A Consellería de Economía e Industria recibiu da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (sección 3ª) un oficio en que se comunica a interposición de recurso contencioso-administrativo, procedemento ordinario número 7078/2025, polo Concello de Cerceda e polo Concello das Pontes de García Rodríguez, contra as seguintes resolucións:
– Resolución do 10.1.2025, do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 8, do 14 de xaneiro de 2025, que aproba as bases reguladoras dos préstamos parcialmente reembolsables para proxectos empresariais de investimento creadores de emprego previstos no Instrumento financeiro do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña. Modalidade proxectos empresariais tractores de grandes empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408N).
– Resolución do 27.12.2024, da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 27 de xaneiro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncian as convocatorias para o ano 2025 de subvencións para proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento IN421J).
– Resolución do 31.1.2025, do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 23, do 4 de febreiro de 2025, pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba os novos prazos de presentación de solicitudes das bases reguladoras de determinadas axudas do Igape publicadas no Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 13 de xaneiro, e núm. 8, do 14 de xaneiro.
En consecuencia, esta secretaría xeral técnica acorda, de conformidade co disposto no artigo 49.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a remisión do correspondente expediente administrativo á referida sala, o que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de nove (9) días contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio.
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025
José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria
