A investigación e tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.
Artigo 27. Análise sistemática do risco de conflito de intereses no procedemento de concesión de subvencións no marco do PRTR
A presente convocatoria está suxeita á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano competente para a concesión da subvención poderá solicitar aos beneficiarios a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano que concede no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.
Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través de Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando, en lugar do solicitante, os titulares reais recuperados polo órgano competente para a concesión.
Artigo 28. Principio de «non causar dano significativo» (DNSH)
De acordo co disposto no artigo 5 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, o mecanismo só apoiará aquelas medidas que respecten o principio de «non causar un prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH).
A execución do MRR exixe o compromiso no cumprimento do principio horizontal de «non causar prexuízo significativo» que establece o artigo 2.6) do Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro, respecto dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e definidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento 2019/2088, de taxonomía da UE.
Os requisitos técnicos que hai que cumprir para garantir o respecto a este principio nas actuacións da compoñente 5 son os seguintes:
a) No uso dos equipamentos tecnolóxicos seleccionaranse os mellores dispoñibles pola tecnoloxía existente en canto ao consumo de enerxía.
b) Os equipamentos cumprirán cos requisitos relacionados coa enerxía establecidos de acordo coa Directiva 2009/125/CE para servidores e almacenamento de datos, ou computadoras e servidores de computadoras ou pantallas electrónicas, e de acordo co Regulamento (UE) 2019/424 da Comisión, do 15 de marzo de 2019, polo que se establecen requisitos de deseño ecolóxico para servidores e produtos de almacenamento de datos, de conformidade coa Directiva 2009/125/CE.
c) Nestas adquisicións activaranse medidas para asegurar a compra daqueles equipamentos enerxeticamente eficientes, que sexan absolutamente respectuosos co Code of conduct for ICT da Comisión Europea, e tomaranse medidas para que aumente a durabilidade, a posibilidade de reparación, de actualización e de reutilización dos produtos, dos aparatos eléctricos e electrónicos implantados.
d) Na selección de equipamentos tecnolóxicos terase en conta a reciclabilidade dos seus compoñentes.
e) Os equipamentos utilizados non conterán as sustancias restrinxidas enumeradas no anexo II da Directiva 2011/65/UE, excepto cando os valores de concentración en peso en materiais homoxéneos non superen os enumerados no dito anexo.
f) Ao final da súa vida útil, os equipamentos someteranse a unha preparación para operacións de reutilización, recuperación ou reciclaxe, ou un tratamento adecuados, incluída a eliminación de todos os fluídos e un tratamento.
g) Na execución das actuacións garantirase que, polo menos, o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo os materiais de orixe natural referidos na categoría 17 05 04 da Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/CE) xerados nas obras de construción se reutilizarán, reciclarán ou recuperarán, incluíndo actuacións de recheo con residuos en substitución doutros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.
h) Os operadores limitarán a xeración de residuos nos procesos de construción e demolición, de acordo co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición, tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando demolicións selectivas que permitan separar e manipular de forma segura as substancias perigosas e que faciliten a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a separación selectiva dos materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para os residuos de construción e demolición.
i) O proxecto e as técnicas de construción serán compatibles coa circularidade e mostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas de avaliación da adaptabilidade das construcións, como se deseñaron para ser máis eficientes cos recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.
Artigo 29. Réxime de financiamento
1. As actuacións que se prevén son susceptibles de ser financiadas ao 100 % pola Unión Europea a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, concretamente dentro da política panca II: infraestruturas e ecosistemas resilientes, compoñente 5 (C5): preservación do espazo litoral e dos recursos hídricos, investimento 3 (C5.I3): transición dixital no sector da auga (vixilancia e control da contorna dixital); fito núm. 430: actuacións en PERTE para a dixitalización dos usuarios da auga.
Artigo 30. Normativa aplicable
Respecto de todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, de 21 de xullo.
e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
g) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
h) Mecanismo de recuperación e resiliencia-NextGenerationEU: Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.
i) Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
j) Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación logo da crise da COVID-19.
k) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
l) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
m) Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia para España e anexo da proposta de Decisión de execución do Consello pola que se modifica a Decisión de execución do Consello (UE) (ST 10150/2021; ST 10150/2021 ADD 1 REV 1), do 13 de xullo de 2021, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España-{SWD(2023) 326 final}.
n) Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
ñ) Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, do 24 de xullo de 2024, polo que se autoriza a repartición territorial de fondos do PERTE de dixitalización do ciclo da auga ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria
Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Perceptores dos fondos comunitarios
As referencias aos beneficiarios recollidas nesta resolución deben entenderse tamén referidas ao perceptor final dos fondos no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), do acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente que tivo lugar o 24 de xullo de 2024, conforme o establecido no PERTE de dixitalización do ciclo da auga e da normativa indicada no artigo 29 desta resolución.
Disposición adicional cuarta. Compromiso de etiquetaxe verde e dixital
En aplicación dos artigos 2.2.b) e 4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as actuacións subvencionables ao abeiro desta convocatoria cumpren o compromiso de etiquetaxe verde e dixital nel previsto con base no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.
As actuacións que se realizarán corresponderanse coas seguintes etiquetas climáticas e dixitais:
a) Campo de intervención: 040 Xestión da auga e conservación dos recursos hídricos (incluída a xestión das concas fluviais, medidas específicas de adaptación ao cambio climático, reutilización, redución de fugas). Coeficiente para o cálculo da axuda aos obxectivos climáticos: 40 %. Coeficiente para o cálculo da axuda aos obxectivos ambientais: 100 %.
b) Campo de intervención: 011 Solucións de TIC para a Administración, servizos electrónicos, aplicacións. Coeficiente para o cálculo da axuda á transición dixital: 100 %.
Disposición adicional quinta. Identificación do perceptor final de fondos
Para os efectos de dar cumprimento ao mandato establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 e consonte o artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, o beneficiario da subvención facilitará no anexo I os seguintes datos:
a) NIF do beneficiario.
b) Nome da persoa física ou razón social da persoa xurídica.
c) Domicilio fiscal da persoa física ou xurídica.
d) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
e) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que poidan afectar o ámbito obxecto de xestión.
f) Os beneficiarios que desenvolvan actividades económicas acreditarán a inscrición no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou no censo equivalente da Administración tributaria foral, que debe reflectir a actividade económica efectivamente desenvolvida na data de solicitude da subvención.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución
Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia
