Mediante a Resolución da Xerencia, do 5 de marzo de 2025 (DOG núm. 50, do 13 de marzo), convócase a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se relaciona no anexo desta resolución.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 19 do Regulamento de mobilidade de persoal de administración e servizos da USC, emitiuse un informe motivado por parte da Xerencia en relación co posto convocado. No dito informe especificáronse tanto os criterios de interese xeral considerados como prioritarios para decidir o nomeamento como os méritos e capacidades que a persoa candidata proposta reúne para o desempeño do posto de traballo.
Unha vez acreditada a observancia do procedemento, así como o cumprimento por parte da candidata dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria, o xerente, no exercicio das competencias delegadas que se lle recoñecen pola Resolución reitoral do 21 de abril de 2022 (DOG do 26 de abril),
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, efectuada mediante a Resolución da Xerencia do 5 de marzo de 2025, e adxudicarlle o posto convocado ao persoal funcionario que se relaciona no anexo desta resolución.
Segundo. O destino adxudicado será irrenunciable, agás que antes de rematar o prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, e quedará obrigada a interesada neste caso a comunicarllo á Xerencia no prazo de tres días.
Terceiro. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. No caso de que a persoa adxudicataria do posto reingrese ao servizo activo, o prazo para a toma de posesión será dun mes.
Cuarto. O prazo para tomar posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas de maternidade ou paternidade concedidos á persoa interesada. Igual tratamento terán os supostos de incapacidade temporal, nos cales o cómputo do prazo posesorio se iniciará a partir da correspondente alta.
Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Denominación do posto: secretaría de dirección da Unidade de Xestión Administrativa. Xerencia.
Número de praza: PF000286.
Subgrupo: C1/C2.
Nivel: 20.
Complemento específico: 10.424,40 €.
Xornada: mañá.
Localidade: Santiago de Compostela.
Apelidos e nome: Orizales Teijeiro, Lucía.
DNI: *** 1583**.
