Expediente: IN407A 2025/053-1.
Promotora: Inmogalicia Real Estate, S.L.
Denominación do proxecto: ampliación de potencia de LMTS, CT lugar de Ventosa.
Concello: Ames.
Feitos:
1. O día 26.3.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de ampliar a potencia da subministración eléctrica da Urbanización Ventosa, no lugar de Ventosa, concello de Ames, proxéctase o paso da electrificación prevista das vivendas de básico a elevado, facendo unha ampliación de potencia do centro de transformación CT Urbanización Ventosa II, pasando de 250 kVA de potencia a 400 kVA e substituíndo o CT Urbanización Ventosa I de 400 kVA por outro de maior eficiencia.
A localización das instalacións proxectadas non varía respecto das instalacións existentes; aprovéitanse as localizacións dos centros de transformación existentes na urbanización (CT Urbanización Ventosa I e CT Urbanización Ventosa II) e a propia liña de media tensión soterrada que conecta os centros de transformación co punto de entroncamento coa liña de distribución de media tensión de UFD, LMT SNT813, procedente da subestación Santiago.
As instalacións eléctricas que son obxecto de modificación neste expediente foron autorizadas no expediente IN407A 2010/354 (DOG do 22 de setembro de 2011), sen chegar a estar en explotación.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentaron o proxecto de execución denominado Ampliación de potencia de LMTS, CT lugar de Ventosa, asinado o día 10.4.2025 por Eva Pérez Boullón, enxeñeira técnica industrial eléctrica, núm. colexiada 2.790 de Santiago.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Non se solicitou o informe preceptivo a ningunha Administración, organismo nin empresa de servizo público ou de interese xeral, por non existiren afeccións.
4. O día 11.4.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Ventosa, concello de Ames, e as súas características técnicas son as seguintes:
• Substitución do CT Urbanización Ventosa I (IN407A 2010/354) compacto prefabricado de manobra exterior, cunha potencia de 400 kVA, por outro de 400 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L+1P.
• Substitución do CT Urbanización Ventosa II (IN407A 2010/354) compacto prefabricado de manobra exterior, cunha potencia de 250 kVA, por outro de 400 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L+1P.
• Ambos os CT conectaranse coa LMTS, de 1.650 m, autorizada no expediente IN407A 354/2010 (DOG do 22 de setembro de 2011) que entronca coa LMT SNT813, procedente da subestación Santiago, no punto de conexión situado no apoio númº 17 do tramo aéreo da dita liña, comprendido entre o CT Ventosa (IN407A 95/166-1) e a derivada a CT Reborido (expediente 27.877), facendo E/S nos CT proxectados.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 14 de abril de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
