En sesión que tivo lugar o 14 de abril de 2025, a comisión designada para xulgar o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes aos grupos IV e V do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, convocado pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro), acordou, de conformidade co disposto na base II.3.6 da convocatoria, que a proba tipo test da oposición para a categoría 4 do grupo IV (auxiliar fogar...) e para a categoría 99 do grupo III (coidador/a a extinguir) terá lugar o día 24 de maio de 2025, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en chamamento único que se iniciará ás 10.00 horas, nas aulas 2, 6, 8, 9, 10 e 11.
As listaxes coa distribución de persoas aspirantes por aula estarán dispoñibles no portal web corporativo www.xunta.gal/funcion-publica/funcionarizacion
As persoas aspirantes deberán ir provistas do DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo da comisión, lapis do número 2 e goma de borrar.
Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
Para o desenvolvemento desta proba poderán servirse de textos legais sen comentarios. En relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples.
Considérase que se axusta ao anteriormente exposto levar os textos legais acoutados; non é necesario levar completos os textos legais sobre os cales se formulou a batería de preguntas, sempre que eses textos non leven comentarios nin ningunha outra alteración ou modificación. Os textos legais poden estar subliñados sempre que non leven ningún tipo de anotación.
Está permitido que os textos legais leven unha marca de auga ou un logo indicativo da entidade que os elaborou, sempre e cando cumpran as restantes condicións anteriormente indicadas.
Durante a realización da proba non está permitido o uso da batería de preguntas publicada na páxina web.
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025
Rubén Plaza Martínez
Presidente da comisión
