DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 16 de abril de 2025 Páx. 22677

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se acorda someter a información pública a revisión do Plan de emerxencia exterior do depósito de barros vermellos de Alcoa en Xove.

En aplicación do disposto no artigo 6 do Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, debe someterse ao trámite de información pública a revisión do Plan de emerxencia exterior do depósito de barros vermellos que se sitúa en Xove.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sinala no artigo 39 que lle corresponde á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a planificación e a coordinación das políticas de protección civil e emerxencias, no marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Atendendo á documentación remitida pola industria Alúmina Española, S.A., a través do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou o Plan de emerxencia exterior do depósito de barros vermellos de Alcoa en Xove, aprobado mediante o Decreto 87/2012, do 23 de febreiro.

En consecuencia e de conformidade co previsto no artigo 6.5 do Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, e no artigo 83.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter ao trámite de información pública, por un período de 30 días hábiles contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a revisión do Plan de emerxencia exterior do depósito de barros vermellos en Xove, de cara á presentación de cantas alegacións se consideren oportunas.

Para efectos de cumprir co previsto no parágrafo anterior, o Plan de emerxencia exterior estará dispoñible na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma 25-27, do polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela, e pode ser tamén consultado na epígrafe de participación en plans e programas do portal de transparencia da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo web: https://transparencia.xunta.gal/participacion-plans-programas

Segundo. En igual prazo poderán presentarse alegacións a través do devandito portal, nas oficinas de Rexistro e Atención á Cidadanía, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixíndoas á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma 25-27, do polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior