A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, da nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice a correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.
Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia require a autorización expresa da consellería de adscrición, no presente caso, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.
Conforme o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, queda adscrita a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia foi constituída como unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cun patrimonio afecto de maneira duradeira á realización dos fins de interese xeral propios da institución.
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia forma parte do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia; na actualidade está adscrita á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e foi declarada como fundación de interese galego.
Segundo o artigo 6 dos estatutos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia constitúe o seu obxecto social a creación, explotación e promoción de áreas ou centros de conservación, produción, exhibición e consumo cultural, comunicativo e tecnolóxico, que constitúa un espazo multifuncional, multidisciplinar e aglutinador, propicio á interacción cultural.
Para a consecución dos fins mencionados no punto anterior, e consonte o previsto no artigo 7 dos seus estatutos, a fundación pode realizar, entre outras, as seguintes actividades:
g) As que impulsen o emprendemento empresarial no ámbito das industrias culturais e creativas, con especial énfase en proxectos que favorezan a innovación, tanto tecnolóxica como non tecnolóxica, e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido produtivo, servindo como plataforma de desenvolvemento e promoción da marca de país Galicia.
Así pois, en virtude do mandamento estatutario, a Fundación leva a cabo todo tipo de accións de fomento e promoción do emprendemento cultural en toda a súa extensión e en todas as súas disciplinas, incluída a promoción económica e o impulso do emprendemento empresarial e tecnolóxico.
Dentro do II Plan estratéxico da Cidade da Cultura de Galicia recóllese a acción 1.4.4. Amplificación das residencias artísticas do Gaiás e outros, que xurdiu ante a necesidade de manter unha liña de programación e contidos primordial nos vindeiros exercicios, para atender as necesidades do tecido artístico galego nas disciplinas máis diversas, poñendo énfase no proceso de creación in situ de principio a fin: idea, concepto, residencia, produción e exhibición. Dentro dos obxectivos desta acción atópanse:
• Consolidar o programa Rega con plans de acción estendidos.
• Deseñar novos formatos de residencias, atendendo a unha aproximación completa de todas as fases do proceso creativo.
• Afondar no percorrido de programas como EAN, para que teñan unha continuidade en forma de residencias máis aló das propias xornadas de celebración deste.
• Facer partícipes das residencias non só os artistas senón tamén os programadores, xestores e demais axentes do sector cultural.
O Gaiás está intimamente ligado ao fomento do emprendemento en toda a súa extensión, programando actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras, con especial énfase en proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego, actuando como elementos vehiculares na transmisión da identidade cultural, aspecto este esencial na difusión e promoción da diversidade cultural e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido.
Neste contexto nace Rega-Residencias artísticas do Gaiás, polo que a Cidade da Cultura de Galicia pon á disposición espazos, recursos e equipamentos técnicos ao servizo de creadores e creadoras de dentro e fóra da nosa Comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais vencellados coa música, coa escena, coa danza, coas artes visuais, dixitais, performativas e audiovisuais e coa literatura, grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais para consolidar o Gaiás como viveiro cultural creativo.
Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo único. Autorización e aprobación
Autorizo a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para conceder axudas e aprobo as bases reguladoras relativas ás axudas Rega para o ano 2025 que figuran no anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas Rega para o ano 2025.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Bases reguladoras relativas ás axudas Rega para o ano 2025 (código de procedemento CT898A)
1. Liñas xerais.
1.1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
1. O obxecto da presente convocatoria é ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño e artes dixitais valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas. A escolma será realizada en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
2. Esta iniciativa pretende o apoio á creación contemporánea de persoas que desenvolvan residencias de traballo entre tres semanas e mes e medio máximo, nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
3. Poderanse presentar persoas físicas artistas segundo o indicado no punto 2 destas bases.
4. As residencias celebraranse entre os meses de setembro e novembro de 2025.
5. Os artistas presentarán na Cidade da Cultura de Galicia o resultado da súa actividade ou tema de investigación ou produción durante a súa residencia ou ata o prazo de xustificación sinalado no artigo 14. O resultado pode ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta e deberá incluír unha referencia á colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia con inclusión do logotipo desta entidade. Os proxectos poderán formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura de Galicia, se así se considera, e sempre que o resultado poida ser obxecto de encaixe no Programa de acción cultural da fundación.
6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nestas bases de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e na demais normativa de xeral aplicación.
7. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola entidade outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
1.2. Persoas beneficiarias.
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpra cos seguinte requisitos;
1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.
2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.
2. Forma e lugar de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. En relación coa presentación das solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta convocatoria de subvencións encádranse nun colectivo especialmente cualificado en canto á súa capacidade técnica e dedicación profesional que acredita a posibilidade e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos e, polo tanto, teñen a obriga de empregalos para a realización de calquera trámite deste procedemento administrativo, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
3. Prazo.
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Axuda para o desenvolvemento da residencia artística.
1. Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto. Se o conxunto dos gastos que ocasionase a residencia fose maior, a axuda non será superior á cantidade indicada. O importe da axuda estará suxeito ás retencións que sexan de aplicación, e ás persoas beneficiarias non terán ningún outro dereito de carácter económico.
2. Ademais das axuda recollidas no parágrafo anterior, a Fundación porá á disposición das persoas beneficiarias en calquera dos seis proxectos, do seguinte:
– O espazo de traballo para poder ser utilizado un mínimo de tres semanas e un máximo de seis semanas, en condicións axeitadas para o seu uso, con conexión wifi, seguridade, limpeza e climatización.
– Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto, segundo a dispoñibilidade e horario pactados de común acordo coas persoas beneficiarias dos proxectos seleccionados.
– A persoa mentora que acompañará cada proxecto.
As persoas beneficiarias das axudas comprométense a coidar e conservar o espazo onde se desenvolva a residencia.
3. Para ter dereito ao aboamento do importe da axuda é necesario que as persoas beneficiarias cumpran coas obrigas e cos requisitos establecidos nas presentes bases.
4. O pagamento desta cantidade será aboado en dous prazos; o 75 % ao inicio do período de residencia e o 25 % restante, coa presentación dunha memoria final onde se establezan os logros, melloras e oportunidades conseguidos respecto do proxecto orixinal. Estes pagamentos anticipados realizaranse, de acordo co disposto no artigo 63. Un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Deberá, ademais, realizar unha presentación do resultado en data anterior ao 25 de novembro de 2025, fixada en consenso coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia. O último pagamento efectuarase sempre que a persoa beneficiaria empregase o espazo habilitado para a realización da residencia correspondente. En calquera caso, o pagamento da axuda está vinculado ao informe favorable da persoa acompañante ou mentora, documento imprescindible para o pagamento da axuda.
5. O aboamento do 75 % ao inicio do período de residencia realizarase mediante anticipo á conta, con carácter previo á xustificación. Para o aboamento non se lle requirirá á persoa beneficiaria constitución de garantía, por aplicación do previsto no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. As persoas beneficiarias adquiren o compromiso de recoñecer a colaboración da Fundación da Cidade da Cultura de Galicia respecto do resultado final da residencia, incluíndo o logotipo da entidade e sinalando a colaboración da fundación en futuros elementos vinculados ao proxecto.
7. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. No caso de que as persoas beneficiarias se opoñan a esta consulta, ou non presten o consentimento expreso, deberán achegar as certificacións acreditativas de que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigas e ordenar o pagamento de conformidade co disposto no artigo 8.
8. Os pagamentos realizaranse por transferencia bancaria á conta declarada pola persoa seleccionada no formulario normalizado (anexo II).
5. Financiamento e concorrencia.
1. A dotación económica global é de corenta e oito mil euros (48.000 €) e será sufragada con cargo á conta contable 6501 da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para o ano 2025, destinada a financiar gasto corrente.
2. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos seus organismos dependentes para o mesmo proxecto na súa totalidade ou fases do seu desenvolvemento.
Con todo, estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.
6. Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación;
1.1. Memoria do proxecto que se vai presentar na cal deberá constar detalladamente:
A) Categoría a que se atopa vencellado o proxecto (artes visuais, escénicas, musicais, deseño ou artes dixitais).
B) Nome do proxecto e identificación da persoa física que solicita a axuda.
C) Concepto/idea artística, incluídos os obxectivos que se pretenden acadar.
D) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluído o orzamento previsto a modo de valoración.
E) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística do/das participante/s.
Este documento sirve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.
A non presentación da memoria dentro do prazo concedido para solicitar a axuda será motivo de inadmisión da proposta; debido a que se establece un réxime de concorrencia competitiva para a concesión destas axudas e atendendo ao principio de igualdade, a non presentación do proxecto e/ou memoria indicada neste punto, xunto coa solicitude, no prazo establecido no artigo 3 destas bases, constituirá un defecto non emendable e comportará a inadmisión a trámite da solicitude.
A extensión máxima do proxecto será de 30 páxinas en formato PDF, serán excluídos os proxectos que excedan este límite de páxinas.
1.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de modo presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
3. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
8. Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Atriga.
e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. No caso de que a consulta de datos reporte unha certificación negativa respecto da obriga de estar ao día coa Seguridade Social, Axencia Estatal de Administración Tributaria e Atriga, requirirase a persoa interesada para que presente unha certificación positiva que acredite o seu cumprimento.
Estas certificacións serán expedidas polo órgano competente no prazo máximo previsto para estes efectos na súa propia normativa, que en ningún caso poderá ser superior a 20 días e, por instancia do solicitante, poderán quedar na sede do devandito órgano á súa disposición ou enviarse ao lugar sinalado para o efecto na solicitude ou, na súa falta, ao domicilio de que teña constancia o devandito órgano por razón das súas competencias.
Se o certificado non fose expedido no prazo sinalado, ou se devandito prazo se prolongase máis aló do establecido para solicitar a subvención, deberase xuntar á solicitude da subvención a acreditación de solicitar o certificado, debendo entregalo posteriormente, unha vez sexa expedido polo órgano correspondente.
9. Transparencia e bo goberno.
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
10. Instrución do procedemento e competencia para a avaliación de solicitudes.
1. A Área de Contratación do Departamento Económico Financeiro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:
1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.
1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.
1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.
2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ou aos profesionais ou expertos consultados.
En todo caso, o instrutor poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.
Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, o órgano instrutor e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.
Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.
11. Tribunal de Valoración.
Constituirase un tribunal único para a avaliación dos proxectos presentados que se reunirá as veces que considere oportuno para exercer o seu cometido.
O Tribunal de Valoración axustarase aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e estará composto polos seguintes membros:
– Presidencia: a persoa titular da Dirección de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
– Secretaría: exerceraa unha persoa de entre o persoal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia designada pola Xerencia da fundación.
– Seis vogalías, designadas pola directora xerente entre persoas de recoñecida competencia do sector cultural.
En casos de vacante, ausencia, enfermidade, ou outra causa legal, a persoa que ocupe a Presidencia será substituída polo membro do órgano colexiado de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde.
O Tribunal de Valoración poderá requirir as persoas solicitantes das axudas información ou documentación adicional aclaratoria, que, non estando en poder da fundación, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.
O Tribunal de Valoración realizará a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios establecidos a seguir, a cal se realizará proporcionalmente ás puntuacións obtidas.
Logo de que o Tribunal de Valoración realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de valoración, da que quedará constancia en acta motivada, elaborará un informe de valoración que trasladará ao órgano instrutor. A Área de Contratación do Departamento Económico Financeiro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia elevará ese informe de valoración xunto coa proposta de avaliación ao órgano encargado de resolver o procedemento, de conformidade co previsto no artigo 21.4 da Lei de subvencións de Galicia.
Para o nomeamento do xurado respectarase a presenza equilibrada de mulleres e homes, en cumprimento do disposto no capítulo I, artigo 5.2.d) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
As persoas que integren o xurado estarán sometidas ao deber de abstención nos casos sinalados no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
A composición dos tribunais publicarase na páxina web da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, con anterioridade á súa reunión, co fin de que poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
As persoas que integran o xurado deberán asinar a correspondente declaración de ausencia de conflito de intereses.
Para os efectos da validez da constitución dos tribunais aplicarase o disposto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e será necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente.
O tribunal valorará as solicitudes e formulará a súa proposta de concesión, que será motivada e atenderá aos seguintes criterios e a unha puntuación máxima de 100 puntos:
A) Avaliación do concepto/idea artística. 45 puntos.
Valorarase a súa calidade, os obxectivos que se van acadar, a orixinalidade e argumentación dos contidos presentados.
B) Viabilidade da súa materialización. 30 puntos.
Valorarase o resultado práctico naqueles proxectos presentados que teñan no seu obxectivo un resultado concreto, atendendo aos criterios de produción e viabilidade práctica destes. No caso de proxectos de investigación, atendendo á contribución no eido do encadre do proxecto e na traxectoria do artista ou colectivo. En ambos os casos valorarase a desagregación do orzamento previsto e a súa pertinencia para que se desenvolva na Cidade da Cultura de Galicia.
C) Avaliación da oportunidade artística para a traxectoria do artista ou colectivo presentado. 25 puntos.
O tribunal motivará e obxectivará, no momento da valoración e deixando constancia na oportuna acta, a valoración da puntuación obtida por cada solicitude.
O tribunal fará unha primeira valoración de todos os proxectos admitidos. Aqueles proxectos que non acaden a metade dos puntos, isto é 50 puntos, serán excluídos dunha segunda valoración a partir da cal sairán os seleccionados.
O tribunal poderán declarar desertas as axudas cando a calidade das proposta presentadas non acade os criterios mínimos para a súa concesión.
12. Resolución da convocatoria.
1. A instrutora no procedemento elevará a proposta do tribunal á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Unha vez recibida a proposta, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, en vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe instrutor por parte do tribunal de valoración, ditará resolución no prazo máximo de quince días desde a recepción do informe.
2. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.
3. A resolución da convocatoria será dada a coñecer mediante a publicación no DOG e na páxina web www.cidadedacultura.gal, e producirá os efectos de notificación ás persoas interesadas, polo que a presentación leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes e da súa publicación.
As persoas propostas para o premio deberán manifestar a súa aceptación expresa á Fundación Cidade da Cultura de Galicia no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
Contra a resolución definitiva poderán ser interpostos, con carácter potestativo, os seguintes recursos:
– Recurso de reposición, ante o titular do ente a que está adscrita a Fundación ou ao que corresponda a súa tutela, isto é, ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes.
– Recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdición contencioso- administrativa, no prazo de dous meses.
Ambos os dous prazos contaranse desde o día seguinte ao da notificación da resolución. A presentación dos recursos sinalados non poderá facerse con carácter simultáneo.
4. Modificación da resolución de concesión.
1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deben obter a autorización previa da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para realizar cambios no proxecto.
2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.
3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:
a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.
b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin dane dereitos de terceiros.
c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevindas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da persoa beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.
5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola Dirección Xerencia da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificarase á persoa interesada.
6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución do importe da subvención concedido para cada anualidade.
13. Notificacións.
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
14. Xustificación da subvención.
1. O prazo de xustificación da axuda rematará o 25 de novembro de 2025, este incluído. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante á Fundación, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de cinco días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.
A persoa beneficiaria deberá presentar dentro do prazo de xustificación unha memoria final onde se establezan as actividades realizadas, os resultados obtidos, logros, melloras e oportunidades. O pagamento da axuda efectuarase sempre que a persoa beneficiaria empregase o espazo habilitado para a realización da residencia correspondente e sempre que a persoa acompañante ou mentora informe de xeito favorable.
15. Realización do proxecto e obrigas da persoas seleccionadas.
1. Coa finalidade de acreditar a realización do proxecto, as persoas seleccionadas terán que cumprir todas as normas establecidas nos puntos anteriores e ademais:
– A persoa beneficiaria realizará, ao finalizar a súa residencia, unha presentación pública en que exporá o traballo realizado. As datas deberán ser consensuadas coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia e sempre antes do 25 de novembro de 2025.
– Manter unha relación de comunicación fluída e constante respecto do proxecto presentado coa persoa que se asigne como titora ao longo do proceso de desenvolvemento.
– Terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Cooperar coa fundación nas actuacións de comprobación que sexan necesarias para verificar o cumprimento das condicións determinantes da concesión.
– Comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento do cumprimento e efectividade das condicións determinantes da concesión.
– Comunicar a renuncia ao proxecto no caso de que se produza unha causa determinante desta renuncia.
2. O incumprimento das condicións recollidas nas presentes bases, así como a renuncia, terá como efecto a obrigatoriedade, de ser o caso, de devolución da cantidade percibida, á cal se lle engadirán os correspondentes xuros de mora.
3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da axuda percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
