Á vista da solicitude formulada pola Deputación Provincial de Lugo relativa á modificación da forma de provisión do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN) de secretario/a interventor/a adxunto/a á Secretaría Xeral da Deputación Provincial de Lugo, emítese resolución con base nos seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Por Resolución do 26 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Administración Local, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 6 de xuño de 2008, procedeuse á creación e á clasificación dun posto de traballo reservado a PFHN na Deputación Provincial de Lugo conforme as seguintes características:
Entidade local: Deputación Provincial de Lugo.
Posto: secretario/a-interventor/a adxunto/a á Secretaría Xeral.
Subescala: Secretaría-Intervención.
Forma de provisión: libre designación.
Segundo. A Deputación Provincial de Lugo presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/797000) solicitude relativa á modificación do sistema de provisión do citado posto de traballo reservado a PFHN, que pasa de libre designación a concurso de méritos, acompañando esta solicitude a seguinte documentación:
– Memoria xurídica e económica xustificativa da modificación do sistema de provisión do posto de traballo reservado.
– Certificación relativa aos recursos do orzamento da Deputación Provincial de Lugo para o exercicio económico 2025 polo importe de 126.000.806,49 euros.
– Certificación da secretaría provincial relativa ao acordo plenario do 25 de novembro de 2014 sobre a aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo da Deputación Provincial de Lugo na que se inclúe o cambio do sistema de provisión do citado posto de traballo de libre designación a concurso de méritos e na que se indica que, non téndose presentado reclamación ningunha e logo de terse emendado un erro material mediante a Resolución da Presidencia de data do 15 de xaneiro de 2015, a citada modificación considerouse aprobada definitivamente e publicouse no Boletín Oficial da provincia de Lugo nº 36, do 13 de febreiro de 2015.
Polo que pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 92.bis, punto 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL) dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, da clasificación e da supresión de postos de PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.
As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).
Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a PFHN os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación; debendo ser a relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local onde queden reflectidas a denominación e características esenciais dos citados postos de traballo reservados.
Terceiro. Pola súa banda, o artigo 15 do Real decreto 128/2018 regula a posibilidade das entidades locais de crear e suprimir discrecionalmente outros postos de traballo que teñan atribuídas funcións de colaboración inmediata e auxilio ás de Secretaría, Intervención e Tesouraría. Estes postos de traballo estarán reservados a PFHN e exercerán as súas funcións baixo a dependencia funcional e xerárquica dos titulares dos postos de traballo anteriormente mencionados.
A estes postos de colaboración corresponderanlles as funcións reservadas que, logo de autorización do alcalde ou presidente da Corporación, lles encomenden os titulares dos postos reservados de Secretaría, Intervención e Tesouraría e a substitución destes últimos nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia de causa de abstención ou recusación legal ou regulamentaria destes.
A creación, a modificación e a supresión destes postos de traballo de colaboración constitúe unha manifestación do exercicio dunha potestade discrecional que a normativa estatal atribúe ás entidades locais, enmarcada nas súas potestades de autorganización, exteriorizándose a través do acto de modificación do cadro de persoal e/ou relación de postos de traballo, e cuxa eficacia queda condicionada ao exercicio das competencias autonómica en materia de clasificación de postos reservados, de acordo co artigo 92.bis, punto 4, da LRBRL.
Cuarto. Segundo o disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 128/2018, as modificacións na clasificación ou forma de provisión dos postos de traballo reservados non afectarán o destino do PFHN que os estivese desempeñando con carácter definitivo.
Quinto. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN. Igualmente, corresponderá ás comunidades autónomas, a competencia para modificar a forma de provisión dos postos reservados ao PFHN.
Sexto. O expediente tramitado pola entidade provincial é conforme o disposto no artigo 10 do Decreto 49/2009, dado que a Deputación Provincial de Lugo xustifica que mediante unha modificación da súa relación de postos de traballo, publicada no Boletín Oficial da provincia de Lugo nº 36, do 13 de febreiro dd 2015, procedeu a modificar a forma de provisión do posto de colaboración de secretario/a-interventor/a adxunto/a á Secretaría Xeral da citada entidade local, que pasa de libre designación a concurso de méritos.
Na memoria indícase que esta modificación se motiva no feito de que a cobertura de postos reservados mediante concurso de méritos constitúe o sistema normal de provisión, tal e como establece o artigo 27 do Real decreto 128/2018.
A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar o sistema de provisión do posto de traballo reservado a PFHN de secretario/a-interventor/a adxunto/a á Secretaría Xeral da Deputación Provincial de Lugo, previsto na Resolución do 26 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se crea e clasifica, que pasa a quedar configurado conforme as seguintes características:
Entidade local: Deputación Provincial de Lugo.
Posto: secretario/a-interventor/a adxunto/a á Secretaría Xeral.
Subescala: Secretaría-Intervención.
Forma de provisión: concurso de méritos.
Nivel de complemento de destino: 28.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
