Galicia conta cunha moi ampla oferta gastronómica de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario.
Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas. Este sistema de protección, que inicialmente foi deseñado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea e actualmente acolle un gran repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario.
Estes réximes de calidade constitúen unha importante ferramenta no desenvolvemento rural por múltiples razóns. Por unha parte, delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar o produto acollido, coincidindo coa zona en que tradicionalmente se viña facendo, o que favorece que todo o valor engadido e a riqueza xerada quede nesa zona. Por outra parte, o seu recoñecemento impide que os nomes protexidos poidan ser empregados por aqueles operadores que non teñen dereito ao seu uso, ademais de prestixiar e dar a coñecer a zona de produción, potenciando outras actividades económicas que se desenvolvan nese territorio.
Socialmente, os réximes de calidade impulsan o asociacionismo de produtores e industrias, o que favorece o dinamismo da zona e potencia o traballo integrador de todo o sector. Por último, hai que sinalar que a través da elaboración destes produtos diferenciados e do uso dunha marca ou contramarca conxunta se poden facer viables producións que, polo seu escaso volume, doutro xeito terían moito máis difícil o acceso aos mercados.
En resumo, o establecemento dun réxime de calidade nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a certos tipos de producións agroalimentarias, permitindo o desenvolvemento ou a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona e facilitando a xeración de riqueza e dinamismo social nela.
En Galicia existen actualmente 35 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario, ás cales habería que engadir, como outros réximes de calidade, as producións ecolóxicas e as producións artesanais certificadas na nosa comunidade autónoma. A importancia económica e social destes réximes de calidade queda de manifesto tanto polo valor total da produción certificada, superior aos 600 millóns de euros, como polo número de produtores implicados, preto de 24.000, e o de industrias, por riba de 1200.
A política da Comunidade Autónoma respecto destes réximes de calidade foi sempre de claro apoio, xa que son o baluarte da produción alimentaria galega. Por iso, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 recolleuse unha submedida, a 3.10, destinada a financiar os gastos en que incorren os agricultores como consecuencia da súa incorporación a estes réximes de calidade. Esta submedida serviu para fomentar a incorporación de novas explotacións nos diferentes réximes de calidade desde o ano 2016 ata 2024.
O Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013, establece os obxectivos xerais e as distintas intervencións para a súa consecución, entre as que se atopan as axudas á cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.
De acordo co mencionado regulamento, no Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e as súas modificacións, que deron lugar á versión vixente do PEPAC, aprobada pola Decisión de execución da Comisión C (2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024, inclúese a intervención 7131 «Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», intervención que coincide en obxectivos e persoas destinatarias da axuda coas da medida 3.10 do PDR 2024-2020 antes mencionada. Nesta resolución establécense as bases para a súa aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas axudas ampáranse tamén no establecido no artigo 57 do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e foron comunicadas polo Estado á Comisión Europea co número de axuda SA.108976.
Unha vez iniciado o exercicio orzamentario 2025 é preciso activar esta nova intervención do PEPAC e publicar, polo tanto, as bases que a regulan, así como a convocatoria para o ano 2025.
En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para promover a participación de agricultores nos réximes de calidade, de acordo coa intervención 7131 «Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (en diante, PEPAC), de conformidade coas disposicións aplicables á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) (código de procedemento MR362A).
CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade
Artigo 2. Definicións
Para os efectos desta resolución, establécense as seguintes definicións:
a) Agricultor/a: a persoa ou grupo de persoas físicas ou xurídicas, titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) Réximes de calidade: os establecidos nos seguintes regulamentos europeos:
1º. Produción agrícola ecolóxica, regulada a través do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 834/2007 do Consello.
2º. Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e especialidades tradicionais garantidas (ETG) do ámbito agroalimentario reguladas polo Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produtos agrícolas, así como especialidades tradicionais garantidas e termos de calidade facultativos para produtos agrícolas, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1308/2013, (UE) 2019/787 e (UE) 2019/1753, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 1151/2012.
3º. A produción artesanal de alimentos regulada a través do Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2, ou que participasen por primeira vez nos cinco últimos anos. En todo caso, a data de alta debe ser anterior á data final do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.
2. No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do simple autoconsumo.
3. Quedan excluídas destas axudas as entidades que teñan a consideración de empresas en crise, segundo os criterios establecidos no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, así como as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Artigo 4. Gastos subvencionables e contía das axudas
1. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento dos requisitos do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.
No caso das persoas beneficiarias por comezaren a actividade nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.
2. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación. Poderase cobrar un máximo de cinco anualidades e sempre dentro dos sete anos posteriores á incorporación ao réxime de calidade.
3. Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.
Artigo 5. Réxime de concesión e criterios de selección das axudas
1. A concesión das axudas para fomentar a participación dos/das agricultores/as en réximes de calidade realízase en réxime de concorrencia competitiva.
2. Os criterios de selección das solicitudes e a puntuación que se lles outorga son os seguintes:
a) Tipoloxía do réxime de calidade (ata 30 puntos).
De acordo con este criterio, outorgaranse as seguintes puntuacións:
1º. Agricultores/as que se incorporen por vez primeira ao réxime da agricultura ecolóxica ou que incorporen por primeira vez novas orientacións produtivas nese réxime de calidade: 30 puntos.
2º. Agricultores/as que se incorporen por primeira vez a algunha DOP ou IXP do sector agroalimentario: 20 puntos.
3º. Agricultores/as que se incorporen a calquera dos restantes réximes de calidade obxecto de axudas: 10 puntos.
b) Grao de coñecemento do réxime de calidade con base na súa antigüidade (5 puntos):
Segundo este criterio, concederanse cinco puntos no caso de nova participación de agricultores/as en réximes de calidade con menos de 15 anos de antigüidade. Non se outorgará ningún punto en caso contrario.
Para o cálculo da antigüidade do programa terase en conta a data de constitución do correspondente consello regulador nos programas de calidade para os cales exista. Para os programas para os cales non exista un consello regulador tomarase a data de inscrición do programa nos diferentes rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e especialidades tradicionais garantidas e, no caso da artesanía alimentaria, o da aprobación das normas técnicas correspondentes.
c) Participación en máis dun réxime de calidade (5 puntos):
De acordo con este criterio, outorgaranse cinco puntos aos/ás agricultores/as inscritos/as en máis dun réxime de calidade subvencionable e ningún punto aos que non cumpran a condición.
d) Situación en zona de montaña (5 puntos):
Segundo este criterio, obterán cinco puntos os/as agricultores/as cuxa explotación se atope en zona de montaña definida segundo o establecido na normativa europea de aplicación. Os que non cumpran este requisito non obterán ningún punto.
e) Titular muller (5 puntos):
En aplicación deste criterio, obterán cinco puntos as persoas físicas que teñan a condición de muller e ningún punto os restantes solicitantes.
f) Titular agricultor/a mozo/a (5 puntos):
Conforme este criterio, obterán cinco puntos as persoas físicas que non teñan máis de corenta anos no momento en que se incorporan ao réxime de calidade. Os solicitantes que non cumpran esta condición non obterán ningún punto de acordo con este criterio.
3. Para a preparación da proposta de resolución, as solicitudes ordenaranse de maior a menor puntuación, e quedarán excluídas as que non acaden a puntuación mínima de 20 puntos. A puntuación máxima que se pode acadar é de 50 puntos, xa que os expedientes que levan 30 puntos polo primeiro criterio (tipoloxía do réxime) non levan ningún punto conforme o segundo criterio (grao de coñecemento do réxime de calidade con base na súa antigüidade). En caso de igualdade na puntuación, seleccionaranse os expedientes que obteñan maior puntuación no criterio de valoración «Grao de coñecemento do réxime de calidade con base na súa antigüidade». De persistir o empate, seleccionaranse os expedientes que teñan a puntuación máis alta en cada un dos restantes criterios segundo a seguinte orde:
a) Participación en máis dun réxime de calidade.
b) Situación en zona de montaña.
c) Titular muller.
d) Titular agricultor/a mozo/a.
Se aínda así persiste o empate, seleccionaranse os expedientes correspondentes ás persoas solicitantes de menor idade.
Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse anualmente en formulario dirixido á Axencia conforme o anexo I desta orde, acompañado da documentación complementaria que se indica no artigo 7.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de solicitantes persoas xurídicas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.
b) Certificación do consello regulador correspondente, no caso de que a Axencia delegase nel a xestión do réxime de calidade, que acredite a data de incorporación ao dito réxime. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo II.
c) No caso de agricultores/as que solicitan a axuda por iniciar a actividade nunha nova orientación produtiva en agricultura ecolóxica, certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que acredite que se inicia a actividade nesta nova orientación produtiva e que esta ten dimensión suficiente para ter a consideración de actividade comercial. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo IV. No anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, a dimensión mínima para ter a consideración de actividade comercial.
d) No caso de solicitantes que participan nalgún outro réxime de calidade, certificación do consello regulador correspondente que acredite a súa inscrición, no caso de que a Axencia delegase nel a xestión do réxime de calidade. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo V.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Notificacións
1. As notificacións de actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Facenda autonómica e outros requisitos para ter a condición de beneficiario/a
Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos que se establecen para eles no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública).
De acordo co establecido na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e co previsto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá ser realizada mediante unha declaración responsable do solicitante no caso de que as axudas que se concedan non superen por beneficiario ou beneficiaria e axuda o importe de 1.500 euros.
Artigo 12. Instrución e resolución
1. Correspóndelle a Área de Calidade Alimentaria da Axencia a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta resolución, a Axencia requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo dunha resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha Comisión de Valoración constituída do seguinte xeito:
Presidencia: a persoa que ocupe a xefatura da Área de Calidade Alimentaria.
Vogais: dúas persoas do persoal funcionario do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria.
Secretario/a: unha persoa do cadro de funcionarios do dito departamento, que actuará con voz e voto.
3. A Comisión de Valoración, aplicando os criterios establecidos no artigo 5 desta resolución, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación efectuada. De acordo co dito informe, a Área de Calidade Alimentaria da Axencia elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente para resolver. A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.
4. A persoa titular da dirección da Axencia resolverá as solicitudes no prazo máximo de 5 meses contados desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
5. A resolución de concesión da axuda establecerá o prazo máximo de xustificación dos investimentos, que será improrrogable e polo menos posterior en dez días á finalización do período subvencionable e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de decembro.
6. De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión publicaranse no Diario Oficial de Galicia.
Nesta resolución informarase de que o gasto se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader incluído dentro da intervención 7131 «Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios», no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e que contribúe ao cumprimento do obxectivo específico OE3: mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor. Especificarase tamén a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a finalidade da subvención outorgada, a cantidade concedida e o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos soportados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado. Así mesmo, de ser o caso, indicaranse as causas da desestimación e, en todo caso, expresaranse os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e prazo para interpoñelos.
Artigo 13. Tramitación do pagamento das axudas
1. Realizados os gastos, presentarase ante a Axencia a seguinte documentación:
– Solicitude de pagamento, conforme o formulario do anexo VI.
– Xustificantes dos gastos efectuados: facturas ou documento de valor probatorio equivalente, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento.
2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co establecido no número 3 do citado artigo, poderase aceptar a xustificación de pagamentos mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.
3. O órgano encargado da tramitación poderá ter en conta a solicitude de pagamento e os xustificantes dos gastos efectuados, se estes xa foron achegados polo beneficiario no momento da solicitude.
Artigo 14. Seguimento e control
1. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Axencia. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de conformidade co artigo 14, letra m), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.
2. A Axencia realizará as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o axeitado seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Axencia, as persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e do Consello de Contas, e as que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.
3. As persoas beneficiarias destas axudas quedan obrigadas a proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 131 do Regulamento (UE) 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.
4. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta resolución o referido a controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia, e o Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
5. Conforme o disposto no artigo 123.2.b).i) do Regulamento (UE) 2021/2115, do 2 de decembro de 2021, a persoa beneficiaria da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.
Artigo 15. Modificación da resolución, incumprimento e reintegro
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre e cando non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada, non se produzan danos en dereitos de terceiros e, en todo caso, non se incumpran as condicións recollidas polo artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A dita solicitude de modificación deberá ser presentada antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e será resolta pola persoa titular da Dirección da Axencia.
2. Se a persoa beneficiaria da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, aboarase a totalidade da subvención concedida. No caso contrario, existirá un incumprimento e aplicaranse os seguintes criterios:
a) Cando a persoa beneficiaria non realice e xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.
b) Cando a persoa beneficiaria realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas, de conformidade co artigo 9 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, e a normativa de desenvolvemento correspondente, en concreto, o Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións tidas en conta no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
3. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.
4. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, en materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, así como o Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións tidas en conta no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
Artigo 16. Compatibilidade
1. Estas axudas son compatibles ata o 100 % dos gastos subvencionables con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, sen superar os 3.000 € anuais por explotación.
2. A persoa beneficiaria ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano que concede a axuda calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.
3. A obtención de subvencións vulnerando este réxime de compatibilidade dará lugar á modificación da resolución de outorgamento da subvención, logo da necesaria audiencia da persoa interesada. Ademais, pode ser causa de reintegro das cantidades indebidamente percibidas, xunto aos xuros correspondentes, así como dar lugar á apertura dun procedemento sancionador, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 17. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader
As axudas que recolle esta resolución están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 60 %, así como con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia, cunha participación do 12 % e do 28 %, respectivamente. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.
Os beneficiarios darán a coñecer a axuda do PEPAC a través do sitio web oficial do beneficiario, cando este sitio web exista, e nas súas contas oficiais nas redes sociais farán unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel da axuda, indicarán os seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da Unión.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 19. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 20. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada perante o presidente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.
CAPÍTULO II
Convocatoria das axudas para o ano 2025
Artigo 21. Convocatoria das axudas
Convócanse para o exercicio orzamentario 2025 as axudas reguladas no capítulo I desta resolución. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.
Artigo 22. Prazo de presentación
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de maio de 2025.
Artigo 23. Gastos atendibles na convocatoria de 2025
Para a convocatoria de 2025 serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio de 2024 ata o 30 de abril de 2025.
Artigo 24. Financiamento das axudas
1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Axencia para o ano 2025, na aplicación orzamentaria 15.A2.713D.770.1, código de proxecto 2025.00003, cunha dotación de douscentos corenta mil (240.000 €). Esta partida serve para financiar a intervención 7131, Cooperación para promover a participación en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. A intensidade máxima da axuda é do 100 % e está cofinanciada nun 60 % polo Feader.
2. Os importes establecidos nesta resolución poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional única. Réxime xurídico
En todas aquelas cuestións non previstas nesta resolución haberá que aterse ao disposto nas seguintes normas:
– Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.
– Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013.
– Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
– Regulamento delegado (UE) 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.
– Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.
– Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.
– Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e as súas modificacións, que deron lugar á versión vixente do PEPAC, aprobada pola Decisión de execución da Comisión C (2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024.
– Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.
– Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
– Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións tidas en conta no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta resolución
A Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria ditará as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
