Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Peticionario: Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.
Domicilio social: rúa Edificio de Usos Múltiple, s/n, 15820 Santiago de Compostela, A Coruña.
Denominación: proxecto de infraestrutura eléctrica en AT e BT para subministración eléctrica de centro de comunicacións en Mondoñedo e o seu anexo.
Situación: concello de Mondoñedo.
Características técnicas principais:
• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV, coa orixe nun PAS que se vai realizar no apoio existente 4BF00525 da LMT 20 kV Fazouro e final no CT prefabricado PE de poste proxectado, cunha lonxitude de 20 metros, en condutor HEPRZ1-150 mm.
• CT prefabricado tipo PE de poste proxectado, cunha potencia de 50 kVAS, relación de transformación 20.000/400-230 V.
Finalidade da instalación: ampliación de instalacións.
Orzamento: 91.669,56 €.
Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Mondoñedo.
• Separata para a Deputación Provincial de Lugo.
• Separata para a Consellería do Medio Rural.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento se deberán cumprir as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
En relación coa instalación de baixa tensión, deberase seguir o disposto no artigo 18 do Real decreto 842/2002 para a súa posta en servizo, así como na súa instrución ITC-BT-04, e deberase achegar, no seu momento, a documentación exixida con carácter previo á posta en servizo da instalación, para a súa revisión por esta Administración e posterior inscrición da instalación no correspondente rexistro.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 14 de marzo de 2025
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
