Mediante a Resolución do 3 de marzo de 2025, da Secretaría Xeral da Lingua, convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2025 (código de procedemento PL500C) (DOG núm. 46, do 7 de marzo). Segundo se recolle no seu punto terceiro, as probas terán lugar en maio de 2025, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. Así mesmo, tamén se sinala que as datas concretas das probas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal).
De acordo con isto,
RESOLVO:
Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 3 de marzo de 2025:
– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:
10 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P e Q.
11 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: R, S, T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D e E.
– Celga 4, en Madrid:
10 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q e R.
11 de maio de 2025, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: S, T, U, V, W, X, Y, Z, A, B, C, D e E.
– Celga 3, en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid:
24 de maio de 2025, para todas as persoas admitidas.
– Celga 2, en Santiago de Compostela, en Ponferrada e en Madrid:
25 de maio de 2025, para todas as persoas admitidas.
– Celga 1, en Santiago de Compostela:
31 de maio de 2025, para todas as persoas admitidas.
Os centros de realización das probas serán:
– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas Fraguas (rúa Londres, 10) –para o Celga 4, Celga 3 e Celga 2– e a Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid, 2) –para o Celga 1–.
– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade (vía Río Burbia, s/n).
– En Madrid: a Casa de Galicia en Madrid (rúa de Casado del Alisal, 8).
As probas comezarán ás 9.00 horas, de modo que as persoas admitidas deberán presentarse, no centro que lles corresponda, con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicarase, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral da Lingua comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula que se lles asigne.
Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta se realizará o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar a dita proba oral publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral da Lingua, unha vez que remate a proba escrita.
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025
Valentín García Gómez
Secretario xeral da Lingua
