DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 2025 Páx. 23377

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2025 pola que se convoca un curso para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix) no seu nivel de iniciación, na modalidade de teleformación titorizada.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na súa calidade de ente público instrumental do sector público, ten entre as súas funcións promover un contexto dixital en que a cidadanía poida acadar, actualizar e mellorar as súas competencias dixitais, en consonancia cos cambios e usos tecnolóxicos que se integran na sociedade.

Para tal fin, e tendo como referencia o Marco europeo de competencias dixitais na súa versión DigComp 2.2, o Decreto 123/2021, do 2 de setembro, regulou o Marco galego de competencias dixitais de Galicia e a certificación galega en competencias dixitais, de conformidade co disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, coa finalidade de acadar unha cidadanía dixitalmente responsable nun contorno en que, cada vez máis, se require o uso da tecnoloxía case a diario.

O 11 de setembro de 2023 aprobouse unha primeira versión do documento de bases no cal se identifica a realización de cursos con aproveitamento activo e avaliación continua como unha das vías para obter o certificado galego en competencias dixitais (ComDix). Actualmente, na súa segunda versión, aprobada o 20 de xuño de 2024, mantense esta vía de obtención.

De acordo co previsto no dito documento de bases e no artigo 13 do Decreto 123/2021, no cal se habilita e se autoriza a Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (rede Cemit) para a formación e avaliación cara á obtención da certificación galega en competencias dixitais, anúnciase a convocatoria dun curso de preparación para a obtención da dita certificación, no seu nivel de iniciación, que se desenvolverá de acordo coas seguintes

Bases

Primeira. Obxecto

Obter a certificación galega de competencias dixitais, regulada polo Decreto 123/2021, de 2 de setembro (DOG número 181, do 20 de setembro), no seu nivel Iniciación, tras a adquisición, mediante a superación dun curso na modalidade de teleformación titorizada e avaliación continua, dos coñecementos, destrezas e actitudes necesarios no ámbito dixital e a súa posterior avaliación.

Segunda. Destinatarios e requisitos técnicos

1. Poderán participar nesta acción formativa as persoas maiores de 16 anos ou que os fagan antes do remate do prazo de inscrición.

2. Para o correcto seguimento desta actividade, as persoas solicitantes deberán dispor e ter acceso a:

a) Un ordenador con conexión á internet de banda larga.

b) Un navegador actualizado (recoméndase Google Chrome).

c) A unha conta de correo electrónico activa.

Terceira. Organización do curso

1. Número de prazas: 300.

2. Duración: 250 horas lectivas.

3. Modalidade: teleformación titorizada con aproveitamento activo e avaliación continua, a través da plataforma de teleformación da rede CeMIT.

4. Datas de realización: desde o 26 de maio ata 28 de decembro de 2025, como máximo.

Cuarta. Contido e seguimento das actividades

No curso desenvolverase o seguinte programa formativo, configurado por bloques temáticos, que se irán abrindo de forma secuencial e cun tempo máximo de realización para cada un deles.

Cada un dos bloques será accesible para os participantes de forma individualizada unha vez que superen o anterior, adaptados así ao seu propio ritmo de seguimento da actividade formativa:

Bloques temáticos

Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais.

ComDix iniciación I: coñece a contorna dixital.

ComDix iniciación II: ten a información dixital sempre á man; buscar, seleccionar e gardar.

ComDix iniciación III: tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar.

ComDix iniciación IV: participa na sociedade dixital; as vantaxes da administración electrónica.

ComDix iniciación V: crea contidos dixitais con ferramentas ofimáticas e multimedia.

ComDix iniciación VI: atopa o benestar dixital; tecnoloxía con «sentidiño».

2. Para poder superar cada un dos bloques temáticos e poder continuar co seguinte é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas e superadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no cuestionario final de cada bloque, que se realizará en liña.

– A superación do cuestionario final do bloque que para os efectos se estableza. O alumnado disporá de dous intentos e deberá responder de forma correcta un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

3. A superación de cada bloque temático dará dereito á obtención dun diploma de aproveitamento por cada un deles.

4. A realización total do itinerario formativo, é dicir, unha vez superados todos os bloques temáticos dentro do prazo establecido, dará dereito á expedición do certificado de competencias dixitais (ComDix-iniciación), que realizará de oficio a Amtega.

Quinta. Solicitudes de participación

1. As persoas que desexen participar no curso convocado nesta resolución deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da rede CeMIT https://cemit.xunta.gal

2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o cal é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

3. O prazo para a inscrición será de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexta. Criterios de selección

1. Se existisen máis solicitudes que o número de prazas, as prazas dispoñibles distribuiranse correlativamente entre as persoas en tempo e forma. A orde de asignación será o resultado dun sorteo público, que se realizará unha vez finalizado o prazo de inscrición.

2. Para elaborar a listaxe tomaranse a data e a hora de rexistro no sistema e asignaráselle o número un (1) á primeira persoa solicitante e así sucesivamente ata a última rexistrada.

3. Realizarase un sorteo a través dunha aplicación informática que seleccionará aleatoriamente un único número de entre os que integran a lista de solicitantes do punto anterior. Este número corresponderá ao día, hora e minuto concretos en que se realizou a preinscrición.

4. As prazas adxudicaranse a partir da solicitude correspondente co número determinado no parágrafo anterior da lista previamente ordenada e continuarase, ata esgotar as prazas vacantes, para aquelas solicitudes ás cales correspondan os seguintes números segundo a orde ascendente da serie numérica.

5. Para os efectos do número anterior, no caso de finalizar a lista sen cubrir o número total de prazas dispoñibles, continuarase desde o seu comezo.

6. Os resultados do sorteo publicaranse na web da rede CeMIT para a súa consulta pública (https://cemit.xunta.gal).

Sétima. Publicación da listaxe de persoas admitidas e reservas

1. Unha vez que finalice o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base sexta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como un número adecuado de reservas.

2. No caso de non rexeitala expresamente, entenderase que a persoa seleccionada acepta participar na actividade formativa para a cal foi admitida provisionalmente.

3. Así mesmo, as persoas interesadas terán un prazo de dez (10) días, contados desde a devandita publicación, para presentar alegacións, de conformidade co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tras vencer estes prazos de presentación de alegacións, a rede CeMIT publicará na súa web https://cemit.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas nesta actividade formativa, que incluirá a relación de persoas en reserva que finalmente obtiveron praza tras a renuncia daquelas seleccionadas provisionalmente. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun (1) mes, contado desde a devandita publicación, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Oitava. Renuncia á realización do curso de teleformación

1. As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia débelle ser comunicada por escrito á rede CeMIT. Na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal) está dispoñible un modelo de renuncia.

2. Para formalizar a renuncia poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico formacion-cemit@xunta.gal

3. O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase a partir da publicación da listaxe de persoas admitidas e en reserva, e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

4. As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de inicio desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas xustificadas: hospitalización, nacemento ou adopción, falecemento dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou primeiro de afinidade, obrigas públicas ineludibles e outras de carácter igualmente excepcional.

5. As persoas admitidas deben acceder á plataforma e iniciar a actividade formativa na primeira semana desde o seu comezo. De non facelo perderán a súa praza, que será asignada a outra persoa da lista de reserva, e serán penalizadas segundo o estipulado no parágrafo anterior.

Novena. Exención do pagamento de taxas

Segundo o establecido no artigo 23.10 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 240, do 11 de decembro), referente ás exencións de taxa por servizos administrativos, a matriculación na presente convocatoria estará exenta do pagamento de taxas.

Décima. Facultades da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e xestión das actividades formativas e de certificación. Así mesmo, correspóndelle dispor o necesario para a execución e cumprimento da presente resolución.

2. Expedir a certificación galega de competencias dixitais a todas aquelas persoas que superen con éxito a actividade formativa, segundo o disposto no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula a dita certificación.

Décimo primeira. Notificacións

1. As persoas que superen a totalidade da actividade formativa serán notificadas preferentemente por medios electrónicos e poderán decidir e comunicar en calquera momento que as sucesivas notificacións se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema enviaralles ás persoas interesadas avisos da dispoñibilidade das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ao enderezo de correo electrónico incluído na solicitude para os efectos de notificación.

3. As notificacións realizadas por medios electrónicos consideraranse realizadas no momento de acceder ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa obrigatoria, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, considerarase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde que se puxo á disposición a notificación sen acceder ao seu contido.

4. Se por problemas técnicos non for posible o envío da notificación electrónica, a Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia realizarán a notificación polos medios previstos na normativa que regula o procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Información sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa calidade de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa desta convocatoria de programa formativo.

2. O tratamento de datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, de conformidade co disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais, nesta convocatoria e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. Os datos poderán ser comunicados a terceiros colaboradores para a titorización da acción formativa e a expedición do certificado de competencias dixitais, coa finalidade de informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento e xestionar a súa expedición e arquivo. Determinados datos tamén poderán ser comunicados a entidades que colaboren na supervisión e xestión de probas de coñecementos ou de avaliación, para que non se cometan irregularidades.

4. Para dar a publicidade requirida ao procedemento, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os datos identificativos das persoas interesadas publicaranse de conformidade co que se describe na presente resolución a través dos distintos medios de comunicación institucional de que dispón a Xunta de Galicia, tales como xornais oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderanlle solicitar ao responsable o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, persoalmente ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

6. Información adicional e contacto co delegado de protección de datos en: https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia