DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 15 de abril de 2025 Páx. 22586

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia

ANUNCIO polo que se convoca o proceso selectivo para cubrir trece prazas de persoal.

Postos PERTE47:

6 técnicos/as de investigación sénior HPC (referencia PERTE47-25-TINV-SEN1-HPC-01_06).

1 técnico/a especialista de investigación HPC (referencia PERTE47-25-TEI-HPC).

1 técnico/a de investigación superior 1 DATA (referencia PERTE47-25-TINV-SUP1-DATA).

1 técnico/a de investigación sénior 1 COM (referencia PERTE47-25-TINV-TSEN1-COM).

1 técnico/a de investigación sénior 1 DC (referencia PERTE47-25-TINV-TSEN1-DC).

1 técnico/a superior de proxecto Promo (referencia PERTE47-25-TSUP-PROMO).

1 técnico/a coordinador/a de proxecto Xestión (referencia PERTE47-25-TCP-XESTION).

1 técnico/a especialista administración e secretaría (referencia PERTE47-25-TEI-ADMSEC).

Proxecto que se vai desenvolver: PERTE47, que ten como obxecto a realización das actualizacións do nodo CESGA dentro do Plan estratéxico 2021-2024 da ICTS distribuída RES, que aumentarán significativamente as capacidades da Rede española de supercomputación (RES) e mellorarán aínda máis a diversidade de arquitecturas e servizos relacionados.

O financiamento producirase a través do contrato ICTS-MRR-2024-10-CESGA (RES), amparado polo Real decreto 714/2024, do 23 de xullo, polo que se regula a concesión directa de diversas subvencións para o fortalecemento das capacidades, infraestruturas e equipamento de salas brancas de micro e nanofabricación e de centros de supercomputación, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado por NextGenerationEU.

Neste real decreto concédese subvención para a mellora das instalacións necesarias de computación, os sistemas de almacenamento de datos e desenvolvementos asociados á tecnoloxía cuántica. A actuación tamén forma parte do PERTE Chip, as actividades que levarán a cabo intégranse na I+D+i sobre microprocesadores de vangarda e de arquitecturas alternativas.

Modalidade contractual: contratos científico-técnicos previstos no número 3 do artigo 23.bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, a xornada completa, para execución de proxecto PERTE47. Aplícase o Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes, para estes postos será de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

As bases do proceso selectivo para estas prazas están expostas na sede do CESGA (avenida de Vigo, s/n, Campus Vida, 15705 Santiago de Compostela) e na páxina web: (https://www.cesga.es/gl/transparencia-2/emprego/).

Todas as notificacións que a partir deste momento se orixinen como consecuencia destes procesos selectivos se farán públicas na páxina web do CESGA.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

Lois Orosa Nogueira
Director xerente da Fundación Pública Galega
Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia