DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 16 de abril de 2025 Páx. 22669

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de inspectoras e inspectores de consumo e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo.

Mediante a Resolución do 1 de marzo de 2024 (DOG número 47, do 6 de marzo), publicouse a relación provisional de persoas admitidas e excluídas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de inspectoras e inspectores de consumo e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo, convocado pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 6 de febreiro de 2024.

Unha vez transcorrido o prazo establecido nas bases para presentar reclamacións á exclusión das listas provisionais e dado que non se recibiu ningunha reclamación, esta dirección xeral, no uso da competencia delegada pola Consellería de Facenda e Administración Pública, en virtude do disposto no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 (DOG número 16, do 24 de xaneiro),

RESOLVE:

Elevar a definitiva a relación de persoas solicitantes admitidas e excluídas do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de inspectoras e inspectores de consumo, e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo.

A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia na epígrafe de concurso de traslados https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta

Todas as persoas participantes están admitidas.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal