A continuación recóllese a información exixida no artigo 48.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 19 de marzo de 2025, do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña, pola que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Outes.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar autorización administrativa previa e de construción, e declarar a utilidade pública, en concreto, as instalacións da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Outes, localizadas nos concellos de Negreira, Outes e Noia (A Coruña) (expediente IN408A 2020/108).
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, a promotora constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras.
O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono das instalacións, de conformidade co disposto no IIA. Polo anteriormente exposto, este órgano substantivo fixa en 26.041,26 € a contía do aval, dos cales 11.160,54 € corresponderán á fase de obras e 14.880,72 € á fase de desmantelamento e abandono das instalacións deste expediente.
Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental conforme establece o referido Decreto 455/1996.
A solicitude de cancelación realizarase a través do órgano substantivo, e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que a promotora acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental e calquera outra documentación que se considere oportuna, de ser o caso, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. A promotora deberá comunicar cunha antelación mínima de dez (10) días a data prevista de inicio das obras a este departamento territorial, e achegar toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e no informe de impacto ambiental.
Así mesmo, con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o programa de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 4 do informe de impacto ambiental.
3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas no informe de impacto ambiental do 29.8.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial a seguinte documentación:
– Certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Declaración responsable, asinada polo director de obra, en que se certifique o cumprimento de todos os condicionados técnicos aceptados pola empresa durante a fase de tramitación administrativa.
– Documento xustificativo, asinado por técnico competente, de que no desenvolvemento do proxecto se aplicaron todas as medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental propostas na documentación presentada pola promotora na tramitación ambiental, así como todas as condicións que complementan, matizan ou subliñan as anteriores e foron recollidas no IIA.
– Así mesmo, deberá presentar plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
7. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Así mesmo, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que recollen o artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
10. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. Con data do 10.7.2020 Norvento, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Outes, situada nos concellos de Negreira, Outes e Noia (A Coruña), e achegou coa solicitude a documentación técnica correspondente.
2. Con data do 13.11.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático solicitou aclaracións sobre o procedemento de avaliación de impacto solicitada pola promotora e requiriu correccións na documentación ambiental recibida. A promotora deu contestación ás aclaracións solicitando o inicio do procedemento de avaliación ambiental simplificada, o cal foi comunicado ao órgano ambiental o 9.12.2020.
3. Con data do 21.12.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático comunicou que o proxecto debe ser obxecto dunha avaliación de impacto ambiental simplificada, así como o inicio do período de consultas previsto no artigo 46 na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
4. O 28.12.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en resposta á petición da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do 19.10.2020, emitiu informe en que inclúe a relación de organismos que se consultarán na tramitación do proxecto sectorial.
5. O 17.6.2021 o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Outes e as súas infraestruturas de evacuación, ao abeiro do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia. Con data do 29.7.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia deste proxecto de acordo co establecido no artigo 44.2 da antedita Lei 5/2017 e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
6. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Augas de Galicia, Concello de Noia, Concello de Outes e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Formalizada a tramitación ambiental, con data do 29.8.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou o informe de impacto ambiental (IIA) da liña de alta tensión a 66 kV de evacuación do parque eólico Outes, concluíndo que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria (DOG núm. 174, do 13 de setembro).
7. O 7.10.2022 e o 17.10.2022 Norvento, S.L.U. presentou a documentación actualizada correspondente ao proxecto da liña de alta tensión, en que se recollen os condicionantes e peticións contidos nos informes emitidos polos diferentes organismos durante o período de consultas.
8. O 30.12.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña (en diante, Xefatura Territorial), a documentación correspondente ao devandito proxecto para os efectos de continuar coa súa tramitación.
9. Mediante o Acordo do 9 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Outes, nos concellos de Negreira, Outes e Noia (A Coruña). O Acordo publicouse o 15.6.2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 113, así como no xornal La Voz de Galicia, nas súas edicións de Barbanza e Santiago. Expúxose, tamén, nos taboleiros de anuncios do Concello de Negreira, do Concello de Outes, do Concello de Noia e nas dependencias da Xefatura Territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.
10. De acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Negreira, Concello de Outes, Concello de Noia, Deputación Provincial da Coruña e UFD Distribución Electricidad, S.A. Con data do 5.6.2023 Augas de Galicia emitiu o correspondente condicionado técnico, no cal conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta o reflectido na separata técnica presentada e as consideracións para tal efecto referidas no propio informe. O 18.5.2023 e o 20.7.2023 UFD Distribución Electricidad, S.A. emitiu o correspondente condicionado técnico e informou de que, analizada a documentación trasladada por esta Administración, non mostra inconveniente á execución das obras a que refire este expediente, condicionada a dita execución ao cumprimento das prescricións técnicas e regulamentarias establecidas na lexislación aplicable ás instalacións da rede de distribución afectada, das cales é titular esta sociedade. Norvento, S.L.U. manifestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o proxecto declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito quinto, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será da metade do prazo indicado. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
11. Con data do 22.5.2023 a Sección de Minas da Xefatura Territorial emitiu informe en que indica que o trazado da liña eléctrica non está afectado por ningún dereito mineiro.
12. O 6.6.2023 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural emitiu informe, en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo proxecto, indicando que a infraestrutura discorre por montes privados de particulares e non afecta montes públicos nin montes veciñais en man común.
13. O 17.10.2023 a promotora, en resposta ao requirimento da Xefatura Territorial do 14.9.2023, presentou os documentos definitivos a que se refire o artigo 33.15 da Lei 8/2009, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións recibidos durante o proceso de información pública.
14. O 28.2.2024 a Xefatura Territorial emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, a que se refire o artigo 33.16 da citada Lei 8/2009, sobre o proxecto LAT 66 kV de evacuación do PE Outes, versión 2, outubro 2023, asinado o 17.10.2023. Así mesmo, respecto da declaración de utilidade pública, informou de que non se atopou ningunha limitación das indicadas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
15. O 9.8.2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade comunica, como resposta á solicitude deste departamento territorial do 5.8.2024, que a contía do aval será fixada polo órgano substantivo.
16. Con data do 6.9.2024, o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña (en diante, o Departamento Territorial) remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.
17. Con data do 9.1.2025 a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático comunica a este departamento territorial que, de acordo co Decreto 192/2024, do 9 de decembro, que modifica o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Departamento Territorial ten entre as súas funcións o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, así como o recoñecemento da utilidade pública para as liñas de enerxía eléctrica de evacuación de tensión inferior a 132 kV, como é a liña obxecto deste expediente.
18. Con data do 30.1.2025 a promotora presentou acordo, subscrito polos titulares de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na posición de liña de chegada á subestación da rede de distribución, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.
19. O 27.2.2025 Norvento, S.L.U. presentou a relación de titulares dos bens e dereitos afectados cos cales non se chegou a acordos, actualizada coa información das alegacións e informes recibidos e cos cambios de titularidade propostos derivados da investigación, así como a relación dos acordos alcanzados con titulares de bens e dereitos afectados.
20. Mediante a Resolución do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, outorgouse a autorización administrativa previa e de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Outes, sito nos concellos de Negreira e Outes (A Coruña), promovido por Norvento, S.L.U. (expediente IN661A 2010/13), publicado no DOG núm. 18, do 26.1.2023.
A Coruña, 19 de marzo de 2025
Mª Pilar Arias Graña
Directora territorial da Coruña
